Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AO CABO LEIRÍN - FAIA DÍAZ

Ao Cabo Leirín é o primeiro traballo en solitario de Faia Díaz (Coro Encaixe, A Patacón, The Vacas). Gravado polo Hevi, Faia reinterpreta seis pezas tradicionais*. Ademais diso, Faia tamén investiga a súa propia voz, e os espazos sonoros onde se move, xa que é un disco no que só está a súa voz (ningún instrumento, ningún coro, produción impecable pero mínima) con fondos como por exemplo unha taberna ou o son dun avión.
Hai que ser moi valente para facer algo así. Hai que estar moi segura, e non é para menos. Faia ten un control excepcional da súa voz: cada ornamento, cada xiro, cada golpe está dado a conciencia e cun gusto exquisito. E por se iso fose pouco, ten unha gran intuición e un timbre moi fermoso.
O que máis aprecio deste traballo é que non se adaptou a ningún patrón. Non foi a por algo fácilmente comercializable. Ela quixo experimentar, quixo crear unha pequena alfaia. Só ela. Só os espazos sonoros. Só a súa voz.
Cóntovos o que podedes atopar:
Por unha banda, en faia.gal podedes escoitar as seis pezas e tamén descargalas.
No youtube hai varios vídeos (de Sara Traba e Fernando Lema) que acompañan ás pezas.
Ademais disto, existe un vinilo, que non vos podo dicir como é porque non o tiven nas maos, pero si sei o que contén: a cara A ten as seis pezas reinterpretadas por Faia, é dicir, o disco en si de Ao Cabo Leirín, cos títulos que Faia quixo poñerlles: 1) Tragaperras 2) Avión 3) Doncos 4) Berenguela 5) Vladimir 6) Atrosa (Cumbia). Na cara B o que se atopan son esas mesmas pezas pero na versión “orixinal”, é dicir, cantadas polas propias informantes destas pezas: 1) Manolo Mío 2) Ao Cabo Leirín 3) Por que non hei de cantare? 4) Ti en que pensas? (Alma mía) 5) Nana 6) Atrosa.
Nesta cara B aparecen os nomes das informantes, a data de gravación e quen fixo a recollida, entre quen se atopan persoas da talla de Alan Lomax, mais tamén do Hevi, da nai e pai de Faia (Tereixa Novo e Moncho Díaz, de Fuxan os Ventos) ou da propia Faia.
A verdade é que é un gusto ver a Faia nesta tesitura, mirando aos ollos á nosa cultura e agasallándonos con esta marabilla de traballo.
Non sei se será que Faia é do Courel e a miña avoa vive no Cebreiro, pero remato cunha letra dunha peza que me emociona por como a canta Faia, pola beleza da peza e porque tamén a cantaba miña avoa María:
Manolo mío a mi me han dicho que por tres meses te irás de aquí; esos tres meses serán tres años, Manolo Mío, llévame a mí.

*Teño as miñas dúbidas sobre se a peza “Berenguela” é tradicional, pois foi recollida en 1952 por Alan Lomax, pero ten letra do poeta Ramón Cabanillas, que morreu en 1959.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 17-04-2020 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
IMMERSION – GUADI GALEGO

Guadi saca este Immersion en 2019 como unha revisión de pezas que compuxo nos últimos cinco anos, máis unha peza inédita. Grande mérito facer un recopilatorio de temas tan recentes, dos que ademais non sei vós, pero eu coñecía case todos.
A propia Guadi nas entrevistas conta que as e os artistas que colaboraron non se limitaron a facer o seu papel interpretativo, senón que se implicaron. Di que non é un disco de duetos, senón un disco coral. Como exemplo, Andrés Suárez foi quen escolleu a peza Reconociéndome, que Guadi non quería meter, ou que Lisandro Aristimuño, un arxentino que viviu uns meses na Galiza, quixo cantar Balada de Verán en galego.
Sácome o chapeu ante o concepto que Guadi usou para este disco. Conceptualmente, quixo usar as sete linguas peninsulares: galego, catalá, asturianu, occitano-aranés, euskera, castellano e galego-portugués. E é así como con este traballo ela conecta culturas, linguas, xeitos de cantar, de entender a música. Pon en valor a artistas máis e menos coñecidas, mais todas de gran valía.
Recoñezo que levo anos rosmando porque boto de menos á Guadi máis folqui (isto non é unha crítica obxectiva, é un gusto persoal, e tómome a licencia de dicilo, xa que nunca chocheei máis con ninguén. Guadi é a miña Guadi, a voz perfecta, a sensibilidade perfecta). Mais tamén teño que recoñecer que este Immersion me parece unha auténtica alfaia.
Nel, prima a produción. Minimalista, reducindo as composicións –grandísimas composicións de Guadi- á súa esencia. Non é tan pop-rock como os últimos discos, vai polo camiño máis electrónico. Na produción incluso abundan efectos simpatiquísimos como o Tape Stop.
É un disco que me enganchou por moitos motivos. O deseño, que inclúe portada e contraportada de súper Leandro Lamas. As colaboracións, das que destaco a peza en euskera “Tribua” con Mikel Urdangarín (peza que comeza con txalaparta e ten un crecemento brutal até rematar cun roio súper rockero), a peza Balada de Verán, preciosa, co arxentino Lisandro Artistimuño cantando en galego e Germán Díaz musicalizando con ese no se qué que qué se yo, con caixa de música, zanfonas e serrucho e a peza Sen Remordementos, onde colabora Xabier Díaz. Sempre me fascinou o pouco que teñen que ver cantando Guadi e Xabier, porque a pesar de beber das mesmas fontes ambas teñen unha personalidade moi marcada… E o ben que finalmente combinan as súas voces. Tamén destaco vocalmente a colaboración de Andrés Suárez en Reconociéndome, alucíname a pegada que ten sobre todo nos finais das frases.
Tamén destaco a fermosa Cantar para Ver, en asturiano. Lembro que cando Guadi me deu o disco O mundo está parado xa sabía que esa peza me ía conquistar. E non se equivocou.
Immersion é unha maravilla de traballo en todos os sentidos. Mercádeo!
Yá nun t’alcuerdes del ánxel en cada esquina de la mio cama. Puedo sentirnos cantar imaxinándonos na pantalla.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 17-04-2020 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas