Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A nena e o grilo nun barquiño

Veño de pasarme as últimas horas xogando con “A nena e o grilo nun barquiño”, o excepcional traballo de Magín Blanco editado por Fol Música.
Musicalmente é sumamente ameno, toca moitos estilos diferentes e timbres heteroxéneos de instrumentos. Tanto o papel de Magín como o resto de colaboracións son soberbias: María Faltri ten un timbre de voz moi axeitado para o contexto infantil e defende moi ben o intimista tema “Tris tras tres”, inda que penso que debería coidar un chisco máis a súa execución vocal; Anxo Pintos non solo fai un grande traballo -como era de esperar- na zanfona, senón tamén no violino cheo de estilo galego e garbo; Uxía impregna da súa dozura e saber facer a canción máis entrañable do disco “A nana da avoa”, tema este, xunto con “Tris tras tres” que teñen o seu colofón final coa arpa tan sensible, delicada e chea de bo gusto de Clara Pino.
Pola parte da literatura, sacoume algunha boa gargallada o enxeño tan característico de Magín. Creativo até o extremo, ofrécenos trece cancións, trece capítulos do conto e trece actividades para que fagan os pequechos tales como debuxar a portada dun libro ou escribir un pequeno relato. Eu fíxenas todas e cada unha delas: coloreei, escribín o relato, debuxei aos meus amigos, escribín unha poesía e incluso pintei de verde, azul e cunha cresta vermella a un dragón rockero. E por todo isto, non me queda nada claro se este traballo está orientado somentes aos nenos. É de inspiración infantil, pero penso que é imposible que a alguén, teña a idade que teña, non lle guste, máis tendo en conta que o grande Leandro Lamas ilustra con preciosidades esta magnífica, coidada e traballada obra.
“Os agarimosos soñaban que non soñaban e o silencio que asubiaba. […]
Todos soñaban... agás o barquiño, porque el xa fora un soño e agora quería ser só iso: un barquiño”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 06-10-2013 01:30
# Ligazón permanente a este artigo
Fredi Leis

Esta é a primeira, única e, quizais, última vez que falo dun traballo non editado. Non considerei nunca xusto facer crítica dunha maqueta -que adoito facer máis como noticia- e moito menos de algo somentes subido a internet.
Pero teño que falarvos de Fredi Leis. Falar dun rapaz que, a pesar de facer música de cantautor da que non son moi seguidora, me conquistou dende o primeiro momento no que escoitei a primeira tecla do seu piano e que rematou de namorarme cando as súas cordas vocais pronunciaron as primeiras frases. Con tal gusto, tal personalidade, tal expresividade, tal garra e tal docura ao mesmo tempo que simplemente sentín felicidade por ter semellante talento na terra onde vivo.
Sendo xa seguidora dos temas que escoitei en SoundCloud (https://soundcloud.com/fredi-leis, onde recomendo o tema Naked Inspiration), nos que pechaba os ollos e non atendía a nada máis que aos matices preciosos de cada nota, onte vin a súa actuación como telonero de Marwan no Sónar. A min púxome a pel de galiña, e o resto de público, segundo puiden escoitar, estaba tan anonadado coa descuberta deste rapaz coma min aquela primeira vez que o escoitei.
Paga a pena que o escoitedes, de veras. Sorte a Fredi Leis e a súa desbordadora maxia.
Naked Inspiration
Comentarios (1) - Categoría: Outros - Publicado o 05-10-2013 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas