Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NOWHERE - CLARA PINO E PABLO VIDAL

O Nowhere presentábase coas marabillosas fotografías de Juan Luis Rúa en agosto de 2016. O título, moi difícil de traducir ao galego sen que perda sentido, fai referencia aos non lugares, a esa especie de limbo onde todas nos atopamos algunha vez.
Clara amosa unas composicións maduras, ben meditadas, unha forma de tocar chea de mesura e bo gusto. Pablo, que ademais de compositor e intérprete foi o produtor e arranxista do disco, aporta a vestimenta perfecta a esas melodías, aínda que sen tapar demasiado: a nudez está presente en cada peza.
Respecto ás colaboracións, escasas pero moi ben escollidas, atopamos a Mila García (violoncello), Sabela Dacal (acordeón), Rafa Otero (guitarra) e Roi Adrio (percusións).
Sendo seguidora de Clara dende Sete Saias, pasando por Covalblú e Loaira, chamoume gratamente a atención o enorme talento que ten para as letras, que ás veces transmiten tanto e chegan tan fondo que provocan arrepíos. Este disco, ademais, combina pistas de música con recitados, o que lle infire moita orixinalidade ao formato.
Non me gustaría que este traballo pasara desapercibido, pois sendo unha autoprodución non tivo –de momento- o éxito que creo, sinceramente, que merece.
“Sabes que eu sempre fun máis melódica, porén insistes en que a túa progresión é a axeitada. Que perda. Alén da túa arenga hai marabillosos universos”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 09-05-2017 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
FAKE - TALABARTE

O recentemente nomeado e premiado (Premios Martín Códax da Música, Premios Opinión da Música de Raíz) “Fake” de Talabarte saíu hai tan só uns meses -da man de Fol Música- e, como era de esperar, xa cativou moitos tímpanos.
Quim Farinha (violino), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Kin García (contrabaixo) forman este curioso trío de folk, no que se mesturan sons da nosa terra e de moitas outras latitudes, facéndonos viaxar con cada nota e cunha calidade espectacular. É máis, podería dicir sen medo a equivocarme que é dos mellores grupos que temos no país, e iso que o listón do país xa está moi alto de por si.
Desta volta escolleron o formato de libro-cd: as ilustracións do Pastor e os textos –nos que se relatan cun marcado sentido do humor diferentes fakes da historia- de Carlos Meixide completan o envoltorio perfecto para este disco, casando á perfección co surrealismo conceptual co que sempre xogaron os Talabarte.
As colaboracións son escasas, xa que se contan cos dedos dunha man e sobran dedos, e aínda que non precisan ningunha, como ben demostraron no seu primeiro traballo, hai unha que destaca: a do mellor frautista do mundo, Jorge Pardo. Si, lestes ben: o mellor frautista do mundo, e non é unha mera opinión miña, que trabucar sempre me podo trabucar.
Permitídeme recomendarvos encarecidamente que saiades a mercar xa este traballo, veredes como mo agradecedes. Parabéns a estes musicazos e parabéns a quen teña a ocasión de gozar deste discazo.
“Seica o ceo da Lúa é moito máis estrelado có da Terra, e con moita menos contaminación lumínica: non hai na Lúa aínda caciques abondos para repartir puntos de luz…”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 09-05-2017 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas