Folkeando, por Olga Brañas


Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo.

O meu perfil
folkeando
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

AZOUGUE

Comeza o disco co son dunha dulzaina soa. Sons ambientais, únense piano e percusións tradicionais. Acabamos tendo diante unha peza experimental (con dulzaina!) que abre o disco.
Que carallo é isto?
Iso é risco, é valentía, son moitos anos de profesión nas costas. É chegar a un punto onde apetece facer o que che presta. Isto é Azougue, un disco autoeditado cuxos protagonistas son Pedro Lamas nos ventos (sobre todo saxos), Jacobo de Miguel no piano e Xosé Lois Romero nas percusións tradicionais.
Non vos vou enganar, isto é un disco jazzi… Pero que disco! Non descoidan a vista ás raíces: séntense, nótanse, chéiranse.
Son fascinantes os ventos de Pedro, transpórtannos, fannos viaxar a sitios moi agradables nos que quixeramos quedar para sempre. Son fascinantes os grooves do piano. Bravo, Jacobo, por esa versatilidade e por termar de cada parte musical con tan bo gusto. É fascinante o xeito no que empastan coas percusións de Xosé Lois: nótase que este é un músico global, que entende a música dun xeito horizontal, vertical e, se cadra, en círculos e hexágonos; canta cada parte, camiña acompasado cos compañeiros, cala ou berra cando ten que facelo.
Levo un mes co disco nas mans e escoiteino ducias de veces. E a “Danza nº2” canteina e baileina centos, púxena en bucle, que vicio.
Parabéns aos tres por tirarvos de cabeza e facer deste un mundo moito máis interesante. Se comezo o ano recibindo esta marabilla, non me estrañaría que o 2018 fose un grande ano musical.
Teño unhas doces saudades/ Que m’están magoando sempre/ Pois p’ronde queira q’eu vaia […] Con suspiros saudosos/ Meu corazón esmorece / Cando me vén á memoria/ A vizosa, pracibre Cecebre.
Comentarios (1) - Categoría: Disco - Publicado o 06-03-2018 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
DESCOÑECIDO - BERLAI

Quizais esta sexa, con diferenza, a crítica máis longa que faga. Pero cando algo chega á pataca, chega. E máis se falamos dun disco coma este, cunhas letras tan interesantes.
Descoñecido (Axóuxere, 2016) é o primeiro traballo en solitario de Xiao Berlai. É un disco, un libro con historia, banda deseñada, ilustracións fascinantes (Ernesto G. Torterolo), un todo.
A primeira vez que topei con este proxecto quedei conxelada. Pola valentía, polo bo gusto, polo concepto, pola delicadeza, pola experiencia de Xiao, pola súa profundidade como artista. O propio Xiao ao principio do libro fai recomendacións sobre como gozalo: ler e mirar o libro mentres se escoita ou ben ir parando o audio… Eu non seguín ningún destes consellos. Primeiro escoitei, escoitei e volvín escoitar. Despois escoiteino máis veces, canteino, baileino, sentino… Finalmente abrín o libro, sabéndome xa case as letras de memoria, e sorprendéronme as imaxes: orgánicas, insinuantes ou explícitas, fermosas.
Nas letras, cheas de matices, de cousas novas por descubrir en cada escoita, temos sutís e non tan sutís referencias ao imaxinario popular galego (que dim os rumorosos, ai! Na costa verdecente,não dim nada de nada, e o bardo pró psiquiatra / Uma noite no moinho, uma noite não é nada, uma semaninha inteira, quen me dera uma semana).
Ademais, eu, muller feita e dereita, coa mente moi aberta e sendo moi difícil sorprenderme, atopeime fascinada coas referencias sexuais explícitas que contén. Tamén así conecta co noso imaxinario. Só alguén que camiña pola vida libre, con naturalidade e madurez artística, pode facer algo coma isto.
Abro a janela e bailo com as moscas que entran na casa, lava-me a chuva e bebo-a empapado com os braços abertos, e admiro de ver-me cantando-lhe a lua… e salta que salta, abraço-me ao vento e sonho na hora de estar-te por dentro.
Fugiria com a tua vida a qualquer lugar do mundo, é pensar só no teu cheiro, molho o pantalão por dentro. […] E uma lingua como a tua é sentir como me ponho: acende-se-me o corpo.
O teu refaixo, querida, por amor ao teu refaixo esquecim a minha vida… por amor ao teu de abaixo.

Descoñecido é unha historia de amor. Ou, mellor dito, de desamor.
Mas amei-te tanto que não quigem saber nada de outros amores... E seguim em ti, apesar de tudo.
Continuei-te amando. Mas não era só uma eleição. Era que cada partícula do meu corpo habitaba a felicidade quando estávamos juntos.

Respecto á música, aínda que podemos clasificar este disco como pop/rock, mais non calquera pop/rock… senón o de alguén que ten tanto gusto que ao retomar a escoita do disco para esta crítica, ao terceiro segundo xa me puxo a pel de galiña. Por suposto, tampouco nos sons descoida as orixes, e hai até un tema nun canónico 4/4 no que asoma unha muiñeira. Non penso facer fincapé no feito de que Xiao non é cantante, que é o que a algún/ha oínte lle pode chamar máis a atención. É o noso Albert Pla galego, e a súa voz non é máis ca un medio para facernos chegar a mensaxe. Aínda así, cando o vin en directo sorprendeume gratamente o feito de que teña certa solvencia no papel vocal.
En Descoñecido hai elegancia, hai coidado nos arranxos, hai capas que destapar en cada escoita, hai saber facer. É tan profundo, cheo de imaxes retóricas, sonoras, visuais… que tedes que ser vós mesmas e vós mesmos @s que vos acheguedes a el. Se o facedes, agradecerédesme a recomendación, asegúrovolo.
Descoñecido é unha historia universal, coa que sen dúbida todas e todos nós nos podemos sentir identificad@s. Descoñecido é unha historia real, a historia de un homem solitário… que preferiu viver e morrer só porque não lhe deixaram viver como ele queria.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 27-12-2017 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
QUIXERA SER DOS PAXAROS - OS D'ABAIXO

Despois de tres anos dende a saída do seu primeiro traballo, Os D’Abaixo consolidan o éxito obtido co lanzamento de “Quixera ser dos paxaros”, gravado no estudio SonNatural, fotografías de Antía Ameixeiras e co deseño a cargo de Nébeda Piñeiro.
Se no anterior disco a relación entre pezas cantadas e instrumentais era máis homoxénea, neste penso que as cantadas destacan sobre as instrumentais. E non porque as instrumentais non sexan boas (agás unha excepción, “Penlas e espadas”, que na miña opinión non remata de callar), senón porque as cantadas están feitas cunha sensibilidade sobresaínte e teñen un desenrolo que engancha moito, a que máis o hit Torna os Bois.
Destaco ademais o maior emprego do saxo de Roberto Rama, que lle dá moita calidez, e a voz de Xacobe Varela, moi natural.
Ide canto antes a mercar o Quixera ser dos Paxaros! Eu estou enganchadísima a el dende hai semanas.
“Dáme o ar dos montes verdes, dáme a luz dos días claros, dáme o orballo dos menceres, dáme o cantar dos paxaros”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 15-07-2017 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
NOWHERE - CLARA PINO E PABLO VIDAL

O Nowhere presentábase coas marabillosas fotografías de Juan Luis Rúa en agosto de 2016. O título, moi difícil de traducir ao galego sen que perda sentido, fai referencia aos non lugares, a esa especie de limbo onde todas nos atopamos algunha vez.
Clara amosa unas composicións maduras, ben meditadas, unha forma de tocar chea de mesura e bo gusto. Pablo, que ademais de compositor e intérprete foi o produtor e arranxista do disco, aporta a vestimenta perfecta a esas melodías, aínda que sen tapar demasiado: a nudez está presente en cada peza.
Respecto ás colaboracións, escasas pero moi ben escollidas, atopamos a Mila García (violoncello), Sabela Dacal (acordeón), Rafa Otero (guitarra) e Roi Adrio (percusións).
Sendo seguidora de Clara dende Sete Saias, pasando por Covalblú e Loaira, chamoume gratamente a atención o enorme talento que ten para as letras, que ás veces transmiten tanto e chegan tan fondo que provocan arrepíos. Este disco, ademais, combina pistas de música con recitados, o que lle infire moita orixinalidade ao formato.
Non me gustaría que este traballo pasara desapercibido, pois sendo unha autoprodución non tivo –de momento- o éxito que creo, sinceramente, que merece.
“Sabes que eu sempre fun máis melódica, porén insistes en que a túa progresión é a axeitada. Que perda. Alén da túa arenga hai marabillosos universos”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 09-05-2017 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
FAKE - TALABARTE

O recentemente nomeado e premiado (Premios Martín Códax da Música, Premios Opinión da Música de Raíz) “Fake” de Talabarte saíu hai tan só uns meses -da man de Fol Música- e, como era de esperar, xa cativou moitos tímpanos.
Quim Farinha (violino), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Kin García (contrabaixo) forman este curioso trío de folk, no que se mesturan sons da nosa terra e de moitas outras latitudes, facéndonos viaxar con cada nota e cunha calidade espectacular. É máis, podería dicir sen medo a equivocarme que é dos mellores grupos que temos no país, e iso que o listón do país xa está moi alto de por si.
Desta volta escolleron o formato de libro-cd: as ilustracións do Pastor e os textos –nos que se relatan cun marcado sentido do humor diferentes fakes da historia- de Carlos Meixide completan o envoltorio perfecto para este disco, casando á perfección co surrealismo conceptual co que sempre xogaron os Talabarte.
As colaboracións son escasas, xa que se contan cos dedos dunha man e sobran dedos, e aínda que non precisan ningunha, como ben demostraron no seu primeiro traballo, hai unha que destaca: a do mellor frautista do mundo, Jorge Pardo. Si, lestes ben: o mellor frautista do mundo, e non é unha mera opinión miña, que trabucar sempre me podo trabucar.
Permitídeme recomendarvos encarecidamente que saiades a mercar xa este traballo, veredes como mo agradecedes. Parabéns a estes musicazos e parabéns a quen teña a ocasión de gozar deste discazo.
“Seica o ceo da Lúa é moito máis estrelado có da Terra, e con moita menos contaminación lumínica: non hai na Lúa aínda caciques abondos para repartir puntos de luz…”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 09-05-2017 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
DESERTO DE CENTOS - Sonia Lebedynski

Tras anos de espera desde que Sonia deixara a súa pegada como cantante no senlleiro grupo Fía na Roca, por fin podemos escoitar o seu primeiro traballo discográfico, acompañada do produtor e grande músico Sérgio Tannus.
Deserto de Centos preséntasenos como un disco ecléctico, que baila ao son de pezas folk como Alumea, pop como Deserto de Centos ou incluso funky, como a divertida Paseo polo Areal.
En case todas as pezas a autoría é de Sonia Lebedynski e Sérgio Tannus/Xosé Lois Romero, mais tamén atopamos Miña Doce Amiga, con letra de Manuel María e onde tamén firma Uxía, Quixen, con letra do xornalista Óscar Losada ou a fermosa Viaxe Astral, con letra e música de Guadi Galego.
Destaco a produción do disco e os arranxos, onde na miña opinión os ventos son os protagonistas e, por suposto, a voz marabillosa de Sonia.
En definitiva, Deserto de Centos é un traballo que non pode faltar na vosa fonoteca caseira!
“Haberá un lugar, paraíso de sal, onde a lúa se acada coa man. Un lugar para fuxir, no máis fondo de ti, onde escoites a choiva sorrir”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 18-02-2017 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
O MUNDO ESTÁ PARADO - Guadi Galego

Se xa o segundo disco “Lúas de outubro e agosto” da que é, na miña opinión, a artista máis grande que pariu o noso país, facía un xiro rompedor co seu estilo habitual; neste terceiro traballo, “O mundo está parado”, a ex cantante de Berrogüetto afonda máis nas sonoridades do pop, sobre todo no seu hit Cedeira.
Como ela sempre indica nas entrevistas, este é un disco con co-autoría, que ademais de conter seis pezas feitas por Guadi, tamén conta con varias compostas polo seu compañeiro Carlos Abal e unha por Pachi García, o produtor do disco.
Aínda que persoalmente boto en falta á Guadi máis folk, tamén é certo que na súa voz sigo cheirando o arrecendo do país, sobre todo na peza Canción para Ver, na que colabora a irmá de Guadi, Uxía Cribeiro, cun xeito de cantar auténtico e da que tamén me declaro absoluta seareira. Ademais, o disco, cunha produción moi coidada, traballa un pop sofisticado e elegante.
Destaco tamén as fotografías de Carlos Abal que completan esta colección de vinilo-cd do que se fixo unha primeira tirada de 1000 copias, vendidas nun santiamén, e as letras, que nos permiten descubrir novos matices a cada escoita.
Parabéns, Guadi, por ser tan diferente.
“A tribu que nos rodea paga tributos que a condenan, a historia pensa que abriga, mais xustifica cada ferida”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 18-02-2017 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
NORTE E SUR - ANTILIA

Segundo os propios Antilia declaran, “este disco naceu da necesidade de facervos chegar os nosos universos sonoros. Cancións que xermolaron neste inverno e que floreceron nesta primavera”. Así pois, Norte e Sur é o primeiro traballo de Antilia (da actriz e cantante María Costas e do guitarrista José Churruca) que ofrece, ademais dunha curiosa e interesante portada da man de Carlos Maño, un mollo de cancións íntimas, persoais, con letras delicadas e melodías doces, arroupadas cunha sorte de contraste entre a suave, envolvente e preciosa voz de María e os arranxos, ás veces incluso cun toquiño rockeiro, de José Churruca. Completan a banda o contrabaixista Pablo Vidal e o baterista Noli Torres. Ademais, para o disco contaron con colaboracións de luxo como Uxía (voz), Pablo Novoa (guitarra) ou Carlos Castro (percusións).
Destaco as pezas “Norte e Sur”, “Ás veces” e, sobre todo, “Lola”, que ademais de ter unha melodía bonitísima, fala dunha muller feita a si mesma que naceu nun entorno nada privilexiado. Podedes conseguir o disco en www.regalamusica.es
“Non puido ninguén no mundo facela sentirse soa, nin borrar o seu sorriso, tiña o ceo e a terra toda. O aceite das conservas, como rústica cosmética, deulle mans de señorita, disfrazaba a súa pobreza”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 13-11-2016 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
PRÍMULA

Comandado polo guitarrista Alberto García e o violinista Cibrán Seixo, Prímula (Inquezdanzas Sonoras) saca o seu primeiro EP con motivo do premio por seren os gañadores da Convocatoria SGAE Galicia Creativa 2015 na categoría de folk.
Neste traballo ofrecen catro pezas nas que os acompañan as pandereteiras de Lilaina que por un lado aportan a súa faceta máis tradicional e por outra fan voces con tensións moi interesantes, algo tan atractivo como pouco habitual. Xosé Lois Romero tamén participa, non só como instrumentista, senón aportando tamén a súa boa man nos arranxos. Outras colaboracións son as da Banda de Prímula: Fran Barcia (acordeón), Toni Fort (ventos) e Josafath Larios Vitela (percusión).
As pezas teñen unha estrutura que se sae do común, con desenrolos que van medrando e pasando por diferentes paisaxes sonoras onde me chamaron a atención o emprego dos pedais harmónicos e dos grooves, algo que tampouco é moi habitual na música folk e si noutros estilos.
Na miña opinión, Prímula é un grupo revelación con todas as letras, e a obra destaca pola súa frescura na concepción, polas interpretacións impecables dos músicos e pola peza homónima Prímula, que remata cunha preciosa e rica melodía ao máis puro estilo berrogüettiano, mais co toque persoal característico cun grupo con tantísimo potencial coma este.
O menos destacable é o deseño, cunha foto do mar -idea moi manida- e unha maquetación bastante pobre.
“Dame o si e dame o non-e, que ben mo podías dar; dame o si de me querer-e, dame o non de me deixar”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 17-05-2016 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
TRACA-TRACO - PACO RIVAS

Víctor Castro e Seso Durán producen este traballo (Ed. Cumio) arredor de letras de Paco Rivas, centrándose case exclusivamente na instrumentación propia dunha aula de música, xa que está orientado á utilización destas pezas co alumnado. Ademais, trae ben ordenadas as letras coa súas correspondentes partituras das melodías e os seus acordes.
Certamente, musicalmente o cedé non é ningunha marabilla, ao ter de fío condutor de nada menos que de 26 temas a frauta de pico e a instrumentación orff (láminas e percusión típica escolar), mais esa monotonía sonora rómpena un chiquiño colaboracións vocais moi variadas como a doce voz infantil de Ánxela Castro, Lydia Botana, Maruxa, Tereixa e Carme de Fuxan os Ventos, Víctor Castro, Montse Ogando, Miro Casabella ou Najla Shami.
Entre as 26 pezas (24 cantigas, un aloumiño e un arrolo), houbo algunha que me agradou moito como “Aloumiño para chamar a Pedro Chosco”, cun recitado moi expresivo do propio Paco Rivas e arranxos e interpretación pianística de Lino Rico moi logrados ou “Que guapo te vexo” e “Canta o regato”, as dúas pezas que cantou e arranxou Najla Shami coa súa kalimba e que son auténticas alfaias sonoras. Tamén me sorprendeu “Se te ergues agora” co fermoso arranxo a voces de Miro Casabella, que lle dá personalidade á peza, e “O sol dorme non sei onde” polo ben que a defende a voz de Monste Ogando.

É un traballo con moito interese, pero na miña opinión só a nivel didáctico-musical, polo que é recomendable para o mestrado de primaria e profesorado de secundaria, que seguro que lle sacará moito partido.
“Rorró rorró nun arrolo, o sol fechou as meniñas... O día íspese de noite, a noite íspese de día”.
Comentarios (0) - Categoría: Disco - Publicado o 23-04-2016 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Olga Brañas