PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

GALEUSKA 2008: Intervención de Xosé Estévez
Intervención co gallo da constitución da Federación Galeusca de escritores. (Poblet, 15-xuño-2008)

BOS DÍAS, BON DIA, EGUN ON.

En primeiro termo quixera expresar o meu sinceiro e férvedo agradecemento ás tres Asociacións de escritores, especialmente á galega, por convidarme a exercer de protagonista oral e representar a Galiza neste acto histórico e solemne. Cicais se deba ó feito de ter participado en 14 galeuscas dos 24 celebrados deica agora. No III Galeuzca, celebrado en Baiona (Galiza) tiven a sorte de coñecera Ignasi Riera e o inmenso galano de conversar até as tres da noite con dous grandes da nosa literatura e amigos inesquencibles xa finados, Uxío Novoneyra e Manuel María, asiduos concurrentes ós Galeuscas.

En segundo lugar, é propio da natural nobreza dos galeuzcanos agradecer ó Reverendísimo Señor Abade, D. Joseph Alegre, ó Reverendo Prior, Pai Lluch Torcal, e á Comunidade de monxes cistercenses do monestir de Poblet que nos ofrendasen xenerosamente para a celebración desta efeméride este marco incomparable e maxestuoso, monumento da humanidade dende 1991 e xoia da arte gótica, onde acougan reises da antiga Coroa de Aragón e onde viñeron os cistercenses en 1150. Un dos tres piares normativos destes monxes é a lectura repousada ou ?lectio divina?. En Galiza contamos con mosteiros da mesma orden: Sobrado dos Monxes e Oseira e en Euskal Herría tamén: A Oliva e Cenarruza. Debo lembrar neste intre que os peregrins galeuzcanos da viaxe triangular ficaron abraiados pola beleza deste mosteiro, daquela sen monxes, o 4 de agosto de 1933, como nos conta Alvaro das Casas no seu relato:

?Perto das dez saímos pra Poblet, mosteiro fermosísimo, xoia das máis estimadas da histórea e das artes cataláns, que nos amostra con detimento o arquiteito César Martinell. Eiquí recebimos os comprimentos dunha delegazón de Unió Democrática, que chega de Barcelona?.

O galeuzca histórico de xorne político posúe unhos fitos ben sinalados: A Triple Alianza de 1923, o Pacto de Compostela ou Galeuzca de 1933 (-do que se cumpre o 75 aniversario-), o pacto de Bos Aires de 1941, o manifesto Galeuzca de México de 1944, os numerosos proxectos galeuzcanos tanto no exterior como no interior entre 1945-1947 e os manifestos Galeuzca de Bos Aires e Caracas en 1958-59 (- máis recentemente a Declaración de Barcelona de 1998 e o Galeuscat do 2006-).
En todos os pactos artellados até 1959 estiveron presentes escritores das tres nacións que interviñan en política por imperativo ético. Os escritores nos son persoas que viven na estratosfera. Son a conciencia da sociedade. Están xunguidos á Terra, sinten en carne propia os deveceres da súa patria e comprométense con ela. Entre os escritores que interviñeron dalgún xeito nestes Galeuzcas históricos sobrancean os seguintes:

Por Galiza: Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Alvaro das Casas, Cabada Vázquez, Carballo Calero, Blanco Amor, Delgado Gurriarán, Alonso Ríos, Valentín Paz Andrade, Núñez Búa, Plácido Castro, Víctor Casas, Xerardo Alvarez Gallego, Guerra da Cal, Beito Cupeiro, Xosé Velo Mosquera, Neira Vilas, Fernández del Riego e un longo ecétera. No caso de Euskal Herria salientarían: Aitzol, Telesforo de Monzón, Ixaka López Mendizábal, Lauaxeta (fusilado polo sublevados en 1937 e que fixo o primeiro chamamento a un galeuzca de escritores en 1935 co gallo do centenario de Pondal) Vicente Amézaga, Ildefonso Gurruchaga, Matxari, Andima Ibinagabeitia etc. Dos Paísos Catalans son merecentes de nomear: Jaume Bofill i Mates, Antoni Rovira i Virgili, Lluis Nicolau D´Olwer, Ventura Gassol, Joseph Carner, Joan Puig i Ferrater, Batista i Roca, Pau Vila, Amadeu Serch, Martí Esteve, Pompeu Fabra, Joan Estelrich, Maspons i Anglasell, Jaume Miravitlles, Manuel Serra i Moret, Joseph Trueta, Miquel Ferrer, Carles Pi Sunyer, Joseph Pineda i Fargas, Joan Rocamora i Cuatrecasas, Pere Mas i Perera , Baltasar Samper, Joan Cid i Mulet , Joseph Soler Vidal etc.

Esta iniciativa de crear a Federación Galeusca de escritores, como instrumento xurídico de coordinación e acción conxunta, é verdaderamente xenial e digna de louvanza. Espero que sexa más efectiva que o galeuzca político, dabondo vencellado a intereses internos e presións alleas. Polo que a min atinxe e dentro das miñas humildes posibilidades estou disposto a apoia-lo nos foros donde sexa preciso. Deste xeito, aunando esforzos e vontades, xa non nos meterán ?tantas pedras molladas non nosos bolsiños aburacados?, como decía Joseba Sarrionandía nun poema do seu libro ?Harriak eta herriak?. Nesta xeira conflúen tres vontades e un soio amor como expresan estes dous versos de Salvador Espriu, que foi o lema do II Galeuzca de escritores, celebrado en Donostia do 4 ó 6 de outubro de 1985 e recollido nunha serigrafía de Angel Uranga coa que nos agasallaron:

?Diversos son els homes i diverses las parles
i han convingut molt nomes a un sol amor?.


Tamén acaen istes versos de Martín Fierro:

?Unidos os irmáns estexan.
Esta é a razón primeira.
Teñan unión verdadeira
Sexan os tempos que sexan,
Porque se entre eles pelexan,
Devóranos os de fora?.


Moitas grazas, Moltes gracies, Eskerrik asko.
Xosé Estévez.

Comentarios (0) - Categoría: 10.- GALEUSCA - Publicado o 06-07-2008 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
e-Correio: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
VISITANTE NUMERO




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0