Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A MIÑA PRIMEIRA ROSALÍA

Despois da publicación de “O meu primeiro Celso Emilio” no 2012, en outubro do pasado ano edítase A Miña Primiera Rosalía, coordinado por Xiana e Xosé Lastra, cos arranxistas Nani García e Xurxo Varela, con pezas de composición orixinal, como son as de Mini, Mero ou María Manuela, ou escollidas das musicalizacións que xa había como as de Antón Seoane, Rodrigo Romaní, Amancio Prada, Luís Emilio Batallán ou Xoán Montes. Ademais, María Manuela ilustra este traballo rosaliano como xa ilustrou o anterior sobre Celso Emilio.
Na execución vocal, para gustos cores. O estilo dos anos 80 vese moi presente nas tres xoias Mini, Mero e María Manuela. Xiana ten outro xeito, moito máis moderno, que co meu gusto actual comulga máis. Tamén o estilo oitenteiro se nota nos arranxos jazzísticos doutra xoia galega: Nani García. Os de Xurxo son máis clásicos, máis comedidos e feitos con moita elegancia. Mais sexa como sexa, o feito de combinar estilos (tanto vocais como de envolturas) resta monotonía ao traballo.
Respecto á edición, de Xerais, non me parece demasiado coidada. A información paréceme demasiada e moi caótica, porque a orde das pistas do disco non é a mesma que a da escolma de poemas.
O tema que, para min, destaca por excelencia sobre todos os demais é “A xusticia pola man”, de Pablo Sabio, cun diálogo entre o recitado de Mini e o canto de Xiana que levan esta composición, de dura letra, a niveis expresivos brutais. Tamén os arranxos, de Pablo, e a execución instrumental do elenco de músicos deste proxecto axudan a porme a pel de galiña.
Lía hai pouco unha crítica de Xosé Manuel Eyré a este traballo onde aseguraba que o musical non se equiparaba ao que merecían as letras de Rosalía. Penso que cadaquen ten cabida para expresar o que lle inspiran estas poesías, e máis no último ano, que se fixeron tantas e tan variadas musicalicacións rosalianas, dende as máis roqueras até as máis intimistas. De feito, sobre todo A xustiza pola man está máis que á altura. Penso que é un traballo digno feito por músicos merecedores de ser, canto menos, valorados.
“Tecín soa a miña tea, sembrei soia o meu nabal, soia vou por leña ó monte, soia vexo arder no lar. Nin na fonte nin no prado, así morra coa carrax, el non ha de virme a erguer, el xa non me pousará”.


Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 21-02-2014 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas