Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HUMBERTO RIVAS NA GALERÍA TRINTA

Na Galería Trinta (Virxe da Cerca, Santiago de Compostela) están expostos unha serie de retratos de Umberto Rivas. A pesares de que o autor está especializado en paisaxes, nesta selección móstranos imaxes de persoas ou incluso animais do máis variopinto: espidos crús, Violeta la Burra (xogando coas dúas sexualidades), un can, etc. Recoñezo que a que máis me impactou foi unha obra doble (unha é complementaria da outra) que mostra un rinoceronte nunha habitación; na primeira hai unha luz determinada e na segunda outra completamente diferente: antoxóuseme moi “surrealista”. E, por se dubidaba se o meu adxectivo non era o adecuado, lin que Jaume Vidal xa comparara as súas paisaxes con De Chirico (máxima influenza dos autores surrealistas) polas sombras e polo “oculto” que representa, por esas ideas que non vemos a simple vista. Humberto non representa o instante, o momento fugaz, como outros, senón plasmar a quietude.
Inda que dende logo penso que non é o máis interesante do seu traballo, non deixedes de pasarvos por alí para botarlle un ollo, sobre todo os que inda non tivestes oportunidade de descubrir nada de este artista.
En Praza Pública
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 23-11-2012 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
FERNANDO CASÁS: O de agora xa foi e o denantes será

Até o 10 de febreiro de 2013 poderemos saborear a exposición recén inaugurada no CGAC de Fernando Casás, “O de agora xa foi e o denantes será”, unha retrospectiva que percorre a vida do autor da man das súas obras, claras testemuñas dela.
Fernando Casás naceu en Galicia, viviu logo 40 anos en Brasil e despois voltou á súa terra natal, Gondomar. As súas obras mostran compoñentes de ambos lugares, creando un resultado cunha mestura moi curiosa.
A quen lle guste só ver o efecto estético do material exposto disfrutará moito, pois crea xogos visuais moi interesantes. E aos que nos gusta máis coñecer a parte conceptual, a idea que é o motor do seu facer, deberemos antes informarnos da traxectoria e constantes de Fernando se queremos entendelo. A madeira xoga un papel primordial, e sobre todo como os materiais se modifican co paso do tempo de xeito natural (erosión, insectos, fosilización, etc.). De feito, no apartado dos insectos, é curioso saber como troca o pincel e demais instrumental artístico tradicional polos botes de térmites para modelar as súas esculturas: cando o artista as soltou sobre a madeira e elas comían, mal sabían que logo aquelo sería exposto sen levar ningunha comisión.
Nas ideas do autor o fundamental é o diálogo coa natureza, o movemento dentro desta e a actitude de denuncia que amosa: contra a colonización e avasallamento de culturas (ver a obra “1492”), contra a afección que temos os seres humanos de servirnos da natureza para logo destruíla, etc. Tamén poderemos ver obras pertencentes a subtemáticas determinadas como o cosmos.
Recomendo a exposición e destaco as obras “Granito e pan de ouro” e as dúas fosforescentes que atoparemos nas salas oscuras.
En Praza Pública
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 23-11-2012 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
RAMÓN CONDE. UNHA MIRADA SOBRE AS ACTITUDES HUMANAS.
O prisioneiro de si mesmo
Praza Pública, setembro de 2012

Incluso dentro da variedade na obra de Ramón Conde e de que na súa longa e exitosa traxectoria se fixo un camiño moi relevante no mundo da arte galega, penso que nos soemos preguntar por qué tivo sempre esa estraña e reiterada preferencia polo excesivo volume na masa dos corpos, ou, dito doutro xeito: por qué esculpe gordos?; o artista sempre dixo que para el o poder se representaba así.
O pasado 6 de setembro asistín no Centro Cultural da Deputación de Ourense á inauguración da súa nova exposición, “Unha mirada sobre as actitudes humanas”. É sorprendente a capacidade de reinvención de Ramón: comeza por chamarnos a atención este novo gusto de usar a policromía nas súas figuras; seguimos vendo un curioso xogo co espectador, que ten que participar de xeito activo para entender unhas cabezas que hai que mirar dende un punto en perspectiva duns espellos que distorsionan a forma orixinal da obra e rematamos por caer na conta de que tamén o concepto, a base teórica sobre a que se sostén, deu un paso máis. Desta volta, Ramón Conde dedícalle esta serie de creacións á súa filla Laura Conde, que ademais de ser grande amante da arte é licenciada en psicoloxía: ela mesma colaborou para poñer o título a algunha das obras directamente relacionadas co tema como por exemplo “Complementariedade ríxida”. De feito, o artista molestouse ademais en escribir un pequeno texto explicativo da intención.
Se se tivese que definir esta obra cunha palabra, esa sería sen dúbida “expresión”. Todas as figuras expresan algo moi profundo do ser: medos, inquedanzas… pero o máis interesante son os grupos de figuras que representan poder: esta vez non só fisicamente, esta vez é a representación emocional do poder sobre as persoas, cómo uns condicionan a outros e os outros se deixan condicionar polos uns. E é aquí onde agradecemos ter paseado por unha serie de obras que ademais de seren esteticamente impactantes nos invitaron á reflexión.
Tanta influenza exercemos nos demais ou exercen en nós? Entón non será que no fondo todos somos ou gordos ou fracos?
Enlace á noticia dixital en Praza
Comentarios (0) - Categoría: Artes plásticas - Publicado o 17-09-2012 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas