Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CARTAS QUE VEÑEN E VAN - SUSA HERRERA E MAMÁ CABRA

A colección Sonárbore de Galaxia sacou en novembro do pasado ano este traballo, que ten obxectivo didáctico enchendo a base das letras e as músicas, de Susa Herrera. A adaptación e os arranxos son de Tomi López Serrano e Gloria Mosquera Roel, os arranxos de piano de Javier Constela e participan nas músicas, ademais da propia Susa Herrera na voz, Gloria Mosquera, Francisco Cerdeira e membros da Asociación Pedagóxica Musical Soutullo; nas percusións Hilario Rodeiro e no baixo Tomi López.
A valía pedagóxica das letras está clara, letras que foron pensadas dende un primeiro momento para que o mestre na aula fixera actividades de expresión corporal cos cativos, axudado polos ritmos das cancións.
Musicalmente paréceme absolutamente pobre. Nada ten que ver con outros traballos infantís como o fermoso Rosalía Pequeniña de Uxía ou o carismático A Nena e o Grilo nun Barquiño de Magín. Porque simple non ten por que ser simplón.
A escolla da instrumentación paréceme horrorosa. Se non se empregan novos timbres e novos patróns máis alá dos vistos e requetevistos da música comercial, ao meu parecer os nosos futuros adultos non aprenderán a abrirse a outras músicas.
As voces, aínda que hai excepcións como os temas “Buscando a Papá Noel” ou o “Lobiño” -con pequenos desafines totalmente xustificados en pro da expresividade e efectividade na comunicación cos pequenos oíntes- non me parecen moi logradas, en xeral non presentan moito interese. Nin de técnica, nin de carisma, nin no seu emprego (a maioría das veces todas as voces xuntas sen facer un grande traballo de voces corais). Vese que estas composicións son herdeiras da simplicidade supostamente obligada para os traballos infantís, que penso que conseguiron romper, como digo, Uxía e Magín. Mais non Susa Herrera. Melodías repetitivas, con xiros máis que previsibles, e en xeral sen atractivo, agás “Casimiro o Elefante”, canción que abre o disco, con certa dozura e encanto.
O pianista si ten un estilo claramente jazzístico que pode saírse un pouco da cuadrícula, e é o único músico que me atrevo a destacar.
Así e todo, é un traballo moi recomendable para os mestres que queiran traballar na aula con músicas doadas de realizar cos cativos. María Lires fixo un traballo impecable na ilustración con moita gracia e gusto na plasmación dos animais, e dende logo ten unha presentación impecable.
“Coñezo un gatiño que case branco é, e abre os seus olliños con moito interese...”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 31-01-2014 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
GALINHA DE TROIA - SOM DO GALPOM

Ainda lembro aquel videoclip con stop motion de “Quedamos nesa Praza” do seu primeiro disco, cando descubría a uns rapaces frescos, orixinais, cheos de unha forza moi agradable que me contaxiaba.
Miguel Queixas, José Novas, Alejandro Castro, Roberto Filgueira, Javier Miranda, Ismael Carreira, Brais Bassave e Gael Bassave sacan agora Galinha de Troia, que repite e incluso mellora a fórmula.
As letras e os sentidos das mesmas son fundamentais nun traballo de hip-hop, e este pon especial coidado nelas.
Inconforme é un canto ás frustracións dunha persoa que fala en primeira persoa, “inconforme co que son, ninguén que me soporte, tampouco demostrei que haxa algo que me importe”.
A Piques de estoupar denuncia a sociedade actual, a desesperación que provoca a situación laboral e económica, “tomáronnos o pelo pola cara polos cartos do salário, malgastado a diario como algo necesario, pasando polo aro do traballo que carallo, prefiro estar no paro; deitarme no parque un día soleado. Todo está a piques de estoupar, e cada vez que vexo a tele danme ganas de chorar...”.
Morro por dentro é outra denuncia, esta vez coa dirección ao Estado, ao que nos rodea en xeral, “Os nenos teñen fame e o goberno non escoita, non entendo este comportamento de gastar cartos en armamento, con todo ese diñeiro podían producir e mercar máis alimentos para borrar da terra tanto sufrimento. Axiña que cambie esta política de policía, e os nenos poidan ver a luz dun novo día. Morro fóra, morro por dentro... no fondo estou esperto e vivindo un pesadelo”.
En Botámolo de Menos o tema son as lembranzas da infancia, e á vez é unha protesta sobre como educan aos nenos, fala da importancia de deixar que os nenos se expresen libremente “ Prohíbeme, corríxeme, esíxeme, cometerei máis crímenes; son símiles, de mítines, de mísiles, que atacan almas vírxenes”.
Non quero, non! É unha crítica ao mundo onde vivimos, ao comportamento conformista da xente, das ideas que nos venden, “unha cultura que insiste en repetir que estamos deseñados para competir; quixera ser feliz... nun mundo diferente... máis sinxelo... onde a xente se comprende”.
A viaxe comezou dinos que saíndo da nosa Galicia aprenderemos a valorala máis, que amando as culturas alleas amaremos a nosa; do que aportan as viaxes, tanto as reais como -por extensión- as metafóricas, “os costumes dos doutra xente son distintos dos demais, enriquecen o planeta de cores diferentes pero iguais; e síntete pequeno coñecéndote a ti mesmo, sen búxola, sen mapa é todo máis sinxelo”.
Case non me fixo na moi interesante letra que ten Imaxina do boa que é a música, cuns violíns xogando entre eles e unhas progresións harmónicas que levan ao clímax do retrouso, que cantei todas as veces que soou; é un canto á liberdade de pensamento e conseguinte petición de que espabilemos con todo o que temos enriba, “porque ceive son molesto, dicide cales son as leis que me prohíben ser feliz; imaxina ser consciente de todas as mentiras, imaxina que te perdes e atopas a saída, imaxina...”.
Vida Miña é sobre o amor, sobre un bala perdida que namora, “o dilema que me queima e non me deixa respirar, son as mostras de cariño que me custan expresar, a xeito de súplica, refúxiome na música, a única que entende que de todo teño a culpa”.
En O Informal é onde máis se nota, cun comezo ben rockero, a guitarra funky na base musical; personaliza a un consumidor de drogas moi conforme coa súa forma de vida “e no fondo son consciente de que teño trastornada a miña mente. Son un tipo formal ao que todo lle da igual. Non entendo a políticos se todos son iguais, e non vou ir votar, por min que goberne Aznar”, mais cun final irónicamente feliz “pero aquí estou e quero morrer de vello, cando todos me saúden e me miren con desprezo. Porque teño sentimentos que non podo controlar, que me quentan a cabeza e párome a pensar nas guerras, na fame que sufren os demais”.
Un traballo crítico e valente nas súas letras (Gael Bassave), e coidado na súa música (Brais Bassave), onde me enganchan os violíns, con claro sabor folkie e son auténtico que fían as músicas e lle dan moita calidez a un tipo de música que moitas veces se descoida polo protagonismo das letras. Destaco a colaboración de Najla Shami, que ainda que brilla en calquera estilo de música, é especialmente valiosa no hip hop e no funky.
Sorte na viaxe, rapaces.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 25-01-2014 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
BANDA BAILE ASALTO


Sae o disco homónimo de Banda Baile Asalto, formada por Sarunas Pupelis, Samuel Soto, Miguel Fraguas, Franc Gorriz, Jaime Rebollo e Javier Rabanal.
Con ritmos moi orixinais con acentos en pulsos irregulares ou ambientes canto menos que excéntricos, como os que emulan os temas discotequeros dos oitenta (mais con instrumentos que de xeito moi improbable se empregarían daquela, como a zanfona electroacústica) nos que se engade unha melodía tradicional, este traballo é, simplemente, fascinante, como fascinante é o xeito de rematalo, cun tema de Samuel Soto moi happy e moi popero que, agradándome e tendo unha sección de vento-metais moi potente, me rompe os esquemas en sentido positivo.
Destacando colaboracións como as preciosas frautas de raíz de Xavi Lozano ou a trompeta enérxica de Javier Gdjazz, os temas que máis me gustaron foron os cantados. En San Tirso, Uxía, Begoña Lorenzo e Lola de Ribeira fan un entramado de voces -onde hai momentos moi especiais sobre todo cando fan voces pedais- verdadeiramente logrado, e en Afroelena, a potente e impresionante voz de Samuel Soto, precedida por unha interesante instroducción percusiva, combínase coa do noso benquerido Eliseo Parra, acollido con gusto sempre polos galegos.
Os ventos tecen melodías e acompañamentos fantásticos e, con todos estes elementos, Banda Baile Asalto consigue un apelido que prima sobre os demais: forza. É case imposible non bailar, ou nin sequera mover un pe marcando o ritmo, cando se escoita.
“O labrego polo inverno ia, fixo toxo para o gando, polo inverno e polo verán e toda a vida traballando, toda vida traballando, ai la lelo ai la lalo”.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 25-01-2014 01:02
# Ligazón permanente a este artigo
BUDIÑO - SOTAQUE

Xosé Manuel Budiño sacou nos pasados meses o seu último álbum, Sotaque. Desta volta, acompáñase de Carlos Castro na percusión, que é o referente da percusión na música folk galega e así o amosa tocando unha grande variedade de instrumentos deixando unha boa estampa de sons de raíz; Chisco, cunha voz de autenticidade indiscutible ou Alfonso Merino, Juan de Dios Martin e Paulo Borges, estes últimos cunha presencia quizais máis tímida no disco polo protagonismo do propio Budiño e de colaboradores tan carismáticos como Luis Tosar ou António Zambujo.
Ao meu parecer, estar tan ben rodeado, con músicos e colaboradores de posibilidades infinitas, non serviu de moito polas composicións altamente comerciais, con xiros máis que previsibles e arranxos tocados por instrumentistas que poden dar moito máis de si. Lembro aquela colaboración de Zambujo no “Son Brasilego” de Sérgio Tannus, onde poñía a pel de galiña; e é que Zambujo é un cantante que co primeiro suspiro de voz fai tremer, mais co tema que canta neste disco, “Déixame adiviñar”, non me da nin frío nin calor.
Por suposto, Budiño é o mellor na súa liña, e este disco aos seus seguidores non os decepcionará en absoluto. Penso que o erro está en catalogalo como “folk electrónico”, pois a maioría dos elementos que usa son collidos do pop máis que da música tradicional, da que bota man moi vagamente. De feito, o tema que máis me gustou e onde máis me gustou o propio Budiño tocando foi no tema “Riamonte”, con Chisco e os Cantareiros de O Fiadeiro, construido somentes cun tecido de voces e unha gaita que quedou moi xeitoso. Quizais en xeral a súa instrumentación si mire á chamada música celta, que evitando meterme en polémicas de terminoloxía, emprega moita frauta como ambiente, cousa que se ve neste traballo, e por iso se asimile como “folk” dende sempre.
De tódolos xeitos, Budiño é un artista que sempre se goza moito máis nos seus enérxicos e logrados directos que nun disco, polo que cando teñades ocasión non deixades de velo no seu hábitat natural: a grande entrega aos espectadores que ten.
“Déixame adiviñar o que non souben amar... deixa apenas intuír un lugar onde aferrarme a ti”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 11-01-2014 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
UXÍA - ROSALÍA PEQUENIÑA

Despois de ter uns meses aparcado na estantería o Rosalía Pequeniña de Uxía, con bastante sentimento de culpa por non telo examinado antes en profundidade sabendo que con bastante probabilidade merecería a pena facelo, animeime. E, efectivamente, mereceu a pena.
Gravado na súa maioría no Estudio Asás e editado por Galaxia, achega a obra de Rosalía de Castro aos nosos pequenos. A idea en si paréceme, simplemente, un grande acerto.
Uxía rodéase de músicos e colaboradores que fan gozar do traballo ao máximo: Sérgio Tannus, importante xunto coa propia cantante na dirección artística e arranxos; Magín Blanco, do que é máis que coñecida a súa creatividade e valía para a composición de material infantil; Santi Cribeiro, cuxo acordeón cheo de bo gusto leva sempre o adxectivo de elegancia ao carón; Benxa Otero, cuxo oboe triunfa sen excepción con esa sonoridade ao que non estamos moi afeitos neste tipo de música e que ademais da atención que xa merece pola tímbrica novidosa ten un dedos executores que fan que todo o que toca se convirta en ouro; Isaac Palacín, Adrián Solla, Pablo Seoane, as Habelas Hainas, etc. Ademais da fantástica aparición das "mulleres Senlle” (Raquel, Ana, Chus, que tan ben afinan e empastan tanto a gaita como as cordas vocais), e as voces docísimas de Jara Ortiz, Guadi Galego e Aline Frazao, entre outr@s.
A lista é longa, pero o importante é que todos eles están integrados nunha obra moi madura, cuns temas moi ben seleccionados e, por suposto, coa impronta de profesionalidade formidable que ben dada en todo o que fai Uxía, á que, por certo, da gusto escoitar nesa tesitura infantil tan tenra, sobre todo no tema que abre o disco “Rosalía Pequeniña”.
Desfacéndose da ameaza de monotonía, cada canción é totalmente diferente á anterior. Cun traballo así de redondo, non podería dicir que tema me gustou máis, pois simplemente teño un moi bo sabor de boca e o feeling agradable de ter escoitado un disco onde un bo tema sigue a outro tema igual de bo.
Para rematar, o traballo de Galaxia no mimo que pon ás edicións de Sonárbore é excelente, mais penso que a ilustración (de Marina Seoane), non querendo dicir que lle falte calidade, non é demasiado atractiva aos ollos de quen busca unha estética con cores e formas que enganchen, pueril; quizais esas imaxes complazan máis aos ollos adultos que aos infantís.
En calquera caso, é unha publicación estupenda que debe estar na estantería de todos os galegos – e non solo galegos- onde habite un neno ou unha nena.
“¿Por que, miña almiña, por que ora non queres o que antes querías? ¿Por que, corazón, por que ora non falas falares de amor?”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 11-01-2014 02:28
# Ligazón permanente a este artigo
KERKENNAI - Un soño cotián de bolboretas

Estes días estiven escoitando o disco “un soño cotián de bolboretas” de Kerkennai, formado por Sinto Otero, Pablo Camarero, Juan Seara, José M. López “Joselé”, David Cid e Adrián Rodríguez “Txitxas”.
En xeral é un disco agradable de escoitar, correcto e con certas cousas moi interesantes, como as combinacións de voces que fan os colaboradores Uxía en Bande ou Pablo Díaz en Valse da Roseira, ou os impresionantes ventos de Joselé, ao que se lle nota un gusto fantástico na súa forma de adornar e de facer contracantos -véxase no tema “Antípodas”, cunha introducción que escoitei varias veces para recrearme no xeito de tocar deste gran músico-. As letras dos temas de autor (ambas de Sindo Otero) tamén son salientables. As percusións, tanto do colaborador Pablo Condo como de Txitxas (en plantilla) non son machaconas nin típicas, e ademais de orixinais, están tocadas con moita delizadeza.
Gustoume especialmente o Valse da Roseira, con Pablo Díaz cantando cunha dozura que engancha, e unha combinación de clarinete, acordeón e violín cun toque circense que me lembran ao grupo Circio e ao moito que me gustan este tipo de arranxos.
Como parte negativa, Pablo Camarero, inda que lle saca un son con moito gancho ao violín, debería coidar un chisco a afinación en certos pasaxes. O baixo de David Cid, inda que fai algún groove interesante, cárgame e resúltame demasiado presente, demasiado alto; a miña sensación (moi persoal) é que a falta de agresividade sonora conseguida coas elegantes percusións se gaña con estes baixos... aínda que non sempre: en Valse da Roseira (no que usa o contrabaixo, e así a tímbrica é moito máis natural), dalle un toque cálido e está moi ben conseguido e moi ben tocado.
A pesares de que en xeral este grupo é un típico herdeiro do “folk ourensán” (Mutenrohi, Arco da Vella) con moitos pasaxes demasiado estandarizados, ten a parte positiva de que noutros se nota que se colleron influencias alleas que lle dan un aire de “renovación de sangue”.

“O río das augas claras que vas correndo pro mar, non contes as miñas penas, ten pena do meu penar […]. Eu quixera non sentir, fuxir lonxe dos temores, quixera ser como a xente que nada sabe de amores”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 10-01-2014 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas