jujel






Día das Letras Galegas de 2010 pa Uxío Novoneyra

 Temáticas
 Fotoblogoteca
 Gosto de ler...
 Buscador
 Blogs galegos
 Arquivo
 Anteriores
 Destacados

A minha língua quero na tua boca


A minha língua quero na tua boca
e nos teus lábios nos teus peitos
E no país inteiro do teu sexo
falar com o idioma que nos pertence
Procurar a humidade com a língua que nos une
para dar-lhe nome ao teu corpo
e repetir em cada rio em cada bosque
em cada outeiro da tua geografia
a promessa de quem ama sem palavras
Com o silêncio das estrelas, tam longínquo e singelo

Quero escrever na tua pele
o panfleto do meu amor
e arengar o teu cabelo
mobilizar as tuas maos
Berrar com a força dos teus olhos
que a revoluçom está em marcha
no desejo
e no sexo

Quero sair às ruas do teu corpo
com a tua roupa de bandeira
e solicitar reclamar exigir
silêncio
para escutar as proclamas
da nossa respiraçom

Quero ser militante dos teus peitos subversivos
e atacar directamente
ali onde mais gosta
e tomar por assalto o palácio de inverno
das tuas pernas
enquanto tu preparas
a ofensiva final

A minha língua quero na tua boca
e nos teus lábios nos teus peitos
E no país inteiro do teu sexo
falar com o idioma que nos pertence
Procurar a humidade com a língua que nos une
para dar-lhe nome ao teu corpo
e repetir em cada rio em cada bosque
em cada outeiro da tua geografia
a promessa de quem ama sem palavras
Com o silêncio das estrelas, tam longínquo e singelo

IGOR LUGRÍS
OVNIS E ISOGLOSSAS
E ti, que pensas? (0) - Tema Literatura - Publicado o 07-05-2008 17:55
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
I Trofeo galego de Quad Cross e Quad resistencia (Cospeito 2008)


As miñas circunstancias vitais aliáronse para que hoxe, día 20 de abril me achegase até Cospeito(Lugo) para ver a primeira proba dun campionato que esperamos que dure moitos anos. A climatoloxía non acompañaba e o circuíto, impresionante por certo, dificultou moito a tarefa dos pilotos para achegárense aos primeiros postos da clasificación, con Escudero sempre á cabeza na categoria superior decidimos abandonar o idílico lugar lucense coas bandeiras negras que indicaban que non se podía continuar, polo menos polo momento, porque as rodeiras do barro fixeron das súas atrapando algúns dos vehículos que participaban. O ambiente foi moi bo e respirábase cordialidade e compañeirismo entre os participantes, este entre outros motivos anímannos a desexarlle unha moi longa vida a este campionato e unha próspera existencia. Déixovos embaixo as próximas citas deste campionato e algunhas fotos que engado á fotoblogoteca.

QUAD-CROSS

25 de maio-Agolada
22 de xuño-Pontevedra
14 de setembro-Cospeito
5 de outubro-Agolada


QUAD-RESISTENCIA

2 de novembro-Agolada
21 de decembro-Pontevedra


SUPERQUAD


Pendente de confirmar a data-Pontevedra

Saúdos!


E ti, que pensas? (0) - Tema Galiza - Publicado o 20-04-2008 21:33
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Carta aberta a Pablo Rodríguez Gómez


Dirixida ao meu moi querido excompañeiro:

Non hai moitos anos no Francisco Aguiar un raparigo moi interesado por moitas e moi variadas actividades era un dos maiores defensores das liberdades tanto individuais coma sociais e colectivas. Non obstante, o tempo non pasa en balde e as carreiras universitarias non só fan estragos coa súa política de imposición do español senón que os títulos ás veces parecen outorgar categorías sociais superiores á persoa que os posúe, á vez que fan esquecer os principios morais máis básicos defendidos ao longo de moitos anos do que se podería denominar “vida anterior á Universidade”. É ben doado neste coma noutros casos deixarse levar pola corrente dominante, mellor aínda, non molestarse en reparar na escola de españolización que supón, neste caso concreto, a UDC, e nas consecuencias palpábeis que esta tivo para certas persoas.

Unha distante relación de hai xa varios anos é a que me leva a respostar nesta ocasión ao presidente de Betanzos Século XXI, a impropiedade e o descoñecemento con que fala fanme bulir até retomar por un instante o meu esquecido blogue. Ao igual que o conflitivo tema do aborto fai bulir a este excompañeiro meu até escribirlle unha carta a unha actual compañeira, Pura Ferreño.

Partindo dun título certamente tan inapropiado como mal escrito (lembremos que pseudo- é un prefixo polo que debe formar parte da palabra que modifica, e pro- tamén é un elemento prefixal e é un erro utilizalo coma un nome de seu) pretende argumentar sobre cousas que dificilmente nunca podería sentir simplemente porque é un home... Si, xa nos podemos escandalizar, as mulleres e os homes non somos iguais, certamente somos por natureza distint@s, mais isto non debe repercutir na igualdade de dereitos, e, así mesmo, si que debe repercutir en que as mulleres poidamos decidir o que facer co noso corpo, posto que por moito que o poidan imaxinar haberá cousas que nunca poderán sentir as persoas con xénero distinto

Primeiramente non concordo na denominación de “modesto periódico local”, o xornal de ACEBE obviemente é local mais non é modesto senón que é excelente, e máis aínda tendo en conta o esforzo que unha asociación tivo de facer para que na actualidade este sexa o xornal que mellor reflicte a realidade betanceira, outra cousa é que os que desde hai ben pouco son “de cidade” aínda que sexa de adopción, consideran estes xornais locais de baixa calidade non facendo honra á realidade da súa publicación, e só, tal e como indicas, escribides nel porque non tedes ningún espazo mellor en que facelo.

Agora que parece que vostede forma parte do que debe ser un partido da cultura da vida, as miñas preguntas son as seguintes, pimeiramente: e logo, porque és partidario do deporte de matanza nacional español, os touros, promovéndoo continuamente nalgún espazo que reservas na rede (mais á vista de todo o mundo) para a túa vida privada? E finalmente, porqué, xa que dis que ao partidarios da cultura da vida non se vos dá cabida nos medios de comunicación cando todas e todos sabemos que estes promoven a matanza continuamente, mais en especial cando é a tempada dedicada a tal masacre?

As preguntas son moi doadas, as respostas contradirían o seu discurso, feito que non resultaría moi estraño ao lembrarmos da directiva de que partido político (sección xuvenil, como non) pertence e cal é a política de discernimento entre a praxe e o discurso deste.

Tal e como indica vostede, o aborto, na actualidade, podería ser practicado preto da nosa vila, mais non se decata vostede de que no Estado español segue a ser un delito e de que non calquera persoa pode acceder á sanidade privada, o que significa, primeiro, un problema monetario, e segundo, un problema coa lei, tal e como se puido ver nos últimos meses. A frivolidade de que tanto fala a respecto da entrevistada no Ideal non ten punto de comparación coa que demostra vostede ao falar de “modas” para referirse ao destino máis utilizado para abortar fóra do Estado, porque tal e como pensa ao afirmar iso parece ser que as mulleres nos movemos en base ao que fan o resto das persoas e non temos nin criterio nin personalidade para decidir nin tan sequera sobre algo tan delicado, ...pobres de nós!

Serán as oitenta mil persoas que seica di que anualmente abortan no Estado español as que están equivocadas ou serán as leis obsoletas, como en tantos outros casos, que non mudan mentres a sociedade si que o fai, e cuxas posíbeis mudanzas son botadas para atrás por xente tan retrógrada como demostra ser vostede na actualidade (...quen te vise hai uns anos...).

Faime graza que escriba sobre a conferencia episcopal e as súas continuas referencias á Igrexa Católica, lembro cando aínda estando no instituto e seica sendo anárquico falaba de queimar as igrexas, agora fala, pola contra, do dereito á vida de quen aínda non a ten amparándote nunha institución que deosta o uso do preservativo e promove así o espallamento de enfermidades de transmisión sexual que provocan a morte en vidas verdadeiras e que sofren. Ao observar unha mudanza radical e observar como o atraen os extremos das filosofías da vida, aconsellaríalle, se mo permite, un pouco de reflexión rememorando que tamén non hai moitos facía campaña dunha chamada Alternativa Español (AE).

O cinismo é o que lle leva moito tempo invadindo a vostede con tanto cambio de ideas, o vento tamén vira de moitos xeitos distintos mais é froito da inercia, nós, as persoas, pola contra, temos a capacidade de decidir e posicionármonos, aínda que entendo que o máis doado é mudar de lado segundo vire o vento e así nunca nos collerá o frío, as enfermidades non son doadas de curar, non si?

A ignorancia é a que vostede padece ao falar tan contundentemente de algo que nunca xamais poderá sentir (a non ser que decida cambiarse de sexo). A ciencia que tan fervorosamente defende tamén di que somos descendentes dos simios mais vostede defende e parece que milita nunha Igrexa que afirma que estamos aquí grazas a un ser marabilloso que tivo a ben crearnos. U-la súa sapiencia?

Non me considero militante da cultura da morte, mais teño que dicir que ficou moi poética esta denominación, lémbranos á Escola da Tebra da poesía galega e ao desasosego existencial dos seus poetas e poetisas. Mais síntome estarrecida coa pregunta que lanza afirmando que por mor do aborto “como non vai haber malos tratos á muller ou ás persoas anciás e mesmo violencia das aulas”, nunha case apoloxía final da violencia entre as persoas, comparándoa coa decisión dunha muller sobre o seu propio corpo... mais xa se sabe que a muller foi feita por Deus grazas a unha costela do home, a este debémoslle todo, e a nosa decisión sempre debe ficar supeditada á do home, non si?

Fico agradecida pola atención e despídome lembrando ese famoso refrán popular... Quen te viu e quen te ve...

Saúdos a tod@s!



(Esta carta é unha resposta á Carta aberta a Pura Ferreño: Frente a los seudo agurmentos pro aborto, publicada no xornal de ACEBE que chegou estes días ás nosas casas)
E ti, que pensas? (8) - Tema Betanzos - Publicado o 08-04-2008 18:40
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Non puido ser! :) (mais deu que falar...)
















E ti, que pensas? (0) - Tema Betanzos - Publicado o 10-03-2008 16:41
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Lembranza no 8 de marzo
No medio dunha voráxine de libros, traballos, aulas e estrés retomo só por un segundo Eu tamén navegar para lembrar este día tan sinalado, porque a pesar de que algúns concellos sigan loitando polo mantemento da sociedade patriarcal, moit@s de nós procuraremos a igualdade e a liberdade individual sen distincións de xénero como piares do noso crecemento persoal e intelectual.

Unha mudanza superficial, unha mudanza real?


A sociedade actual basea as súas ideas e concepcións sociais en estereotipos impostos que veñen desde tempos inmemoriais, malia que se considera tremendamente revolucionaria, actual, moderna e mesmo liberal. O problema xorde cando é preciso adecuar a praxe das prácticas sociais coa teoría explicitada no discurso destas, principalmente a través dos medios de comunicación, é entón cando aparece unha descompensación e a suposta mudanza de mentalidade descóbrese coma unha mudanza irreal.

Na desigualdade xenérica están presentes estes valores supostamente libertarios, afírmase como necesaria a igualdade da muller e considérase case imprescindíbel a súa independencia económica, mais, entretanto, as mulleres seguimos a cobrar menos e popularmente se identifíca a figura feminina coa maternidade e a esposa amantísima asociada un mundo banal, coma monicrete ideal da sociedade que a globalización e o consumismo construíron.

O tempo pasa e as cousan non mudan porque é precisa e imprescindíbel unha revolución desde os alicerces da sociedade actual en materia de igualdade, e o que se está a dar é unha revolución parcial e momentánea desde as capas máis superficiais e menos pragmáticas á hora de garantir a súa aplicabilidade á realidade, estamos, por tanto, diante dunha mudanza superficial que non garante unha mudanza real.

Onde están as heroínas e os mitos femininos? Onde están as literatas, artistas e deportistas? Onde están as mulleres que aseguraron o noso porvir? E, finalmente, onde están as mulleres que construíron o noso presente? A historia ocultou e oculta a existencia das mulleres, quizais a escrita dos homes non puido máis que lembrar féminas asociadas a algún home, pai, irmán, marido, sempre veladas tras a personalidade masculina. Por todas elas espera un presente que axudará a moldear e construír un futuro moito mellor, por todas elas moitas non perdemos folgos nesta batalla a piques de se gañar, porque as pequenas conquistas sociais non só se acadan co esforzo individual e colectivo, senón tamén co suficiente tempo dispoñíbel para que callen na sociedade e sexan quen de mudala substancialmente.

Porque vivimos nunha sociedade desigual, sexista e discriminatoria non podemos máis que lembrar diariamente que a presunta solidariedade e o abandeiramento pola loita dos dereitos da muller tan de moda hoxe non é mais que unha falsa face que pretende transformar a sociedade superficialmente, non hai, pois, mudanza social sen vontade verdadeira, vontade explícita, práctica e pragmática, vontade de ferro, loitadora e apaixonada, non hai, pois, igualdade sen loita.
E ti, que pensas? (1) - Tema Muller - Publicado o 07-03-2008 13:28
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
E ti, que pensas? (0) - Tema Lingua - Publicado o 21-02-2008 15:43
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O incumprimento da Lei, materia obrigatoria do ensino no país
Cincuenta centros incumpren "gravemente" o decreto do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística entregou esta cuarta feira no rexistro da Consellaría de Educación unha listaxe cos nomes de medio cento de centros nos que se incumpre "de forma especialmente grave o decreto de galeguización do ensino".

O presidente da asociación, Carlos Callón, asegurou que a listaxe é só unha selección cos nomes daqueles centros dos que A Mesa ten coñecemento, mais salientou que existen moitos máis na mesma liña: "case sería máis fácil entregar unha listaxe de parabéns aos centros nos que si se cumpre, que unha nómina de todos os que non o fan", dixo Callón, poñendo como exemplo que "en ningún ciclo formativo de toda Galiza se cumpren os mínimos estabelecidos pola lexislación".

Dende A Mesa tamén destacaron que o incumprimento é masivo, sobre todo "no tocante aos ciclos formativos e ao ensino infantil, unha etapa educativa onde, segundo o novo decreto, o galego tería de ser a lingua vehicular nas zonas de maioría galego falante, e chegar a un mínimo dun cincuenta por cento nos outros sitios".

Nalgúns colexios mesmo os propios mestres recoñecen o incumprimento da norma por escrito. Algúns exemplos sabidos pola Mesa: hai quen, tendo o libro en galego, tradúceo, dando os apuntamentos en castelán, ou quen mesmo dá as clases da materia de Lingua Galega tamén en castelán.

Nas vilas, nas cidades e no rural, incumprimento por igual
O presidente da Mesa quixo destacar que os nomes destes centros denunciados ante Educación non se van facer públicos, de momento. Porén, vaise realizar un seguimento para comprobar que se está a traballar de cara á aplicación de norma. Se os centros "persistiren", daquela si que se darán a coñecer os seus nomes.

Segundo Carlos Callón, os casos recollidos de vulneración do decreto no conxunto do país distribúense dun xeito semellante en cidades, vilas e no rural, algo que cualificou de "un tanto sorprendente". Callón destacou tamén o feito de que "non hai moitas diferenzas entre centros públicos e concertados".

Unha listaxe de medio cento de centros dos que deron aviso
Os datos presentados foron obtidos grazas á colaboración "da base social da Mesa", segundo a propia organización, cuxo presidente informou de que van entregar un novo informe coma este antes de que remate o curso, para que "que a información sexa dinámica, e que os centros que hoxe non cumpren comecen a facelo".

A pesar do negativo dos datos, Callón recoñeceu que "hai unha mudanza a respecto dos últimos anos do PPdeG, e no caso dos libros de texto naquelas disciplinas en que existe material en galego, estase a cumprir máis coa lexislación, aínda que non plenamente".


Vieiros, 20 de febreiro de 2008
E ti, que pensas? (1) - Tema Lingua - Publicado o 21-02-2008 09:22
# Ligazón permanente
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet