Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MAGHÚA - Corricán

Resulta moi curioso. Eu, que habitualmente non gosto moito da rama do folk máis purista, escoito o Corricán dos Maghúa e aos dous minutos me vexo cantando con eles, incluso facéndolles voces por enriba (iso si: coa miña voz de coma quen non sabe e canta na ducha), e o mesmo me pasa nos concertos (!) peor que unha rapaza de 15 anos coreando ao Justin Bieber nun evento multitudinario. E eu non son a única que o pasa tan ben con eles, non: nos directos non tardan nadiña en facer bailar á xente. Si, tanta é a forza que transmiten.
Podería pararme a facer, como adoito, unha análise técnica. Podería dicir que os anos de experiencia polos escenarios adiante se lles notan, que empastan estupendamente e que se cada un deles por separado sabe ben o que fai, se os xuntamos a todos o resultado é brutal, ou que as fotos de Juan Luis Rúa axudan a redondear o traballo . Tamén podería dicir que a voz de Rafa é hipnotizadora e fai uns ornamentos preciosos e cun gusto exquisito cando canta o “Arrolo”. E se me apetecese escribir máis, tamén podería dicir que estou segura de que se siguen con este ritmo de traballo e calidade ascendente, no próximo disco darán un paso máis no plano conceptual e quizáis nos sorprendan con xogos de voces e, por ende, harmonías, inda que non o precisen, que ben basta co que (ben) fan.
Pero non o vou facer. Caseque prefiro que o comprobedes por vós mesmos.
“Debajo de la olivera donde nase el aghua fría, le entreghé mi corasón a quien no lo meresía […] Quieres que te quiera para siempre, y siempre no puede sere; el querer también se acaba, bien lo puedes comprendere […] En el medio de la mare, un barco se balancea, un touro bravo se amansa, un amor firme, falseia”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 25-11-2012 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
MEL DE MEIGA - Crecente

Que bo é descubrir cada día que temos no noso país galego músicos moi bos e con moito potencial. Mel de Meiga, liderado por Eva Carreras (ex concursante de Operación Triunfo e que anteriormente xa tivera contacto co folk) sacou o seu disco debut, “Crecente”. A maioría dos temas ofrecidos son de autor, do violinista Carlos Campos “Kakus”, e con letras da cantante, entre as que destaco “Ríos de Esperanza” e a simpática -tamén a nivel musical- “O pequeño Xián”.
Sobre o conxunto xeral do traballo, non me acaban de convencer as baterías, demasiado machaconas ao meu parecer, lembrándome á liña tomada por Brath ou Muthenroi no seu día, mais este tipo de música quizais precisamente por iso conseguirá un achegamento do público que veña da música comercial, pois tamén se podería facer algunha comparación (seguramente máis remota) con grupos como El Sueño de Morfeo. E para os que digan que o físico si que importa, o deseño gráfico (www.acvgalaica.com) ocupouse de poñelo moi atractivo para os ollos sensibles á estética artística.
Inda que considero que Eva, debido á súa grande técnica e experiencia, é correcta en tódolos temas, onde máis me gustou foi en “Hacia la Luz”, máis pop, e onde noto que a súa voz de move como peixe na auga; ademais o envoltorio de cordas (Aurum Ensemble) crea unha atmósfera sonora moi agradable.
Chamoume a atención gratamente, máis nun grupo que lidera unha cantante, que deixasen espazo para meter un tema instrumental e ademais tradicional: “De Cabana a Vilanova”, onde, por certo, colabora o gaiteito Anxo Lorenzo.
En definitiva, todo é cuestión de gustos cando se trata de traballos que, coma este, parten dunha correcta execución e, sobre todo, estou segura que con grandes doses de traballo e ilusión.
“Xa é hora de despertar, o silencio da noite acaba e co sol da mañanciña chega a luz á miña alma. Xa non choran, agora cantan as cordas da miña guitarra, e as lágrimas caídas forman ríos de esperanza”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 24-11-2012 22:42
# Ligazón permanente a este artigo
PEL DE NOZ - Jazz&trad.

Peldenoz -dúo formado por Alonso Caxade e Alberte Rodríguez- debutou discográficamente cun traballo que, como o mesmo nome indica, colle como referencia (ás veces moi remota) temas da música tradicional galega -e de feito no disco deixan ben patente a labor tan importante de recollida que fixo Dorothé Schubarth- para reconvertilos nunha sorte de jazz fusión. Se tivese que encadralo nalgunha liña das tomadas no abanico folk galego, lémbrame ao derroteiro que hai anos tomaron formacións como Nova Galega de Danza, experimental e, sobre todo, moi diferente ao anteriormente escoitado.
O acordeón tan persoal e característico de Alonso xa o coñeciamos polo grande traballo feito con Cuarteto Caramuxo, e é que uns arranxos feitos por un músico tan individual non os esquecen os tímpanos doadamente. Alberte, pola súa banda, amosa un contrabaixo cheo de matices e posibilidades; e aos dous compoñentes súmaselles Xandre Outeiro, que colaborou coa súa voz auténticamente galega ao redondeamento do proxecto, tanto que persoalmente me gustaría que seguisen tendo en conta a voz (é máis, esta voz), pois contribúe a amenizar a escoita dunha música que para os que non estamos ben adrentados na linguaxe moderna ás veces se nos fai un chisco dura.
Dende logo é un traballo nada desestimable, mais quero advertir aos que gosten dun folk ao uso que se se animan a achegarse a el, o fagan coas miras ben lonxe e as cabezas e ouvidos ben abertos para poder desfrutalo como merece.
“Costureirinha bonita, dá-me unha agulha de prata, para tirar unha espiña, do coraçom que me mata; amor xastre nom o quero, que nom me ten comenência, dorme muitas noites fora, eu tenho pouca paciência”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-11-2012 01:29
# Ligazón permanente a este artigo
HUMBERTO RIVAS NA GALERÍA TRINTA

Na Galería Trinta (Virxe da Cerca, Santiago de Compostela) están expostos unha serie de retratos de Umberto Rivas. A pesares de que o autor está especializado en paisaxes, nesta selección móstranos imaxes de persoas ou incluso animais do máis variopinto: espidos crús, Violeta la Burra (xogando coas dúas sexualidades), un can, etc. Recoñezo que a que máis me impactou foi unha obra doble (unha é complementaria da outra) que mostra un rinoceronte nunha habitación; na primeira hai unha luz determinada e na segunda outra completamente diferente: antoxóuseme moi “surrealista”. E, por se dubidaba se o meu adxectivo non era o adecuado, lin que Jaume Vidal xa comparara as súas paisaxes con De Chirico (máxima influenza dos autores surrealistas) polas sombras e polo “oculto” que representa, por esas ideas que non vemos a simple vista. Humberto non representa o instante, o momento fugaz, como outros, senón plasmar a quietude.
Inda que dende logo penso que non é o máis interesante do seu traballo, non deixedes de pasarvos por alí para botarlle un ollo, sobre todo os que inda non tivestes oportunidade de descubrir nada de este artista.
En Praza Pública
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 23-11-2012 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
FERNANDO CASÁS: O de agora xa foi e o denantes será

Até o 10 de febreiro de 2013 poderemos saborear a exposición recén inaugurada no CGAC de Fernando Casás, “O de agora xa foi e o denantes será”, unha retrospectiva que percorre a vida do autor da man das súas obras, claras testemuñas dela.
Fernando Casás naceu en Galicia, viviu logo 40 anos en Brasil e despois voltou á súa terra natal, Gondomar. As súas obras mostran compoñentes de ambos lugares, creando un resultado cunha mestura moi curiosa.
A quen lle guste só ver o efecto estético do material exposto disfrutará moito, pois crea xogos visuais moi interesantes. E aos que nos gusta máis coñecer a parte conceptual, a idea que é o motor do seu facer, deberemos antes informarnos da traxectoria e constantes de Fernando se queremos entendelo. A madeira xoga un papel primordial, e sobre todo como os materiais se modifican co paso do tempo de xeito natural (erosión, insectos, fosilización, etc.). De feito, no apartado dos insectos, é curioso saber como troca o pincel e demais instrumental artístico tradicional polos botes de térmites para modelar as súas esculturas: cando o artista as soltou sobre a madeira e elas comían, mal sabían que logo aquelo sería exposto sen levar ningunha comisión.
Nas ideas do autor o fundamental é o diálogo coa natureza, o movemento dentro desta e a actitude de denuncia que amosa: contra a colonización e avasallamento de culturas (ver a obra “1492”), contra a afección que temos os seres humanos de servirnos da natureza para logo destruíla, etc. Tamén poderemos ver obras pertencentes a subtemáticas determinadas como o cosmos.
Recomendo a exposición e destaco as obras “Granito e pan de ouro” e as dúas fosforescentes que atoparemos nas salas oscuras.
En Praza Pública
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 23-11-2012 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
DOUTOR APERTAS (TRIBUTO A MAGÍN BLANCO)

Hai uns meses saía o Doutor Apertas, un disco feito por artistas amigos de Magín Blanco coa finalidade de rendirlle unha bonita homenaxe ao compositor. E certo é que o cantautor debe ter unhas amizades moi variadas, caseque tan variadas como variado é este disco: rock, pop, folk, etc.
Ante tal eclepticismo sonoro, non é a miña intención facer unha valoración xeral da calidade do traballo (tarefa que sería, ademais de imposible, absurda), senón contar o que nos ofrece.
Falando a título personal, agradezo que o destino o puxera nas miñas mans, porque así coñecín a artistas que doutro xeito non chegaría a escoitar por tocar un estilo lonxe dos meus gustos habituais e que, tras esta oportunidade, descubrín que merecen moito a pena. Seguro que a vós vos pasa algo parecido.
Non facendo falla falar da gran valía de Magín como compositor, con creces demostrada, só quero dicir que devezo coas versións de “Dolores” (co especial e precioso timbre de Javier Bergia), “Veño ou vou” (coa dozura de Xoél López) e “Pola Rúa de San Pedro”, (de Uxía e as Malvela e cunha letra, tamén composta por Magín, absolutamente sublime); mais todas teñen a súa simpatía e agarimosa impronta, como “Meu único amigo” de Os amigos dos músicos ou “O meu país”, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
“O merlo tamén cantaba pra fuxir da soidade, a soidade xuraba, a soidade xuraba que ela non facía mal-e […] para chegar a Compostela guiábame pola lúa, pola rúa de San Pedro, pola rúa de San Pedro meteuse na casa túa […] aquí vai a despedida, aquí vai a derradeira, se tes o corazón roto, se tes o corazón roto non haberá quen o queira”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 23-11-2012 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
ANDANDO A TERRA – UXÍA

A partir do mes de outubro xa temos a posibilidade de escoitar “Os lonxes do solpor”, o libro-disco-DVD no que se inclúe o disco “Andando a Terra” creado por Uxía e Sergio Tannus por encargo da Fundación Manuel María. Coa íntima e experta voz de Uxía navegamos polas letras do poeta Manuel María, non só co canto, tamén co recitado sobre fondos ambientais escollidos sabiamente por Arturo Vaquero.
Por suposto, a esencia de todo o traballo está nas letras, pero é que ademais estas son vestidas cun arroupe de deseño: melodías perfectamente adaptadas á palabra, gran variedade de dinámicas nas cordas que sustentan o traballo e, sobre todo, moito cariño e bo facer no conxunto xeral.
É recomendable para todo tipo de oínte, pero en especial para todo profesor de literatura galega que se precie: seguro que a voz de Uxía conseguirá un achegamento menos medoñento por parte dos alumnos á complexa obra de Manuel María.
Gustáronme especialmente a versión do coñecido “O Carro” (musicalización de Mero), cuns contracantos moi doces brindados polo acordeón de Serginho Sales e o irónico “Manual do Señorito” no que Manuel Paino deixa impresa a súa trompeta impregnada de forza e vitalidade.
“O idioma é a chave coa que abrimos o mundo: o salouco máis feble, o cantar máis profundo; O idioma é a forza que nos xungue e sostén, ¡se perdemos a fala non seremos ninguén!”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-11-2012 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
A MÁQUINA DO TEMPO, JUAN CARBALLO E RAMÓN NÚÑEZ

“A máquina do tempo” é o libro-disco realizado polo escritor Juan Carballo e o cantautor Ramón Núñez lanzado en agosto de 2012. Musicalmente, e sempre na miña opinión persoal, non me aporta demasiado: penso que a pesar de que Ramón Núñez ten un timbre de voz moi agradable e extraordinario potencial, lle falta madurez e personalidade no seu estilo e uso; e no referido ás letras, de Juan Carballo, parécenme insustanciosas e peor recitadas polo autor até o punto de desmerecer fondos musicais que por si solos si poderían ter interese, pero que coa súa voz, totalmente lineal e con fobia aos matices, se me fan insoportables de escoitar.
Como puntos positivos, o formato e ilustracións (estas de Nuria Díaz) do libro parécenme feitos con moito gusto e sedúceme recrearme neste Ben Feito. Ademais o tema “Enrédame” é precioso e orixinal, cuns planos sonoros nas voces moi sorprendente (mérito da parte ténica) e un discorrer dos arranxos verdadeiramente suculento que me hipnotiza. Xunto con este, tamén salvo “Síntoo”, sobre todo polas boas cordas de Quim Farinha que fían o tema.
“Encántame viaxar na túa máquina do tempo, sentarme ó borde dunha historia de amor e deixar os pés bailando no precipicio. Encántame cando somos a mesma voz”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-11-2012 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas