| Un espazo para defender o galego en positivo. Agardamos polos teus traballos (podes envialos a: marvalcarcel@edu.xunta.es, monxardin@teleline.es) |
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| O galego, patrimonio común (de Afonso Vázquez Monxardín, en Galicia Hoxe, martes 4 xullo 2006 |
|
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Cataluña foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Vasco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o antigo réxime- e Galicia, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuxa traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.
E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.
Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal. Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se dedicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.
Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nacida do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?
Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Desde Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Desde Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Desde a historia, desde o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.
|
|
|
|
|
| Colegas do galego |
|
Naceu unha nova bitácora, do ENL do IES Val do Tea, con ideas suxerentes para apoiar o galego na vida cotiá. Velaí o texto da súa presentación e oxalá xurdan moitas iniciativas semellantes por todos os recunchos do país:
Dirixímonos a vós co fin de proporvos a vosa colaboración na campaña “Colegas do Galego”. O obxectivo desta acción promovida pola ENL do Ies Val do Tea é estender o uso da lingua galega nos distintos ámbitos da vida cotián, neste caso pretendemos apoiar o uso da nosa lingua nos establecementos comerciais da comarca de Ponteareas.
Para tal obxecto, os alumnos do instituto deseñaron un símbolo que servirá para identificar a vontade do voso establecemento de empregar o galego na actividade comercial.
Os establecementos comerciais que se sumen a “Colegas do galego” contarán coa axuda do ENL do Ies Val do Tea para o uso do galego no ámbito comercial. |
|
|
|
|
| Máis voces que se fan eco e apoian esta campaña (o escritor Francisco Castro na súa bitácora www.rioleteo.blogspot.com) |
|
DEFENDER O GALEGO EN POSITIVO
Francisco Castro - 28-06-2006
O gran Marcos Valcárcel é un dos impulsores dun blog titulado Falamos Galego. En Positivo, e que responde a unha filosofía moi clara e necesaria: que hai que deixar de queixarse tanto e apostar pola defensa da lingua desde unha perspectiva constructiva.
Anímovos a participar porque, entre outras cousas, é ben certo que investimos moita enerxía en queixarnos e en subliñar o mal que nos saen as cousas aos galegofalantes, o pouco que nos comprenden, etc (aínda onte unha señora en Vigo negouse a falar coa miña muller porque lle falaba en galego, que ela non o entendía... todo isto, cun grande acento musical e fermoso das Rías Baixas e nun castelán cheíño de galeguismos... )´.
É tempo, xa que logo, de falarmos en positivo. |
|
|
|
|
| Alfredo Conde faise eco, de novo, da campaña FALAMOS GALEGO.EN POSITIVO |
|
OS NOSOS DÍAS (El Correo Gallego, 28 xuño)
Comer a beixos o galego Algún día, os estudiosos da materia, han ler os nosos artigos, os nosos textos literarios e científicos, tamén os políticos, e, a partires deles, intentarán facerse unha idea do noso tempo e da nosa fala.
Daquela hanse preguntar, sen dúbida, porque os escritores falamos tanto da nosa lingua e tan pouco de literatura, ó tempo que tamén han reparar no estraño andazo que pra eles o mesmo non ten explicación plausible e que levou a que, ese mesmo noso e amado idioma, fora posto ó coidado dos políticos, que o convertiron nun arma arreboladiza coa que se zoscar paus de enxebrismo e desgaleguidade, ou dos lingüístas, ós que nunca lles chamarán filólogos, que o convertiron nun patrimonio exclusivo deles, un eido privado no que fedellar a eito, según ocorrencias momentáneas, decretando normas contra o sentir da xente e a favor da súa ciencia ó parecer exacta.
Neste sentido non deixa de resultar curiosa e ilustrativa a constatación da persistencia do apóstrofo, logo de tantos, tantísimos anos, na cartelería de restaurantes e baiucas, de cafés ou comercios de tecidos, mesmo nos nomes de algúns literatos que fan bandeira del, O"Rivas, por poñer un caso, e a prácticamente nula aceptación, agás nos manuais de estilo dos medios de comunicación, de re-inventos recentes como pode ser ese substituto das graciñas que nos obriga a dar as grazas, malia que malditas sexan a que tal imposición nos faga.
Nun destes máis recentes artigos, preguntábame eu pola receita que nos sacara deste apampanamento e desta usurpación e que nos devolvera a nós o uso libre da nosa fala ó tempo que lle devolvera a ela aquela louzanía de antano, o seu aquel oloriño a pan recén forneado, aquela morneza de fogar e arrecendo de mazás. Agora acábome de decatar de que a receita xa anda a circular e bo será que a subscribamos todos.
Afonso Vázquez-Monxardín propuñeu que nos comamos a beixos en galego. Eu apúntome, sempre que me deixen escoller con quen prácticar tal antropofaxia pero, mentres, creo que podemos e debemos comérmonos a bicos o galego, o noso idioma sempre neno, a nosa fala sempre garrida e galana, a bicos; a bicos e a correr? non vaia ser que lles dea tempo ós supostos amos do idioma a vir e prescribirnos beixos, en troques de bicos, que sempre son máis desinteresados e máis puros.
Pois iso, mil bicos. Vémonos todos en http://www.blogoteca.com/falamosgalego. Aí nos vemos, todos.Todos os amantes do galego. Todos.
|
|
|
|
|
| O trato cos neofalantes |
|
Nas suxerencias ao artigo de X. Sierra Veloso, "Xancín" fai esta recomendación, que nos pareceu pertinente destacar:
"Non condenemos nin nos burlemos dos neo-falantes. Antes ben, admirémolos".
E deixamos a pregunta no aire: como tratar co mellor xeito posible aos neofalantes? Como animalos a seguir e insistir no seu labor de regaleguización? Hai que corrixir a aquelas persoas que se esforzan en falar en galego, mesmo non sendo galegas de orixe, e que, como é lóxico, ó comezar a facelo, fano mal? Como hai que corrixilas nese caso?
Agardamos as vosas achegas.
|
|
|
|
|
| CONVÍDOTE Á MIÑA FESTA EN GALEGO (Galicia Hoxe, 24 xuño) |
|
Cen mil tarxetas dos Bolechas promoverán a lingua entre os rapaces
Política Lingüística e Igualdade distribúen os convites nas escolas de preescolar para socializar o seu uso
Os departamentos autonómicos de Política Lingüística e de Igualdade distribúen 100.000 tarxetas nas aulas de Educación Infantil para promover o uso do galego entre os rapaces de dous a sete anos.
As secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, presentaron onte, na Escola Infantil Santa Susana, de Santiago de Compostela unha iniciativa conxunta dos seus departamentos para promover o uso da lingua propia de Galicia nas relacións sociais dos nenos e nenas galegos.
Estes días distribuíronse nas aulas de infantil, para todos os cativos de entre dous e sete anos de idade, as tarxetas "Convídote á miña festa", protagonizadas polos coñecidos personaxes infantís dos Bolechas e coas que se pretende normalizar o uso da lingua propia de Galicia nas actividades cotiás dos máis pequenos. A acción vai orientada ás distintas celebracións propias destes anos, como son as festas de aniversario. O que se pretende é achegarlles aos rapaces e rapazas unha visión positiva da lingua, asociada neste caso a actividades de lecer. As invitacións buscan a implicación directa dos nenos nesta acción, polo que no seu interior a invitación está incompleta para que sexan eles os que se encarguen de rematala cos seus datos.
Para conseguir chegar a este segmento de idade, a distribución realizouse a través das escolas infantís e dos centros de educación infantil e primaria. En total, editáronse arredor de 105.000 unidades. Os envíos constan de paquetes con oito tarxetas de convite dedicadas de xeito individual a cada un dos personaxes desta popular familia.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, lembrou que un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) é fomentar o uso progresivo do galego na etapa preescolar, de xeito que se superen as carencias que se observan nestes primeiros banzos do ensino.
López engadiu que o papel dos educadores e das educadoras, xunto co das familias, "é determinante para a adquisición das primeiras palabras, a primeira socialización, e para o uso normal da lingua propia, que se interioriza nestas idades temperás".
Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa lingua propia e referiuse a esta iniciativa como "unha acción de sensibilización para que os pais e as nais asuman o uso da lingua galega como medio de expresión e comunicación entre os máis pequenos".
|
|
|
|
|
| Palabras únicas, de Helena Villar (El Correo Gallego, 23 xuño 2006) |
|
Palabras únicas
A televisión anda a emitir un anuncio que promociona o turismo en Galicia con imaxes e palabras únicas: badalada, lusco-fusco, carballeira, morriña... E así é. As palabras do idioma, creado e sostido pola paisanía durante séculos, son únicas e as que mellor designan a realidade. Como dicía Cunqueiro: "Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa. Por terme ensinado a dicir rula e abidueira e dorna e ponte e fonte. E entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte".
Canda este anuncio, a lingua de Galicia sae tamén nos xornais, non coa súa mera presenza como idioma, feito normal nun país normalizado, senón cousificada como noticia. Por un lado, parece haber certo consenso en que o novo estatuto declare o deber de sabela, igualándoa co castelán. Por outra banda, porque se descubriu que o alumnado galego é máis proclive a estimala cando empeza os estudos que cando os acaba, feito que non di moito da habilidade actitudinal do noso sistema educativo.
Como o alumnado non abandona o desexo de falar inglés, que queda algo máis lonxe, a sociedade terá que reflexionar arredor do que lle pasa coa lingua propia e se a ten valorada como merece por ben irrepetible que presenta a utilidade de vehícular como ningún outro a comunicación dun pobo e de representar a súa complexa realidade.
Falan tamén os xornais da lingua ligada ao primeiro alimento, por unha campaña de seiscentos panadeiros que a promocionarán nos envoltorios do pan cada mañá. E mesmo da lingua escrita arredor da morte, coma tal nas lápidas do cemiterio. A min paréceme ben rechamante e irregular que a grande maioría dos galegos e galegas non teñan vinculado o seu recordo á lingua que falaron de por vida eles e os seus.
E xa por último, porque as probas da selectividade estaban traducidas a un galego tan errado que faría suspender na Secundaria obrigatoria. Chámanme a atención os erros, pero moito máis que haxa que traducir ao galego as probas da selectividade de Galicia. ¿E el será que o sistema educativo non o considera propio e habitual? Porque se non asumen a lingua as institucións capacitadas para superar prexuízos, ¿con que razón hemos esperar outro comportamento dese alumnado que, polo visto, segundo progresa, lle vai perdendo lei ao idioma propio?
|
|
|
|
|
| Algunhas cousas simples que podemos facer pola lingua galega (Xurxo Sierra Veloso, 24 maio, en www.reidecopas.blogspot.com) |
|
Atrévome a participar no debate que nos propuxo hai algúns días Marcos Valcárcel . Está en xogo o futuro do noso sinal de identidade, o idioma. Non podemos permitir que esmoreza diante da nosa pasividade. Pola miña banda, propoño algunhas cousas ben sinxelas:
1. Falar galego con naturalidade, sen facer diso unha bandeira nin unha doutrina. Os que non falan galego merecen todo o respecto, polo que nunca debemos facelos obxecto das nosas proclamas sociolingüísticas nin dos nosos comprometidísimos discursos. Está máis que demostrado que determinadas actitudes son contraproducentes.
2. Fuxir dos tópicos. O meu admirado Carlos Blanco dicía que os camareiros sempre se sorprendían ao ver un señor de traxe e gravata falando galego. Por suposto, non digo que agora vaiamos vestir como se fósemos a unha voda, pero tampouco esquezamos que a xente asociará a nosa imaxe á lingua que falamos. Niso, como en tantas outras cousas, temos moito que lle agradecer ao profesor Beiras.
3. Pidamos, con amabilidade e firmeza, que a documentación da nosa vida estea redactada na nosa lingua: as hipotecas que asinamos, as cerimonias que celebramos, a folla parroquial, as actas da comunidade de veciños...
4. Regalemos libros en galego aos nosos amigos e coñecidos, moi en especial aos nenos, aínda que non sexan galegofalantes.
5. Evitemos as discordias innecesarias. Cada segundo que perdemos discutindo sobre cuestións ortográficas é un segundo perdido. Non nos convén dar imaxe de división, a menos que nos queiramos parecer aos xudeus da película "A vida de Brian".
6. Agora que se achegan as eleccións municipais, dirixámonos aos candidatos do noso concello e amosémoslles a nosa preocupación ou satisfacción , segundo sexa o caso, pola estado da lingua. É importante que sexan conscientes de que o asunto do idioma non é secundario.
7. Participemos na vida cidadá. Escribamos na seccións de cartas ao director e manifestemos a nosa opinión sobre as cuestións de actualidade. Pero, a ser posible, non convirtamos os foros dos xornais nunha reiterada e aburrida queixa lingüística. Faremos máis pola nosa lingua se a empregamos para opinar de política, de arte, de fútbol, de urbanismo, de calquera tema que nos pareza interesante.
E agora, por favor, que cada un engada o que queira. O debate é fermoso; o desafío, longo.
|
|
|
|
|
| UN ALMORZO CON VERSOS (Faro de Vigo, 14 xuño) |
|
Porque non só de pan vive o home.
Cultura fomenta a interese pola poesía galega en colaboración coas panadarías
C. Villar / SANTIAGO
Non só de pan vive o home. Os que defenden que a cultura é un alimento tan necesario para alma coma a fariña fermentada, están de noraboa. A partires de agora, polo que custa unha barra de pan, os fogares galegos recibirán tamén seis poemas doutros tantos autores das nosas letras.
A iniciativa, que chegará ata 627 despachos de pan de toda a comunidade, provén da Consellería de Cultura e consiste en repartir bolsas de papel que conterán versos de Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Rosalía de Castro e Ana Romaní, autores clásicos xa e outros dos nosos tempos.
Coma o pan é de uso moi estendido, cóntase con que "a maioría das casas galegas terán tódolos días enriba da súa mesa ou nun lugar ben visible unha escolma de poemas galegos".
Así, mentres un colle un anaco de pan para o almorzo poderá saber que iso de "camiño, camiño longo, / camiño da miña vida, / escuro e triste de noite, e triste e escuro de día...", é do escritor Ramón Cabanillas.
Esta iniciativa que presentou onte en Santiago o director xeral de Difusión Cultural, Luís Bará, en colaboración co vicepresidente da Federación Galega de Panaderías, Benigno Cervera, leva por nome "Pan con poesía".
Ademais de dous mil cartaces promocionais que se colocarán en tódolos establecimentos da asociación, distribuiranse 150.000 bolsas, coas que se conta chegar a outros tantos fogares de Galicia.
Na escoma de versos, ademais de clásicos coma os de "Longa noite de pedra", de Celso Emilio, atópanse outros moito máis directamente vencellados ao artigo protagonista. Así, empregando as verbas escollidas de Otero Pedrayo: "Panadeiriña de Cea / agasallada do vento / coma unha palla de avea... / E o vento di o seu contento / ós tristes fumes da aldea".
|
|
|
|
|
| Falar en galego para traballar (Galicia Hoxe, 18 xuño) |
|
Política Lingüística introduce a lingua nos cursos de formación
120 docentes aprenden en Compostela as técnicas para afrontar a integración laboral no idioma do país
Até 120 profesores estiveron onte en Compostela para asistir á xornada formativa sobre "Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral" organizada pola Secretaría xeral de Política Lingüística.
Este novo curso ten como obxectivo, como sinalou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, na presentación da xornada, "cualificar aos desempregados para que poidan afrontar a súa integración laboral en galego e con normalidade".
Durante todo o día, os participantes aprenderon as técnicas e ferramentas que os habilitarán para dar este novo curso que a Consellería de Traballo xa incorporou á súa oferta de formación para as persoas desempregadas.
Por esta razón, os contidos do módulo formativo que xa se ofrece nos cursos de formación ocupacional da Consellería de Traballo teñen un enfoque eminentemente práctico e "céntranse na oralidade, nos contextos concretos do traballo, como reunións ou conversas, e tamén na escrita, na elaboración de currículos, mensaxes electrónicas, etc", sinalou Marisol López.
Desde as dez da mañá e ata as oito da tarde, os alumnos recibiron formación teórica e, sobre todo, práctica.
Nas diversas sesións de traballo afondouse no contido deste módulo sobre habilidades comunicativas e organizáronse obradoiros nos que empregando xogos e simulacros de actuacións se traballou a lingua dun xeito dinámico e cun enfoque eminentemente comunicativo e non gramatical.
DATOS Entrevistas e currículos
Adquirir ferramentas e habilidades en galego para afrontar unha entrevista de traballo, a redacción dun currículo, unha carta de presentación ou outro tipo de documentos laborais son parte das dinámicas comunicativas que se ensinarán nos diferentes obradoiros que teñen lugar no IES Xelmírez II. Foi unha xornada innovadora, pois non existía formación didáctica para que o galego sexa a lingua habitual no mercado laboral.
Na actualidade, xa está dispoñible xa na páxina web da Consellería de Traballo os manuais en PDF para este módulo formativo que pretende achegar o galego a un eido no que xeralmente, o galego non ocupa o primeiro lugar.
Ademais, en breve, ofrecerase tamén unha versión en liña con mesma actividade formativa na modalidade a distancia, para integrala nos cursos que se realicen deste xeito.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|