Concha Murguía Egaña, era filla do organista da Igrexa de San Estevo de Oiartzun, Domingo Murguía, de vella estirpe fidalga orixinaria de Astigarraga, lugar de sona polas sidrerías. Naceu o 29 de Xaneiro de 1806 no antigo hospital, onde moraban seus pais nunhas dependencias anexas, concedidas polo Concello para os seus funcionarios como era o organista. Hoxe o edificio é Biblioteca e Casa de Cultura de Oiartzun. Con nove anos trasladouse a vivir a Tolosa, pois o pai conseguira a praza de organista da Igrexa de Santa María na antiga capital foral de Guipúzcoa. Por iso, algúns historiadores como Vicente Risco sitúan trabucadamente o seu nacemento na vila tolosarra. Nela militará o pai no partido liberal-fuerista abandeirado polo Conde de Villafuertes, D. Ladislao Zabala. A invasión dos ?Cen Mil Fillos de San Luis? en 1823, a pedido do incompetente e voluble rei Fernando VII, remata co Trienio Liberal e impón de novo o Absolutismo. Domingo Murguía e a súa filla Concha fuxiron cara Galiza. A filla ficaría alí e o pai volvería a Tolosa, onde morreu pobre e doente, acollido na casa do Conde de Villafuertes. Concha casou co boticario Xosé Martínez e finou medio abandonada, de ?una lesión del corazón que no le dió lugar a recibir sacramento alguno?, segundo consta na partida de defunción, o 13 de xullo de 1854 na rúa das Hortas, nº 14, en Santiago de Compostela.
O matrimonio Martínez-Murguía tivo dous fillos. Un deles, Manuel M. Murguía (1833-1923), foi un dos primeiros ideólogos do nacionalismo galego, farturento polígrafo, historiador, investigador, etnógrafo, novelista e primeiro presidente de Real Academia Galega. Casou con outra grande do Rexurdimento Galego, Rosalía de Castro, a quen aguilloou a escribir e publicar libros como ?Cantares Gallegos?, no que ela mesmo advirte no limiar o influxo dun vate vasco, Antonio de Trueba. Manuel M. Murguía recoñecería de xeito explícito que encetou a amar a patria Galega ó ver como a súa nai amaba a lonxana Patria Vasca, Terra, ?na que nin se teme nin se mente?. Manuel M. Murguía xace nunha humilde e descoidada campa no fondal do cemiterio coruñés de San Amaro, na compaña do seus fillos Ovidio e Amara.
O 11 de novembro do 2000, día de San Martiño, a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi e as Asociacións Culturais ?Daniel Castelao?, de Pasaia, e a ?Rosalía de Castro?, de Baracaldo, solicitamos da Deputación Foral de Guipúscoa e do Concello de Oiartzun a celebración dunha homenaxe a Concha Murguía. Ambas Institucións responderon afirmativa e xenerosamente da man de Luis María Bandrés, deputado de Cultura, e Xavier Iragorri, alcalde de Oiartzun. Colocouse na Casa de Cultura unha fermosa praca, conforme ca monumentalidade do lugar, en galego e éuscaro, coas seguintes verbas:?Nesta casa naceu Concha Murguía Egaña (1806-1854), nai de Manuel M. Murguía, berce do nazonalismo galego?. As dúas institucións sufragaron tódolos actos e a edición dun libro da miña autoría sobre a estirpe vasca de Manuel Murguía.
Dende aquela efeméride celebramos tódolos anos por estas datas unha homenaxe a Concha Murguía. Este ano de 2020, os días 6, 7 e 8 de febreiro, interviñemos na celebración: a concelleira de cultura de Oiartzun, Iosune Cousillas, filla de Pedro Cousillas, natural de Corme, o poeta oiartzuarra, Antton Kazabon, as execelentes músicas Edurne Saizar, ao piano, Oaihane Mitxelena, co acordeón, e Haizea Lekuona coa frauta, quen isto escribe e o sociólogo e xestor de Nabarralde Elkartea, Anjel Rekalde. Participaron o grupo ?Lartaun?de txistularis do pobo oiartzuarra e os gaiteiros do grupo?Trisquele? da Casa de Galicia de Donostia. Recitáronse poemas de Gabriel Aresti, Manuel María e Antton Kazabon, en galego e éuscaro. Finalmente agasallamos a Concha Murguía con unha ofrenda floral e gozamos dun excelente refrixerio, chamado ?lunch? segundo os posmodernos, doado polo Concello, pois considera que aínda segue vixente o vello refrán latino:?Primum vivere, deinde philosophare?. Ademais, todos sabemos que as relacións interpersoais e colectivas melloran diante dun convivio de boa comensalía.
Iosune Cousillas narrou, en galego e éuscaro, a biografía de Concha Murguía e a do seu fillo Manuel M. Murguía, resaltando as vinculacións vascogalegas ao longo da historia Un servidor insistiu na personalidade de Castelao a través dun fermoso discurso de despedida a Ramón Aldasoro, pronunciado no Centro Laurak Bat de Bos Aires o 9 de febreio do 1945. Nel Castelao, nun ton emotivamente lírico, resaltaba as estreitas e fraternais relacións entre vascos e galegos e erguía un canto de amor ó carballo de Gernika, símbola da liberdade e da verdadeira democracia.
O acto que se saíu do habitual doutros anos foi a presentación do libro:?Las Matxinadas en Euskal Herria (Siglos XVI-XIX), da autoría deste servidor, que contou coas intervencións do autor e do editor, Anjel Rekalde. O autor resumiu as características e obxectivos fundamentais da obra, salientando a existencia de dúas matxinadas vinculadas ao pobo de Oiartzun: a da sidra de 1699 e a de insubmisos de 1793. O editor fixo fincapé primordialmente do novidoso tratamento do traballo e a intención da entidade de proseguir coa edición de obras de pequeno formato, inaugurada con este libros, co gallo de divulgar acontecementos importantes da historia de Euskal Herria.
Tódolos participantes salientamos a solidariedade vascogalega e coincidimos en subliñar que dende unhas pequenas patrias, como a vasca e galega, pódese admirar a grandeza do universo, pois a súa riqueza atópase na variedade e non na uniformidade.
Moitos galegos, que residimos en Euskal Herría, non esquecemos a nosa patria orixinaria nin a nosas raigañas, pois perderíamos a nosa identidade e sen ela non se pode andar polo mundo. Somos a semellanza das árbores. Abrimos solidariamente as polas ós ventos da patria éuscara, pero o toro témolo ben chantado na nación fisterral. Amamos sinceramente esta patria adoptiva vasca que nos agasallou con fogar, agarimo, traballo e familia e apuntalou en nós a conciencia e a fachenda de sermos galegos de nación, arredando seudocomplexos de inferioridade.
Dende o 11 de novembro do ano 2000 e tódolos anos a finais de Xaneiro-comezos de febreiro os corazóns dos oiartzuarras e dos galegoseuskadianos latexan co mesmo ritmo da fraternidade, porque unha filla esgrevia do pobo arrolou no berce a un dos iniciadores do Rexurdimento da dignidade da nación galega, que coñece como ninguén o aguillón das traxedias, entre elas a emigración, denunciada decote polo noso bardo nacional, Manuel María.
Un sinxelo poema deste versificador aficionado non fai máis que salientar os valores da solidariedade e do agradecemento:
OIARTZUN: CORAZÓN E LATEXO DE EUSKAL HERRIA
Oiartzun, berce de Concha Murguía,
na ladeira do Urkabe agarimada,
fermosa terra, por todos ben louvada,
latexo e corazón de Euskal Herría.
Seu rexo vástago, Manuel Murguía,
ergueu do chan a Galiza desprezada,
casou coa groria galega máis sagrada,
lumieira acesa, a gran poeta Rosalía.
Os xebres galeuskadianos, noite e día,
lembrarán gozosos esta xornada
e seguirán como faro e como guía
a súa existencia, decote derramada,
coutando con vida exemplar a sangría
da súa amada patria, sufrida e aldraxada.
Xosé Estévez.
Historiador. |