Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TANXUGUEIRAS

As tres cantareiras, Olaia, Aida e Sabela, sacan á luz o seu primeiro disco, e non era sen tempo. A pesar de que só levan dous anos nos escenarios e poderían ter tardado máis en publicar CD, as Tanxugueiras teñen un feixe de seareiras e seareiros que reclamaban o seu agasallo sonoro con moitas ansias.
Este disco está gravado e producido por Pedro Pascual, quen tamén fixo os arranxos, e nos que hai momentos nos que me lembro de “Lobos” de Davide Salvado. A pegada e o saber facer de Pedro diferénciase con claridade: é o selo de calidade deste traballo.
Penso que o segredo das Tanxugueiras é a súa frescura. É certo que non presentan pezas novas, nin se romperon os cornos rebuscando en recollidas, mais elas cantan o que lles presta e do xeito que lles presta. Dende xiros vocais máis poperos até o bonus track no que se poñen o traxe de soul, mais sempre mirando cara a tradición. Elas representan esas novas xeracións que loitan por manter viva a nosa cultura.
Aínda que os arranxos son interesantes e os colaboradores deluxe (José Manuel Díaz cos baixos, Pablo Martín Jones coa percusión, Jaime Muñoz coas frautas, Cibrán Seixo co violín, Benxamín Otero co oboe, Fran Troncoso coas láminas, Pablo Pascual cos clarinetes, Germán díaz coa zanfoña, Pablo Dalama co saxo, Bleuenn le Friec coa arpa e Pedro Pascual coas cordas), é un disco que ten como absolutas protagonistas as voces. E non é para menos: é o disco destas tres cantareiras, e non é doado atopar a forza e o empaste que teñen as Tanxugueiras cando xuntan as súas gorxas. Ademais diso, Cupido cravoume moitas frechas cando escoitei as partes solísticas de Aldeíña de Moscoso (Aída) ou a de Tanxugueiras (Olaia).
“Sempre andas voume, voume, xa te podías ter ido. Se te foras hai un ano xa me tiñas esquecido”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 03-11-2018 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas