Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DESERTO DE CENTOS - Sonia Lebedynski

Tras anos de espera desde que Sonia deixara a súa pegada como cantante no senlleiro grupo Fía na Roca, por fin podemos escoitar o seu primeiro traballo discográfico, acompañada do produtor e grande músico Sérgio Tannus.
Deserto de Centos preséntasenos como un disco ecléctico, que baila ao son de pezas folk como Alumea, pop como Deserto de Centos ou incluso funky, como a divertida Paseo polo Areal.
En case todas as pezas a autoría é de Sonia Lebedynski e Sérgio Tannus/Xosé Lois Romero, mais tamén atopamos Miña Doce Amiga, con letra de Manuel María e onde tamén firma Uxía, Quixen, con letra do xornalista Óscar Losada ou a fermosa Viaxe Astral, con letra e música de Guadi Galego.
Destaco a produción do disco e os arranxos, onde na miña opinión os ventos son os protagonistas e, por suposto, a voz marabillosa de Sonia.
En definitiva, Deserto de Centos é un traballo que non pode faltar na vosa fonoteca caseira!
“Haberá un lugar, paraíso de sal, onde a lúa se acada coa man. Un lugar para fuxir, no máis fondo de ti, onde escoites a choiva sorrir”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 18-02-2017 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
O MUNDO ESTÁ PARADO - Guadi Galego

Se xa o segundo disco “Lúas de outubro e agosto” da que é, na miña opinión, a artista máis grande que pariu o noso país, facía un xiro rompedor co seu estilo habitual; neste terceiro traballo, “O mundo está parado”, a ex cantante de Berrogüetto afonda máis nas sonoridades do pop, sobre todo no seu hit Cedeira.
Como ela sempre indica nas entrevistas, este é un disco con co-autoría, que ademais de conter seis pezas feitas por Guadi, tamén conta con varias compostas polo seu compañeiro Carlos Abal e unha por Pachi García, o produtor do disco.
Aínda que persoalmente boto en falta á Guadi máis folk, tamén é certo que na súa voz sigo cheirando o arrecendo do país, sobre todo na peza Canción para Ver, na que colabora a irmá de Guadi, Uxía Cribeiro, cun xeito de cantar auténtico e da que tamén me declaro absoluta seareira. Ademais, o disco, cunha produción moi coidada, traballa un pop sofisticado e elegante.
Destaco tamén as fotografías de Carlos Abal que completan esta colección de vinilo-cd do que se fixo unha primeira tirada de 1000 copias, vendidas nun santiamén, e as letras, que nos permiten descubrir novos matices a cada escoita.
Parabéns, Guadi, por ser tan diferente.
“A tribu que nos rodea paga tributos que a condenan, a historia pensa que abriga, mais xustifica cada ferida”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 18-02-2017 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas