Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A ROSA D'ADINA - ACADACANTO

Non só basta con que cada un dos catro músicos de Acadacanto teñan unha sólida traxectoria, nin sequera tampouco con que o seu primeiro disco nos deixase abraiados. Hai que dar coa receita adecuada, afianzar un estilo que amose nun segundo traballo cal é a liña a seguir. E Acadacanto consígueno, abofé. Mentres no primeiro CD as versións e cancións tradicionais eran as que máis destacaban, neste siguen o outro camiño, o da canción de autor, máis pop nas melodías, pero máis cantábiles.
Nuns escasos 23 minutos de música, 6 pezas musicalizan os poemas máis intimistas da nosa Rosalía, como tamén saíron outros traballos que lle poñen notas á poetisa no último ano -A Miña Primeira Rosalía, Najla, Uxía, Narf ou, anteriormente, Rosalía21 no que a cantante era a propia Guadi-, todos eles co seu particular encanto. Coa fórmula “menos é máis” de Acadacanto, pode parecer que o resultado é un disco monótono, ao ser tan só dous instrumentos e dúas voces; pero nada máis lonxe da realidade: combinan sabiamente ritmos, tímbricas, dinámicas e protagonismos. Dende logo, quérese escoitar máis veces das que os dedos dunha man dan para contalas.
Todos os temas son estupendos, mais co que máis gocei foi con “Este meu camiño”, xa que non me imaxinaría o acompañamento circense e limpo empregado nun traballo tan íntimo.
Podedes adquirir este A Rosa D'Adina por un precio máis baixo, ao ter somentes 6 pezas. Ademais, o formato é moi sinxelo, ainda que Nébeda Piñeiro coidou un deseño sobrio pero con gusto.
“¡Si souperas que extrañeza, si souperas que sofrir, desque del vivo apartada o meu corazón sentiu! Tal me acoden as soidades, tal me queren afrixir, que inda máis feras me afogan si as quero botar de min”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 16-03-2014 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
CoraSons

Hai anos vin aquel primeiro interdisciplinar Corasons na Casa das Crechas un 14 de febreiro. Agasallárannos cunha piruleta na entrada, e dábannos unha imaxe incompleta para buscar a que faltaba de mans doutro asistente. Fora un concerto bonito, pero abofé que denso, nas súas case tres horas de música. E parés que lles quedaron boas ganas de continuar, pois en 2013, uns anos despois, Kalandraka -nunha edición verdadeiramente coidada- edita o disco que recopila estas experiencias, nun formato llibro-disco que inclúe CD, DVD e traballo fotográfico.
As músicas son, na dirección artística de Uxía, o equivalente ao que Isabel Leal fixo coa súa cámara -fotografías moi fermosas, por certo, que podedes atopar en Edicões Afrontamento nun libro digno de gozar- buscando corazóns, letras buscan sempre esa palabra conductora.
É un disco único, divertido e sensible ao mesmo tempo, onde os grandes cantantes que hai – Uxía, Najla, Xoán Curiel, Zambujo...- non tapan a outros que polo seu sentido conceptual teñen a súa cabida, como a propia Isabel Leal ou Belén Cid, que é cardióloga e ademais canta.
Gustáronme especialmente as composicións de Magín Blanco, que triunfa en todas e cada unha das cousas que toca con esa gracia e enerxía transmisora que o caracteriza; parecéronme moi orixinais o “Vermello corazón”, con temática tan asiática, de Curiel, e precioso e enérxico o “Pulsando no mundo” de Najla Shami, con partes en árabe e a súa debida interpretación vocal. As tradicionais como “Altinho” son moi lucidas, coas combinacións de voces das mulleres Senlle que nunca falla. E co “Tum tum tum”, versión co coñecido tema de Jackson do Pandeiro, interpretado polos expresivos Tatán Cunha e Inés Salselas, ponse o colofón bailarín para pechar exitosamente o traballo.
Destaco negativamente o “Desafinado” de Jobim, nesta versión de Couple Cofee moi empeorada e restándolle o gusto que ten a orixinal.
Mais é un traballo altamente recomendable, variado, orixinal, e, en definitiva, con moito corasón.
“No tempo que eu era só e não tinha amor nenhum, meu coração batia mansinho: tum tum tum. Despois veio voçê, o meu amor número um e o meu coração pôs-se a bater: tum tum tum, tum tum tum”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 07-03-2014 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
TOC TOC - PABLO DÍAZ

Editado por Galaxia e gravado por Pachi Baldomir, Pablo Díaz despois do Tic-Tac, saca Toc Toc.
Musicalmente non teño moito que dicir, vexo voces dubidosamente afinadas e instrumentación moi estandar, ao igual que os patróns empregados. Quizais se vexa algo de sabor popular e gracia que saia do típico en “Mazarico”, mais tampouco demasiado. Gustoume moito “O rato e o gato”; tanto a letra e a música como o conto que o acompaña son moi frescos, para min ese é o tema, con diferencia, máis destacable.
Non adoito comentar isto, pero chámame a atención a cantidade de desplazamentos de acentos que hai cando se trasladan as letras á música, cousa sorprendente ao ser un traballo dirixido a cativos.
Falando do efecto global, o son é duro, e penso que debería ser máis doce ao tratarse de cancións infantís.
Despois de escoitar a versión de “O piollo e a pulga” de Migallas, a de Pablo Díaz quédaseme curta, e todo o traballo en xeral déixame bastante indiferente, agás as ilustraciónsde Nuria Díaz, que me parecen dun bo gusto desbordante, moi por encima do resto do traballo.
“E montei no meu cabalo, e trotamos polo prado. Topei unha cabra morta e toqueina co meu pé. E toqueina co meu pé, e a cabra fixo meeee”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 03-03-2014 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
PAN DE MILLO - MIGALLAS

Sae o pasado ano Pan de Millo de Migallas, María Campos e Carlos Yus; coa axuda musical de Magoia Bodega e Paulo Nogueira. Editado por Kalandraka, gravado por Casa de Tolos e ilustrado por Dani Padrón, este divertido traballo infantil con pezas verdadeiramente pegadizas ten como leimotivs a posta en valor dos nosos maiores e a recuperación de cantigas ou sons tradicionais galegos para os nosos peques.
María e Carlos, aínda que non saben cantar, resolven ben, afinan dentro dos límites do correcto e, sobre todo, teñen moita gracia e transmiten aos máis pequechos.
Gustáronme os arranxos en xeral, buscando sempre que soen percusións galegas, frautas, acordeón ou a nosa gaita. Así dá gusto e, de feito, quizais deste xeito os cativos cando crezan non desenrolarán ese odio polo propio que en moitos adultos da nosa sociedade se ve.
Acompañados de músicos como Bego Riobó ou Pancho Álvarez, a calidade das envolturas do caramelo musical, está asegurada: as partes intermedias musicais entre as vocais sempre procuran ter arrecendo folkie.
Estiven cantando estes días o Pan de Millo (“se pan de millo vas merendar, mira o traballo que hai detrás...”), moi pegadiza. En xeral, todos os temas están moi ben: O Piollo e a Pulga ten as partes moi ben integradas, como cando entra a gaita e o ben que se resolve a volta ao tema; a melodía e estructura é interesante e pouco previsible en Pinocho, tamén a harmonía e os xiros son moi chulos en “O Espantapallo divertido”, e o tema instrumental “Rodari” é moi fermoso.
Meus sinceros parabéns a Migallas.
“E saiu o rato do seu buraquiño, -se prenden ao gato, eu son o padriño; no medio da voda, con tanto ruido, espertou o gato e comeu o padriño”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 02-03-2014 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas