Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS D'ABAIXO

Neste mesmo mes presentábase o primeiro traballo de “Os D'abaixo”, grupo nado no seo da Gentalha do Pichel para animar a bailar aos asistentes. Ao ir saíndo para facer concertos fora dese local, chegaron a Lorient, e aproveitaron eses concertos para sacar este disco, que foi gravado alí ao vivo.
Ningún membro sobra, todos aportan o mellor de sí cunha profesionalidade impecable e moitos anos de músicas ao seu lombo: Xabier Agra, Quim Farinha e Roberto Rama -frauta, violino, saxo e gaitas- son ben coñecedores da música galega e sacan un son aos seus instrumentos sempre moi especial e auténtico. Pola parte harmónica, Gom Goás e Xosé Ramón Vázquez -guitarra e acordeón- fan unhas harmonías excelentes, a medio camiño entre a fuxida da simpleza e non querer buscar demasiadas complicacións que endurezan a escoita: quizais sexa do máis representativo deles o emprego das harmonías pedais, moi resultonas e que crean certas disonancias que non molestan, enriquecen. Richi Martín toca el soíño o tambón, como el o chama, mestura entre bombo e tamboril; sempre ben coordinado, coñecedor das partes máis enérxicas e das máis mainiñas. Pero Xacobe Varela, para min, é a revelación do ano: coñecido por tocar moi ben a gaita, e nos últimos anos o bouzoki igual de ben, lanzouse a explotar a súa voz, verdadeiramente especial, agradable, natural e cunha afinación que custa crer que falemos do primeiro disco no que canta en solitario, e non dun veterano vocal. Ademais de todo isto, un recurso moi efectivo é que outros membros do grupo tamén cantan os coros, facendo voces moi acertadas.
Como parte mellorable, quizais me falte unha migalla de forza na percusión, non polo xeito de tocar estupendo de Richi, senón porque intuitivamente me falta outro instrumento máis potente para acompañar pezas que teñen tanta marcha e que se quedan cun chisco de falta de fol.
O deseño déixame cunha opinión dividida en dous: por un lado, os debuxos de G. Vilas son moi orixinais, as fotos boas, a idea perfecta... pero non me acaba de convencer, a cantidade e tamaño da letra é excesiva, resultando o conxunto falto de limpeza.
Como eles mesmos se definen, son un “grupo senlleiro”, é dicir, na escolla do repertorio ou incluso conceptualmente, non teñen grandes aspiracións máis que facer que a xente o pase ben coas súas músicas... pero o resultado chegou moi arriba, e a clave é que todos eles posúen un gusto incrible e non poden evitar tocar así de ben. Ningunha peza do repertorio sobra e todo o disco se escoita dun xeito san e agradable.
Se tivese que escoller o greatest hit, sería o Non cho creo PP, con letra e música pegadizas, ademais da valentía coa que, nos tempos que corren, a fixeron.
En definitiva, un disco máis que recomendable.
“Aquí remata a historia, moi boas noites señores. Eles mexan por nosoutros, os xornais dinnos que chove”.


Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 26-04-2014 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas