|
|
|
|
|
|
| Fechar os medios de expresion non e democracia |
|
Conste aqui a miña protesta polo peche xudicial da paxina de A.M.I.
Desde as nosas diferencias ideoloxicas non podo calar ante o que considero, con todos os meus respeitos para con Perez Mariño, un atropelo. O dereito a asociacion e o dereito de libre expresion son no ordenamento xuridico español, dereitos fundamentais e estruturais do sistema da democracia formal. Non se pode suspender cautelarmente un medio de expresion dunha organizacion politica, suspender literalmente dous dos dereitos fundamentais recollidos na CE que son o sosten de todo o sistema.
O famoso video e unha parvada de rapaces que non ten nada de incitacion a nada. E a linguaxe da edade: visceral, furioso e rebelde. Todo mi normal (que o señor Perez Mariño perda un fin de semana navigando polas paxinas de sente nova da rede, seica non lle parece tan "terrorista" a parvada do video de marras.
E todo por unha acusacion de xente de dubidosa saude mental (so teñen que escoitar o vicepresidente de GB: non rexe demasiado ben. E ler o seu foro e surdir por unha porcallada cheirente: xenreira, insultos, mentiras, terxiversacion, fascismo, racismo, parvadas, sobre todo parvadas, e unha exhibicion de incultura que e mais de programa de risa da TV que outra cousa |
|
|
|
|
| Resumo das "55 mentiras sobre a lingua galega" |
|
Nesta ligazón 20 verdades, das 55 das que consta o libro publicado po Laiovento.
¿Qué máis dicir?
Hai unha campaña vil, na que se mestura a carcuncia, o centralismo de opereta, os resentimentos, o autoodio, a extrema dereita e até o fascismo descarado. Pero máis que nada a ignorancia no seu peor aspecto: a teimosía chulesca e prepotente.
Xa abonda desta mentira furiosa e parva dos españoleiros destes grupúsculos que aniñan na prensa digital máis de dereitas.
Son responsábeis dun enfrontamento que só aproveita ás súas escuras perversións ideolóxicas e aos intereses do caduco centralismo de Madrid.
Unha vella loita cos argumentos pervertidos que agora apelan ao neoliberalismo e tentan roubar as palabras "ao "seu" inimigo: libertade, dereitos, democracia, sociedade dos iguais.
Cumpre defendermos algo tan íntimo como o noso dereito a sermos o que somos: un pobo desde hai séculos vencellado por unha terra, unha cultura e unha língua de nós. Queremos seguir así, e non ter que nos defender na nosa propria terra. |
|
|
|
|
| Resumo das "55 mentiras sobre a lingua galega" Power Point |
|
| Nesta ligazón 20 verdades, das 55 das que consta o libro publicado po Laiovento. |
|
|
|
|
| Itaca de Cavafis em portugues |
|
Aí vai a minha tradução de Ítaca ao portugués.
Ítaca
Constantin Cavafis
Se vás pela rota cara a Ítaca,
faz votos para que o caminho seja longo,
pleno de peripécias, cheio de conhecimentos.
Os Lestrigões e mais os Ciclopes,
o encolerizado Posidão não temas,
coisas assim no teu caminho nunca hás de achar
se o teu pensamento fica alteiro, se unha escolhida
emoção toca o teu espírito e o teu corpo.
Os Lestrigões e mais os Ciclopes
o fero Posidão não hás de achar,
não sendo que os leves na tua alma,
se a tua alma não os ergue ante ti.
Deseja que seja longo o caminho.
Sejam moitas as manhãs de verão
nas que, com que gosto!, com que ledice!,
entras aos portos pela primeira vez enxergados;
para nos mercados fenícios
e compra as formosas mercadorias,
madrepérola e corais, âmbar e ébanos
e excitantes perfumes de todas classes,
os perfumes mais valiosos e excitantes que podas;
visita moitas cidades egípcias
e aprende, aprende dos sábios
Tens sempre Ítaca na tua mente.
Chegares ali é o teu destino.
Mas para nada apressures a viagem.
Melhor que dure moitos anos
e que, vello já, chegues á ilha |
|
|
|
|
| Pequena antoloxia lirica do libro que rematei hoxe. |
|
De Culinaria de amor salgado.
Riba do mar de Galicia
como illas ergues os bicos
dos teus peitos.
É caneiro de ledicia,
leito ben de mazaricos,
de min teito.
Da anguria do meu trebón
es airexa que me acalmas
acougada;
es vela pró porto bon,
ti, do meu martirio palma
ben gañada.
Es froita a máis augacenta,
prá miña sede fontiña
arelada;
no estío que máis quenta
sombra verde moi fresquiña
atopada.
Prá navegación de min
es búxola, facho, norde
moi amado;
o sulco do meu aquí
de amor doce ata o borde
tes regado.
Úlas praias mornas deses teus peitos?
Teus seos albatros, teus seos barcos
a se leceren no ronsel de min.
Triunfaremos en bastos nesta aposta
que rola de rodeira, xogo tolo
das nosas linguas a se entramaren.
Tes nos ollos as ledicias das rías,
a cantiga moinante das palmeiras;
túa boca un celme de luxurias.
Que non sabes de reloxes, amor,
e recontas as horas por salaios:
a noite é só unha longa area de orgasmos.
E adeprenderemos as xeografías
de nós, os ríos limpos que nos regan,
os ventos mareiros dos bicos e as verbas.
E foi un clamor de lúa outoniza
a tua presenza de barcos,
augas en fin contra min chamando.
Había no teu estares
unha longa salmodia de palabras
namoradas como carballo no vran,
úbedas como herbiña da mañán,
e achegueime ao con-porto de ti
e souben os teus nomes.
Case nen nomearte sabía
e xa aprendera os vocábulos que te dicían:
ar, maruxía, maré, marabilla.
E asÌ coriscou na noite de min:
astrolabio, estrela, albada ou albeira
onde estoupar lizgairo
entre as nubes feras de non saberte antes.
Muller, ti que de amor sabes nas noites,
corpo sabio a desvelarte en min,
femia que suicidas as miñas tristuras,
lanzal proa viva que en min navegas.
Choiva de vran que limpas este ar mouco,
barcia clara da que os meus versos manan,
cóxega morna, colo garimoso,
piloto asisado da miña rota.
Con nomes de deusa quero dicirte,
adorarte en contemplacións arreo,
como un código preciso saberte,
repetirte nos mares e nas rías,
como un tolo falarte a todas horas
e, compañeira, saberte comigo.
Caes como chuvia, tralla arreo de amor
a mollares a arxil descreída de min:
non hai lugares para estes azos de ti,
non medidas para a longa senda de nós.
Esquezo os desertos cando me aloumiñas,
pardal chamada a un herbal de desexos,
mar onde non temo armar velas, sexo:
un ser de seivas hai nos teus ollos-pinga.
Dos adentros azos de xurdir xa me enchen
pola augacenta furna do teu corpo vivo
e morrer axiña nesas ondas mestas,
nese ronsel pánico das túas festas
argalladas a xeito como se viño,
até que balbordando en tí me feche.
Navego augas mainas nas enseadas
fechadas deses teus peitos-conchego:
muller de mar limpo, teus ollos-guía
a me inzar velas no vento de tí.
Pola banda de babor do meu barco
acéname o cón ergueito do teu corpo,
porto de abrigo na miña galerna
de soedades rixas como afogos.
Rosa dos Ventos, Roseta, búxola centrada,
estrela do Norde, peirán seguro,
teu corpo-faro nas noitiñas fechas
acálmame neste S-O-S anguriado
que me atocha nas noites sen quentor,
contigo lume lonxe na distancia.
Arribo onda ti porque me cómpres
sustento necesario nesta fame
de haberte como ar da mañanciña
a escorrentar vivo as mormeiras.
Nas areas do teu pube teño acougo,
nos teus beizos unha fartura de ostras,
toda ti celme doce das mantenzas:
como auga de vida te bebo amor.
Non dou abastado de ti, banquete
o máis saboroso no xexún triste
de arreo non me afundir nos teus ollos.
E por iso non podo amodo amarte.
tan só comerte a modo carne amada
e encherme até esquecer que ás veces faltas.
Ti sabes dos nomes das augas tamén lonxe,
que a lonxanía é auga en ningures deitada.
Deprén quentarán corpos os sons das madeiras
porque nas parolas ti acochas maruxías.
E faste navío arriscado nos trebóns,
dorna que a barlovento de min navegases,
práctico desta ría difÌcil de amar
sen perder a rota do meu sexo famento.
Porque farei mapas que non pequen de escalas,
referentes polo espazo para saber
daquela xuntos que podemos, afundidos
no abraiar dunha fronteira sen aduana,
rara estación deixada de trens e horarios,
romper augas polas furnas carnais de nós.
Anoitecías pretiñas no meu corpo
como dioivo e vida sobre min caías:
eras lúa de alén o mar e maré
sobre as abirtas abraiadas das carnes.
Auga fresca en arroio teu coiro quente
derramaba de apouco meus azos
a xogares unha oca de desexos
onde os dous arelábamos a morte.
E viña aos poucos arreando na noite
costa enriba dos salaios entalada
para nos esmorecer de vida e gosto.
Buligamos logo de desexo e norde á vida
para anoitecermos de novo lúas e carnes
na canseira do coiro estomballados.
As rúas portuarias arrecendían
de sal a sol en muller o teu nome.
Polas laxes costaneiras amábate
e a felicidade deitábase morna
de guindastres, de barcos,
e agromaba eu dunha airexa tan doce
que pingaba o teu nome...
Entón bauticei de novo o peirán,
a ría e máis os barcos
e todo, todo, levaba o teu nome.
Traspaso as túas canles e o alento,
énchenseme mundo e alma de gárgolas
e amigos, e é o tempo elemental.
Leva o noso andar un ritmo serodio
de adagio eclesial; teus bicos dos peitos
resoan o canto de nós.
Europa:
regos ribeiras todas que arrecenden
polo teu sexo, Escila e Caribdis
arreo traspasadas.
O teu canto.
Cómpreme inventar de novo
todas as palabras do amor,
construír gramáticas de bicos
e sintagmas augacentos
como orgasmos, e verbos
coa transitividade toda do amor:
inventar arreo dicionarios
con verbas como salaios,
bicos fondos, como os teus peitos,
femia erguendo os seu bicos
a outra maneira do Ser.
En ti é que fico abraiado
como na matriz da vida.
Trigo infindo, onda que non acabas!
Florípara das Primaveras! Muller!
Os nosos corpos nun sintagma carnal
conxuraron o sol da Grecia,
e alumearon frisos craros coma bicos,
e ritmaron risos esguíos coma columnas,
e razoaron discursos amplos coma augas.
Así inauguramos un novo Olimpo
onde brillares, onde festexarmos
a ledicia de tiovivo, o xogo
de Pandora recreando o sol
todo entramado na nosa pel.
IN ABSENTIA
Nomeábante todas as cousas
e xuntas berrábanme o teu nome.
E quentaba xa Primavera
as areas finísimas
todas cheas de ti
en Vigo.
Dicíante as ondas e as gavotas
e acenaban teu aquel en chío e escuma.
E quentaba xa Primavera
as areas finísimas
todas cheas de ti
en Vigo.
Amostrábante as herbas e a maruxía
e en galas serenas proclamábante.
E quentaba xa Primavera
as areas finísimas
todas cheas de ti
en Vigo.
Promulgábante o ceo e a terra toda
e o mar festexábate en gozosas epifanías.
E quentaba xa Primavera
as areas finísimas
todas cheas de ti
en Vigo.
Arrepías palabras sexo razón e auga
desmembrando códigos escuros e mintiras
para alumbrar a senda gozosa en que subo
a outra dimensión, a máis golosa, do ser.
Arrolado de voo nos teus ares magníficos
sacrifico a miña presa e abaneo certo
por ese teu lentor suave de ría e calma,
dos teus ollares fondos como se mar alto.
E visto a roupa de faena do amor
alcanzándote e sabendo, mapa de carnes,
a topografía de marabilla e feira
que sabedeira che abrocha en voz dada.
Desta maneira son eu a ser que es ti,
anonádome para en ti medrar de novo.
Cociñeiro das túas carnes e palabras
adornarei os meus alentos co adobío
apetitoso e picantón dos teus decires
para servir de amor a mesa máis sabrosa.
Escanciador dos teus malvas viños maduros,
dos teus viños novos Ganimedes devoto,
reboso e alzo copas en brindes corporais
para abrir a festa aloucada dos sentidos.
De viño e carnes e ollos e beizos palabras
armamos mesas no salón máis galano
con todos os fogos do amor para nós acesos.
Festexaremos de querer tolo un banquete
no que aderezarnos e servirnos sen tasa
aínda que nunca de nós fartura faremos.
E así é que até ti chego
todo núo de antes
espido son de despois.
A rentes do chan ando
ensoñando descalzo
co pé certo de agoras.
Carne camelia en flor,
de carne o meu desexo,
a carne que amo e quero.
|
|
|
|
|
| O españolismo e a carcuncia rancia no IES de Arteixo: a represion da lingua e da libertade do profesor Brais |
|
Neste ano atipico de enfermidades estiven alonxado da realidade (non tanto da virtualidade) e veño hoxe mesmo (15/1/2010) de enteirarme da represión exercida sobre Brais, profesor sustituto de Matematicas polo feito de esixir os libros da asignatura en galego, cousa ademáis obrigada polo actual decreto vixente sobre a lingua do ensino. O seu aquel, sombreiro e roupa que non eran do agrado da mafia directiva, da mafia do departamento de Matemáticas (con ex-alcalde incluído), e da inspección educativa, e a súa protesta polas insidias policiais continuas en contra dos alumnos do "Manuel Murguía", deron lugar a un expediente kafkiano, instado pola xefa de estudos e pola inspección de A Coruña, que derivou na perda do posto de traballo.
Podedes ver toda a información aquí:
http://www.cnt.es/node/1116
O 9 de febreiro celebrarase o xuízo que, esperemos que se ateña a dereito, e non se convirta nun novo acto da ofensiva parafascista do españolismo e da dereita máis resesa que encabezan os parafascistas de GB e os neoconservadores que se autodenominan liberais que xunto coa igrexa católica están a embandeirar un fronte contra a libertade da que temos que protexernos coa solidaridade antifascista.
Desde aquí unha aperta e a máis grande solidaridade.
Xiao Roel. |
|
|
|
|
| Horacio, Epodos, 2 en galego |
|
Hai tempo que lle teño prometida esta traducion a Alonso Montero para unha antoloxia que esta a armar.
Aqui vai a primeira version medida. Seguramente quererá mais arranxos.
Épodos, 2
“Feliz aquele, que lonxe de negocios
tal como a vella raza dos mortais,
as leiras paternas ara con bois de seu,
libre de toda fame de cartos,
e nen marcial se excita coa cruel corneta
nen se espanta do furioso mar
e evita o foro e máis os soberbos adros
dos cidadáns que tén máis poder.
Pois, ou rebentos xa medrados das vides
marida cos altos ameneiros,
ou nun afastado val vai alindar
súas deambulantes vacadas
e cortando coa fouce as ramas inúteis
inxerta aqueloutras máis felices,
ou garda en limpas ánforas mel callado
ou ben trosquía as ovellas febles;
e, cando a cabeza de maduros froitos
ornada Outono no campo amosa,
cómo se alegra apañando híbridas peras
e, émula da púrpura, a uva
que che ofrecerei, Príapo, e a tí, pai
Silvano, gardador dos lindeiros.
Gosta ás veces xacer so vella aciñeira,
outras veces sobre apretada herba:
entanto caen augas entre as altas penas,
quéixanse as aves por entre as fragas
e balbordan fontes manando augas puras,
e todo invita a lixeiros sonos.
Pero, cando o tempo invernal trae con ele
Xove tonante, chuvias e neves,
empuxa con moito can desde toda parte
porcos bravos contra opostas trampas
ou coas canas tensas tende claras redes,
engano para o ávido tordo,
ou caza, leda recompensa, a medrosa
lebre e con lazo a migrante grúa.
Quen esas malas coitas que o amor ten
non vai esquencer entre todo isto?
Pois se, en parte, unha modesta muller
pola casa e doces fillos mira,
tal que sabina ou, requeimada polo sol,
como a muller do lixeiro apulio,
e apaña con leña enxoita o sacro lume
ao retorno do seu cansado home,
e, fecho o ledo gando en setos de silvas,
entón muxe as dilatadas ubres,
e, escanciando da doce ola viño novo,
cociña as viandas que nos dá a casa:
non me irían máis as ostras de Lucrina
ou máis un rodaballo ou escalo,
se é que coas ondas do leste o fungante
inverno por acó algún botase,
non baixará ao meu bandullo galiñola
ou proprio da Xonia un francolín
máis de grado que a oliva recollida
das carregadas ponlas das árbores,
ou a labaza amante de prados e as malvas
sanadoras de corpos enfermos
ou a aña matada nas festas de Término
ou o cabrito salvado do lobo.
Entre estes manxares cómo aleda ver
recollerse as ovellas pacidas,
ollar os cansos bois que traen pendurada
a reixa dos seus pescozos cansos,
e os escravos, ditos enxame da casa,
en orden xunto a lustrosos Lares.”
Cando dixo istas cousas o avarento Alfio
xa el tan disposto a ser labrego,
polos idus recolleu todos os cartos,
nas calendas busca pólo a rendir.
|
|
|
|
|
| Catulo XIII, tradución ao galego |
|
Para felicitarvos a todos as Saturnais aí vos vai unha tradución de Catulo XIII, cunha famosa invitación a cear. Pois iso, boa cea de Fin de Ano a todos.
Catulo XIII
Has cear ben, meu Fabulo, onda min,
se os deuses miraren por tí, nuns días,
se contigo trouxeres abondosa e boa
cea e non sen unha relocente moza
e con viño e chistes e abondos risos.
Si, se trouxeres isto, miña xoia,
has cear ben, pois do teu Catulo
o bolsiño está cheo de tearañas.
Pero en troques acadarás amizade pura
ou algo máis lene e máis elegante:
heiche dar un perfume que á miña moza
regalaron as Venus e os Cupidos,
e cando o ulas, aos deuses rogarás,
Fabulo, que te fagan todo nariz. |
|
|
|
|
| Libertade para o pobo saharahui |
|
 Estou contra esta vergoña.
Os saharahuis xa demostraron abondo o seu dereito a teren un estado de seu. Marrocos ocupa innobremente o territorio desde o 1975. España non cumpríu nen cumpre o seu rol de potencia descolonizadora. As resolucións do Tribunal de Dereito Humanos da ONU de 1976 e as sucesivas resolucións da Asamblea Xeral seguen sen se cumprir. O sultanato corrupto marroquí fai valer as súas bazas no terreo da xeopolítica internacional.
Todo isto é indigno e como cidadán de dereito do Estado Español sinto vergoña pola responsabilidade que me toca.
Todo o meu apoio a Aminetu. |
|
|
|
|
| Un poema de Filinto na edición de 1806 3 |
|
 |
|
|
|
|
|
|
|
|
|