PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

DISCURSO DE CASTELAO (25 DE XULLO DO 1933)
Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950): discurso no 25 de xullo de 1933:

"A Patria é a Terra farturenta que nos da o pan e o viño, que sostén os nosos fogares, que cría frores no campos para regalía dos ollos, e albres para que canten os paxaros.

A Patria é a Terra fecunda, donde xerminan os legados da tradición que nos dará continuidade na historia, o corpo incorruptible, donde encarnou a i-alma atormentada da raza.

A Patria é a Terra creadora, fonte da gran forza da vida.

A Patria é o rechouchío dos paxaros, o canturreo dos grilos, o marmurio das augas e o zoar do vento.

A Patria é a sombra fresca dos castiñeiros no vran e a quentura garimosa do fogar no inverno.

A Patria é a inquedanza das sementeiras e a ledicia das colleitas.

A Patria é o fungar do vento nas ponlas secas dos carballos e o esborrifar das ondas do mar nos cons da ribeira; a cántiga misteriosa dos piñeiros e o runxido do mar nos areais.

A Patria é o arco da vella, o luar e a noite estrelecida.

A Patria é o sentimento que nos fai fillos da Terra para recibir o seu zume criador de lirismos. Por iso entristecemos no outono, choramos no inverno, sorrimos na primaveira e rimos no vran. Porque estamos feitos a semellanza da Terra; a nosa carne é terra, os nosos osos pedra, e o sangue son os rios e os regatos.

A Patria é a Terra-nai, a Deusa perdurable e xenerosa, porque como di Pascal, primeiro nos cansaremos nós de pedirlle que ela de darnos.

Esta é a Patria verdadeira, a Patria única que hoxe festexamos. Eu non sei de máis Patria, e o galego que non a sinta é un home moralmente imperfeito.

No tempo de Rosalía a Patria era un sentimento, en continua saudade, unha tristura crepuscular, o planto por unha ilusión morta, a espranza entristecida de tanto esperar. Galiza era unha i-alma en pena que vagaba pol-o inferno frío dos camiños, enchendo de saloucos as noites xiadas do inverno; era a negra sombra desterrada. A nosa i-alma, coma a dos xudeos, agardaba o miragre da resurreición para reencarnar nun corpo sán e robusto, para renascer e vivir baixo a lus do sol.

Pero a saudade dos tempos de Rosalía queimouse na fogueira dos nosos entusiasmos, e xa non choramos o pasado; cantamos o porvir porque a i-alma da Raza reencarnou na Terra e a nosa Patria recobrou a sua persoalidade, e quer esteriorizala en forma de Estado. Pero non para fecharse en fronteiras, sinon para desatrancal-o camiño de Europa, aquel camiño branco de estrelas que unía Galiza ó resto do mundo civilizado, no tempo lonxano dos Cancioneiros e do Pórtico da Groria, cando nós non eramos máis que galegos.

¡Cando non eramos máis que galegos!."
Comentarios (0) - Categoría: 03.- XERAL - Publicado o 28-08-2019 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
e-Correio: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
VISITANTE NUMERO