Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MEU AMIGO MARTÍN CÓDAX - ARS ANTERGA

A formación Ars Anterga sacou en 2014 “Meu Amigo Martín Códax”, da man do Concello de Ourense e a Universidade de Vigo, entre outros entes que apoiaron este traballo.
A orixinalidade do proxecto residiu na combinación das interpretacións das 7 cantigas de Martín Códax alternando a interpretación máis purista de Ars Anterga coa versión de grupos ourensáns e de diferentes estilos.
As magníficas exposicións das pezas a cargo de Ars Anterga (para as que, ademais, empregaron instrumentos construídos no Obradoiro-Escola de instrumentos populades da Deputación de Ourense por Manuel Brañas a principios dos ’90 que son unha reprodución dos esculpidos na pedra do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense) serven para coñecer a obra que xusto despois será deconstruída por un dos grupos convidados a participar; destacando a versión contemporáneo-tradicional de Colectivo Ar en “Ondas do Mar de Vigo”, o aire de folk americano de Os Amigos dos Músicos en “Mia irmana fremosa”, a forza dos arranxos de Adrián Saavedra e da interpretación de Chamuyo Tango en “Ai Deus, se sab’ora meu amigo” ou o rock de Burgas Beat en “Quantas sabedes amar amigo”. MCarballo, María Mendoza e Bird of Hermes Project completan as colaboracións neste traballo.
O formato físico é tamén ben curioso: unha única peza de papel en Din A2 envolve o disco e trae información sobre o currículo dos grupos, as Cantigas ou a ficha técnica, mais teño que dicir que é tan singular como incómodo e que agora mesmo non sei como o vou dar pechado (!)
Parabéns a Ars Anterga (Ilduara Perianes, Irma Fernández e Juan Manuel Vázquez) non só polo impecable traballo musical, senón tamén por concibir unha música medieval tan actual e implicar a compañeirxs tan dispares.
Penso que se o trobador levantase a cabeza estaría encantado de escoitar este “Meu Amigo Martín Códax”.
“Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo? E ai Deus!, se verrá cedo!”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 27-01-2016 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas