No outro lado


En que lado, dirás ti? Pois no que non é o bo, dende logo...
Isto pretendía ser un resumo do que foi a miña non-vida por eses lares. Bellevue, estado de Washington, profesora visitante nos EE.UU. Tamén podería ser un pasatempo, para que desta aventura saira algo... digamos... tanxible. Tamén podería ser unha chulería.

Por poder, podería ser tantas cousas... E que será agora?

Eu
 Categoricémonos
 Retratos
 Busca e atoparás
 Buscar en Blogos Galegos
 Arquivo
 Anteriores
 De visita

Liberdade condicional
Vivo no país da liberdade. Vivo no país do respecto ao individuo.

Onte fun ao cine e tomar un trago cunha compañeira do colexio, a miña nai adoptiva aquí. Fomos ver Music and Lyrics, pagando $9.75 pola entrada, que veñen sendo 7 euros e algo. Ao terminar, Nancy díxome, rindo a cachón, que iamos entrar noutra. En vez de saírmos do cine, entramos noutra sala. Esperamos un anaquiño a que empezara Wild Hogs, estivemos media hora, e díxome ela, esta non che vai gustar, imos a outra, así que ao fin vimos Premonition.

Despois de cinco horas sentadas nas butacas, fomos tomar un trago. Primeiro intentamos un Pool Bar que estaba no mesmo centro comercial, pero non nos daban atendido e a miña compañeira tiña medo de que nos visen pais do colexio.

Collemos de coche e a Kirkland fomos. Estivemos no máis parecido a un pub español que vin dende que estou aquí, con xente moi noviña bailando e tomando. Por unha Coronita e un Ron&Cola pagamos $7.75, uns seis euros.

Mestres baixabamos as beberaxes e mirabamos á xente, contoume o porqué no quería que a visen pais do colexio bebendo. Hai uns tres ou catro anos, no colexio, todas as mestras reuníanse moitos venres a gozar dunha hora de happy hour, a bebida á metade de prezo e pataquiñas. Cada semana ían a un restaurante diferente preto de colexio, así cada unha podía marchar para a súa casa cando terminase. Estaban alí de 4 a 6, máis ou menos. O claustro -composto de colombianas, mexicanas, porto riqueñas, peruanas, cubanas, chilenas..., é escandaloso e ruidoso, coma corresponde a unha xuntanza de dez ou quince mulleres hispanas.

Unha nai viunas un venres, e foi queixarse á directora, dicindo que as mestras estaban borrachas. Acto seguido, charla da directora co claustro, coa suxerencia de que as reunións a fixeran máis lonxe do colexio, para non seren vistas. O claustro indignado. Seguíanse a reunir nos mesmos sitios. Ao pouco, outra nai, avogada, presentou outra queixa dicindo que non era unha conduta profesional e que estaban a dar un mal exemplo para os estudantes. E o claustro decidiu suspender as reunións.

Eu non fago comentarios. Non podo. Non me saen.
Tes algo que dicir? (7) - Categoría: Xeral - Escrito o 01-04-2007 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Quen son, a onde vou e de onde veño?

Non, non é unha canción de Siniestro. Évos un enlace ben interesante que deixou Turonio no seu blogo. Eu xa estiven xogando un pouquiño, anímaste?


Ala, mira que mapa fun poñer. Para min que se me está a pegar o afán imperialista destes lares...
Tes algo que dicir? (4) - Categoría: Xeral - Escrito o 31-03-2007 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
TGIF

Isto foi o que me dixo a miña caseira hoxe pola mañá. Today is TGIF, Thanks God it´s Friday. Amén.
Tes algo que dicir? (1) - Categoría: Xeral - Escrito o 31-03-2007 06:23
# Ligazón permanente a este artigo
U-lo cheque?
Mi madriña, que estrés. Pasei medio día no colexio lendo e contestando e-mails para ver onde carallo vai un cheque de 20 dólares que unha nai entregou en novembro. Tiñan que pagar $8.88 por uns cadernos de actividades que usamos na clase, e $10 para sufragar os gastos das festas que facemos na clase ao longo do curso.

Que se a nai escríbelle á secretaria que onde vai o cheque, que se a secretaria faille un CC á asociación de pais que son os que levan iso, que se a asociación de pais fai un CC á outra nai que non sabe nada do tema, que se a que non sabe nada do tema faime un CC a min para que verifique nos meus rexistros, que se a secretaria do colexio dille a nai -e logo ela faime a min un CC e por iso me entero- que os cartos teño que telos eu somewhere (iso non é unha acusación de roubo?), que se lle escribo a nai que lle fago un cheque para que se aclare todo dunha vez, que se ela dime deso nada, monada...

Que son 20 dólares, rehostia! Nin que fora a morte de ninguén. E eu téñome que preocupar de facer a miña declaración da renda, e non por estupideces!

Hoxe aprendín dúas cousas:

1) Cos cartos non se xoga, aínda que teñas ben deles. Cando anden cheques polo medio, ándate con ollo.

2) CC=cara culo? comparsa de carallada? copia de carbón?

Tes algo que dicir? (7) - Categoría: Xeral - Escrito o 28-03-2007 04:39
# Ligazón permanente a este artigo
Sábado, día de visitas
Hoxe está o día triste, e chove e chove e non para. Levo unha semana non moi boa. O ánimo non está alto e síntome moi sousiña. Alén disto, o meu corpo maduro está a desprenderse, de forma salvaxe e sanguinolenta, do aborto de vida que cada vinte e sete días fabrica sen o meu permiso.

Non estou con moitos azos, así que non chamei aos que andan na diáspora coma min. Eles tampouco me chamaron. Eles son varios. Eu estou soa. A quen lle correspondería chamar?

Estando así o panorama, hoxe matei o tempo visitando aos meus veciños. Fun até a casa do Marcos, e presentoume á Mafalda. El estaba apurado así que case non se decatou da miña visita, pero pagou a pena.

Mafalda
é unha rapaza ben fermosa que canta fados, e leva toda a tarde conmigo. De natureza xenerosa, só por ires á súa casa cántache e faiche compaña. Cando eu sexa grande hei de ser así, fermosa e doce. Pero só algúns días. Outros días hei ser dura e contundente, coma ela, coma a Harvey.
Aquí vive Mafalda.
Tes algo que dicir? (10) - Categoría: Xeral - Escrito o 25-03-2007 05:10
# Ligazón permanente a este artigo
En Rusia hai moitos rusos
Venres pola noite. Que mellor que pasar a noite vendo a tele.

A tele de aquí é unha merda, como everywhere, imaxino. Non sei se teño un problema coa antena, ou é o aparato. A tele atopeina nunha garage sale, que é unha costume ben típica dos Esteits. Consiste en que fas limpeza das cousas que tes amoroadas no garaxe, bótalas no xardín e, previo permiso concedido polo concello, polas á venda. Pois aló por setembro, cando andabamos na procura de mobles para o apartamento, atopámolas nun xardín co letreito de free. Como a cabalo regalado non se lle mira o dente, collémola. E agora só vexo dúas cadeas, xa digo, e non sei a quen maldicir por elo.

Vin o parte, así que xa estou ben informada do que pasa polo mundo: o accidente de tráfico ocorrido na I-5, o incendio da casa no concello do lado, a nena que desapareceu da súa casa, o soldado que marcha para Irak dende San Diego, as queixas que hai por un texto nos WASL -exames tipo selectividade que fan todos os anos os nenos a partir de 3º de primaria- porque ofrece unha imaxe negativa dos inmigrantes mexicanos, o tempo (que semella que o repiten cada 5 minutos)... Que gusto sentirse unha muller informada! Non me estraña que os americanos non saiban nada de xeografía, se no parte só falan do que pasa nun radio de trinta kilómetros.

Póñome a ver o concurso de Miss USA 2007, todas ben ghuapiñas desfilan por alí. Despois preséntanse. Aquí é a parte un pouco distinta ao concurso de aí. As misses falan das súas horas de voluntariados varios, que se na igrexa, que se nos hospitais, que se cos nenos máis desfavorecidos... Despois chega o gran momento, o das preguntas ás cinco últimas finalistas, nos que teñen que mostrarse coma realmente son, amosar o seu interior para que non nos quedemos só coa súa fachada... De aquí o título do artigo.

Non o fixeron tan mal. A verdade é que me sorprenderon gratamente. Non só teñen unha xenética envexable as raparigas, senón que tamén saben falar. Claro, como falan en inghlés e non lles entendo...

Unha. Cal é a persoa á que che gustaría parecerte? A Will Smith, adoro a súa integridade, a súa forma de pensar...

Outra. Cal é o teu heroe? Meu irmán, que está no exército. Sempre admirei a súa dedicación.

Outra máis. Cres que se debe dar unha segunda oportunidade ás persoas? Non sempre, depende dos casos. Por exemplo, non a un asasino. (Pena de morte xa, quixo dicir a rapaza. Merda, non me acordei de mirar de que estado era.)

A última. De puider, que farías desaparecer do mundo? E dixo a de Nova Iork, toda convencida, o uso dos móbiles nos coches.

Pois iso, como dixen, que en Rusia hai moitos rusos.

Tes algo que dicir? (7) - Categoría: Xeral - Escrito o 24-03-2007 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
I-90

O domingo pasado collín de coche, e a facer millas. Que non se diga. Metinme na I-90 dirección leste.

Dende a miña casa, se colles para o norte vas para o Canadá, que basicamente é o mesmo. De colleres para o sur, Oregón e California. Ao oeste, Seattle. E ao leste, tes que pasar as montañas para adentrarte no estado de Washington. Para alá me fun pasar a tarde do domingo pasado, 18 de marzo.

Informes completos, aquí.
Tes algo que dicir? (0) - Categoría: Xeral - Escrito o 24-03-2007 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Ouro negro?

Pola mañá botei gasolina, que está un pouco cara hoxe, a $2,79 o galón.

Regra de tres, un galón son catro litros e medio, pasei os dólares a euros, e bótalle: o litro de gasolina está a 0,46 cent de €.

CORRECCIÓN: Un galón son 3,7 litros, así que o prezo sae a 0,57 cent. (Grazas paideleo)

Para que logo digan que as guerras non valen para nada...
Tes algo que dicir? (8) - Categoría: Xeral - Escrito o 19-03-2007 07:42
# Ligazón permanente a este artigo
Patricio
Parece que hai plan. Ás 12:30, hora do oeste (dentro de dúas horas) empeza un desfile na honra de San Patricio. Dinxeron onte nas noticias que todos somos irlandeses hoxe. Eu, rapariga obediente onde as haxa, convertireime logo en irlandesa. A ver que sae disto.

Neste vida hai que ter prioridades. Teño moito que facer, a saber:

1. Facer a coada, que os calcetíns estanse a acabar.
2. Limpar a casa, que os xermes están a organizar orxías.
3. Corrixir exames, que as notas teñen que estar no sistema informático do distrito o venres que vén.
4. Facer a compra, que na neveira só hai medio tomate e un iogur bebíbel.
5. Limpar o coche, que xa non se sabe de que cor é.
6. Facer a p*** declaración da renda americana, que o prazo acaba en menos dun mes.

Vista a listaxe, tampouco parece tanto... Pero o corpo pídeme festa. Ao mellor teño sorte e mañá domingo o día dura 39 horas...

P.D. Quédanme 34 cigarros.



A fotonovela completa, aquí.
Tes algo que dicir? (3) - Categoría: Xeral - Escrito o 17-03-2007 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Luisa
Como sempre hai momento para unha primeira vez, así como para unha última, hoxe fun á misa. A miña parroquia (aclaro, a igrexa católica que está moi preto da miña casa, por ende a miña parroquia) é Saint Louise.

Día de Santa Luísa, así que a parroquia fai unha misa multilingüe, como corresponde a unha comunidade multilingüe. Nancy, crente acérrima, invítame a acompañala. Que mellor momento que o presente para vivir a vida americana, coas súas celebracións e sendo parte da comunidade. Decídeme o feito de que despois do oficio, hai comida gratis. Por certo, nin que tivera que xustificarme por ir á igrexa...

Ás 6:30 da noite alí estamos as dúas. A igrexa por dentro é bonita, nova, prefabricada, como un salón dunha casa rica, artificial, pero bonita. Alí atendo á misa que dura unha hora. Moito coro, moita música, moito espectáculo, e pouco cura. O cura fala pouco.

Hai cachos que os din en español, hindú (moito traballador de Microsoft por aquí), cantonés e non sei que máis. Nancy dime que parece que non hai moitos mexicanos aquí hoxe, que mellor porque sempre fan moito balbordo. Isto xa o oín varias veces neste país, pero con voz baixiña: están os mexicanos e despois os hispanos. Non gustan uns dos outros. Son dous grupos separados.

Despois do oficio imos todos para o salón de actos do edificio anexo, que hai cea gratis. Isto axúdanos a sentiros máis parte da comunidade. Nancy, como boa anfitriona, preséntame a un montón de xente: "Hi, Rose! I want to introduce you my dear friend who is teaching in my school. She is from Spain" "Reallly? How wonderful! Are you having a good time?" "Of course". Non respondo máis, que xa o dicía Valle Inclán, Lo bueno... Despois de escoitala mesma resposta vinte veces xa nos sentamos a cear.

E coñezo ao pai Tomás. Dame unha calurosa benvida á comunidade. Tamén me recorda que é unha comunidade con moitas necesidades e que podo pasarme por alí para traballar de voluntaria cando queira. La comunidad.
Tes algo que dicir? (0) - Categoría: Xeral - Escrito o 17-03-2007 05:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal




Locations of visitors to this page








Powered by eSnips.com