Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Concerto de Odaiko en Santiago de Compostela o 9 de marzo de 2013

Este sábado tiven o pracer de asistir ao concerto de Odaiko no Teatro Principal. Un pracer que xa tivera hai un par de anos, cando os descubrín por primeira vez.
Certo é que, inda que se trate dun grupo de percusión, se disfruta máis sentado para que os ollos e as orellas non perdan detalle do que alí acontece: multitude de instrumentos son tocados, todos cuns arranxos onde a coordinación dos executantes deixa a relucir o grande traballo que hai detrás; toques moi orixinais como por exemplo usar, xunto co bombo, un charles coa man emulando ao noso bombo-plato e mostras de podorritmia e percusión corporal. Quedaríame corta se rematase ahí: humor e teatro tamén forman parte da posta en escena dos Odaiko.
Gústame que sempre miran cara a tradición galega (tarrañolas, pandeiretas, tixolas, tamboril, guiños a cantos tradicionais, etc. non deixan de aparecer), deixando claro que pode haber outros grupos cun formato similar, mais non tan galegos.
Ademais, amenizaron o espectáculo con colaboracións como Anxo Lorenzo (que, inda que tocou ás mil marabillas, para o meu gusto apareceu en demasiados temas) ou o Coro da Rá. Pero a grande descuberta para min foi a súa colaboradora habitual, Xiana Lastra: a ferroleña amosou unha actitude no escenario carismática, profesional e con moito gusto. Curiosa mestura de dozura e forza, fíxome tremer tódalas veces que abriu a boca, sobre todo no “Canto e xota do 9 de abril”: ese tema tan coñecido por cantalo Guadi Galego en Benzón e no propio disco de Odaiko era un reto, penso, moi difícil de afrontar. Xiana sorprendeume moi gratamente facéndoo seu, dándolle o seu propio toque persoal... un toque, ademais, diferente e igual de bo. Cando teñades oportunidade non deixedes de escoitar a esta fermosa muller con esta fermosísima voz.
Como puntos negativos, e porque disque a perfección non existe, por un lado este concerto deixoume un tanto fría respecto ao primeiro que vira por un simple motivo: o repertorio non mudou, e suxiro ao grupo que o faga canto antes para explotar ao máximo as súas enormes posibilidades. Por outro lado, notei certos desaxustes na parte do son: as voces non se escoitaban o ben que deberan e había desequilibrio entre o apagadas que soaban elas e o alto que soaban o resto de instrumentos.
Mais, en xeral, os Odaiko seguen aprobando con nota coa súa proposta, sempre moi agradable de recibir.
Comentarios (0) - Categoría: Concerto - Publicado o 10-03-2013 03:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas