PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

POEMA POL@S COMPANHEIR@S FINADOS
Onde estás compañeira

que non te vexo,

olliños do teu pai,

sorriso do Fato.

E o tempo é un pano gris,

que pousa enriba de nós

e vai tecendo o noso deslembrar

a túa imaxe

o teu falar

o teu sorriso

o teu mirar.

Onde estás compañeira

que non te vexo,

olliños do teu pai,

sorriso do Fato.

Compañeiros dos tempos idos

vivides no noso porvir,

sodes a fenestra

pol.a que axexan

os que inda estan por vir.

Onde estás compañeira

que non te vexo,

olliños do teu pai,

sorriso do Fato.

Compañeiros dos tempos idos,

compañeiros dos que han de vir;

vivides no noso ser

xaque logo, sodes parte de nos.

Alda, Xesús, Moncho, Manoel María, Manolo, Lois, …

Estades no que fomos nós.

Vivides no que somos nós.

E nos que coma nós han vir a seguirmos a face.lo camiño.

Onde estás compañeira

que non te vexo,

olliños do teu pai,

sorriso do Fato.



Filipe Domínguez Avilés

Letras Galegas 2019
Comentarios (0) - Categoría: 03.- XERAL - Publicado o 14-10-2019 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
DISCURSO DE ENTREGA E RECEPCIÓN DA NAVALLA DE MANUEL MARÍA
(CAMPA DA SANTA ISABEL, OUTEIRO DE REI, 8-SETEMBRO-2019)

Boas tardes a todas e todos.

Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer a tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude pois pra Alfonso, para Irmandade Manuel María e para Asociación Xermolos.

Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Chá, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “ Galicia somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.

Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier Docampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da “casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida:”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” ( o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, A quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María ? (A luz resucitada, 1984):

“Miña pequena, querida, preciosa navalliña

de marfil, prata, corno de cervo

e moi excelente aceiro cortador,

no lombo levas estas letras.C C.,

iniciais daquela miña avoa, chamada

Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,

sombra esvaída na lembranza miña.

Tes gravada, no mango ben luído,

o sol e máis a lúa, símbolos

do mundo astral e da vida xenerosa,

que en nós latexa, corre, brinca e canta...”.

A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para un prosaica tarefa “ in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).

A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por tódolos poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ó meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.

Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros os clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.

Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!!. Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ó torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeziña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.

Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, “Sonetos ó Val de Quiroga”, e varios poemas. Son moi parcial deste.

"SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.

“Carballo de Carballido:

na Terra Cha tes nación

e levas no corazón

un puro amor trascendido!

Non deas nunca ó olvido

idioma, patria e canción

que o teu nativo torrón

queda, sen ti, dolorido!

Asume un novo destiño

plenamente. E sen espera:

faite luz, símbolo e siño!

Ti non eres un calquera:

dille en galego ó Pepiño

que che adeprenda o euskera!”

Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole".

Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando fuxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.

Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Garda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.

Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia: “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.

Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle da tempo, morre. Pero non teñades presa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ó cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.

Xosé Estévez.

Comentarios (0) - Categoría: 09.- MANUEL MARIA ENTRE NÓS - Publicado o 24-09-2019 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
ENTREGA DA NAVALLA MANUEL MARÍA

O pasado día 8 do setembro o compañeiro Xosé Estévez recibeu a navalla Manuel María da man de Branca Rodríguez. Nunha ocasión tan especial coma esta; non pol.o feito de recibir o Pepe un premio, pois xa ten acadados un boo feixe, se non pol.o premio en sí, por leva-lo nome do amigo e compañeiro Manoel María. Amigo e compañeiro da nosa asociazón xustamente pol.a fonda amizade que desenvolveran o Pepe e mai-lo Manol María. Tivemo-la sorte por elo de contar con Él en moitas vegadas entre nós. Por eso e por moitos outros motivos o compañeiro Xohan Mourinho representounos nun auto en que se nos fascían presentes dous amigos tan senlleiros.
Comentarios (0) - Categoría: 09.- MANUEL MARIA ENTRE NÓS - Publicado o 19-09-2019 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
NAVALLA MANUEL MARÍA PRA XOSÉ ESTÉVEZ

O nosso companheiro, historiador e escritor "Pepe" Estévez, será condecorado este ano coa navalla Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). Non podemos máis que amosar a nossa ledicia e orgullo por este máis ca merecido reconhecemento. Coma todos os anos, o poeta da Terra Cha será lembrado e homenaxeado no cabodano do seu pasamento. Parabéns Pepe!!!
Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 03-09-2019 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO