Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PEDACIÑOS DE CEO - AFI

A AFI foi unha escola de creación de aCentral Folque posta en marcha por Pilar Araujo, na que se trataban o timbre ou a improvisación e onde ademais se escribían guións e se facían musicais. De todas estas manipulacións sonoras nace en decembro de 2013 “Pedaciños de Ceo”, un traballo cuxo soporte material escollido é o vinilo. Segundo Ramón Pinheiro Almuinha Chito, isto débese a que ao ser unha escola de escoita, o vinilo obriga a outra relación coa mesma.
As pezas foron escollidas polos propios cativos e cativas -que comprendían idades de entre 6 e 13 anos-, e incluso por exemplo o divertido Romance de Mario foi composto e cantado polo propio Mario sobre a motoserra que lle estropeou á súa avoa.
Os directores e arranxistas son José Manuel Díaz e Nacho Muñoz, cada un responsable dun bloque diferente, e aínda así dentro de cada un cun tratamento moi diferente entre unhas pezas e outras que van dende o minimalismo do acompañamento dun só instrumento percusivo até o
funky ou pezas moi experimentais, o que lle confire moita variedade. Tamén os músicos que interviron -como Mónica de Nut ou Xurxo Troncoso- deixan o seu grao de area ben patente, pero sobre todo son os nenos e nenas quenes desenvolveron este traballo coa guía dos profesionais.
A pesares de que poida ter as miñas dúbidas sobre a viabilidade da edición en vinilo e da saída que se lle poida dar, está claro que o formato é do máis atractivo, e máis se o encargado de imaxe e deseño é O Pastor, quen se serviu de xoguetes que en realidade son os cartaces de anos anteriores.
Este non é un disco para atopar execucións perfectas, nin afinacións precisas. É un disco para apreciar todo o que a AFI foi e a súa grande labor pedagóxica e de achegamento á música dos cativos e cativas empregando como excusa a diversión e a socialización, o que inclúe a integración.
“A muller cando é ceibe, abre as asas para voar; sé libre, muller, sé libre, sé libre para voar”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 19-12-2014 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas