Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE PUEBLO Y DE RÍO - VÍCTOR COYOTE

En 2014 saiu “De pueblo y de río” de Víctor Coyote, un disco que recomendo encarecidamente.
O creativo e multidisciplinar Víctor Coyote sorpréndenos desta volta cun disco ecléctico a máis non poder, aínda que tampouco é sorprendente sabendo da súa enorme versatilidade, onde cada disco ten un camiño totalmente diferente ao seguinte e ao anterior. A pesares de ser un grande compositor, escolle para este traballo facer versións de pezas de outros autores ou tradicionais. Canta en italiano, en inglés, en castelán, en portugués e até di unhas palabras en grego coa versión de “Yo, el extraño” (orixinariamente “Ego o xenos”). Os estilos son tan variados como os idiomas: pop, rock, música tradicional portuguesa e até unha andina.
As colaboracións son poucas pero resultonas. A máis notable é a do produtor deste disco, Pablo Novoa, nas cordas, que se luce en cada nota que toca, cun gusto espectacular e unha capacidade de adecuación inigualable. Lucas Fernández toca as percusións con cacharrada inusual coma, por exemplo, escobiñas tocadas nunha simple caixa de cartón, o que lle dá un aire acústico e preciosístico a todo o traballo. Nono García (compañeiro de Pablo Novoa en Radio Pesquera) borda coa súa guitarra flamenca “La tragedia del Valbanera”, a desafinada pero incriblemente non por elo desagradable Rita Braga dá un toque auténtico a “Havemos de ir a Viana” e a arxentina e bastante menos desafinada Pía Tedesco canta “Me faltan el Río y tú”, peza capaz de abrandar aos corazóns máis duros e dunha delicadeza exquisita, cunha letra de desamor divertida á par que emotiva.
Víctor non é un cantante de primeira liña, pero ten tales dotes expresivas e tal versatilidade na voz que é capaz de fiar este traballo demostrando ser un verdadeiro profesional. É un “Leonardo da Vinci” moderno: compositor, ideólogo, cantante, guitarrista (incluíndo outro tipo de instrumentos de corda e até percusións) e, moi importante, ilustrador, xa que a presentación do CD é outro dos motivos polo que paga a pena engadir este traballo á vosa colección.
Escoitei o disco ducias de veces e penso escoitalo moitas máis: unha obra tan ben concibida que até os defectos se converten en virtudes no seu contexto. Unha obra redonda á que lle dou, sen pestanexar, a cualificación de 10 sobre 10 polas letras, polos arranxos, pola escolla de pezas xeral, pola ilustración e o deseño, pola homoxeneidade dada a un repertorio tan diferente e polo ben resolto que está o traballo na súa totalidade.
“Anduve por todas partes sin olvidarte aún, aún; Charlie, invita a un cocktail, pero yo me voy… me faltan el río y tú […] anduve por todas partes sin olvidarte aún, aún; volveré a esas aguas donde está mi amor… me faltan el río y tú”.

Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 16-08-2015 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario (se queres)
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Olga Brañas