PERFIL
fatocastelao@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 
 ANTERIORES

CATIVA CRÓNICA DA HOMENAXE A KONTXA MURGIA EGAÑA (2008)
O sábado pasado, 16 de Febreiro, celebrouse na Casa de Cultura de Oiartzun a anual homenaxe a Concha Murguía, nai de Manuel M. Murguía, o primeiro teórico do nazonalismo galego, primeiro presidente da Academia da Lingua Galega e marido da egrexia poeta e ilustre persoeira do Rexurdimento, Rosalía de Castro.
Despois dunha pezas musicais, vascas e galegas, interpretadas polos Txistularis de Oiartzun e os gaiteiros “Novas Fontes” de Hernani, depositouse un mesto ramo de flores á beira da praca colocada en novembro do 2000, que lembra o nacemento de Concha Murguía en 1806 no seu fogar, hoxe Casa de Cultura do concello. Txistularis e Gaiteiros interpretaron o Agur Jauna e o Himno Galego. Despois celebrouse unha falencia na Sá de Conferencias a cárrego da Concelleira de Cultura, Idurre Bera, e de Xosé Estévez, historiador, profesor e Presidente do Fato Cultural “Daniel Castelao”, orgaizador do evento. Esta Asociación conta por sorte con un enxamio de membros moi activos como Irixoa, Moncho, Pena, Estíbaliz, Filipe, Lolo, Xoan Mourinho e Pablo Carral, que arreo traballan a prol das causas nacionais éuscara e galega.

Idurre Bera de xeito breve e certeiro narrou con un éuscaro de son musical e atrainte a biografía de Concha Murguía (Oiartzun 1806-Santiago 1854), rematando con unha chamada a manter e incrementar as boas relacións entre os dous Pobos irmáns, Galiza e Euskal Herria.

Xosé Estévez dedicouse a nomear una longa ringleira de senlleiras persoalidades da cultura e do nazonalismo galegos que tiveron estreitos vencellos con Eukal Herria, dende propia Concha, o seu fillo Manuel M.Muguía, a nora, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, pasando por Vicente Risco, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Lois Peña Novo, Ramón Martínez López, Alvaro das Casas, Valentín Paz Andrade até chegar a Castelao, sen dúbida, o persoeiro galego máis galeuzcano. Tras denunciar os procesos de ilegalizacións pola banda do goberno e dos tribunais españois, detívose o profesor Estévez en suliñar as relacións de ANV co galeguismo, aportando fotocopias de documentos históricos orixinais sobre o tema. Velaiquí un resumo da súa disertación.

A comenzos da II República en “Euzko Indarra”, local de ANV, sito na parte vella de Donostia pronunciou unha conferencia sobre a situación política de Galiza o galeguista, Valentín Paz Andrade, sendo presentado por Gabarain, líder do aneuvismo donostiarra xuntoa a José Imaz, concelleiro do consistorio da cidade.
O 2 de abril do ano 1933, en prena II República, Castelao participaría nun mitin celebrado no frontón Euskalduna de Bilbo, convidado por ANV, xunto aos dirixentes do mesmo partido, Urrengoetxea, Arrien e Basterra, e un representante de ERC, Joseph Riera i Puntí. O voceiro aneuvista , “Tierra Vasca”, recollería os discursos de todos eles. O mesmo día asinaría no Libro de Ouro da Casa de Galiza de Bilbao Castelao, Riera i Puntí e o aneuvista Luis de Areitioaurtena. Tamén na mesma xornada desprazaríanse a Gernika, donde no Album de Honor asinarían Castelao, o mentado Joseph Riera e o aneuvista Sabin Seijo, un pacto para conquerir a libertade dos tres Pobos.

No vran do ano 1933 realizouse a viaxe triangular a Galiza, Euskal Herria e Catalunya por parte da mayoría dos partidos políticos nazonalistas das tres Patrias: Partido Galeguista, Vangarda Nazonalista Galega, PNV, ANV, UDC, LLIGA, ACR e ERC. Selouse en Santiago o Pacto de Compostela, máis coñecido como Galeuzca, o 25 de xullo e cinco día máis tarde en Bilbo foi ratificado, sendo asinado pola banda de ANV por Andrés Perea.

En “Tierra Vasca” o 13 de agosto de 1933 aparacería unha longa entrevista a Castelao, daquela diputado, que remataba con un pequeño toque humorístico, cousa que lle acaía moi ó rianxeiro, un verdadeiro especialista no caricaturismo retranqueiro. Días máis tarde incruiríase outra ó tamén diputado galeguista, Ramón Suárez Picallo.

Na delegación do Goberno Vasco de Barcelona, rexentada polo aneuvista, Luis de Areitioaurtena, celebraríase o Aberri Eguna de 1937, xa durante a Guerra Civil. Intervirían Castelao e varios representantes dos partidos nazonalistas cataláns.
Xa no exilio, en Bós Aires, representantes das comunidades vasca, galega e catalá, xuntábanse no Casal Catalá e froito desas reunións sairían á luz diversos acordos galeuzcanos, asinados en 1941 e 1944-1946. Mesmamente entre 1945 e 1946 editaríanse 12 números da revista GALEUZCA, cuxa alma mater redactora era o xornalista, Olivares Larrondo “Tellagorri”, de ANV, grande amigo de Castelao a quen entrevistaría en diferentes ocasións.

Istes espallados dados son dabondo expresivos para amosar as estreitas relacións entre o galeguismo e o ANV, forza política que naceu en 1930 con carácter aconfesional e socialdemócrata, sendo férveda siareira dun artellamento confederal de Península Ibérica, tal como tamén propoñía Castelao, artellamente que supón a soberanía das nacións que se confederan de xeito libre, reversibel e voluntario mediante tratados internacionais.

Terminou o historiador Estévez afirmando que @s galeg@s asentados en Euskal Herria non renunciamos á nosa identidade nazonal primixenia, pero solidarizámonos sen reservas e integradoramente ca patria vasca, que nos doou fogar, traballo, pan e familia na moura e longa noite de pedra. Non somos capaces de servir a dous señores, pero sí de amar a duas doncelas, luxuriosamente verdescentes, Galiza e Euskal Herria. Leu un porma doutra grande poeta galeuzcano, Manuel María, adicado a Euskadi e animou ó Pobo Vasco a loitar pola súa soberanía, porque se el fenecía, os outros desaparecían tamén.

Despois dos discursos os sons das gaitas amenizaron un lunch de saborosos aperitivos con que nos agasallou o Concello de Oiartzun, a quen lle estamos fondamente agradecidos de xeito sobranceiro á súa concelleira de cultura, Idurre Bera, unha rapaza engaioladora que nos ofreceu toda clas de facilidades para a celebración da efeméride.

Xosé Estévez.
Comentarios (0) - Categoría: 08.- CONCHA MURGUIA - Publicado o 19-02-2008 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
VISITANTE NUMERO