Espazo adicado á crítica relacionada co folk galego, música tamén de outros xéneros, artes plásticas, etc.: á cultura galega en xeral |
|
Concertos, discos, grupos, artistas... esta é unha plataforma para publicar o meu traballo relacionado con este campo. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
FERREÑAS AND ROCK AD ROLL / LAURA ROMERO E IRIA PEDREIRA |
|

FERREÑAS AND ROCK AD ROLL:
ANECDOTARIO SOBRE MÚSICAS GALEGAS. CRÓNICA ILUTRADA SOBRE AS NOSAS MÚSICAS MÁIS SENLLEIRAS.
Esta é unha crítica especial, porque non é dun disco, como adoito facer. Cando vin nas redes que sacaran este traballo, encantoume a idea. Mulleres bravas e creativas que homenaxean a outras. Esta é a sororidade que asoma no noso gremio. Marabilla!
Coñecía a Laura Romero, ilustradora e urban sketcher, do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, do que son moi seareira dende hai anos. Alí retrata a diferentes mulleres do panorama musical, do presente e do pasado, para visibilizalas.
Pola súa banda, Iria Pedreira é filóloga, tradutora e crítica literaria. E foi quen se encargou dos acertados textos. Adorei como escribe.
Ambas coñecéronse na Escola de Música de Ordes e agora sacan este libro, da man de Baía Edicións. Iria Pedreira é música afeizoada (frauta traveseira) e Laura Romero é baixista en Zënzar e MJ Pérez.
Segundo nos contan no prólogo, este libro é unha prolongación de Músicas Galegas Ilustradas, e o obxectivo é o mesmo, seguir visibilizando o papel das mulleres na música.
Son máis dunha trintena de mulleres as que aparecen, con historias sorprendentes. Destaco as de mulleres que viviron en tempos pasados e que se enfrontaron con moita determinación aos obstáculos impostos polo patriarcado.
Menciónanse no libro, ademais, un par de cuestións sobre a discriminación da muller na música. Por un lado, que pese a haber tantas e tan boas músicas, nos festivais a súa presenza é moi escasa se a comparamos coa dos homes. Por outro, que sofre unha dobre discriminación: por muller e por facer música en galego. E eu estou completamente dacordo con Laura e Iria.
A lectura do libro provocoume unha sensación agridoce. Dunha banda, tiven a ledicia de coñecer historias fantásticas, de mulleres bravas que contra vento e marea seguiron facendo o seu traballo. Porque ás veces, ser música e muller xa é, en si, un acto político e de rebeldía, sobre todo en certos estilos de música. Doutra banda, entristeceume moito decatarme do pouco que sei, que sabemos, sobre este legado. Sobre mulleres tan sobresaíntes.
A lectura deste libro foi para min unha raiola de luz asombrosa. O Ferreñas e Rock and Roll leva detrás un basto e concienzudo traballo de documentación. Ademais, é moi ameno na lectura. Cada artista ten un resumo da súa biografía, nada aburrida, contando o máis destacable dende un punto de vista moi humano.
Deixádevos levar e mergulládevos neste Ferreñas e Rock and Roll!
Dobre invisibilidade das mulleres, porque ao patriarcado de escenario, nesta parte do mundo, sumouse a propia marxinación que sufriu a música que se fai en galego na propia Galiza.
Entón chegou Laura a nos traer tanta luz.
|
|
|
|
GAIZCA PROJECT Os talentos a distancia son posibles |
|

Este proxecto xorde da combinación de artistas para amosar pezas tradicionais e populares galegas, vascas e catalás dende unha óptica contemporánea.
A presentación oficial de Gaizca Project fíxose no marco da Fira Mediterrània de Manresa nun showcase só para profesionais o pasado 6 de Outubro de 2018. O interese por parte dos programadores foi incrible, tanto nese showcase como na súa posterior presenza no WOMEX 2018, ao que acudiron xa representados pola axencia galega Luneda Producións.
Neste Gaizca Project atopamos a:
Ialma ? grupo galego de raíces étnicas afincado en Bruxelas, no que sempre primaron as pezas galegas no seu repertorio e conformado polas voces de Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo.
Iñaki Plaza ? é un destacado músico vasco, txalapartari e trikitilari. Ademais, tamén toca percusións de raíz.
Manu Sabaté ? o catalán toca a gralla. Ademais de tocar outros instrumentos como o clarinete, é un dos primeiros en usar a gralla fóra dos límites da música tradicional, buscando contextos modernos. No disco tamén toca a tarota.
Ciscu Cardona ? o guitarrista catalán vén de grupos como Folk Riu.
Nicolás Scalliet ? o baterista belga ten unha ampla traxectoria tocando con grupos de Bélxica.
Está claro que neste Gaizca Project non nos dá tempo para aburrirnos. Atopamos diferentes ritmos e diferentes ambientes sen cambiar moito as instrumentacións da formación. Combinan ademais pezas instrumentais con pezas cantadas, e ademais trae cancións en galego, catalá, euskera e aranés.
Para min, destaca especialmente o traballo lingüístico das Ialma, valente e laborioso, a presenza da trikitixa, cunha pegada espectacular, e o uso da gralla, unha elección instrumental moi curiosa. Sempre me resulta agradable escoitar novas combinacións tímbricas. Se non, a música sería moi aburrida.
Gañaran as almas podres, propagadoras do medo. Armadas de violencia, de xenreiras e receos. Murcharan as rosas todas, sen froitos os ventres secos. Nas almas das persoa, instalouse o frío inverno.
|
|
|
|
GALICIA FERMOSA ? PABLO VIDAL E AMIGXS O legado de Juan Vidal Lemiña |
|

Hoxe quérovos falar dun curioso disco que non está á venda, polo menos de momento. Quero falarvos de quen foi Juan Vidal Lemiña ?Charly? e do significado que tivo para a zona de Vilagarcía.
Juan Vidal Lemiña (Carril 1932-1994) foi o fundador e director das corais ?Alento Xove? de Carril e ?Fontecarmoa?. Estivo emigrado en Bilbao coa súa familia e a morriña á terra fíxolle compoñer pezas adicadas á súa Galiza natal.
25 anos dende o pasamento de Juan Vidal Lemiña, o eu fillo Pablo Vidal, productor e contrabaixista, decide rescatar parte das mellores composicións do pai e facer un disco como homenaxe. A este disco sumouse un libro que conta a vida e obra do autor. Este proxecto foi apoiado por Sonia Outón e o Concello de Vilagarcía, axudando á edición do disco e do libro. Fixéronse concertos en directo e agasallouse con este material ás persoas que asistiron.
En palabras de Pablo Vidal, eu levaba unha temporada meditando que facer, porque moita xente cantaba as cancións de meu pai sen coñecer ao autor (incluídos varios coros da comarca) e incluso mudando as letras dos retrousos. Tiña que facer algo e tiña que ser rápido, mentres aínda quedasen testemuñas vivas.
A oralidade ten esa teima tan fermosa de ir modificando a memoria das cancións co paso do tempo, mais Pablo tiña na súa man facer unha gravación onde quedasen rexistradas as pezas orixinais do compositor.
Para gravar o disco Pablo Vidal rodeouse de músicas e músicos ligadas á zona de Vilagarcía e Carril, como o gaiteito Cristian Silva ou o ?Coro Son do Carril?, ao que lle puxo ese nome por unha letra de Juan Vidal e no que participaron varias das persoas que formaban parte dos coros dirixidos polo autor. Desta volta, tocoulle ao fillo dirixilos e facer o traballo necesario para a gravación e os directos.
A voces menos coñecidas súmanse as de artistas como Uxía, Roi Casal ou a do actor Josito Porto. Hai unha simbiose fascinante entre xente profesional e non profesional, todos os papeis están cantados e tocados con moito cariño, e iso nótase tamén no directo.
A min particularmente gústame moito a peza ?Galicia y Cuba?, mais Juan Vidal Lemiña tiña unhas composicións moi melódicas e agradables, todas as pezas déixanse escoitar con gusto. Non me sorprende que unha das pezas sexa practicamente o himno de Carril, cantada nas reunións sociais da veciñanza.
Pola parte da produción, destaco a versatilidade de Pablo Vidal. Un músico de jazz que soubo poñerse na tesitura ideal, sen artificios e buscando a sinxeleza nos arranxos, algo neste caso necesario para que lucisen como merecen as composicións.
Gústame soñar pensando na miña terra, tiven que marchar, foron cousas dunha guerra. Eu quero voltar a vivir na miña aldea; pero vou morrer, case xa non vale a pena.
|
|
|
|
AO CABO LEIRÍN - FAIA DÍAZ |
|

Ao Cabo Leirín é o primeiro traballo en solitario de Faia Díaz (Coro Encaixe, A Patacón, The Vacas). Gravado polo Hevi, Faia reinterpreta seis pezas tradicionais*. Ademais diso, Faia tamén investiga a súa propia voz, e os espazos sonoros onde se move, xa que é un disco no que só está a súa voz (ningún instrumento, ningún coro, produción impecable pero mínima) con fondos como por exemplo unha taberna ou o son dun avión.
Hai que ser moi valente para facer algo así. Hai que estar moi segura, e non é para menos. Faia ten un control excepcional da súa voz: cada ornamento, cada xiro, cada golpe está dado a conciencia e cun gusto exquisito. E por se iso fose pouco, ten unha gran intuición e un timbre moi fermoso.
O que máis aprecio deste traballo é que non se adaptou a ningún patrón. Non foi a por algo fácilmente comercializable. Ela quixo experimentar, quixo crear unha pequena alfaia. Só ela. Só os espazos sonoros. Só a súa voz.
Cóntovos o que podedes atopar:
Por unha banda, en faia.gal podedes escoitar as seis pezas e tamén descargalas.
No youtube hai varios vídeos (de Sara Traba e Fernando Lema) que acompañan ás pezas.
Ademais disto, existe un vinilo, que non vos podo dicir como é porque non o tiven nas maos, pero si sei o que contén: a cara A ten as seis pezas reinterpretadas por Faia, é dicir, o disco en si de Ao Cabo Leirín, cos títulos que Faia quixo poñerlles: 1) Tragaperras 2) Avión 3) Doncos 4) Berenguela 5) Vladimir 6) Atrosa (Cumbia). Na cara B o que se atopan son esas mesmas pezas pero na versión ?orixinal?, é dicir, cantadas polas propias informantes destas pezas: 1) Manolo Mío 2) Ao Cabo Leirín 3) Por que non hei de cantare? 4) Ti en que pensas? (Alma mía) 5) Nana 6) Atrosa.
Nesta cara B aparecen os nomes das informantes, a data de gravación e quen fixo a recollida, entre quen se atopan persoas da talla de Alan Lomax, mais tamén do Hevi, da nai e pai de Faia (Tereixa Novo e Moncho Díaz, de Fuxan os Ventos) ou da propia Faia.
A verdade é que é un gusto ver a Faia nesta tesitura, mirando aos ollos á nosa cultura e agasallándonos con esta marabilla de traballo.
Non sei se será que Faia é do Courel e a miña avoa vive no Cebreiro, pero remato cunha letra dunha peza que me emociona por como a canta Faia, pola beleza da peza e porque tamén a cantaba miña avoa María:
Manolo mío a mi me han dicho que por tres meses te irás de aquí; esos tres meses serán tres años, Manolo Mío, llévame a mí.
*Teño as miñas dúbidas sobre se a peza ?Berenguela? é tradicional, pois foi recollida en 1952 por Alan Lomax, pero ten letra do poeta Ramón Cabanillas, que morreu en 1959. |
|
|
|
IMMERSION ? GUADI GALEGO |
|

Guadi saca este Immersion en 2019 como unha revisión de pezas que compuxo nos últimos cinco anos, máis unha peza inédita. Grande mérito facer un recopilatorio de temas tan recentes, dos que ademais non sei vós, pero eu coñecía case todos.
A propia Guadi nas entrevistas conta que as e os artistas que colaboraron non se limitaron a facer o seu papel interpretativo, senón que se implicaron. Di que non é un disco de duetos, senón un disco coral. Como exemplo, Andrés Suárez foi quen escolleu a peza Reconociéndome, que Guadi non quería meter, ou que Lisandro Aristimuño, un arxentino que viviu uns meses na Galiza, quixo cantar Balada de Verán en galego.
Sácome o chapeu ante o concepto que Guadi usou para este disco. Conceptualmente, quixo usar as sete linguas peninsulares: galego, catalá, asturianu, occitano-aranés, euskera, castellano e galego-portugués. E é así como con este traballo ela conecta culturas, linguas, xeitos de cantar, de entender a música. Pon en valor a artistas máis e menos coñecidas, mais todas de gran valía.
Recoñezo que levo anos rosmando porque boto de menos á Guadi máis folqui (isto non é unha crítica obxectiva, é un gusto persoal, e tómome a licencia de dicilo, xa que nunca chocheei máis con ninguén. Guadi é a miña Guadi, a voz perfecta, a sensibilidade perfecta). Mais tamén teño que recoñecer que este Immersion me parece unha auténtica alfaia.
Nel, prima a produción. Minimalista, reducindo as composicións ?grandísimas composicións de Guadi- á súa esencia. Non é tan pop-rock como os últimos discos, vai polo camiño máis electrónico. Na produción incluso abundan efectos simpatiquísimos como o Tape Stop.
É un disco que me enganchou por moitos motivos. O deseño, que inclúe portada e contraportada de súper Leandro Lamas. As colaboracións, das que destaco a peza en euskera ?Tribua? con Mikel Urdangarín (peza que comeza con txalaparta e ten un crecemento brutal até rematar cun roio súper rockero), a peza Balada de Verán, preciosa, co arxentino Lisandro Artistimuño cantando en galego e Germán Díaz musicalizando con ese no se qué que qué se yo, con caixa de música, zanfonas e serrucho e a peza Sen Remordementos, onde colabora Xabier Díaz. Sempre me fascinou o pouco que teñen que ver cantando Guadi e Xabier, porque a pesar de beber das mesmas fontes ambas teñen unha personalidade moi marcada? E o ben que finalmente combinan as súas voces. Tamén destaco vocalmente a colaboración de Andrés Suárez en Reconociéndome, alucíname a pegada que ten sobre todo nos finais das frases.
Tamén destaco a fermosa Cantar para Ver, en asturiano. Lembro que cando Guadi me deu o disco O mundo está parado xa sabía que esa peza me ía conquistar. E non se equivocou.
Immersion é unha maravilla de traballo en todos os sentidos. Mercádeo!
Yá nun t?alcuerdes del ánxel en cada esquina de la mio cama. Puedo sentirnos cantar imaxinándonos na pantalla.
|
|
|
|
CORDAME - FIANDOLA |
|

O disco comeza coa peza ?Sil?, unha peza en ritmo ternario que ao meu xuízo é redonda. Moi ben armada, e sen deixar lugar ao misterio, Fiandola abren este traballo amosando todo o que nos ofrecerán, onde as percusións están moi presentes, e tamén o saxo e o clarinete ?facendo a función de brass, moi ben empastados-. O acordeón conecta perfectamente o resto de elementos sonoros? e aparece unha voz marabillosa, cun timbre de voz moi auténtico e que me lembra (salvando as diferenzas) ao da tamén marabillosa Uxía Cribeiro.
Siguen cunha muiñeira, ?Ván?, que en realidade é unha continuación de ?Sil?. Ten outro tipo de groove e tamén engancha. Tanto engancha que cun comezo así é normal que dende antonte eu pinchase xa o disco enteiro unhas catro ou cinco veces.
A Fiandola non lles fan falla os artificios. Non lles fai falla os virtuosismos, nin o emprego de harmonías complicadas. Bástalles con que as sete persoas que integran o grupo comprendan perfectamente a liña estilística que traballan: cada ornamento (destaco os de clarinete, saxo, voz e gaita) está perfectamente integrado. Cada golpe de percusión ten un swing bestial. Cada peza está ben escollida e os arranxos fían moi ben todo o disco. Ningunha peza está fóra de lugar, é un disco no que os temas seguen unha mesma liña estética pero sen ser nada monótono.
Fiandola son: Anaïs Barbier (voz e percusións), Alberto Barreiro (acordeón), Lucía Eiros (clarinete), Manolo Cobas (percusións), Kinhos Saburido (percusións), Fran López (frauta e saxo) e Santi Budiño (gaita). E teño que dicir que a sección rítmica, con esa pegada, me ten encandilada. Colaboran ademais as pandereteiras de Lembranzas da Ría (Cangas), María Jorge (violín), Xisco Feijóo (voz, e que voz! Como luce na peza ?Vilariños?!), Jorge Fernández (saxo), Iago Molina (trompeta), Diego Moar (trombón) e Chechu Pérez (zanfona).
Respecto ás fotos e ao deseño, de Fran López, o propio saxofonista de Fiandola, foron tomadas nun lavadoiro público de Betanzos do ano 1902. Segundo o propio Fran, Fiandola é un conxunto de cordas que traballan de forma sólida e harmónica (e estou dacordo). Para este deseño pensou na simetría e nas cores branco e verde. Ademais, hai unha ala despregabre na portada para poñer a caixa en catro dimensións. Gustoume moito o deseño, moi orixinal.
Como punto negativo, por dicir algún, o clarinete queda moi baixo nas mesturas dalgunha das pezas, até o punto de que custa apreciar a liña que fai. Pero isto é unha nimiedade. Tamén me gustou a produción, de Fernando Campos (Edisco).
Os meus parabéns a Fiandola por resistir en tempos de crise facendo cousas tan fermosas como este Cordame.
Arrimeime a un pino verde por ver se me consolaba, o pino como era verde en vez de cantar choraba. Alto pino alto la rama, alto pino alto la rama; debaixo do alto pino ten meu amante a cama.
|
|
|
|
TRECE CANCIÓNS BONITAS - GERMÁN DÍAZ E BENXA OTERO |
|

Non sei se algunha vez vos pasou. A min poucas, pero pásame. E parece que cos anos non me fago máis forte.
Pásame que ás veces escoito un traballo musical tan ben feito (pero tanto!) que me dan gañas de chorar. E ás veces as bágoas saen. E desta vez? Pasoume. Mais só a primeira vez que o escoitei, que na seguinte xa non me pillou coa baixa garda!
Germán Díaz (zanfona, caixa de música programable, aurephone, órgano de babaria, bendhir, zarb, voz) e Benxamín Otero (corno inglés, óboe, caixa de música programable) unen os seus talentos neste Trece Cancións Bonitas.
O disco, cunha produción impecable, foi gravado nos Estudios Casabranca por Germán Díaz, excepto a colaboración do clarinete (o clarinete con máis flow!) de Pablo Pascual, que foi gravado nos Estudios Belgrado por Pedro Pascual. Ademais, como Benxa e Germán son de pico fino, levárono a mesturar e masterizar onda Triqui (José Trincado) a Saviksound Studios.
As fermosas fotografías son de Benxamín Otero e o deseño gráfico de Fernando Fuentes. De feito, hai un efecto moi curioso coa galleta, que é o prato roto da foto: cando abres a caixa, esa galleta continúa o debuxo do cartón. Chulísimo. Todo en branco e negro, coa mesma elegancia coa que se caracteriza a música que atopamos dentro. E rematando de falar do agasallo material que envolve estas pezas, contan que durante o proceso de gravación do CD faleceu o avó de Benxa. Adícanlle a el as ?Trece cancións bonitas?. A el e a todos os avós e avoas.
Nestas Trece Cancións Bonitas atopamos pezas de procedencias totalmente diferentes, mais perfectamente fiadas no discurso, ao facer súas cada unha destas trece alfaias: un valse de Erik Satie, pezas populares españolas e galegas, unha peza de Richard Galliano, un lied de Franz Schubert (que fala dun zanfoñista que toca na rúa ao frío mentras a xente o ignora), unha peza composta por Valentin Clastrier, outra dos irmáns Mancuso, un one-step popular nos anos ?30 e, por suposto, composicións orixinais de Germán Díaz.
E é que todo o que fagan estes dous cracks ben feito estará! O empaste entre os seus talentos, a creatividade de ambos e o desexo de explorar novas tímbricas xa son unha constante. Tampouco tiñan nada baixo o listón, ollo, xa que non podiamos esperar menos deles.
Ademais, que se non o solto rebento, declárome publicamente unha fervente seareira de Germán Díaz cantando. Non só o fai de marabilla, senón que é simpatiquísimo! Rematou de namorarme en ?Si vas a París, Papá!?.
Fascinoume especialmente a peza ?Es un sombrero?, de grande sensibilidade e dozura.
Aunque me ves que canto, no canto yo. Canta la lengua, llora el corazón.
|
|
|
|
LIVRES E LOUCAS - HABELAS HAINAS |
|

Por fin as Habelas Hainas sacan o seu primeiro disco!
Aínda que é verdade que as Habelas son un grupo de rúa, de directo, as fans agradecémoslles este disco, polas letras, pola reivindicación (Habelas: referentes), polo respecto que amosan ante a nosa tradición.
Habelas Hainas son: Aratnza Alfaia (percusión), Patricia Gamallo (percusións, guitarra e gaita), Jara Ortiz (voz e percusións) e Sandra Tamayo (acordeón e percusións).
Fíxome moita gracia a letra da peza ?Media Calada?, que mestura coplas tradicionais coa descrición dunha noite en Compostela para as amantes das foliadas. E a peza ?Salvadoras?, co saxo de Pablo Dalama, paréceme unha auténtica marabilla. Recoñezo que quizais teña que ver o seareira que son da voz tan persoal de Jara, que nesta peza me pon os pelos de punta.
O único que poden facer as Habelas é seguir así de ben, con esa salubridade en todo o que fan.
Avante, compañeiras!
?Ela estaba coas amigas, recibiu unha mensaxe, hoxe á noite na de Moha, hai foliada, viva o Calpe!?.
|
|
|
|
VOL III - VUDÚ |
|

Vudú é o disco das grandes Maritxinha (baixo eléctrico) e Belém Tajes (teclados e voz).
Xuntas reinventan a nosa tradición, bebendo do soul, funky, etc.
Collen as nosas coplas populares e referencias melódicas (non en todos os casos, xa que crean moitísimo material novo) para construír un universo paralelo.
De Maritxinha só podo dicir o mellor que se lle pode dicir a unha baixista: que ten ?rollazo?. Ten groove, e nos escenarios a súa presenza enche. De Belém destaco a súa valentía: polo xeral a súa voz atópase cómoda nunha tesitura media, ou media-aguda, sen embargo para ela o cante é un xogo constante, atrévese a ampliar, baixar a notas gravísimas, facer scat e todo o que se lle pase pola cabeza.
Vudú é un proxecto que, na miña opinión, paga moito a pena escoitar. Pola ousadía, pola sincronía entre as líderes e polo seu savoir faire.
Parabéns, mulleres talentosas!
?Xa me dixo meu pai que te saque a bailar, e no medio do baile que te deixe quedar?.
|
|
|
|
TANXUGUEIRAS |
|

As tres cantareiras, Olaia, Aida e Sabela, sacan á luz o seu primeiro disco, e non era sen tempo. A pesar de que só levan dous anos nos escenarios e poderían ter tardado máis en publicar CD, as Tanxugueiras teñen un feixe de seareiras e seareiros que reclamaban o seu agasallo sonoro con moitas ansias.
Este disco está gravado e producido por Pedro Pascual, quen tamén fixo os arranxos, e nos que hai momentos nos que me lembro de ?Lobos? de Davide Salvado. A pegada e o saber facer de Pedro diferénciase con claridade: é o selo de calidade deste traballo.
Penso que o segredo das Tanxugueiras é a súa frescura. É certo que non presentan pezas novas, nin se romperon os cornos rebuscando en recollidas, mais elas cantan o que lles presta e do xeito que lles presta. Dende xiros vocais máis poperos até o bonus track no que se poñen o traxe de soul, mais sempre mirando cara a tradición. Elas representan esas novas xeracións que loitan por manter viva a nosa cultura.
Aínda que os arranxos son interesantes e os colaboradores deluxe (José Manuel Díaz cos baixos, Pablo Martín Jones coa percusión, Jaime Muñoz coas frautas, Cibrán Seixo co violín, Benxamín Otero co oboe, Fran Troncoso coas láminas, Pablo Pascual cos clarinetes, Germán díaz coa zanfoña, Pablo Dalama co saxo, Bleuenn le Friec coa arpa e Pedro Pascual coas cordas), é un disco que ten como absolutas protagonistas as voces. E non é para menos: é o disco destas tres cantareiras, e non é doado atopar a forza e o empaste que teñen as Tanxugueiras cando xuntan as súas gorxas. Ademais diso, Cupido cravoume moitas frechas cando escoitei as partes solísticas de Aldeíña de Moscoso (Aída) ou a de Tanxugueiras (Olaia).
?Sempre andas voume, voume, xa te podías ter ido. Se te foras hai un ano xa me tiñas esquecido?.
|
|
|
|
|
|
|
|
|