Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DISSIMULEM! - ORQUESTRA OS MODERNOS

Está claro que unha formación coma Os Modernos se move con comodidade no espectáculo ao vivo, pero como xa eran horas de sacar o seu primeiro disco, aquí veu “Dissimulem!”, un traballo con dez pezas cheas de enerxía, de baile (se non me credes, probade a escoitalo e estarvos quietas!) e de bo roio, tocando pezas que se moven entre os pasodobres, o foxtrot e incluso a muiñeira. E é que non por ser moi modernos han esquecer a nosa tradición, que incluso entre os simpáticos arranxos podemos divisar algún anaco de melodías da terra.
A Orquestra Os Modernos son Joám Casas (clarinete e gaita de fol), Paco Nogueiras (acordeón), Martín Nogueira (trompeta), Xosé Tunhas (batería), Alberte Rodríguez (contrabaixo), Alonso Caxade (trombón) e a grande actriz e non tan grande cantante Iria Piñeiro, que resolve dignamente o seu papel como vocalista á vez que amosa as súas grandes dotes para a interpretación e que aínda sen controlar de todo a súa voz, para non caer en anacronismos pensaremos que polos anos '50 non era tan doado como agora tomar aulas de canto.
Destaco a peza “a lua tem duas caras” (que coñecemos polo “Leverelem” de Marful), Uruguai (cantada por Iria convertida nunha auténtica vedette) e o Manisero.
Collede unha borrachera de ventos e modernidade con Dissimulem!, pero esta vai ser das que non deixan resaca!
“A lua tem duas caras, o mesmo que tem você, a cara de luzes claras e outra que ninguém vê; eu já vim a cara feia, e vim que me enganei, que pena que non se veja a cara que nom se vê”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 26-12-2015 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas