No outro lado


En que lado, dirás ti? Pois no que non é o bo, dende logo...
Isto pretendía ser un resumo do que foi a miña non-vida por eses lares. Bellevue, estado de Washington, profesora visitante nos EE.UU. Tamén podería ser un pasatempo, para que desta aventura saira algo... digamos... tanxible. Tamén podería ser unha chulería.

Por poder, podería ser tantas cousas... E que será agora?

Eu
 Categoricémonos
 Retratos
 Busca e atoparás
 Buscar en Blogos Galegos
 Arquivo
 Anteriores
 De visita

California, o principio da viaxe

Ben, aquí estou de novo. Xa me botabas de menos, non si?

Teño moito que contarche. A miña longa viaxe percorrendo a costa do salvaxe oeste americano, dende Seattle a San Diego, case nada, 2.024 quilómetros. Isto vai ser longo e por capítulos, aviso, que o que avisa non é traidor.

A nosa aventura consta de tres aventureiras. María, andaluza, Laura, madrileña e eu, galega e dun obxectivo: rentabilizar o Rail Pass, que nos permite viaxar polo salvaxe oeste durante quince días. Desafortunadamente, as nosas vacacións só duran unha semana, pero menos dá unha pedra. Neste país os mestres realmente non teñen de que queixarse en canto ás vacacións (coma se tiveran que facelo aí...) porque o resto dos currantes americanos só teñen dúas semanas. Imaxino que a moitos deles non lles importa, vendo a "cultura do traballo" que hai aquí: profes que están no colexio até as 6 ou as 7 cando a hora de saída (e até a que nos pagan) é ás 4, mestres que van traballar sábados e domingos.

Inciso: o termo traballar no é exactamente o mesmo que o que eu teño. Aquí o traballo comprende todo: no traballo comes, no traballo fas vida social e falas coa xente, no traballo traballas, no traballo fas a lista da compra e organizas a túa vida, ao traballo levas os teus fillos e a túa mascota... Moitas horas, iso si, pero non só de traballo. Con isto non quero dicir que os americanos non sexan traballadores, senon máis ben que son ineficaces.

Deixo o do traballo que me zono, e me saio do tema. Volvo á viaxe.

A aventura poderíase facilmente dividir en tres aliñas, a saber, viaxe no tren (catro días), cidades visitadas (dúas, San Francisco e San Diego) e freakies atopados, sobre todo no tren. Curiosos os especímenes que habitan por estes lares.

Agora estou cansa, así que xa che seguirei contando, se me apetece un día destes. A modo de conclusión dicir que realmente mereceu a pena a viaxe, case, case, por un momento, alegreime de estar aquí.


A viaxe, aquí.
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 26-02-2007 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
A noite dos Oscars

A miña vida social vai "in crecendo".

Sei que deveces por saber da miña viaxe, pero ese artigo vaime levar un ratiño, así que xa te enterarás. Voume centrar nas novidades.

Esta tarde a miña caseira (55 anos), invitoume a ir con ela a casa dunha amiga para ver os Oscars. Todo hai que dicilo, é a primeira vez que os vexo a unha hora normal (5 da tarde no Pacífico, 8 da tarde en Nova Iork).

Para alá me fun, e aprendín catro cousas:

1) Jennifer López aquí é J.Lo. (pronunciado /lli lou/).
2) Penélope Cruz fala o inglés con acento de Madrid, así que xa non me volvo preocupar polo meu. Cantos anos leva aquí? Non se vai o acento despois de tantos anos?
3) Aquí tamén hai unha "Rosa de España" made in USA. A que hai un par de anos participou en American Idol, o equivalente ao noso "Operación Triunfo", gañou o Oscar á mellor actriz secundaria.
4) O tema "político" da gala foi o medio ambiente. Parece que os actores están agora preocupados polo do quencemento global. Por alí andaba Al Gore co seu documental. Non sei o que pensarán os políticos actuais.

A tarde foi moi entretida e aprendín máis cousas da vida neste país. A amiga da miña caseira ten 72 anos, ni uno más ni uno menos, e todavía traballa. Vende distintos produtos, e a miña caseira axúdalle dous ou tres días á semana. Ten unha casa moi bonita, pero aínda a está pagando. Segundo me contou a miña caseira, vive ao día e realmente non ten cartos, aínda que o parece. Que tipo de sociedade é esta na que unha muller de 72 anos aínda está a pagar a hipoteca?
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 26-02-2007 07:10
# Ligazón permanente a este artigo
O planeta americano

Hoxe acabei de lelo (grazas polo envío, K.) A verdade é que me defraudou un pouco, principalmente porque aparecen moitos números... Como poideches comprobar, esta semana téñolla xurada aos díxitos. Recoñezo que o lin un pouco ás presas, en dous días (tíñalle ganas) así que vou volver a relelo con máis calma.

Por outro lado, suscribo todo o que di o autor, e non porque me presente unha serie de estatísticas, senon porque é o que vexo e percibo.

Mañá saio para California, San Diego e San Francisco. Unha semana. Comprobarei se, máis cara ao sur, o planeta americano segue a xirar na mesma dirección.
Tes algo que dicir? (1) - Categoría: Xeral - Escrito o 17-02-2007 06:56
# Ligazón permanente a este artigo
Estatísticas

Este é o país das gráficas, das estatísticas. Todo deber ser medible, comparado e traducido a unha gráfica.

A semana pasada Óscar, profesor visitante, tivo unha das observacións feitas polo seu director. A observación consiste en que o director do teu colexio vén a túa clase mentres ti das unha lección, para comprobar que estás a seguir o currículo, que os nenos están on task e tes un bo control deles.

Un dos comentarios que lle fixo na post-observation foi: "Ti nombraches 11 veces a este alumno, mentres que só 8 a este outro. Deberías compensar e intentar nombrar o mesmo número de veces a todos."

Eu o outro día tiven unha reunión. O meu equipo de primeiro grao -as catro mestras que damos en primeiro- xuntámonos coa nosa counselor. A reunión propúxoa ela, xa que tiña unha preocupación. O meu colexio é unha escola de inmersión, é dicir, nenos inglés falantes que dende kindergarten (5 anos) a quinto grado (o noso 5º de primaria) reciben case a totalidade das súas clases en castelán -ou español, que din eles.

Pois unha das precupacións da miña orientadora preséntase á hora de falar cos pais dos alumnos que teñen algún tipo de dificultade, que non avanzan, ou que non aprenden. Segundo ela, parécelle que cando a un pai ou nai se lle di que o seu fillo non está seguindo o ritmo da clase, que non comprende o español e porén non está a aprender o currículo, os pais teñen que aceptar "a nosa palabra", que non se pode demostrar. Esta situación estáa driving her nuts (counselor´s dixit). Propúxonos comprar uns test para avaliar a comprensión do español. Nel os nenos verían catro debuxos e terían que sinalar o correcto, ¿cál é o barco? ¿cal é acariciar?

Con este sinxelo test, a counselor xa quedaría moito máis tranquila. Analízaríase dunha forma científica se o neno está a comprender o que pasa na clase ou non. Incluso despois poderíanse facer estatísticas, o 84'7% dos nenos blancos que levan calcetíns morados sinalan axeitadamente ao barco, mentres que o 34'58% das nenas de orixe asiática con pelo longo non recoñece a palabra. ¡Qué gran avance para o colexio! Non vexo a hora de implantalo...
Tes algo que dicir? (2) - Categoría: Xeral - Escrito o 16-02-2007 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
As maletas

Gústame mirar o meu armario.


Sonará raro, pero gústame acender a luz e miralo. Saín fumar un cigarro e a nicotina deume a resposta, xa sei o porqué. A que non me levaría moito tempo metelo todo nas maletas e marchar?
Tes algo que dicir? (12) - Categoría: Xeral - Escrito o 07-02-2007 07:19
# Ligazón permanente a este artigo
Hai que recuperar as forzas

Sei eu que tes curiosidade por saber como vivo, como resisto. E dime miña nai: ¿E comes ben? Of course.



Este é o famoso sándwich (que por certo, é unha palabra galega, que acabo de mirar no VOLG), dicía que é o famoso sándwich grazas ao cal manteño as miñas contantes vitais dende o 23 de agosto. Este que estás a ver, concretamente, vai a ser o que me coma mañá, aproximadamente ás 11:59. Cóntoche como é o proceso, ou mellor dito, cóntomo a min mesma.

As 11:45 sona a campana e, con sorte, os vintedous aos que lles estou a subir a autoestima -porque o que é ensinarlles, pouco lles ensino-, estarán en fila. Saímos todos xuntiños, eu diante tal galiña con eles tal poliños andando en fila india detrás miña. Atravesamos o patio e chegamos ao ximnasio-comedor-salón de actos. Alí, os que traen a súa comida da casa séntanse nas mesas que hai postas tipo campamento militar, e os que a compran, fan cola para pasar por caixa. Eu teño que estar con eles, non vaia ser que se perdan.

Pasan por caixa, na que normalmente está Amy, que basicamente é un ordenador no que marcan o seu código persoal, e despois van coa súa bandexiña coller a comida no self-service. Todo coma nas películas. A comida é moi saludable: hamburguesas, pizza, polo rebozado frito... dieta mediterránea, vamos.

Despois de que o último neno marca o seu número, eu xa podo ir buscar o meu sándwich e gozar dos meus 45 minutos de lunch time dos que, por certo, xa pasaron case dez e eu seguía on duty.

E así vólvome para a clase, e ás veces estás ti e podo chatear contigo un ratiño. Outras veces estou con sándwich nunha man, co lapis na outra corrixindo algún papel dos nenos e coas tesoiras nas orellas cortando as sílabas para a actividade da tarde.

Outras veces vou ao Staff room, onde algún profe está comendo. E iso foi o que fixen hoxe, e non sei porque me entrou o agobio. Supoño que será estar escoitando as mesmas palabras baleiras de todos os días, as mesmas risas tristes, vendo os mesmos ollos que te fitan pero que están ollando algo moi lonxe. Non sei, xa me aburrín desto. Imaxino que un mal día teno calquera, e que un mal día venche aquí, ou en Singapur, ou en Logroño. Pero a min veu aquí, ¡que carallo!, así que repito e reafírmome que esto é unha puta merda...

Mañá será outro día.
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 07-02-2007 06:58
# Ligazón permanente a este artigo
4 meses e 24 días

Isto é o que me queda de permanencia neste lado do océano. 4 meses e 24 días. Visto así, non parece moito. Xa me podo espabilar e aproveitar o tempo, ver algo dos EE.UU. e intentar, se podo, volver cun bo sabor de boca. E se non pode ser moi bo, polo menos que non sexa amargo de todo.

Na foto ves o calendario do distrito. Na columna da dereita está o que xa pasei, todo o malo. Na columna da dereita está o que me queda, todo o... bo? Quen sabe? Ao mellor si.
Tes algo que dicir? (9) - Categoría: Xeral - Escrito o 05-02-2007 07:06
# Ligazón permanente a este artigo
Festa de aniversario

Hoxe estaba invitada a unha festa de aniversario dunha profe do colexio. Non é que me sentise moi emocionada coa invitación -pasar a noite nunha festa dalguén que cumpre os 50 anos aproximadamente non é a miña idea dunha noite tola -, pero tampoco había moitas máis alternativas, así que alá me fun.

Como non podía ser doutro xeito, fixen os preparativos preliminares: dende a impresora do colexio imprimín a ruta a seguir dende a miña casa até alí, e viceversa, que tampouco hai que aforrar en tinta. Algo que estes americanos teñen é recursos a cachón... Funme a mercar a miña botella de Rioxa Marqués de Cáceres (14'49 dólares, 11'18 euros máis impostos) que vai a ser o meu regalo permanente para todo o mundo aquí: para a miña caseira, para a miña adorada Nancy, e tamén o ía ser para Gladys, a susodicha cumpleañera.

O cumpreanos tiña o "timing" totalmente fixado, de 8:00 a 11:00. Así é como se fan as cousas por aquí, todo está estruturado, pensado e pechado. Non hai lugar para a improvisación. Eu empecei a fargallar neste blogo poco despois do cine, así que cando me decatei xa eran as 8:00, e segundo o mapquest tiña 30 minutos de camiño. É igual, penso, porque a outra compañeira de primeiro xa me dixo no colexio que ela non ía chegar até ás e media.

Para alá marcho eu, tan contenta, que sempre vou contenta no meu coche fumándome os meus Ducados, seguindo as indicacións impresas punto por punto. Até o de agora nunca me fallara mapquest. Se me dicía: "Torce á dereita na 58" así era, palabra de Dios, pero hoxe algo pasou. Cando me din de conta xa levaba máis dunha hora de camiño. Deixara a autopista onde era, pero debinme pasar algún cruzamento despois dela.

Sabía que estaba pola zona, e probablemente se chamo a Mónica indicaríame por onde era e chegaría. Pero non me deu a gana. Se non chegaba eu polos meu propios medios e méritos "orientativos" (ehem, ehem...) pois non chegaba. Nótase moito que non tiña ganas de ir?

Nestas voltiñas que andaba eu facendo vexo o letreiro que pon I-5 South, pola que teño que voltar para a casa. Pois voume e non busco máis. Estou entrando na autopista e decátome que me teño que poñer no carril da esquerda para incorporarme á 405, pero o cabrón que viña polo carril non me deixa. Agora si que a fixemos boa! Até preto de Seattle cheguei, a rendinme á evidencia que o meu sentido de orientación perdeuse nalgún momento da miña vida, así que me paro nunha gasolinera e pregunto.

Resumindo, dúas horas e media no coche, non cheguei ao sitio, pero funme comer unha superhamburguesa, pola cumpleañera, digo eu!


Tes algo que dicir? (5) - Categoría: Xeral - Escrito o 04-02-2007 08:58
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro día. Primeira proba.

Si. É a primeira vez que escribo aquí, tamén é a primeira vez que intento facer un blogo destes (non me gusta o de blog, síntoo...) e tamén é a primeira vez que vou ao cine neste lado do mundo, polas américas. Que qué película fun ver? Pois Volver, de Almodóvar,non por el que no me agrada precisamente, senon polo título: VOLVER...
Tes algo que dicir? (2) - Categoría: Xeral - Escrito o 04-02-2007 03:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal




Locations of visitors to this page








Powered by eSnips.com