PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

Humberto González Castelo. Desaparecido en Combate
(Artigo de Satxa Balchada)

Ao igual que centos de homes das rías galegas, Humberto González Castelo traballa coma mariñeiro en Pasaia. Nado no Porto do Son (A Coruña) o 15 de xullo de 1910, reside xunta a súa muller Carmen Toucedo Novás (Redondela, Pontevedra) e a súa cativa Gloria no barrio de Pasai San Pedro. De feito o casamento celebrase nese mesmo barrio en xaneiro de 1935 (CDMH_SM_PSET_C134_001).

Descoñecemos cando o sonense se instala na vila guipuscoana. Debeu ser ben a finais dos anos 20 ou a primeiros da década dos 30 coma veremos a continuación.

Consta coma o afiliado 521 do sindicato El Avance Marino da CNT con data de ingreso 01 de outubro de 1931 (CDMH_PS_SAN_O_C0141_EXP0007_0015). Trátase entón dun dos afiliados de primeira hora do sindicato trintxerpetarra. Hai que ter en conta que o sindicato comeza a súa andaina en 1933, porén, para Humberto e outros moitos anarquistas galegos, entendemos que probablemente se toma coma referencia a súa militancia no sindicato La Unión Marítima (UXT).

Este sindicato de pescadores clandestino comeza a xestarse en Trintxerpe en 1930 apoiado pola consonancia entre socialistas, comunistas e anarquistas. Deseguida comezan a agromar descontentos e tensións entre os socios, sobre todo é palpable na parcela libertaria.

En 1931 o recente goberno da República dispón tres ministerios ocupados por políticos socialistas: Francisco Largo Caballero como ministro de Traballo, Indalecio Prieto na carteira de Facenda e Fernando de los Ríos en Xustiza. Polo tanto o posicionamento da UXT é máis moderado e mesmo dialogante que o dos seus compañeiros da CNT ou do Partido Comunista. Así a todo, o paulatino control do sindicato por parte dos comunistas conduce á radicalización da folga xeral convocada o primeiro de maio do 31. O asunto vai tomando tinguiduras máis políticas que laborais (Barruso, 1996). E isto non gosta aos anarquistas.

A folga exténdes ao longo de todo o mes. Así chegamos ao día 27. Día tráxico e que vai constituir o punto de inflexión que propicia a escisión dos anarquistas para a fundación do seu propio sindicato. Organízase unha marcha cara á capital presidida por dúas pancartas: “Libertad para nuestros

compañeros” e “Queremos pan para nuestros hijos”. Tras elas camiñan arredor de 2000 manifestantes. Á altura do reloxo monumental de Ategorrieta divisoria xa có termo municipal de Donostia xunto ás cocheiras dos tranvías atópase a garda civil e alí prodúcese a traxedia. Despois dalgún tipo de advertencia por parte dos gardas, desoída polos manifestantes, o oficial ao mando do destacamento ordea abrir fogo: a sorpresa inicial dá paso ao caos xeralizado, aos berros e ás carreiras precipitadas. Sobre o firme quedan 7 falecidos e máis de 30 feridos. Moitos deles con apelidos de clara orixe galaica (Portugal, 2007).

A folga finalmente é desconvocada o 12 de xuño. A fin da folga xeral non semella acalar as disensións internas do sindicato entre as diferentes sensibilidades. Algúns mariñeiros próximos á CNT séntense traizoados e manipulados por socialistas e comunistas. Chegados a finais de 1932 ábrese dentro do sindicato a posibilidade de elixir: continuar ao amparo dos socialistas ou desprazar a loita cara a CNT. A poboación galega cada vez máis concienciada e queimada polo tráxico final da folga do ano anterior manifesta en dúas votacións a súa preferencia polo anarcosindicalismo.

Afiliados afíns ao anarcosindicalismo abandoan o sindicato e a principios de 1933 organizan un sindicato propio: Sindicato de Industria Pesquera y sus Derivados El Avance Marino; con sede en Pasai San Pedro con local na rúa Francisco Andoanegui, nº 13 (Pereira, 2006).

Poucos meses antes do comezo da guerra de 1936 Humberto e os seus compañeiros vense envoltos nunha nova loita sindical para conquerir melloras sustancias nas condicións laborais das tripulacións das parellas de bous. Unha vez máis Pasaia é un fervedoiro e toda actividade laboral cesa. En xullo cada estoupa o conflicto civil as reivindicacións dos homes do mar aínda non teñen acadado bo porto.

Durante o verán serve coma garda no Comisariado de Guerra de Pasajes San Pedro (CDMH, serie B. Carp. 64. FOL. 96). A perda de Gipuzkoa pola República vai obrigar á familia González - Toucedo á procura de refuxio en Bizkaia. En Bilbo Humberto pasa a formar parte do batallón CNT Nº 6 Celta alcumado por Afonso Daniel M. Rodríguez Castelao Os Leóns do Norte. A formación do batallón Celta é tardía, correspondese a finais de novembro do 36. Asígnaselle o Nº 30 e

intégrase na 2ª División, 12ª Brigada. Coma comandante militar do batallón atopamos a Luis Vázquez Rodriguez de A Pobra de Trives (Ourense) e coma comandante intendente a responsabilidade recae sobre o donostiarra Eusebio Murizo Mendizabal. Na segunda quincena de febreiro de 1937 Luis Vázquez será sustituido polo ata o de momento comandante do batallón CNT Nº 3 Isaac Puente Manuel de la Mata. Descoñecemos a razón. O cuartel do batallón emprázase no colexio dos Salesianos de Barakaldo dende onde parte en decembro a ocupar as posicións do monte Kalamua moi preto á poboación de Markina (Bizkaia) e da raia con Gipuzkoa. O 26 de decembro o batallón entra en combate por primeira vez. As tres primeiras compañías do Tercio de Lacar (Herrera, 2005) atacan as posicións máis avanzadas do sector. As que están baixo o coidado dos combatentes do Celta. O ataque dos requetés non prospera e deben retirarse adoecendo de importantes baixas nas súas ringleiras.

Llegada la noche, nuestra compañía recoge y evacua las bajas, que han sido numerosas (…). Continúan disparando nutridamente, pero como no nos ven, con orden y serenidad regresamos todos a nuestras trincheras (Herrera, 2005).

O Celta tamén conta con baixas destacando a do tenente marinense (Loira, Marín, Pontevedra) Manuel Aguete Lino (elgajedeloficio.wordpress.com).

Humberto percorre da man do Celta distintas frontes de guerra e vai ter ocasión de ollar en primeira persoa os horrores da guerra: Porto de Krutzeta (Aramaio, Araba); Udala (Arrasate, Gipuzkoa); Zugastieta (Muxika, Bizkaia) ou no barrio de Loroño de Larrabetzu (Bizkaia) onde ocupa posicións no famoso Cinturón de Ferro. Durante a xornada do 12 de xuño de 1937, día da ruptura do Cinturón, o batallón participa nos contraataques que tentan taponar a entrada das tropas inimigas unha vez teñen desbaratado un dos tramos da colosal liña defensiva vasca. Son intres cruciais. Mais nada se pode facer para evitares o desastre. A costa de moitas baixas os célticos vense na obriga de repregarse. O caos é total na retirada e farrapos de batallóns fuxen case que a desbandada cara Bilbo sentindo o alento dos seus perseguidores na caluga. Nos arredores da capital biscaíña, isto é, nos montes Artxanda e santo Domingo improvísase unha feble liña defensiva. Sabemos que alomenos

en Artxanda membros do batallón apresentan batalla en inferioridade de medios e posiblemente numérica. De feito alí deixa a vida un camarada de Humberto. Trátase do cormelán Ramón Fariña Amigo.

Mi padre murió el 18 de junio (…) en Artxanda (…). Porque dijo el amigo de mi padre que había volado dos tanques y el tercero lo había aplastado completamente (Josetxo Fariña, entrevista).

Pérdese Bilbo para a República o 19 de xuño. Humberto e os seus compañeiros retíranse cara a provincia de Santander xunto o que queda en pé do Euskadiko Gudarostea. Mais aínda ten folgos para participar na derradeira batalla en chan vasco. Referímonos á batalla do monte Kolitza (Balmaseda, Bizkaia) acontecida entre os días 26 e 29 de xullo de 1937. A batalla resulta un completo desastre e o Celta castigado con severidade deixa tras de sí nos sucesivos embates contra as posicións feixistas un ronsel de baixas. Mesmo chegan ata o aramado das trincheiras contrarias e a bo seguro Humberto é impotente testemuño da desfeita:

Hemos presenciado la marcha de la operación. Cuando los gudaris estaban en la alambrada un jefe del Estado Mayor decía palabrotas porque los gudaris no llegaban al cuerpo a cuerpo. Lo que este jefe no veía era ese imposible, pues esos gudaris estaban muertos (Beurko, 1977).

O batallón está desfeito. A batalla do Kolitza será a derradeira na que participe o Celta. O 12 e agosto sabemos que Humberto e os seus camaradas fica acantoado nalgún punto entre as localidades cántabras de Otañes e Castro Urdiales. Logo vai ser trasladado a Colindres en calidade de batallón de reserva.

A ofensiva franquista do 14 de agosto pretende finiquitar coa resistencia na provincia e rebélase demoledora. Os diferentes escalóns defensivos cántabros non soportan a presión do inimigo resultando farto habitual o abandono das posicións e a crecente desmoralización da tropa. Nas ringleiras republicanas campa o caos. A provincia santanderina ten os días contados. A sorte está botada desque a meirande parte dos batallóns vascos abandoan a fronte para concentrarse en Santoña e finalmente renderse aos italianos no que se dará en coñecerse coma o Pacto de Santoña (Asinado o 24 de agosto do 37). O Celta é un dos batallóns que se vai concentrar nesta vila. E é

neste intre cando se perde a pista de Humberto González Castelo.

En novembro de 1937 a súa dona Carmén Toucedo solicita en Barcelona as nóminas que se devengan ao seu marido. No documento trascende que o noso protagonista desaparece en Cantabria o 22 de agosto de 1937 en combate (CDMH_SM_PSET_C134_001). Pouco máis aporta sobre as circunstancias da súa desaparición. Nada maís se sabe da sorte do miliciano sonense, Tampouco onde repousan os seus restos.

Os derradeiros días de vida de Humberto González Castelo permanecen no máis absoluto misterio. A mesma historia repítese, por desgraza, en milleiros de combatentes republicanos esquecidos ao longo da xeografía española.

Fontes e Bibliografía

• Centro Documental de la Memoria Histórica (CDMH)

• Entrevista a Josetxo Fariña, Pasaia, 23/01/2016.

• Barruso Barés, Pedro. Verano y Revolución. La Guerra Civil en Guipúzcoa. Donostia, 1996.

• De Beurko, Sancho. Gudaris. Bilbao, 1977.

• Herrera Alonso, Emilio. Los Mil Días del Tercio Navarra.Valladolid, 2005.

• Pereira, Dionisio. El Trintxerpe Republicano: Génesis de la Denominada “Quinta Provincia Gallega”. Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, nº5, pp. 737-743. Donostia, 2006.

• Portugal Arteaga, Xavier. Pasaia 1931-1939. La Memoria de los Vencidos. Pasaia, 2007.

• Vargas Alonso, F. Manuel. Anarquismo y Milicias de la CNT en Euskadi. Eusko Ikaskuntza, 1996.

Webs • A Balada dos Irmáns “Cobizas”, https://elgajedeloficio.wordpress.com/ , 18/11/2016

Comentarios (0) - Categoría: 03.- XERAL - Publicado o 24-05-2020 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO