PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

A Balada dos irmáns “Cobizas”
Artigo de Satxa Balchada

O 26 de decembro de 1936 falece en combate no monte Kalamua (Markina, Bizkaia) Manuel Aguete Lino. Exerce coma tenente na 2ª compañía do batallón CNT Nº 6 “Celta”. Segundo parece o seu irmán Antonio, tamén combatente no Exército de Euskadi, enteirado do tráxico final de Manuel; nun intre de arrebato, quizais de enaxenación encarámase aos sacos terreiros fóra de si e comeza a disparar desaforado contra as liñas contrarias. Antonio, e segundo parece, remata neste punto o seu periplo na guerra, ese 26 de decembro de 1936. A vida de dous irmáns segadas no mesmo día.
Alomenos esta é a versión dos feitos atesourada pola familia dos finados.

Mais o asunto non remata aquí, pois como en tantas outras voces durmidas ocultas pola historia recente, engade unha nota a maiores, un halo de misterio que 80 anos despois permea sobre os irmáns Aguete Lino. Son incongruencias, incertidumes que despois de tantos anos ocultas polo medo e a desazón, buscan saír a luz.

A súa historia da comezo coma a de tantos outros centos de mozos nados nas rías galegas e que decidiron no seu momento probar fortuna lonxe do seu lar en O Seixo (Marín, Pontevedra).
Na súa terra as condicións laborais adolecen dunha precariedade abafante, traballo duro durante demasiadas horas e en condicións que raian a escravitude na meirande parte dos casos por un soldo miserento que apenas lles da folgos para afrontar o día a día. Iso se teñen a sorte de ter un traballo. Nas rías galegas os mariñeiros malviven e o paro é unha lacra.

Posiblemente o efecto chamada dalgún amigo ou veciño anima a Manuel a establecerse en Trintxerpe (Pasaia, Gipuzkoa) alomenos no 1927 con apenas 15 anos de idade. Antonio con 17, reunese con él catro anos despois.

Logo de rematada a Grande Guerra Francisco Andonegui, dono da PYSBE (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España) precisa imperiosamente man de obra cualificada e competente debido ao repunte no consumo de bacallau en todo o estado; a poboación autóctona antóllase insuficiente para cubrires non só ás tripulacións das parellas de bous que zarpan a faenar, senón tamén os postos de traballo en terra: Estibadores, almaceneiros, redeiros,... Ademais existe outra razón de peso que suxire a Francisco Andonegui a pousar os ollos nas rías galegas. O motivo principal é que os arrantzales vascos xa comezan a organizarse en sindicatos, xa se queixan, e cuestionan as condicións impostas pola patronal. Pola contra os mariñeiros galegos carecen dun tecido socio-sindical forte, resultan traballadores dóciles e extremadamente cualificados. A cousa non pode ser mellor para o empresario e os galegos chegan cal marea a Pasaia para traballar duro a cambio dun soldo e condicións deplorables, anque non tanto coma na súa propia terra.

Coa chegada da República os mansos galegos comezan a despoxarse da pel de cordeiro. Ao longo da costa galega os traballadores do mar son quen de comezar a organizarse á vez que van gañando conciencia de clase. Este espertar social trae consigo o nacemento, baixo a batuta da CNT ou da UGT, de sindicatos de oficios do mar que van gañando pulo pouco a pouco. Os galegos residentes en Trintxerpe non lles van á zaga e a principios dos anos 30 ven a luz sindicatos que arroupan a mariñeiros e traballadores en terra, caberían destacar tres: Avance Marino (CNT), La Unión Marítima (UGT) e La Polar (UGT). Os tres cobrarán especial protagonismo nos meses previos ao estoupido da Guerra Civil á cabeza dunha folga de longa duración que pretende acadar sustanciosas melloras para os homes do mar tanto nas condicións salariais coma de traballo.

Manuel Aguete está afiliado ao sindicato de signo socialista La Unión Marítima e posiblemente ao comezo da guerra civil é un dos tantos galegos trintxerpetarras que acode presto á defensa da República combatendo nun primeiro intre nas rúas donostiarras, para logo, unha vez controlada a capital de provincia polas milicias da Fronte Popular unirse ás diferentes compañías ou centurias que pululan por toda a provincia ata a súa caída en setembro de 1936. De Antonio polo momento non temos novas, os seus pasos perdense oficialmente en 1935, data na que aparece censado, xunto ao seu irmán nunha pensión sita no número 55 da rúa Francisco Andonegui (Actual Euskadi Etorbidea) rexentada por una galega oriunda de Seixo, Consuelo dás Mercadelas, familiar de Manuel e Antonio.

Con Gipuzkoa en poder dos fascistas os dous irmáns recalan en Bilbao, a Manuel atopámolo deseguida integrando o batallón comunista Larrañaga, exerce coma sarxento na 4ª Compañía xunto a outros galegos.

Mais axiña Manuel abandoa a disciplina do Larrañaga para integrarse no batallón CNT Nº 6 Celta, en decembro do 36, feito constatado na nómina do mesmo có grao de tenente. Posiblemente o motivo deste troco de batallón débase en boa medida a que o Celta é un batallón formado case en exclusiva por milicianos galegos, moitos residentes en Trintxerpe e oriundos do seu Seixo natal como é o caso de Benito Carballo Quiroga, Alejandro “Moaña” Bernardez ou Manuel González Martínez.

O devandito batallón trasládase á fronte de Markina (Bizkaia) a primeiros de decembro de 1936 onde permanece ate finais dese mes, ocupa as posicións situadas no monte Kalamua. Alí establecidoo batallón ocupa as trincheiras máis próximas á cima; á maís perigosa e delicada dado o seu emprazamento, a soamente uns escasos 70 metros das liñas inimigas, é a denominada polos sublevados coma Posición nº 2.

O 26 de decembro o sector cede á tónica habitual de monotonía, son os fascistas os que moven ficha e dá comezo un intenso ataque para desaloxar aos rojos das trincheiras veciñas; o batallón San Andrés de ANV, situado á dereita do Celta, recibe orde de retirarse. Cando o está a facer observan como o Celta abandoa tamén as posición debido ao cruento ataque que reciben, tanto por mar, por parte do acorazado España, coma por terra; deseguida instan aos milicianos galegos a regresar a acción e non ceder un ápice ante o avance das tropas contrarias, a indignación dos abertzales consegue o obxectivo desexado e os milicianos do Celta dan media volta e conseguen manter a posición con bravura a costa de importantes baixas. Neste día, na chamada batalla de San Esteban, falecen entre outros compañeiros o tenente Manuel “Cobizas” Aguete Lino; tamén coma consecuencia destes combates falecen ao día seguinte no hospital civil de Bilbao Andrés Pérez Millán de A Pobra do Caramiñal e o día 28 o sarxento da primeira compañía Juan Pérez Mariño.
Coma dicíamos ao comezo do presente texto, cando Antonio recibe a fatídica nova do falecemento do seu irmán, sumerxese nunha voráxime de sentimentos que guian as súas acción cara un triste desenlace para si mesmo. Feitos que narra Jesús Carballo, tamén oriundo de O Seixo e residente en Pasaia naqueles fatídicos anos, nas súas memorias:
“Estuvimos recordando a los que murieron en Pasajes defendiendo la República (…) los dos hermanos Cobizas (…) estaban integrados en un batallón de la C.N.T., y no estaban juntos en el frente, pero cuando uno de ellos se enteró que habían matado a su hermano, se puso de pie en el parapeto desafiando al enemigo y lo acribillaron a balazos”.

Esta versión é a que se transmite dunha xeito clandestino a Encarnación e a Antonio, os pais destes dous irmáns, os cales en silencio choran a morte dos seus fillos, coa dor propia dos feitos ocorridos e co medo no corpo polas posibles represalias; o cal fixo, que pouco a pouco a historia quedase case esquencida da memoria familiar.

A intriga, o misterio que envolve estes feitos ocorridos escasamente 80 anos son por una banda, o descoñecemento da localización dos seus corpos e por outra, a incerteza da veracidade do mesmo. Pois, as recentes investigación ubican a Manuel na nómina do batallón Celta así como tamén na existencia dunha ficha de parte do seu falecemento sita no Archivo Provincial de Bizkaia, na que trabucan o batallón onde Manuel combate, pois o inclúen no batllón Rosa de Luxemburgo que por esas datas tamén cobre o mesmo sector que os célticos.
¿Pero que hai de Antonio? ¿Milita tamén no batallón Celta? ¿Qué pon no seu ficheiro que da fe da súa morte?... Realmente, non o sabemos, a incertidume da lugar a un sínfin de preguntas para os seus descendentes, os cales buscan respostas o acontecido realmente naqueles días de chumbo que lles tocou vivir os seus familiares. ¿Realmente Antonio combatíu xunto ao seu irmán?. Se o fixo ¿Por qué o seu nome non aparece nás nóminas do Celta?. ¿Combatíu noutro batallón?... Polo de agora non existen respostas a estas preguntas, soamente especulacións. Quizais Antonio non quixo alonxarse de Manuel e alistouse no Celta, pois na nómina correspondente á primeira quincena de decembro consta na 3ª compañía un miliciano chamado Antonio Aguete Garrido ¿Puido quizais o encarregado de tomar o nome dos combatentes confundirse no momento da transcripción dos seus apelidos? ¿Ou quizais Antonio engrosa as ringleiras do Rosa de Luxemburgo e de ahí que no ficheiro onde se constata a morte de Manuel crucen os datos dos batallóns? Mais… unha vez repasada a nómina do Arrosa continuamos igual que antes, non hai rastro de Antonio. Non descartamos que militase nalgún outro batallón de Euskadiko Gudarostea ao que non teñamos accedido ás súas nóminas. Pero soamente son elucubracións, hipótesis, un milleiro de preguntas sen respostas.

Unha nova sorpresa aínda se apresenta para salpimentar esta fascinante historia. Recentemente, a familia Aguete descobre que Manuel casou en Trintxerpe cunha moza vasca, Ignacia Urtaza, embarazada de apenas tres meses cando ocorre o fatal desenlace do seu home. Foi evacuada a Barcelona e alí sobrevive á guerra, sendo quen de criar ao pequeno Manuel Aguete Urtaza o cal, nunca puido coñecer ao seu pai nin aos seus parentes galegos. A guerra non só esnaquizou vidas senón que tamén impediu o reencontro familiar, froito do mutismos xenerado polo medo.

Logo de varias décadas ábrese unha fiestra á esperanza que pode aportar á súa familia máis datos acerca das vivencias destes dous mozos, un hálito que trae debaixo do brazo sorpendentes xiros e novedosos descobrementos vetados ata hai ben pouco. As voltas que da a vida.

FONTES
• Archivo Histórico Provincial de Vizcaya/Bizkaiko Artxibo Historiko Probintziala (AHPV/BAHP)
• Archivo Histórico de Euskadi/Euskadiko Artxibo Historikoa (AHE/EAH).
• Carballo Quiroga, Jesús. Memorias. Inéditas
• Estévez, Xosé; Otaegui, Marta. Protagonistas de la Historia Vasca (1923-1950). Ciclo de mesas abiertas 21-31 de mayo de 1984. San Sebastián, 1985.
• Urkijo, Jaime; Coordinación: José Ángel Fernández León y Alberto J. Sampedro. Diario de un Gudari en el Frente de Euskadi. Intxorta 1937 Kultur Elkartea, 2014.
• Vargas Alonso, F. Manuel. Anarquismo y Milicias de la CNT en Euskadi. Eusko Ikaskuntza, 1996.
Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 27-09-2021 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
e-Correio: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
VISITANTE NUMERO




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0