PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

Amador Garrido: O Capitán do Bakunin

(Artigo de Serxio Balchada)

Amador Garrido García nace en Vigo no 1908. No decurso, quizais de finais dos anos 20, recala en Euskadi establecéndose en Trintxerpe onde acode ao chamado dos moitos postos de traballo que reclama a captura do bacallau. Debeu ser un home cunha forte impronta de ideas sociais posto que dende moi cedo ingresa no sindicato de pescadores El Avance Marino da CNT. De feito ocorre o 01 de setembro de 1931 có número de afiliado 795.

O inicio da guerra civil cólleo en Trintxerpe. Logo de combater aos sublevados en Gipuzkoa consegue pasar a Bizkaia e ingresa no Batallón Nº 21 CNT Nº 1 Bakunin. Amador Garrido serve coma tenente da primeira compañía e en xuño de 1937 aparece xa ascendido a capitán da mesma AHE/EAH Secc. Ejército vasco, Serie: Nóminas de Batallones, CAJA 26 EXPTE 1.).

Logo de percorrer diferentes frontes polo territorio vasco e trala perda de Bilbo o 19 de xuño de 1937, o Bakunin retírase á provincia de Santander. A coñecida coma batalla de Santander (14 de agosto-17 de setembro de 1937) vai barrer a resistencia republicana na provincia e é neste escnario onde vai tomar protagonismo o Pacto de Santoña. Mediante este pacto quere conseguirse a rendición das forzas do Exército de Euskadi aos italianos. Deste xeito os diferentes batallóns reciben a orde de concentrarse na vila cántabra de Santoña para o facer efectivo.

No medio do caos que supón os derradeiros coletazos da fronte santanderina a meirande parte do batallón Bakunin vai a concentrarse en Santoña para facer oficial a súa rendición. Amador non desexa renderse. Todo o contrario, quere proseguir a loita e por iso acompaña a outros oficiais do Bakunin á capital montañesa na procura dunha saída por mar cara Francia que lles permita logo entrar a territorio republicano. No porto fanse cunha lancha e abordan ao vapor Aller onde atopan a oficiais doutros batallóns. Xa en alta mar teñen a mala fortuna de toparse có bou artillado Denis. Capturados son conducidos polo navío de guerra a Santurtzi (Bizkaia). Alí agárdaos unha comitiva moi especial composta de frades, monxas, gardas Civís e requetés (Mendivil, 1992). Os prisioneiros van desfilando por diante desa sorte de comité de benvida. Algúns deles sinalados polos presentes súben a un camión que os conduce á cadea bilbotarra de Larrinaga. O resto da cós seus osos no campo de concentración de Orduña.

O citado campo ubícase no colexio dos Xesuítas,dependente do goberno militar da capital alavesa, nace como ampliación das prisións de Vitoria-Gasteiz e Murgia (Badiola, 2011). Sitúase en pleno casco urbán da cidade biscaíña ocupando unha superficie de pouco máis de 21.000 metros cadrados entre dependencias, patios e instalacións deportivas (Egiguren, 2001).

Deseguida varios dos prisioneiros do Bakunin, os de maior confianza, reúnense para organizarse e activar unha célula de cooperación e solidariedade, có propósito de mellorar as condicións de vida dos prisioneiros e na medida das posibilidades salvarlles a vida. É fundamental copar certos servizos dentro do campo para garantir a consecución dos obxectivos marcados (Mendivil, 1992). Primeiramente ocupar os postos dispoñibles nas oficinas, fonte inesgotable de información sensible sobre os presos e o seu futuro a curto prazo. Introducir homes nas cociñas que poidan apartar subrepticiamente alimentos distribuidos logo entre feridos e enfermos. E por último acaparar os postos do servizo de limpezas das dependencias do campo, pois deste xeito os encargados van poder disfrutar de liberdade de movimento por todo o perímetro do penal.

Amador Garrido vai ter un papel principal en toda esta historia de clandestinidade. O vigués consegue un posto como auxiliar na oficina do director do campo con acceso á documentación e o máis importante: Está presente nas periódicas visitas de falanxistas e gardas civís na procura dalgún inquilino do campo que logo sacan para o seu xuizo ou para darlle o paseo. Amador enteirado da identidade do prisioneiro en cuestión deseguida pasa comunicación á rede para dispoñer a fuga do individuo. Apoianse en enlaces externos ao campo.

A maiores Amador aproveita o seu posto para falsificar as súas identidades e facilitar documentación auténtica, pero con identidade ficticia, para deste xeito darlles unha pátina de seguridade unha vez se atopen fóra dos muros. Os fugados contan con instruccións de dirixirxe á raia con Francia onde os agarda un mugalari, é dicir, unha persoa coñecedora da fronteira e de camiños que moi poucos saben da súa existencia. Qué foi de Amador Garrido García logo de pasar polo campo de concentración de Orduña, descoñecémolo.

Fontes e Bibliografía

? Centro Documental de la Memoria Histórica (CDMH)

? Archivo Histórico de Euskadi/Euskadiko Artxibo Historikoa (AHE/EAH)

? Badiola Ariztimuño, Ascensión. Cárceles y Campos de Concentración en Bizkaia (1937-1940). Donostia, 2011.

? Chiapuso, Manuel; Jiménez de Aberasturi, Luis Mª. Los Anarquistas y la Guerra en Euskadi. San Sebastián, 2009

? Egiguren, Joseba. Prisioneros en el Campo de Concentración de Orduña (1937-1939). Donostia, 2011.

? Mendivil Urquijo, Sebastián. Miliciano, Militar y Fugitivo. Memorias de un baracaldés. Bilbao, 1992.

Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 09-10-2020 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
e-Correio: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
VISITANTE NUMERO




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0