PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

UN POUCO DE HISTORIA
O 10 de agosto de 1936 a columna do coronel Cayuela toma Tolosa. Requetés exultantes filman cunha cámara de cinema o trofeo obtido aos “rojos”; nada menos que un vehículo blindado construído de xeito “artesanal”. Na chapa pódese ler con bastos brochazos vermellos: “Rojo Trincherpe”, “UHP”1 e AIT2
O lugar elixido para o evento é a populosa praza de Tolosa onde unha variada tropa de requetés navarros e civís curiosos observa e comenta a captura.
Este é un episodio, case que anecdótico, dentro do conflito civil que asolagou a II República. Mais esta anécdota, e por extensión todas, tamén ten agochados os nomes e apelidos dos que a protagonizaron para ben ou para mal. Un nome propio podería ser Manuel Gil García; nado en Seixo (Marín).
Resulta farto complexo pescudar quen ocupaba o vehículo que os ufanos soldados e requetés capturaron, e aínda que son escasas nesta fronte as capturas de vehículos blindados; entre elas podemos entresacar o nome anteriormente citado. Mais para achegarnos ao intre no que Manuel e os seus compañeiros protagonizaron os duros acontecementos que se pretenden relatar, vémonos na obriga de retroceder uns días.
Ocupada Bera de Bidasoa polas columnas navarras baixo a batuta do Comandante Beorlegui; o 21 e xullo os rebeldes avanzan cara Guipúscoa pola estrada de Navarra en dirección a Oiartzun ata que son detidos por milicianos enviados dende Donostia e a súa bisbarra. Na capital a pasividade inicial dos militares do cuartel de Loiola permitiu, non sen suspicacias, a distribución dunha heteroxénea e mal armada tropa miliciana polos puntos de penetración das columnas navarras.
Por outra banda, ese mesmo día co comandante do Estado Maior Augusto Pérez Garmendia á cabeza, parte da capital guipuscoana unha numerosa columna de milicianos coa intención de caer sobre Gastéiz, onde as novas confirmaban o triunfo dos alzados contra a República. Na devandita columna a presenza de veciños de Pasaia de orixe galega é bastante significativa segundo as verbas de Manuel de Irujo:

Al amanecer del día fijado desfilaron por delante del Gobierno Civil los camiones que integraban la columna expedicionaria (...), repletos de hombres jóvenes, casi todos ellos con signos rojos y rojinegros; muy buena parte de los mismos, tal vez una mitad aproximada, hablaban castellano con tono gallego3.

Xunto a eles, completaban a presenza galega paisanos fuxidos da súa terra ante o cariz que tomaban os feitos.
As organizacións políticas e sindicais de esquerdas traballaban arreo para organizar o baleiro de poder que a sublevación trouxo consigo; ademais non había que esquecer ao inimigo que se achegaba inexorable.
A estes labores adheriuse o sindicato pasaitarra “Avance Marino” (sito na rúa Francisco Andoanegi, entr. 13 de Pasai San Pedro; actual Euskadi Etorbidea), no seu local as mulleres dos mariñeiros fabricaban cócteles Molotov, así como os barcos pesqueiros partían novamente a faenar; logo dunha longa folga que os mantivera amarrados ao porto; para atenderes as necesidades excepcionais que as circunstancias apresentaban de modo autoxestionario4.O reparto do bacallau estibado nos almacéns da PYSBE entre a poboación e comedores populares foi outra das iniciativas artelladas polos mariñeiros pasaitarras.
Así mesmo, nos talleres “Torres y Vergara” e “Casa Lasa”5 transformábanse camións e camionetas en improvisados blindados mediante a cubrición dos mesmos con chapas de metal onde se practicaban unha serie de pequenos buratos para facilitar o disparo dende o seu interior e a súa condución. Logo aplicábaselles as “pinturas de guerra” a modo de siglas e expresións revolucionarias.
É o 22 de xullo de 1936, Manuel Gil García6 e outros compañeiros (entre 10 ou 12 milicianos podían viaxar nun destes enxeños), presumiblemente afiliados ao sindicato anarquista da CNT de Pasaia, partiron nun destes blindados artesanais nunha descuberta en dirección Tolosa, cara o que xa se achegaban os sublevados.
Na estrada os milicianos toman contacto cunha avanzada inimiga. A tenor das fotografías o resultado do encontro semella sinxelo de imaxinar; o caso é que estes mozos foron fusilados in situ á calor da “xustiza quente” que se aplicou rigorosamente nos primeiros meses do conflito.
Manuel Gil García era veciño de Pasaia, chegara dende Seixo (Marín, Pontevedra) grazas ao auxe da industria do bacallau e probablemente sumárase entusiasta á defensa das súas ideas. Probablemente sentiuse invencible nas entrañas daquela máquina de guerra, e mesmo imaxinouse conducindo cara a súa terra que non correra a mesa sorte que seu novo fogar.
O blindado das fotografías pasará a engrosar as ringleiras rebeldes a bo seguro; as pinturas de guerra trocaranse por outras novas dun significado diametralmente contrario. Quizais foi este mesmo vehículo, que se exhibe coma unha peza de caza, onde se truncaron as arelas do noso protagonista. Isto o descoñecemos; pero que o episodio narrado sirva coma exemplo para ilustrarmos da entusiasta imaxinación que aqueles homes despregaron para defender as súas ideas.

SATXA
Comentarios (1) - Categoría: 03.- XERAL - Publicado o 27-08-2011 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
UN CURRUNCHO GALEGO NA EUSKAL HERRIA

LIMIAR

O pasado ano 2002, co gallo do 50 cabodano do Povoado de Pescadores de Pasai San Pedro, e por iniciativa da asociazón de viciños Sanpodrotarra impulsouse a realizazón dunha grande variedade de actos aos que se aderiron coleitivos e particulares. Dentro desta dinámica Abaraska Euskara Elkartea e máis o Fato Cultural Galego Daniel Castelao artellaron unhas “Xornadas Culturais Basco Galegas” entre o 12 e o 27 do mes de setembro. Foron cinco días nos que tivemos dende a oportunidade de escoitar a José Luis Padrón recitando parte da sua obra poética en euskera e por primeira vez poemas en galego do seu libro inédito “Os contadores da luz” ca compaña de Xuan Alonso á guitarra,ou a Xosé Estévez falandonos da historia dos galegos na Euskal Herria. Tamen a nosa “viziña” Rosa García Orellán falounos sobor “Terranova: la pesca del bacalao en Pasaia” traballo que acabara de traela do Canada e que fora unha aitividade no seu tempo, sustento direito ou indireito de tantas das nosas familias. Edurne Urkiola disertou sobor da situazón do euskera no Povoado i en Pasaia en xeral. Foron falencias dadas tanto en euskera, como en galego i en castelán. E os que nos fomos achegando a elas ficamos amplamente satisfeitos.
A min o dia 12 tocoume facer durante o auto de presentazón das xornadas unha pequena charla sobor da convivencia de ambalas dúas culturas, o que aproveito hoxe para espallar neste pequeno traballo.

FACENDO COMUNIDADE

Ao comezo das xuntanzas para artellar os actos do 50 cabodano do noso Povoado, José Manuel Larrinaga comentaba cómo tendo él tódolos seus apelidos bascos, sempre estivo alcumado como Pontxiño, querendo dar a entender, a importancia que tivo, e inda ten entre nós, a comunidade galega.
Por suposto, o percorrer destes anos amosaron unha morea de anédotas que poderían abondar para encher estas páxinas, pero a min págame por moito a amizade que compartiron Dona Carmen Olveira Sobrido, nada en Rial, concello do Porto do Son na provincia da Coruña e Dona María Munduate Zurutuza de Ataun. A primeira somentes falaba galego, namentras que a segunda euskera. E latricar latricaron dabondo nas escaleiras entre as hortas de Velasco e o transformador de Iberdrola no Povoado. ¡ E ben que se debian de entender!.
Inda que o galego foi unha fala normal e cotidián, e hoxe o seu emprego é tal que a ninguén estrana ouvílo, vai perdendo campo, pois as novas xerazóns están a deixá-lo seu uso ou reducindoo á casa. Asi pois, a fala de Rosalía fixo o seu espazo a carón do idioma mais antergo de Europa co permiso (ou sen el) do castelán, i entre outros mundos que viñan nas maletas de tantos emigrados a este curruncho da Euskal Herria chamado Pasai San Pedro. Entre os que cabe sobrancear, sen menosprezar a ninguén, á comunidade portuguesa.
Agora vexamos estas relazóns nalgunhas instituizóns ou grupos.

NA IGREXA.

A Parroquia da Nosa Señora da Asunzón sempre amosou uns anceios culturais acordes coa sensibilidade do povo. Asi, xa D. José Zapirain Santos mercara os libros sobor dos rituais do bateo, matrimonio, etc, en portugués, tendo en conta as familias que, asentandose onda nós dende aquelas terras, tiñan membros que descoñecían o castelán, e deste xeito, nestas celebrazóns particulais que poderían ser importantes para eles, achegaballes estes ritos.
Este sacerdote tamén celebrara o primeiro bateo en euskera o dia 27 de febreiro do 72 a Dona Lorea Elizalde Fagoaga, filla de pais navarros.
Coa chegada do sacerdote D. Xosé Novoa (1975) fixéronse, alá polo ano 1976 misas en galego. Daquela, en Galicia moi poucos cregos celebraban nesta fala, polo que foi necesario facer un texto litúrxico para tal feito. O devandito escribirao o mesmo “Pepe” Novoa, o cal xa fixera parte da súa ordenazón sacerdotal en galego.
Os trinitarios marcaron unha época dourada non só no eido pastoral, senon tamén no cultural. O “Olentzero”, que puxeran a andar, perdurou inda moito despois de que marcharan da Parroquia. Tamén puxeran en marcha o seu propio euskaltegi no barrio sendo “D. Martín” Baraiazarra Bilbao e “Aita Markos” Olabarri os mesmos mestres. O derradeiro ano aquelas clases dabanse en catro quendas, unha pola mañán e trés pola tarde, un deses turnos dábase a 40 nenos repartidos en dous grupos. Coa marcha dos Trinitarios este “euskaltegi” integrouse na “gau eskola” de San Pedro.
D. “Juantxo” Arrizabalaga foi un sacerdote euskaldun que chegou a facer uso do galego na sua comunicazón escrita co povo.
E con “Manolo”, D. Manuel González González a Parroquia viveu as palpitazóns dunha vida interior ateigada de amor ao Pai e de entrega a un sacerdocio que bebía das suas fondas raíces galegas, e da seiva do carballo da terra de acollida. Manolo era antetodo somentes un sacerdote, convencido delo, e da sua laboura como tal, como cristián. Pero nenbargantes seguía a sé-lo home de Almoite (Baños de Molgas – Ourense), sinxelo e bóo, que acadara na Euskal Herria non somentes o seu traballo, senon que tamén a súa vocazón. Con el voltarán coller pulo as misas en galego na nosa Parroquia e con el daríanse as primeiras misas en galego na nosa Sra do Carme. Cando o Pai chamouno ao seu carón os sacerdotes das duas parroquias con advocazón mariana no arciprestado recadaron o seu testigo e inda hoxe faise en cada parroquia cadansua misa en galego ao ano, nas Letras Galegas na Nosa Sra da asunzón e no magosto na Nosa Sra do Carme.
Chegado a este punto, e sen querer menosprezar a laboura doutros sacerdotes, penso que é de recoñocer o bo facer á hora de misar en galego de D. Manuel Balenciaga. Tamén quixera eiqui recoñocer a laboura do meu compañeiro no Fato D. Manuel Irixoa Cousillas que en tantos anos a prol de manter acesa a candea da cultura galega neste lado da badía, fixeron del a única persoa que fora participe no artellar daquelas misas de hai 25 anos e nas de hoxe.

OS NOSOS MEDIOS DE COMUNICAZÓN.

Nas cinco revistas ou boletins (ver PASAIAN nº25, pax. 10. “Os papeis do Povoado de San Pedro”.) feitas dende e para o noso barrio vaise vendo como o euskera e máis o galego van collendo pulo nelas. É importante o esforzo que se fixera na revista IRUDIMEN por manter esta presenza, a sua cabeceira é sempre en euskera e galego, e agás o nº 2, os demáis teñen algun escrito nestas duas línguas.
A radio Erre Kuku Irratia a maiores dos programas en castelan emitia 8 en euskera, 6 bilingües (E e C) e un en galego chamado “Noroeste” ala polo 1986.
Un dato choqueiro do recoñocemento que se fai do galego como fala habitual na zona do Povoado e que no ano 94 o programa das festas padroais de San Pedro repartiuse pola parte alta do povo cunha foto semella das aitividades a realizar na fala de Rosalía.
A asociazón de viciños de San Pedro é sensibel a esta realidade e tamen espalla o galego nas suas revistas, propaganda e cartaces.

REMATE.

Para dá-lo remate nunha historia inconclusa qué millor que voltar ao comezo, pois inda que non teña chiste, pouco pensaba aquel que hai 50 anos entregara as chaves na que nos sempre demos en chamar rua “Principal”, que esta seria a terceira no mundo adicada a “Alfonso DANIEL Rodriguez CASTELAO”. O que amosa que o concello de Pasaia tamen se decatou da importancia galega pobladotarra (mágoa que nestes 50 anos non se decatara de outras moitas cousas). Inda que eso si, como non podia ser menos, inda hoxe, penso que é a única con “título nobiliário”. “Cousas da vida” que diria...




FILIPE DOMÍNGUEZ AVILÉS

FATO CULTURAL GALEGO DANIEL (DE) CASTELAO



Comentarios (1) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 12-08-2011 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO