PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

Da nosa Rúa Castelao
Este mes do nadal, mudáronse as placas do concello de pasaia. Ao tal ver , demos en solicitar nos deran as da rúa Castelao para o noso arquivo hitórico. Estas puxeranse as novas o pasado día 10, xa daquela fixéramo-la i-acaída instancia. O 30 pasamos recolle-las por Servizos. Agora despois da coarentena tocará unha piquena restaurazón.

Esta de Pasaia é a terceira no mundo adicada a Castelao. E son as placas primeiras postas no seu día. Eso sí, como vedes a que se atopa no Povoado dos Pescadores de Pasai San Pedro segue a se-la única con “título nobiliario”, cousas da vida ...
Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 02-01-2022 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
A Balada dos irmáns “Cobizas”
Artigo de Satxa Balchada

O 26 de decembro de 1936 falece en combate no monte Kalamua (Markina, Bizkaia) Manuel Aguete Lino. Exerce coma tenente na 2ª compañía do batallón CNT Nº 6 “Celta”. Segundo parece o seu irmán Antonio, tamén combatente no Exército de Euskadi, enteirado do tráxico final de Manuel; nun intre de arrebato, quizais de enaxenación encarámase aos sacos terreiros fóra de si e comeza a disparar desaforado contra as liñas contrarias. Antonio, e segundo parece, remata neste punto o seu periplo na guerra, ese 26 de decembro de 1936. A vida de dous irmáns segadas no mesmo día.
Alomenos esta é a versión dos feitos atesourada pola familia dos finados.

Mais o asunto non remata aquí, pois como en tantas outras voces durmidas ocultas pola historia recente, engade unha nota a maiores, un halo de misterio que 80 anos despois permea sobre os irmáns Aguete Lino. Son incongruencias, incertidumes que despois de tantos anos ocultas polo medo e a desazón, buscan saír a luz.

A súa historia da comezo coma a de tantos outros centos de mozos nados nas rías galegas e que decidiron no seu momento probar fortuna lonxe do seu lar en O Seixo (Marín, Pontevedra).
Na súa terra as condicións laborais adolecen dunha precariedade abafante, traballo duro durante demasiadas horas e en condicións que raian a escravitude na meirande parte dos casos por un soldo miserento que apenas lles da folgos para afrontar o día a día. Iso se teñen a sorte de ter un traballo. Nas rías galegas os mariñeiros malviven e o paro é unha lacra.

Posiblemente o efecto chamada dalgún amigo ou veciño anima a Manuel a establecerse en Trintxerpe (Pasaia, Gipuzkoa) alomenos no 1927 con apenas 15 anos de idade. Antonio con 17, reunese con él catro anos despois.

Logo de rematada a Grande Guerra Francisco Andonegui, dono da PYSBE (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España) precisa imperiosamente man de obra cualificada e competente debido ao repunte no consumo de bacallau en todo o estado; a poboación autóctona antóllase insuficiente para cubrires non só ás tripulacións das parellas de bous que zarpan a faenar, senón tamén os postos de traballo en terra: Estibadores, almaceneiros, redeiros,... Ademais existe outra razón de peso que suxire a Francisco Andonegui a pousar os ollos nas rías galegas. O motivo principal é que os arrantzales vascos xa comezan a organizarse en sindicatos, xa se queixan, e cuestionan as condicións impostas pola patronal. Pola contra os mariñeiros galegos carecen dun tecido socio-sindical forte, resultan traballadores dóciles e extremadamente cualificados. A cousa non pode ser mellor para o empresario e os galegos chegan cal marea a Pasaia para traballar duro a cambio dun soldo e condicións deplorables, anque non tanto coma na súa propia terra.

Coa chegada da República os mansos galegos comezan a despoxarse da pel de cordeiro. Ao longo da costa galega os traballadores do mar son quen de comezar a organizarse á vez que van gañando conciencia de clase. Este espertar social trae consigo o nacemento, baixo a batuta da CNT ou da UGT, de sindicatos de oficios do mar que van gañando pulo pouco a pouco. Os galegos residentes en Trintxerpe non lles van á zaga e a principios dos anos 30 ven a luz sindicatos que arroupan a mariñeiros e traballadores en terra, caberían destacar tres: Avance Marino (CNT), La Unión Marítima (UGT) e La Polar (UGT). Os tres cobrarán especial protagonismo nos meses previos ao estoupido da Guerra Civil á cabeza dunha folga de longa duración que pretende acadar sustanciosas melloras para os homes do mar tanto nas condicións salariais coma de traballo.

Manuel Aguete está afiliado ao sindicato de signo socialista La Unión Marítima e posiblemente ao comezo da guerra civil é un dos tantos galegos trintxerpetarras que acode presto á defensa da República combatendo nun primeiro intre nas rúas donostiarras, para logo, unha vez controlada a capital de provincia polas milicias da Fronte Popular unirse ás diferentes compañías ou centurias que pululan por toda a provincia ata a súa caída en setembro de 1936. De Antonio polo momento non temos novas, os seus pasos perdense oficialmente en 1935, data na que aparece censado, xunto ao seu irmán nunha pensión sita no número 55 da rúa Francisco Andonegui (Actual Euskadi Etorbidea) rexentada por una galega oriunda de Seixo, Consuelo dás Mercadelas, familiar de Manuel e Antonio.

Con Gipuzkoa en poder dos fascistas os dous irmáns recalan en Bilbao, a Manuel atopámolo deseguida integrando o batallón comunista Larrañaga, exerce coma sarxento na 4ª Compañía xunto a outros galegos.

Mais axiña Manuel abandoa a disciplina do Larrañaga para integrarse no batallón CNT Nº 6 Celta, en decembro do 36, feito constatado na nómina do mesmo có grao de tenente. Posiblemente o motivo deste troco de batallón débase en boa medida a que o Celta é un batallón formado case en exclusiva por milicianos galegos, moitos residentes en Trintxerpe e oriundos do seu Seixo natal como é o caso de Benito Carballo Quiroga, Alejandro “Moaña” Bernardez ou Manuel González Martínez.

O devandito batallón trasládase á fronte de Markina (Bizkaia) a primeiros de decembro de 1936 onde permanece ate finais dese mes, ocupa as posicións situadas no monte Kalamua. Alí establecidoo batallón ocupa as trincheiras máis próximas á cima; á maís perigosa e delicada dado o seu emprazamento, a soamente uns escasos 70 metros das liñas inimigas, é a denominada polos sublevados coma Posición nº 2.

O 26 de decembro o sector cede á tónica habitual de monotonía, son os fascistas os que moven ficha e dá comezo un intenso ataque para desaloxar aos rojos das trincheiras veciñas; o batallón San Andrés de ANV, situado á dereita do Celta, recibe orde de retirarse. Cando o está a facer observan como o Celta abandoa tamén as posición debido ao cruento ataque que reciben, tanto por mar, por parte do acorazado España, coma por terra; deseguida instan aos milicianos galegos a regresar a acción e non ceder un ápice ante o avance das tropas contrarias, a indignación dos abertzales consegue o obxectivo desexado e os milicianos do Celta dan media volta e conseguen manter a posición con bravura a costa de importantes baixas. Neste día, na chamada batalla de San Esteban, falecen entre outros compañeiros o tenente Manuel “Cobizas” Aguete Lino; tamén coma consecuencia destes combates falecen ao día seguinte no hospital civil de Bilbao Andrés Pérez Millán de A Pobra do Caramiñal e o día 28 o sarxento da primeira compañía Juan Pérez Mariño.
Coma dicíamos ao comezo do presente texto, cando Antonio recibe a fatídica nova do falecemento do seu irmán, sumerxese nunha voráxime de sentimentos que guian as súas acción cara un triste desenlace para si mesmo. Feitos que narra Jesús Carballo, tamén oriundo de O Seixo e residente en Pasaia naqueles fatídicos anos, nas súas memorias:
“Estuvimos recordando a los que murieron en Pasajes defendiendo la República (…) los dos hermanos Cobizas (…) estaban integrados en un batallón de la C.N.T., y no estaban juntos en el frente, pero cuando uno de ellos se enteró que habían matado a su hermano, se puso de pie en el parapeto desafiando al enemigo y lo acribillaron a balazos”.

Esta versión é a que se transmite dunha xeito clandestino a Encarnación e a Antonio, os pais destes dous irmáns, os cales en silencio choran a morte dos seus fillos, coa dor propia dos feitos ocorridos e co medo no corpo polas posibles represalias; o cal fixo, que pouco a pouco a historia quedase case esquencida da memoria familiar.

A intriga, o misterio que envolve estes feitos ocorridos escasamente 80 anos son por una banda, o descoñecemento da localización dos seus corpos e por outra, a incerteza da veracidade do mesmo. Pois, as recentes investigación ubican a Manuel na nómina do batallón Celta así como tamén na existencia dunha ficha de parte do seu falecemento sita no Archivo Provincial de Bizkaia, na que trabucan o batallón onde Manuel combate, pois o inclúen no batllón Rosa de Luxemburgo que por esas datas tamén cobre o mesmo sector que os célticos.
¿Pero que hai de Antonio? ¿Milita tamén no batallón Celta? ¿Qué pon no seu ficheiro que da fe da súa morte?... Realmente, non o sabemos, a incertidume da lugar a un sínfin de preguntas para os seus descendentes, os cales buscan respostas o acontecido realmente naqueles días de chumbo que lles tocou vivir os seus familiares. ¿Realmente Antonio combatíu xunto ao seu irmán?. Se o fixo ¿Por qué o seu nome non aparece nás nóminas do Celta?. ¿Combatíu noutro batallón?... Polo de agora non existen respostas a estas preguntas, soamente especulacións. Quizais Antonio non quixo alonxarse de Manuel e alistouse no Celta, pois na nómina correspondente á primeira quincena de decembro consta na 3ª compañía un miliciano chamado Antonio Aguete Garrido ¿Puido quizais o encarregado de tomar o nome dos combatentes confundirse no momento da transcripción dos seus apelidos? ¿Ou quizais Antonio engrosa as ringleiras do Rosa de Luxemburgo e de ahí que no ficheiro onde se constata a morte de Manuel crucen os datos dos batallóns? Mais… unha vez repasada a nómina do Arrosa continuamos igual que antes, non hai rastro de Antonio. Non descartamos que militase nalgún outro batallón de Euskadiko Gudarostea ao que non teñamos accedido ás súas nóminas. Pero soamente son elucubracións, hipótesis, un milleiro de preguntas sen respostas.

Unha nova sorpresa aínda se apresenta para salpimentar esta fascinante historia. Recentemente, a familia Aguete descobre que Manuel casou en Trintxerpe cunha moza vasca, Ignacia Urtaza, embarazada de apenas tres meses cando ocorre o fatal desenlace do seu home. Foi evacuada a Barcelona e alí sobrevive á guerra, sendo quen de criar ao pequeno Manuel Aguete Urtaza o cal, nunca puido coñecer ao seu pai nin aos seus parentes galegos. A guerra non só esnaquizou vidas senón que tamén impediu o reencontro familiar, froito do mutismos xenerado polo medo.

Logo de varias décadas ábrese unha fiestra á esperanza que pode aportar á súa familia máis datos acerca das vivencias destes dous mozos, un hálito que trae debaixo do brazo sorpendentes xiros e novedosos descobrementos vetados ata hai ben pouco. As voltas que da a vida.

FONTES
• Archivo Histórico Provincial de Vizcaya/Bizkaiko Artxibo Historiko Probintziala (AHPV/BAHP)
• Archivo Histórico de Euskadi/Euskadiko Artxibo Historikoa (AHE/EAH).
• Carballo Quiroga, Jesús. Memorias. Inéditas
• Estévez, Xosé; Otaegui, Marta. Protagonistas de la Historia Vasca (1923-1950). Ciclo de mesas abiertas 21-31 de mayo de 1984. San Sebastián, 1985.
• Urkijo, Jaime; Coordinación: José Ángel Fernández León y Alberto J. Sampedro. Diario de un Gudari en el Frente de Euskadi. Intxorta 1937 Kultur Elkartea, 2014.
• Vargas Alonso, F. Manuel. Anarquismo y Milicias de la CNT en Euskadi. Eusko Ikaskuntza, 1996.
Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 27-09-2021 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2021


TER SENTIDIÑO

Como entidade cultural, temolo anceio, de irmos recuperando pouco a pouco os espazos perdidos por mor da pandemia. É de supoñer, como non, que eso queremolo todos. Máis para elo temos que "ter sentidiño" nunca millor dito. Esta semán recuperamolas Letras Galegas, primeiramente coa misa, que ímola facer na Parroquia San Pedro Apóstolo por razóns de espazo, ao estar este hoxe limitado. E convidámosvos a asistir ás aitividades que se están a desenrolar co gallo do 90° cabodano da masacre de Ategorrieta neste mes de maio do ano 1931, pol-as que nos non damos en facer estes días nada máis.

Pero centrándonos no domingo 23, antes e despois da misa teremos, como é de costume, teremos sendos pasarrúas; nos que aqueles que queirades desfroitar do son das gaitas, pedímosvos gardedes as distancias. No que se virá en facer rematada a misa rubirá ao Povoado. Nel viranse en poñe-los monllos coma sempre. Ao remate, se as circustancias o permiten cantarase o Hino de Galicia.









-10H00 PASACORREDOIRAS COS GAITEIROS DE NOVAS FONTES

-11H00 MISA EM GALEGO NA PARROQUIA DE SAM PEDRO APOSTOLO

-12H00 SUBIDA AO POVOADO PARA DEPOSITAR OS MONLHOS.

Comentarios (0) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 19-05-2021 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
EMILIANO
(artigo de Satxa Balchada)


Coma moitos dos seus paisanos das rías galegas Emiliano Manduca Rosales Davila decide ir a procura dun mellor futuro laboral a Pasaia (Gipuzkoa). Nado en Marín (Pontevedra) e veciño de Bueu (Pontevedra), deixa na lar á muller e os fillos e recala en Euskadi para traballar de fogueiro nalgún dos bous pasaitarras, vila que está a medrar considerablemente debido a industria da pesca, e máis concretamente da captura do bacallau.

Alomenos dende 1934, segundo a data dunha carta que envía a súa dona Carmen, vive e traballa en Pasaia. Maís adiante, en 1936, a familia ao fin consegue reunirse e trasladan o seu domicilio a Herrera (Altza, Donostia, Gipuzkoa).

Durante aqueles anos de efervescencia política e social Emiliano non oculta a súa militancia no Partido Comunista de España (PCE). Afiliado ao sindicato da UXT da Industria Pesqueira La Unión, acada a presidencia do mesmo en 1935. Sen dúbida Emiliano eríxese entre os seus compañeiros nun referente na loita social. Grazas a isto aparece coma apoderado para as eleccións de febreiro de 1936 do avogado comunista Miguel Amilibia Machimbarrena que se apresenta coma deputado pola provincia. Eleccións que á postre vai gañar a Fronte Popular.

Ademais da participar activamente na política Emiliano aínda saca tempo para estudar e obtén a titulación de maquinista. O título ábrelle novas posibilidades laborais e froito do seu esforzo en marzal é contratado como maquinista por un armador bilbaotarra. A familia ao completo, muller e catro fillos, afíncase na capital viscaíña. Alí vailles coller o estoupido da guerra.

Emiliano non o pensa dúas veces e enrólase voluntario nas milicias que combaten aos alzados contra a República. O partido vaille asignar un posto de responsabilidade coma Alférez de Milicias. Mais deseggida gaña os galóns de Capitán de Milicias O sete de outubro dese ano José Antonio de Aguirre faise coas rendas do novo Gobierno Provisional de Euzkadi e comeza a xestarse o Euskadiko Gudarostea ou Exército de Euskadi. As milicias de partidos e sindicatos antifeixistas van ir encadrándose na nova organigrama militar e nacen os diferentes batallóns que van configurar o XIV Cuerpo de Ejército.

Nun primeiro intre o noso protagonista recala nun batallón de intendencia coa graduación de

capitán. A vida na retagarda resulta cómoda e para nada perigosa. Tamén bríndalle a oportunidade de visitar a miudo á familia. Mais a Emiliano seguramente férvelle o sangue por compartir trincheira cós seus camaradas. O seu desexo vai ver cumplida satisfación en abril de 1937.

Emiliano é designado coma capitán da 3ª Compañía do batallón Nº 35 Amuategui das X.S.U. (Xuventudes Socialistas Unificadas). Apreséntase ao comandante do batallón Martín Echeverría Arambarri (natural de Eibar, Gipuzkoa) no cuartel que o batallón ten no convento de Isasi en Eibar.

O batallón toma o seu nome do dirixente socialista eibartarra Aquilino Amuategui Acha. Por esta razón a meirande parte dos seus efectivos son naturais da vila armeira, combatentes fogueados nos enfrontamentos ocorridos durante o verán. O Amuategui leva acantoado dende a súa formación na Fronte de Gipuzkoa, sector de Eibar. De feito ocupa a liña comprendida entre o monte Akondia e o cruce de Maltzaga (Vargas, 2015).

Apenas leva unhas semanas na fronte, o día 19, e parte da súa compañía é seleccionada para efectuar un ataque sobre as liñas inimigas. A 2º compañía e a primeira sección da 3ª colabora xunto có batallón Nº 48 UGT Nº 8 Jean Jaures. Ás 4 da madrugada os milicianos do Amuategui asaltan o monte Garagoitxi mentres os da UXT caen sobre o Akondia: La cota se tomó a base de bombas de mano, aniquilando a la guarnición de zapadores y algunos requetés (Vargas, 2015). Lamentablemente os camaradas do Jean Jaures non conseguen facerse có obxectivo marcado e ao amencer o Amuategui recibe ordes de retirarse. Ao día seguinte as forzas sublevadas dan inicio a que será coñecida coma batalla dos Intxortas (20-24/04/37). A maniobra de envolvemento efectuada sobre os cumes dos Intxortas e a seria ameaza sobre o sector de Elorrio que conleva esta operación; pon en serios apretos a supervivencia do sector de Eibar e polo tanto ao Amuategui que defende as posicións do citado sector. De feito o Amuategui abandoa a zona na xornada do 24 de abril. Eibar finalmente caerá nas mans dos facciosos o 26 de abril, o mesmo día que Gernika arde polos catro costados. Precisamente o batallón no camiño de regreso a Bilbo para reorganizarse e coller folgos, pasa pola vila en chamas. De seguro o aterrecedor espectáculo quedou grabado nas retinas de Emiliano.

O batallón aínda continúa combatendo ao longo dom mes de maio en Zugastieta (Muxika, Bizkaia),

Etxano-Amorebieta (Bizkaia), Peña Lemoa,...Mais nesta última batalla Emiliano Manduca Rosales Davila xa non serve nas ringleiras do Amuategui. Emiliano deixa de aparecer nas nóminas do Amuategui correspondentes á primeira quincena de xuño de 1937. Segundo comunica á muller nunha das varias cartas que lle envía dende a fronte de guerra. Carta, por outra banda, sen datar mais que supoñemos de xuño que hai uns catro días que trocou de batallón e agora pertence á 4ª compañía do batallón Nº 28 UGT Nº 13 Baracaldo-Martínez Aragón. Descoñecemos con que responsabilidades accede ao novo destino posto que as nóminas do citado batallón só chegan ata o mes de maio, cando Emiliano aínda combate nas ringleiras do Amuategui.

O seu novo batallón o día 3 de xuño de 1937 vai participar no asalto a Peña Lemoa defendido polos requetés do Tercio de San Ignacio (Diego, 2018). A arremetida exténdese durante unha hora á conclusión da cal as tropas vascas conquistan o macizo biscaíño. A pesares do cuantioso das baixas que sofre a brigada, Emilano consegue sobrevivir á batalla. O día 6 de xuño escribe unha carta dende Usánsolo (Galdakao, Bizkaia) para desacougar á muller. É a derradeira carta que Carmén vai recibir do seu esposo.

Para o día 12, a xornada do rompemento do coñecido como Cinturón de Hierro de Bilbao, Emiliano acode cós seus camaradas a reforzar a liña que comprende o tramo entre Urrusti e Berreaga (Miñambres, 2012). O Baracaldo-Martínez Aragón vese na obriga de retirarse das súas posicións ás 19 hrs (Vargas, 2015) acosado polo costado dereito de onde se ten retirado hai máis de dúas horas o batallón Nº 59 Rebelión de la Sal. Ao día seguinte o btallón aínda é quen de prantar cara nas inmediacións da poboación de Zamudio e segundo vai pasando o tempo fan o propio no mesmo casco urbán da vila.

O Exército Vasco reprégase cara as alturas de Santo Domingo e Artxanda, moi preto de Bilbo, sentindo na caluga o alento do adversario. Improvísanse neste sálvese quen poida febles liñas de defensa coa finaldade de permitir a evacuación do maior número posible de tropas. A resistencia en Santo Domingo e Artxanda exténdese dende o 14 de xuño ata o 17. As 18:30 hrs o costado esquerdo cede ao empuxe inimigo e vai precipitar a aída total das defensas vascas (Vargas, 2015). O Baracaldo-Martínez Aragón evacúa ao seu cuartel en Portugalete. Nembargantes neste punto

pérdese a pista a Emiliano Manduca Rosales Davila. Entre a voráxine de sudor e pólvora entre 12 e o 17 de xuño Emiliano perde a vida nalgún punto descoñecido entre o Cinturón de Ferro e Bilbao.

A súa dona Carmen tal vez recibise algún tipo de notificación da desparición de Emiliano. De feito nunca se lle comunica oficialmente o seu falecemento en acción bélica. Perante o silencio epistolar de Emiliano Carmen decide emprender unha peregrinaxe institucional na procura dalgunha nova do seu marido. En ningún dos lugares que chega a visitar saben dar conta do paradoiro de Emiliano. Nin tampouco asegurar que se ache morto. O seu nome vai engrosar a extensa listaxe de combatentes desaparecidos.

Tempo despois Carmen sabe a través duns compañeiros de armas de Emiliano que éste falece a causa do impacto dunha granada de morteiro que o deixa completamente destrozado. Segundo parece o seu corpo e os de outros máis foron conducidos a unha foxa común preto do lugar da morte para ser soterrados. Carmen nunca puido recuperar os restos de Emiliano. Nunca soubo onde fora soterrado en data incerta o seu marido. E esta pesadume acompañouna o resto da súa vida.

Fontes

Euskadiko Artxibo Historikoa – Archivo Histórico de Euskadi (EAH).

Beldarrain, Pablo. Historia Crítica de la Guerra en Euskadi (1936-37), Intxorta 1937 Kultur Elkartea,2012.

Diego, Mikel, Lemoatx, Historia de una batalla, en Lemoatx 1937. La Última Victoria del Ejército Vasco, Lemoa, 2018.

Miñambres Amezaga, Aitor. El Cinturón de Hierro-Bilbao`ko ”Burdin-Esia”. Historias de los Vascos, Blogs Deia, 2012.

Vargas Alonso, Francisco Manuel, Milicianos. Las Bases Sociales del Frente Popular en Euskadi y la Defensa de la República, Tesis doctoral, Universidad del País Vasco, 2015.

BATALLÓN 28 BARACALDO MARTÍNEZ ARAGÓN Batallón 28 Martínez Aragón, en https://errepublikaplaza.wordpress.com/.

Agradecer a José Ramón Seijas, neto de Emiliano, pola información facilitada e o aceso a

documentos, cartas e fotografías. E tamén ao investigador marinense Celso Milleiro por facer de “celestina”. Unha aperta para os dous.

Sergio Balchada
Comentarios (1) - Categoría: 04.- GALIZA EN EUSKAL HERRIA - Publicado o 10-03-2021 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0