PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

OS NOSOS GAITEIROS
Letras galegas 2011. Homenaxe a Manuel González. Povoado de Pescadores de Pasai San Pedro
LIMIAR

Quizais seña moi fachendoso pola miña parte dicir “nosos”, pero de feito se hai persoas que co paso dos anos véñense coñecendo como unha imaxe dos nosos grupos galegos que tocan na bisbarra, se non os únicos, sí o son as catro persoas que vou a nomear. Na aitualidade vencellados a dous grupos:

NOVAS FONTES: Deste fato dúas son as persoas sobranceiras.
ANTONIO GARCÍA CORRAL, nado en Moar-Prado, (A Coruña) o 14 de maio do 44. Veu ao Pais Basco o día de San Miguel do ano 63 (29 de setembro) e afincou en Hernani, onde casou cunha paisana de Lugo. Neste povo guipuscoán coñeceu a Manuel Villar, escomenzando a toca-la gaita con el, hai uns trinta anos, e sendo este o seu mestre. Antes delo o único contato que tivera coa música era o que tocara coas pallas do centeo ou do trigo cando ía pastexa-las vacas na Terra. Deste xeito escomenzou en Hernani, ensaiando en Villa Manolita nun grupo alcumado “Os Manolos”, pois había moitos chamados así. Seguindo os pasos de Manolo, pasou á Casa de Galicia, hastra que, hai máis de vinte anos fundan Novas Fontes ensaiando no colexio Javier Zelaia de Hernani. Iste grupo é a maiores o que sae a día de hoxe, como banda de gaitas da sociedade Carballeira de Zarautz.
MANUEL VILLAR GONZÁLEZ, nado na parroquia de Lamela , concello de Silleda (Pontevedra) no ano 1946, o 1 de novembro, día de santos. Despois dun periplo de dez anos por Venezuela voltou a Euskadi -pois xa estivera antes- na primeiría da década dos 70, cunha familia xa formada: A súa compañeira de Carcacía -Padrón- e o fillo Xoán, que tamén é membro do grupo. Instálase en Astigarraga e abre un pequeno negocio en Hernani, onde había unha comunidade galega mormente de entre Santiago e Ordes, a meirande parte do concello de Sigüeiro-Oroso, e que viñan traballando principalmente na desaparecida fundizón de Orbegozo. Xunto a súa mercería había unha zapatería rexentada por Manuel Beis, de xeito alcumado “zapateiro”, que xa tocaba o bombo nun grupo, i enliouno para toca-la gaita. Até daquela, o seu contato coa música fora unha frauta traveseira de madeira que tocara de rapaz. Deste xeito chegara coñecer a Angel Gómez, ao que ten en moita estima coma gaiteiro, e tamén a Manuel Ferreiro e Julio, do grupo “Os Alegres” de Pontevedra. Con estes e outras persoas formara parte do xa nomeado “Os Manolos” (que, de feito, chamabase “Semente Nova”...) Dende aiquí segue a mesma traxeitoria -como xa dixemos- de Antonio García. Pois aos dous a música xunguiráos nunha grande amizade. E deste xeito chegamos ao día de hoxe con NOVAS FONTES que percorre Euskalerria coas súas gaitas, tendo levado os sons da gaita galega por vez primeira a povos coma Oinati.

TRISQUELE, O GRUPO DA CASA DE GALICIA: Se hai unha asociazón na que a comunidade galega ten unha longa história na bisbarra, esa é a Casa de Galicia con sé en Donosti. Xa vai facendo andaina cara aos cen anos. E como non, ela ten unha das bandas de gaitas de máis sona: TRISQUELE. E a ela van estaren vencellados os nosos outros dous gaiteiros.
AURELIO CANDAMIL DE LA TORRE é nado en Marín, na parroquia de Mª do Carme de Loira. Veu a Pasaia no ano 53-54, tendo os irmáns ao mar para ir el tamén. Máis ao chegar deranlle traballo de perruqueiro. Logo, no ano 60, pasou unha estadía en Francia, e, á volta mercou un local en Azkuene estabelecéndose alí. Ao vir, primeiramente vivira na casa dun irmán en Orereta. Pero, ao casar no ano 62 con Mª Pérez Martínez, de Noia, fixo o seu fogar na rúa San Pedro de Pasaia, no edificio nº 9, do que se teñen tantas versions do seu derrubamento. Despois dese sucedido trasladouse a vivir á rúa Jaizkibel do mesmo concello.
Desde moi novo xa tiña afeizón á música, e facía gaitas. Coa bexiga do porco o fol,e a cana cun canaval. Aos 18 anos fixera unha gaita, con buxo, e para os anelos corno de boi. O fol, ao non ter mostras, non sabía como o facer, polo que fora ver a Poceiro en Pontevedra na Ponte do Burgo i este díxolle que o fol era moi caro: “50 pts, cando daquela un xornaleiro gañaba 10 pts”. Mais ao vé-la vontade daquel rapaz, díxolle para levar á feira de Pontevedra o traballo feito e máilas ferramentas con que o fixera; e debeu de quedar moi sorprendido, pois agasallálle as palletas e mai-lo fol. Para rematá-la obra, unha modista regaloulle a funda feita dun gabán.
Alí na terra chegou tocar nun grupo de Marín chamado “Os Gaiteiros de Lourezán da Carballeira”. Ao recalar nesta terra viñérano buscar para tocar no centro galego donostiarra, no que segue a día de hoxe..Nota: Estando a punto de sair do prelo este traballo aconteceu o seu pasamento na súa casa de Pasaia (*1932 +2011)
XOSE PIÑEIRO PADIN nacera na parroquia de Aldan, concello de Cangas do Morrazo en Pontevedra, o 21 de maio do 1928. Viñera recalar ao Pais Basco no ano50, vivindo no altzatarra barrio de Buenavista, vindo casar o dous de maio do 1954 na igrexa pasaitarra de San Pedro Apostolo, con Juana Aristegi Berrueta; muller nabarra, do povo de Etxalar. Tendo o matrimonio cinco fillas.
O de Xosé non foi a gaita, pero no seu sobranceou. Manoel Villar ten dito del que foi un dos millores caixeiros cos que tocou. E de feito pouco antes de marchar para o servicio militar, empezou a tocar o tambor no grupo “Airiños do Mar” de Hío. E despois formara parte do grupo de danza “Damas y Galanes”, de San Roque de Hío.
Xa afincado en Gipuzkoa, entrara como socio da Casa de Galicia en Donosti e nesta él e mái-lo seu tambor estiveron vencellados a Trisquele hasta o seu pasamento o 31 de marzal do ano 2009, no tempo en que se estaba a artellar iste traballo.

REMATE:

Na década dos 20 desaparescían os últimos gaiteiros de Euskadi na Rioxa Alavesa. As súas gaitas mesmo xa eran galegas ás que lles facian un pequeno amaño nos punteiros. Nos anos trinta a Casa de Galicia escomenzaba a súa andaína, e mesmo hoxe herdeiros de todos estes gaiteiros das nosas asociacións e bandas de gaitas estan a recuperaren o intrumento en Gipuzkoa. Velaí a Manuel Gómez recoñecido membro de Trisquele, que hoxe imparte Gaita Galega no conservatorio Ilunbe de Pasaia. E logo, ú-los límites da cultura?




Filipe Domínguez Avilés
Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 04-02-2012 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO