Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CORDAME - FIANDOLA

O disco comeza coa peza “Sil”, unha peza en ritmo ternario que ao meu xuízo é redonda. Moi ben armada, e sen deixar lugar ao misterio, Fiandola abren este traballo amosando todo o que nos ofrecerán, onde as percusións están moi presentes, e tamén o saxo e o clarinete –facendo a función de brass, moi ben empastados-. O acordeón conecta perfectamente o resto de elementos sonoros… e aparece unha voz marabillosa, cun timbre de voz moi auténtico e que me lembra (salvando as diferenzas) ao da tamén marabillosa Uxía Cribeiro.
Siguen cunha muiñeira, “Ván”, que en realidade é unha continuación de “Sil”. Ten outro tipo de groove e tamén engancha. Tanto engancha que cun comezo así é normal que dende antonte eu pinchase xa o disco enteiro unhas catro ou cinco veces.
A Fiandola non lles fan falla os artificios. Non lles fai falla os virtuosismos, nin o emprego de harmonías complicadas. Bástalles con que as sete persoas que integran o grupo comprendan perfectamente a liña estilística que traballan: cada ornamento (destaco os de clarinete, saxo, voz e gaita) está perfectamente integrado. Cada golpe de percusión ten un swing bestial. Cada peza está ben escollida e os arranxos fían moi ben todo o disco. Ningunha peza está fóra de lugar, é un disco no que os temas seguen unha mesma liña estética pero sen ser nada monótono.
Fiandola son: Anaïs Barbier (voz e percusións), Alberto Barreiro (acordeón), Lucía Eiros (clarinete), Manolo Cobas (percusións), Kinhos Saburido (percusións), Fran López (frauta e saxo) e Santi Budiño (gaita). E teño que dicir que a sección rítmica, con esa pegada, me ten encandilada. Colaboran ademais as pandereteiras de Lembranzas da Ría (Cangas), María Jorge (violín), Xisco Feijóo (voz, e que voz! Como luce na peza “Vilariños”!), Jorge Fernández (saxo), Iago Molina (trompeta), Diego Moar (trombón) e Chechu Pérez (zanfona).
Respecto ás fotos e ao deseño, de Fran López, o propio saxofonista de Fiandola, foron tomadas nun lavadoiro público de Betanzos do ano 1902. Segundo o propio Fran, Fiandola é un conxunto de cordas que traballan de forma sólida e harmónica (e estou dacordo). Para este deseño pensou na simetría e nas cores branco e verde. Ademais, hai unha ala despregabre na portada para poñer a caixa en catro dimensións. Gustoume moito o deseño, moi orixinal.
Como punto negativo, por dicir algún, o clarinete queda moi baixo nas mesturas dalgunha das pezas, até o punto de que custa apreciar a liña que fai. Pero isto é unha nimiedade. Tamén me gustou a produción, de Fernando Campos (Edisco).
Os meus parabéns a Fiandola por resistir en tempos de crise facendo cousas tan fermosas como este Cordame.
Arrimeime a un pino verde por ver se me consolaba, o pino como era verde en vez de cantar choraba. Alto pino alto la rama, alto pino alto la rama; debaixo do alto pino ten meu amante a cama.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 11-02-2020 22:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario (se queres)
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Olga Brañas