Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TRECE CANCIÓNS BONITAS - GERMÁN DÍAZ E BENXA OTERO

Non sei se algunha vez vos pasou. A min poucas, pero pásame. E parece que cos anos non me fago máis forte.
Pásame que ás veces escoito un traballo musical tan ben feito (pero tanto!) que me dan gañas de chorar. E ás veces as bágoas saen. E desta vez… Pasoume. Mais só a primeira vez que o escoitei, que na seguinte xa non me pillou coa baixa garda!
Germán Díaz (zanfona, caixa de música programable, aurephone, órgano de babaria, bendhir, zarb, voz) e Benxamín Otero (corno inglés, óboe, caixa de música programable) unen os seus talentos neste Trece Cancións Bonitas.
O disco, cunha produción impecable, foi gravado nos Estudios Casabranca por Germán Díaz, excepto a colaboración do clarinete (o clarinete con máis flow!) de Pablo Pascual, que foi gravado nos Estudios Belgrado por Pedro Pascual. Ademais, como Benxa e Germán son de pico fino, levárono a mesturar e masterizar onda Triqui (José Trincado) a Saviksound Studios.
As fermosas fotografías son de Benxamín Otero e o deseño gráfico de Fernando Fuentes. De feito, hai un efecto moi curioso coa galleta, que é o prato roto da foto: cando abres a caixa, esa galleta continúa o debuxo do cartón. Chulísimo. Todo en branco e negro, coa mesma elegancia coa que se caracteriza a música que atopamos dentro. E rematando de falar do agasallo material que envolve estas pezas, contan que durante o proceso de gravación do CD faleceu o avó de Benxa. Adícanlle a el as “Trece cancións bonitas”. A el e a todos os avós e avoas.
Nestas Trece Cancións Bonitas atopamos pezas de procedencias totalmente diferentes, mais perfectamente fiadas no discurso, ao facer súas cada unha destas trece alfaias: un valse de Erik Satie, pezas populares españolas e galegas, unha peza de Richard Galliano, un lied de Franz Schubert (que fala dun zanfoñista que toca na rúa ao frío mentras a xente o ignora), unha peza composta por Valentin Clastrier, outra dos irmáns Mancuso, un one-step popular nos anos ’30 e, por suposto, composicións orixinais de Germán Díaz.
E é que todo o que fagan estes dous cracks ben feito estará! O empaste entre os seus talentos, a creatividade de ambos e o desexo de explorar novas tímbricas xa son unha constante. Tampouco tiñan nada baixo o listón, ollo, xa que non podiamos esperar menos deles.
Ademais, que se non o solto rebento, declárome publicamente unha fervente seareira de Germán Díaz cantando. Non só o fai de marabilla, senón que é simpatiquísimo! Rematou de namorarme en “Si vas a París, Papá!”.
Fascinoume especialmente a peza “Es un sombrero”, de grande sensibilidade e dozura.
Aunque me ves que canto, no canto yo. Canta la lengua, llora el corazón.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 11-02-2020 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario (se queres)
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Olga Brañas