Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MÉTODO CARDIOFÓNICO – GERMÁN DÍAZ

Hoxe volvín poñer no meu aparello de música o magnífico Método Cardiofónico de Germán Díaz, un traballo ben bonito de principio a fin.
Germán é máis que coñecido dende hai anos no noso país por ser non só un zanfonista excelente, senón pola súa singularidade na busca de novas posibilidades técnicas e por tocar instrumentos do máis extravagante: o serrucho (que non temos o pracer de escoitar neste disco) a caixa de música, o órgano de babaria ou a rolmónica cromática. Ademais, Germán rodéase de tres dos mellores músicos que podemos atopar no panorama actual: O doce, talentoso e expresivo Benxamín Otero no óboe e no corno inglés, o enérxico e virtuoso David Herrington na trompeta e tuba e o orixinal -tanto que é posible recoñecer o seu xeito ao escoitalo tocar máis de tres notas seguidas- Pablo Pascual nos clarinetes baixo e contrabaixo. Só catro músicos que poderían encher coma se fosen trinta. Algo así como os contemporáneos “Trinta de Trives”.
A base e máis o fío conductor conceptual desta obra son as gravacións dos latidos do corazón que fixo nos anos '40 o Doutor Miguel Iriarte, latidos que actúan como base rítmica sobre a que se constrúen as diferentes músicas. Algo que é verdadeiramente curioso na sonoridade que produce sendo estes sons a única percusión.
Depois de ver en youtube o vídeo de “La topolino amaranto” e case chorar polo simple feito de estar tan ben feito, recoñezo que me quedei fría ao ver que non todo o disco era así, que había músicas de disfrute máis intelectual, ou para outros gustos. Pero nunha segunda escoita apreciei que todas e cada unha das pezas son alfaias: temas máis minimalistas e outros máis cheos; uns virtuosísticos e outros máis calmos, pezas propias, versións ou incluso unha tradicional sefardí. Todo aderezado con polirritmias, compases de amalgama, un empaste fantástico entre os intérpretes e uns arranxos moi coidados.
E agora déixovos, que vou escoitar a versión de “La eternidad y un día” en bucle unha e outra vez!

“Estas impresiones cardiofónicas han sido sometidas al autorizado criterio de los eminentes profesores Dres. Marañón y Cañizo y sus discípulos, a quienes tuve el placer de dar una audición en el Hospital General de Madrid, y al de los distinguidos compañeros Dres. Rodríguez Mata, Atucha Guimón, Ugarte, Arróspide Argumedo, Viar y sus discípulos, etc. de Bilbao, y al de los Dres. Alzúa (padre e hijo), Maeso, Alústiza, etc. de San Sebastián, Dr. Azcue, etc.; a todos agradezco desde estas líneas la valiosa atención que han prestado a mi modesta labor. DR. MIGUEL IRIARTE”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 26-04-2015 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas