Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TRACA-TRACO - PACO RIVAS

Víctor Castro e Seso Durán producen este traballo (Ed. Cumio) arredor de letras de Paco Rivas, centrándose case exclusivamente na instrumentación propia dunha aula de música, xa que está orientado á utilización destas pezas co alumnado. Ademais, trae ben ordenadas as letras coa súas correspondentes partituras das melodías e os seus acordes.
Certamente, musicalmente o cedé non é ningunha marabilla, ao ter de fío condutor de nada menos que de 26 temas a frauta de pico e a instrumentación orff (láminas e percusión típica escolar), mais esa monotonía sonora rómpena un chiquiño colaboracións vocais moi variadas como a doce voz infantil de Ánxela Castro, Lydia Botana, Maruxa, Tereixa e Carme de Fuxan os Ventos, Víctor Castro, Montse Ogando, Miro Casabella ou Najla Shami.
Entre as 26 pezas (24 cantigas, un aloumiño e un arrolo), houbo algunha que me agradou moito como “Aloumiño para chamar a Pedro Chosco”, cun recitado moi expresivo do propio Paco Rivas e arranxos e interpretación pianística de Lino Rico moi logrados ou “Que guapo te vexo” e “Canta o regato”, as dúas pezas que cantou e arranxou Najla Shami coa súa kalimba e que son auténticas alfaias sonoras. Tamén me sorprendeu “Se te ergues agora” co fermoso arranxo a voces de Miro Casabella, que lle dá personalidade á peza, e “O sol dorme non sei onde” polo ben que a defende a voz de Monste Ogando.

É un traballo con moito interese, pero na miña opinión só a nivel didáctico-musical, polo que é recomendable para o mestrado de primaria e profesorado de secundaria, que seguro que lle sacará moito partido.
“Rorró rorró nun arrolo, o sol fechou as meniñas... O día íspese de noite, a noite íspese de día”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-04-2016 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
ALORIAS - OS FOLKGAZAIS

Baseados nas orquestinas dos anos ’40, ’50 e ’60 nacen Os Folkgazais, que son, tal como se definen eles mesmos, unha formación de “rural swing & pachanga folk”. A estupenda e axeitada voz de Ruth Martín está arroupada por saxo alto, saxo tenor e trompeta (José Luis Álvarez, David Moirón e Aitor Herrero), guitarra e baixo (Michael Lee Wolfe e Marcos Méndez), acordeón (Abel Pérez) e Batería (Jorge Deaño).
Este EP contén cinco pezas nas que se serven das colaboracións de Laurie León, Ugia Pedreira, Alba Costa e Gabi Reboredo.
Os arranxos de ventos son o elemento que lle dá a chispa a este traballo, no que se combinan a nosa tradición con estilos como o foxtrot ou o blues.
Parabéns a Os Folkgazais por este proxecto cheo de forza e de bo roio.
“Non, ningún deles sería capaz de levar, coma meu abolo, os mismos calzois de lunes a domingo; que volva o franquismo, que volva o franquismo, prohibido pensar por sí mismo”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 21-04-2016 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
ARRIEIROS SOMOS - CUARTETO CARAMUXO

Volve o Cuarteto Caramuxo, volven os clarinetes con formación, ademais de clásica, folkie-klezmer. E volven con “Arrieiros somos”, un traballo tan impecable coma o anterior “Tiruriru”, que tan prendados nos deixaron aos seus seguidores e seguidoras. Apóianse para elo nos apuntamentos para a tese de doutoramento de Xabier Grova de pezas que non foran incluídas na coñecida publicación de Filgueira Valverde do cancioneiro de Casto Sampedro. Un traballo coma “Tiruriru” deixaría o listón moi alto pola súa alta dose de frescura para enfrontarnos a “Arrieiros somos” (Nakra, 2015); mais se ben é certo que non ten a mesma capacidade de sorprender, o que si ten é unha madurez, traballo e esmero que me fixo engancharme tanto como ao primeiro cedé.
O que non volveu foi o cálido e persoal acordeón de Alonso Caxade, mais este cambio lidérao Marcos Padrón, tan válido coma o anterior e que dá vida ao seu instrumento empastando estupendamente co cuarteto e coa percusionista Patricia Cela, da que me declaro altamente seareira.
Namorei da amalgamada “Muiñeira nova con retranca”, da doce “Mazurca de Laroá” e, en definitiva, de todas as pezas agás, curiosamente, de “Arrieiros somos”: na miña opinión cunha liña estética experimental que desentoa demasiado co resto das pezas e que, ademais, me parece moi dura de escoitar; de feito cando aparece no meu reprodutor pásoa automaticamente.
Sexa como sexa, se vos gustou “Tiruriru”, gustaravos este segundo cedé, con melodías e arranxos interesantísimos. A min tenme engaiolada e recoméndovolo encarecidamente.
“Arrieiros somos e levamos cargamento de vellas melodías esquecidas que permaneceron máis dun século durmidas na partitura e que reviven actualizadas para ser gozadas, bailadas, sentidas novamente”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 20-04-2016 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas