Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TRACA-TRACO - PACO RIVAS

Víctor Castro e Seso Durán producen este traballo (Ed. Cumio) arredor de letras de Paco Rivas, centrándose case exclusivamente na instrumentación propia dunha aula de música, xa que está orientado á utilización destas pezas co alumnado. Ademais, trae ben ordenadas as letras coa súas correspondentes partituras das melodías e os seus acordes.
Certamente, musicalmente o cedé non é ningunha marabilla, ao ter de fío condutor de nada menos que de 26 temas a frauta de pico e a instrumentación orff (láminas e percusión típica escolar), mais esa monotonía sonora rómpena un chiquiño colaboracións vocais moi variadas como a doce voz infantil de Ánxela Castro, Lydia Botana, Maruxa, Tereixa e Carme de Fuxan os Ventos, Víctor Castro, Montse Ogando, Miro Casabella ou Najla Shami.
Entre as 26 pezas (24 cantigas, un aloumiño e un arrolo), houbo algunha que me agradou moito como “Aloumiño para chamar a Pedro Chosco”, cun recitado moi expresivo do propio Paco Rivas e arranxos e interpretación pianística de Lino Rico moi logrados ou “Que guapo te vexo” e “Canta o regato”, as dúas pezas que cantou e arranxou Najla Shami coa súa kalimba e que son auténticas alfaias sonoras. Tamén me sorprendeu “Se te ergues agora” co fermoso arranxo a voces de Miro Casabella, que lle dá personalidade á peza, e “O sol dorme non sei onde” polo ben que a defende a voz de Monste Ogando.

É un traballo con moito interese, pero na miña opinión só a nivel didáctico-musical, polo que é recomendable para o mestrado de primaria e profesorado de secundaria, que seguro que lle sacará moito partido.
“Rorró rorró nun arrolo, o sol fechou as meniñas... O día íspese de noite, a noite íspese de día”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-04-2016 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario (se queres)
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Olga Brañas