PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

DISCURSO DE ENTREGA E RECEPCIÓN DA NAVALLA DE MANUEL MARÍA
(CAMPA DA SANTA ISABEL, OUTEIRO DE REI, 8-SETEMBRO-2019)

Boas tardes a todas e todos.

Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do ?pregoeiro da luz?, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer a tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois ?de ben nacidos é ser agradecidos?, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude pois pra Alfonso, para Irmandade Manuel María e para Asociación Xermolos.

Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Chá, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois ? Galicia somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala?. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.

Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier Docampo. A Xabier dabondo cedo ?lle petaron na porta pola noite?, pero coido que xa resolveu ?o misterio das badaladas? e goza da ?casa da luz?, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida:?Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites? ( o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, A quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María ? (A luz resucitada, 1984):

?Miña pequena, querida, preciosa navalliña

de marfil, prata, corno de cervo

e moi excelente aceiro cortador,

no lombo levas estas letras.C C.,

iniciais daquela miña avoa, chamada

Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,

sombra esvaída na lembranza miña.

Tes gravada, no mango ben luído,

o sol e máis a lúa, símbolos

do mundo astral e da vida xenerosa,

que en nós latexa, corre, brinca e canta...?.

A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para un prosaica tarefa ? in extrema necesitate?, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: ?Hemen sartzen dana, bere etxean dago? (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).

A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por tódolos poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : ?Éche o que hai? e ?Cada un vai ó seu, menos eu que vou ó meu?. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.

Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros os clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.

Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!!. Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ó torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeziña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.

Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, ?Sonetos ó Val de Quiroga?, e varios poemas. Son moi parcial deste.

"SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI?.

?Carballo de Carballido:

na Terra Cha tes nación

e levas no corazón

un puro amor trascendido!

Non deas nunca ó olvido

idioma, patria e canción

que o teu nativo torrón

queda, sen ti, dolorido!

Asume un novo destiño

plenamente. E sen espera:

faite luz, símbolo e siño!

Ti non eres un calquera:

dille en galego ó Pepiño

que che adeprenda o euskera!?

Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole".

Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando fuxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.

Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Garda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.

Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o ?devoto?, rezala con ?unción e recollemento?. O propósito final do primeiro día sentencia: ?Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente?. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.

Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle da tempo, morre. Pero non teñades presa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:?Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...?, o vello espertou e dixo:?Alma, non lle fagas caso ó cura; quédate onde estás, que estás moi ben?.

Xosé Estévez.

Comentarios (0) - Categoría: 09.- MANUEL MARIA ENTRE NÓS - Publicado o 24-09-2019 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
e-Correio: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
VISITANTE NUMERO




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0