Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

2naFronteira

Escoitei o disco de 2naFronteira. Á voz Carmen Penim, ao piano e e hamonio Maurizio Polsinelli.
Coa linguaxe canónica académica clásica na técnica da voz e nos patróns pianísticos, conseguiron sorprenderme xa no primeiro tema. Viaxando por un camiño elegante e cheo de bo gusto, percorren con música as letras de poetas: Rosalía, Curros, Lorca, Celso Emilio, Manuel Rivas, Fernando Pessoa e incluso o vigués Alfonso Láuzara ou a propia Carmen Penim.
Na miña opinión, as letras non podían estar mellor escollidas. Variadas, con calidade e ben bonitas.
As composicións –de Carmen- son interesantes, cun xeito de entender a música moi intimista. Poderían ter collido melodías que xa foron feitas para a meirande parte deses poemas (Berrogüetto, Andrés Gaos, etc.), pero atrévense a artellar a súa propia forma de entender a música para esas pequenas xoias literarias.
A voz de Carmen ten unha entereza moi persoal, é comedida e recorre dende as tesituras máis graves ás máis agudas, o que axuda a amenizar a escoita. Unha voz moi ben envolta por Maurizio Polsinielli, que interpreta uns arranxos pianísticos e un banco harmónico que fai flotar todos estes elementos; un piano cheo, brillante e seguro de si mesmo. Non esquezo tampouco que o son preciosista do conxunto foi gravado por Casa de Tolos, onde considero que nesta parte técnica tamén se fixo un bo traballo.
Como única parte non negativa, pero si mellorable, menciono a reinterpretación de María Soliña, cun comezo demasiado parecido á versión coñecida por todos e que, para o meu gusto, non mellora nesta nova música. O efecto contrario prodúcese en Rosa de Abril, que colle outra gracia cun piano parecido ao empregado no latin jazz cubano, ou Chove en Santiago, onde o mérito ademais da fermosa melodía está nos matices que emprega Carmen na parte vocal.
Meus parabéns a estas dúas xoias da música que até hoxe non coñecía. E a vós dígovos que saiades á tenda que teñades máis preto e merquedes este disco, ideal para escoitar estas noites frías e darlle calidez ao fogar. Un traballo uniforme e redondo que non cansa de ser escoitado.
“¿De que, pois, te queixas, Mauro? ¿De que, pois, te queixas, di, cando sabes que morrera por te contemplar felís? […] O meu corazón che mando, cunha chave para abrir, nin eu teño máis que darche, nin ti máis que me pedir”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 21-11-2013 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas