| O blog dun seguidor do Balonman Cangas |
|
| Este é o blog dun fan do Balonman Cangas, onde aparecerán críticas dos partidos do Cangas , opinións dos rivais do Frigoríficos , anécdotas, curiosidades deste deporte que é o balonmano ... |
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| CANGAS 31- PILOTES 23: UN EQUIPO NOVO |
|
Un equipo novo: iso é o que foi esta tarde o Cangas no Gatañal, un equipo de balonmán cos mesmos xogadores de sempre, coa mesma camiseta de sempre, cos mesmos afeccionados de sempre (e algúns cantos máis), pero que semellaba un equipo novo mentres pasaba por enriba do Pilotes.
Facía tempo que non vía ó Cangas xogar así. Áxil, fresco, activo, dinámico en defensa, subindo o balón con velocidade. Parece claro que o parón lle sentou ben.
Dende o principio o equipo mostrou a súa nova identidade en defensa. Tremendo 3-2-1 cuns incribles Adrián e Ugalde, que semellaban ter brazos extensibles, e que chegaban a tódolos balóns. O Pilotes non daba feito, e por enriba os contrataques funcionaban. Oslak e Suso levaron o marcador a un impensable 7-1.
E foi entón, cando mellor xogaba o Cangas, cara o minuto 15 da primeira parte, cando o buraco negro que soía aparecer no Gatañal fai un par de tempadas voltou á pista, xusto cando Adrián, Oslak e Ugalde estaban no banco. E o buraco, como bó buraco negro fixo que o equipo desaparecese durante dez minutos, o tempo necesario pra que o Pilotes metese 7 goles seguidos, deixando o marcador nun desastroso 7-8.
Pero apareceu Oslak na pista, e dalgún xeito, o buraco negro trocou nun buraco de verme, e todo o equipo apareceu de novo sobre o parquet. E así as cousas, entre Oslak, Suso e Doder, foron mellorando o marcador, apoiados noutra boa racha defensiva, ata chegar o 12-10 do descanso.
E tra-lo descanso, a festa rachada. Pouco a pouco as longuísimas mans de Ugalde e Adrián volveron a activarse, o marcador íase estirando, e aínda que ninguén na bancada terminaba de relaxarse, chegouse ós últimos minutos con 5 goles de vantaxe. Ó final, Pablo e a súa hiperactividade en ataque, Doder e os seus lanzamentos, e Suso dende o extremo, lograron abrir un boquete histórico que ademáis deixa o golaverage favorable ó Cangas. (31-23).
XOGADORES FANBLOG
OSLAK 10 PTOS. Nada máis nin nada menos que 11 goles marcou Borut Oslak neste encontro; unha cifra incrible acompañada de xogadas de moito mérito e dun partido de desgaste no que só descansou 10 minutos. Impresionante.
UGALDE E ADRIÁN 9 PTOS. O poder do novo sistema defensivo recaeu, en gran medida sobre os brazos destes dous xogadores. Incriblemente activos, convertían cada intento de pase dos contrarios nunha misión imposible.
DODER 8 PTOS. Grande en defensa, decisivo en ataque. Desatascou o ataque na segunda metade.
SUSO 8 PTOS. Aínda fallando algúns goles claros, acabou anotando 7 nunha exhibición de efectividade dende a esquiña.
|
|
|
|
|
| VERGOÑA INFAME NO GATAÑAL .... CANGAS 24- PORTO 24:SKATE-BALONMAN INTERRUPTUS |
|
Unha vergoña infame. Iso foi o que sucedeu esta tarde no Gatñal, en torques do que pretendía ser un partido amistoso entre o Cangas e o Porto.
Un parqué esvaradizo, un teito con pingueiras, unha situación máis propia dunha competición de patinaxe....un mal partido interruptus que non deu máis que pra que Fontán se lesionase e Doder, Ugalde e algún máis se pasasen todo o encontro co xesto torcido e pregando pra non escordar un nocello ou algo peor.
É calamitoso o estado do Pavilón do Gatañal, un pavillón que dentro de pouco quedará somentes pra prantar patacas...e nin iso sequera.
Está claro que o estado das arcas públicas non é o mellor, pero o Gatañal é a única instalación deportiva do concello (e unha das contadísimas na provincia)que alberga competicións profesionais do máximo nivel, e o Cangas é a maior oportunidade de proxección do nome da vila en toda España e, tamén , en Europa. E o resultado é un Pavillón do que un temporal se leva parte do tellado, un pavillón con pingueiras, un pavillón con humidades, un pavillón no que os xogadores teñen que arriscar a súa saúde e o seu futuro profesional, e no que os espectadores case temos que baixar as escaleiras con arneses pra non sufrir unha grave caída, por mor dunha mala conservación da instalación.
Non sei de que institución é a responsabilidade: municipal, provincial ou autonómica, pero está claro que algo hai que facer, e xa.
Non quero nin imaxinar como amencerá mañá o pavillón, despois de soportar a auga (en toda a pista) durante tódala noite.
Lémbrome que unha cousa parecida tivo que suceder pra que se construise o pavillón e se abandoase o obsoleto de Romarigo. A ver se esta vez a decisión de intervir é máis rápida.
Sobre o partido interruptus, non demasiado que dicir: 24/24 no minuto 25, bo encontro de Sera, Moledo, Eijo, Ugalde e Celes e, pra completar a infamia, varios xogadores visitantes xogaron en chandal....ver pra crer....¡menos mal que non cobraban entrada!
|
|
|
|
|
| NOVE IDEAS BÁSICAS SOBRE O CANGAS 2009/10 |
|
Xa que hai un adestrador novo, quizais veña ben facer unha pequena aproximación do que ven sendo este ano o Cangas, coma punto de partida sobre o que mellorar...
I.O equipo é mellor en defensa que en ataque, aínda que somos un dos equipos máis goleados do campeonato. Os grandes baluartes desa defensa, imprescindibles, son Doder, Eijo e Fontán.
II. Oslak é o xogador de máis calidade da plantilla, e o que máis anota. Coido que se está liberado da responsabilidade de ser central estaría máis fresco para marcar.
III. Celes é o único central creador de xogo do equipo. Cando el está na pista o equipo xoga máis fluido e se perden menos balóns.
IV. Temos bós extremos, pero lles chegan moi poucos balóns. Isto mellora cando os laterais son Oslak, Ugalde ou Fontán.
V. Kosanovic é un gran porteiro, digno de calqueira equipo da liga.
VI. Nelson e Victor Díaz (e Doder, cando pode) son os únicos lanzadores fiables de lonxe.
VII. En ataque empregamos excesivos pases, xogamos demasiado polo centro, e aí perdemos moitísmos balóns, que xeneran contrataques claros que soen rematar en gol do contrario.
VIII. Cando un equipo ten menor calidade ten que apostar pola táctica e polo físico. O estado físico de moitos xogadores non foi o mellor. Hai excepcións, coma Ugalde, que semella un corredor de fondo e aguanta todo o partido a un gran nivel.
IX. Dada a súa dificultade pra marcar, os partidos do Cangas teñen que xogarse sempre a moi poucos goles. Anotar máis de 27 debería ser un bo obxectivo.
|
|
|
|
|
| ANO NOVO, NOVO ADESTRADOR |
|
Tra-la marcha do anterior técnico o Cangas ven de presentar a Nikola Milos, que será o encargado de lvear ó equipo ata o final desta tempada.
Non coñezo moito deste técnico croata, aínda que curiosamente si que o recordo do seu paso polo Gatañal nos últimos anos co Aranda.
E o que recordo del é en principio, bó. Acórdome dun adestrador serio, e vociferante, deses que ós que non lles importa berrar e botar broncas ó equipo ata quedaren afónicos. Nas súas primeiras verbas coma adestrador móstrase optimista e iluionado, confiado en que hai posibilidades de salvación.
Con isto xa me chega. Dame a impresión de que é un motivador, un home que di que o Cangas lle pode gañar a calquera. É un cambio importante no discurso, son verbas que facía falla escoitar.
|
|
|
|
|
| CANGAS 22- LEÓN 31: Unha derrota |
|
Unha derrota. Iso é o que pasou neste partido contra o León no Gatañal. Os leoneses, unha vez establecidas as bases inamovibles da súa victoria deixáronse levar polo parquet adiante; o Cangas tampouco fixo nada do outro mundo; a afección, sumida nun tedio continuo, sen máis esperanzas que ver ós seus xogar de forma digna, deixouse levar tamén...
Estamos a piques de chegar ó parón invernal. Agora hai dous meses por diante pra ser positivos. O ano pasado o ascenso tamén estaba difícil. E se conseguiu. ¿Por que non imos poder loitar pola permanencia?
Sobre a crónica do partido...pouco que dicir. Os mesmos patróns de sempre. Igualados primeiros dez minutos, atasco en ataque, apelación á épica e superioridade do rival, rematado cun amago de remontada cando o contrario se relaxa e fai rotacións. Pese a isto, houbo cousas boas. Kosanovic deu un recital na portería. Adrián aportou poderío físico, velocidade e goles, aproveitando a oportunidade. Oslak segue amosando a súa tremenda calidade (espero que o ano que ven, vaia pra un gran equipo: meréceo). Doder segue soltando o brazo e defendendo coma ninguén. Eijo dao todo en cada xogada.
XOGADORES FANBLOG
KOSANOVIC 9 PTOS. Tremendo. Enorme. Parando contrataques e lanzamentos claros. Unha mostra de orgullo e dignidade en cada partido.
OSLAK 8 PTOS. Non xogou na primeira parte (soprendentemente) tanto como debería. Despois, o de sempre: goles, técnica, velocidade, ganas.
ADRIÁN 7 PTOS. Deuno todo pra demostrar que pode xogar neste equipo. Aproveitou a oportunidade. Defendeu, atacou, correu... Gran partido.
DODER 7 PTOS. Coma ven sendo habitual. Un gran partido en defensa redondado con goles importantes. Menos mal que non se lesionou.
EIJO 6 PTOS. Non estivo tan acertado en ataque coma outras veces, pero tampouco lle chegaron demasiados balóns. Intenso na defensa.
|
|
|
|
|
| CANGAS 26- CUENCA 24. A PRIMEIRA VICTORIA!! |
|
Por fin chegou a primeira victoria do Cangas,nun partido épico no que os xogadores conseguiron unha remontada espectacular pra vencer a un rival compiicado.
O partido comezaba ben, demasiado ben, con demasiados goles. O Cangas é un equipo que se ten que mover en marcadores curtos, e os primeiros minutos proxectaban o marcador cara 36 goles, algo qeu, hoxe en día é pouco menos que unha utopía pro Cangas.
Así que chegou o momoento do atasco en ataque de sempre, e o Cuenca aproveitouno pra facer un parcial demoledor, chegando ata o 4/10. A partir de ahí, a épica. Pouco a pouco, gracias o incrible partido de Oslak, as paradas de Kosanovic, a dirección de Celes,a defensa ó limite e as múltiples exclusións do Cuenca, o equipo comezou a funcionar de novo, chegándose cun esperanzador 11/13 ó descanso.
E á volta, a gloria. O Cangas funcionou coma un equipo por primeira vez en moito tempo. Doder e Oslak anotaban, Eijo era un muro na defensa, Ugalde aportaba veteranía, dirección e goles...mesmo Pablo conseguía os primeiros goles dende o extremo. Mención aparte pra Fontán. Fixo unha segunda metade espectacular, marcando, defendendo, correndo...
Ó final, coma sempre, emoción. Os catro goles de renda a menos de cinco minutos pra o final foron rapidamente recurtados polos visitantes, a pesares da tremenda actuación de Kosanovic. No momento decisivo, Ugalde e Pablo puxeron a calma, e a falta de vinte segundos pro final, todo o Gatañal se levantaba pra celebrar a primeira vitoria da tempada.
XOGADORES FANBLOG
FONTAN 9 PTOS. Espectacular. Aínda estando lesionado, Fontán foi quen de facer unha exhibición en ataque e defensa, chegando incluso a lanzarse ó contraataque. Xenial.
OSLAK 8 PTOS. Outro gran partido de Oslak, que está comezando a soltar o brazo para convertirse no lider do equipo en ataque. Mellor se está liberado de responsabilidades na creación.
KOSANOVIC 8 PTOS. Inexpugnable na segunda metade, sen el tería sido imposible gañar. Aportou a serenidade necesaria nos minutos finais.
DODER 8 PTOS. Cando Doder ten o brazo en forma,que se preparen os rivais. Coa axuda dos seus superlanzamentos, e coa colaboración en defensa, segue sendo imprescindible neste equipo.
UGALDE 7 PTOS. Tremendo o estado de forma do xogador que está aportando máis cousas novas este ano. Veteranía, serenidade, control do xogo e goles.
EIJO 7 PTOS. Xogou case todo o partido, tanto en ataque coma en defensa, e pareceu non acusalo. É imprescindible na defensa, e segue anotando goles esenciais.
|
|
|
|
|
| CANGAS 26 - CIUDAD REAL 38: QUEIXO FUNDIDO |
|
Coma queixo manchego fundido, a superioridade do Ciudad Real extendeuse polo Gatañal de forma paulatina, pegañenta e viscosa. Nin sequera tivemos a oportunidade de ver a mellor versión de xenios coma Abalo, Entrerrios ou Hombrados. Simplemente o queixo manchego foi atrapando pouco a pouco o pulo inicial do Cangas, ata deixalo totalmente inoperante.
Cando hai que enfrentarse a unha masa de semellantes caracteristicas, quizais o mellor sexan os movementos rápidos e polos bordes, onde o queixo comeza a enfriar antes. Pero iso só o entenderon Pablo e Ugalde, os únicos, xunto a Kosanovic, que estiveron á altura. Pola contra, o que debo supoñer unha táctica do adestrador, acababa con xogadas espesas, nas que o balón circulaba lento e pegañento polo centro do queixo, cun Oslak que repetía unha e outra vez a mesma xogada de mexe-remexe con Serafín, Espino, Fontán ou o que fora, evitando de forma máis que descorazonadora calquera tentativa de lanzamento, buscando somentes perder tempo e pasar o balón ó pivote, onde Eijo e Frade se turnaban pra xirar coma trompos quedando enredados no máis mesto do queixo defensivo manchego. En moitas ocasións, o balón nin sequera chegaba ó seu destino, sendo roubado polos defensas que se lanzaban en hiperveloces contrataques en pos dun gol case seguro. Cando os nosos chegaban a lanzar, os porteiros manchegos, especialmente Hombrados, detían balóns con extrema facilidade.
Ó final, xa acabando o partido, o Ciudad Real relaxouse, o queixo comezaba a arrefriar e volverse menos pegañento, e ahí, o único central pasador nato do Cangas, Mr.Celes, puxo un chisco de habilidade pra reducir distancias.
XOGADORES FANBLOG
PABLO 8 PTOS. Xa o comentei na crónica. Dos poucos que viron o partido coma unha oportunidade pra medir o seu nivel fronte os mellores de Europa.
UGALDE 7 PTOS. Áxil, potente, con lanzamento máis aló do extremo, parece mentira que estivera exiliado nun clube de División de Honra B. Seguramente o que mellor forma física ten do equipo.
KOSANOVIC 6 PTOS. Só xogou unha metade, e aínda así brilou fronte ós xenios manchegos. Gran porteiro. |
|
|
|
|
| CANGAS 21- TOLEDO 21: Demasiada épica pra un só punto |
|
Parecía que os elementos se aliaban co Cangas neste partido: temporal de chuvia e vento, calor abafante no pavillón, paróns contínuos no xogo polo esvaradizo do chan, afección animosa e...¡camiseta azul!(por fin). Pero todo iso só chegou pra empatar.
Hoxe o Cangas foi o retrato dun tremendo quero e non podo. A desorganización en ataque, o xogo inconexo... todo iso non o resolve un ataque de carraxe. Non en primeira división.
O partido comezou estrano, con pouquísimos goles, con Ugalde como sorprendente central, un porteiro rival (Moyano) extraordinario e esvaróns e máis esvaróns. Todas esas interrupcións facían que o xogo non tivese continuidade, e, pese os esforzos locais, o Toledo comezaba a marcharse no marcador.Sera e Adrián sufrían dende a bancada.Só un Kosanovic colosal evitaba a desfeita.
¿Por que o Cangas se atasca en ataque? Faltan xogadas desas que se fan de memoria, das que axudan a que por simple rutina se anoten nove ou dez goles. Nelson e Fontán eran os únicos que lanzaban, mentres incriblemente Victor Diaz(o mellor lanzador) e Oslak (o de máis calidade)nin entraban nas rotacións. Só Pablo parecía ter o día.
Antes de chegar ó descanso, con 9-11, foise a luz. Cando o equipo parecía reaccionar. Durante eses interminables minutos de apagón, a desorganización voltou ó Gatañal. Chegou o parón sen nada noticiable, e a segunda metade serviu pra que o Toledo tivera a oportunidade de sentenciar. Pero a vantaxe de catro goles a falta de 15 minutos (14-18) non foi suficiente.
O Cangas apretou os dentes en defensa, os árbitros pitaron en contra, o público enfadouse, e a épica do Gatañal fixo acto de presencia. Con Doder, Eijo e Fontán asfixiando o ataque visitante, e con Diaz, Oslak e Fontán acertados, pouco a pouco foise remontando a desvantaxe ata chegar incluso a adiantarse a falta dun par de minutos (21-20).
Ó final, varios ataques mal resoltos e un gol visitante puxeron o 21-21 definitivo no marcador. Moita épica pra un só punto.
XOGADORES FANBLOG
KOSANOVIC 9 PTOS. Tras pasarse o día anterior de viaxe, e chegar a Cangas poucas horas antes do partido, este gran porteiro semellou olvidarse de todo en canto pisou o esvaradizo chan do Gatañal. Se non fose polas súas contínuas paradas, nin épica nin nada.
FONTÁN 8 PTOS A veces lanza demasiado precipitadamente, pero a súa aportación en ataque e defensa foi imprescindible.
UGALDE 7 PTOS Mans longas en defensa, activo en ataque coma central, foi un dos que axudou a manter vivo o partido.
PABLO 7 PTOS En ocasións, volveu a se-lo Pablo estelar doutras tempadas.
NELSON 7 PTOS Non tivo sorte no lanzamento, e aínda así foi do mellor do equipo.Cando ós brazos encollen, el sempre está ahi pra arriscarse. |
|
|
|
|
| Cero puntos |
|
 O positivo é que tendo estes problemas (e máis) tampouco estamos tan lonxe dos demáis. En canto os solucionemos, quen sabe.... |
|
|
|
|
| Cores, camisetas e dúbidas |
|
 ¿De que cor é a camiseta do Cangas? A verdade, cando comecei a escribir este blog, nin se me pasou pola cabeza que nalgún momento tería que dedicarlle un post ás cores do Cangas, pero o certo é que esta tempada estreouse cunha sorpresa que pouco a pouco se vai confrimando: o Cangas xogará de vermello.
Contan que nos primeiros tempos do clube, cando este se chamaba "Luceros", os xogadores vestían a raias (¿negras e brancas?), e, dende aquela os afeccionados máis vellos viron ó seu equipo de múltiples cores: laranxa, verde, branco.... aínda que por suposto, todos coñecemos dende fai moitísimos anos o noso clube vestido cunha preciosa cor azul marina, en consonancia co caracter mariñeiro da vila. A todos parecía gustarlle esa cor e, dende logo, ninguén apostaba por un cambio tan tremendo, pasando do azul mariñeiro ó vermello "tomatina".
O peor é que este cambio fíxose sen dar explicacións. Eu entendo que se, por exemplo, un patrocinador pon cartos enriba da mesa por levar o seu nome, tamén pode pedir cambiar a camiseta para que leve a súa cor, pero coido que este non é o caso. Polo tanto, ¿que foi isto? ¿un capricho?¿unha superstición?
Os que deben estar "moi contentos" co cambio deben ser os da marea azul....agora terán que ser a marea vermella....un nome pouco inspirador... |
|
|
|
|
|
|
|
|
|