No outro lado


En que lado, dirás ti? Pois no que non é o bo, dende logo...
Isto pretendía ser un resumo do que foi a miña non-vida por eses lares. Bellevue, estado de Washington, profesora visitante nos EE.UU. Tamén podería ser un pasatempo, para que desta aventura saira algo... digamos... tanxible. Tamén podería ser unha chulería.

Por poder, podería ser tantas cousas... E que será agora?

Eu
 Categoricémonos
 Retratos
 Busca e atoparás
 Buscar en Blogos Galegos
 Arquivo
 Anteriores
 De visita

Living Las Vegas

Antonte luns estiven moi maliña. Estiven tan maliña que tiven que pedir o día no colexio, e non puiden ir traballar. Xa che poñerei fotos da Fabulous Las Vegas e do Gran Cañón. O feito de que coincidan no calendario a miña súbita enfermidade coas fotos son cuestións do azar, ou do destino, ou do que sexa.
Tes algo que dicir? (13) - Categoría: Xeral - Escrito o 26-04-2007 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
Weirdo

Isto é o que se chaman ás veces os meus nenos. Non, máis concretamente é o que lle chaman a un neno en particular. E quen non é un pouco weirdo? Eu sono, e creo que cada vez máis. Estoume volvendo rara.

Por certo, fai un par de semanas, o 10 de abril, fun ver unhas plantacións de tulipáns preciosas por aquí cerca. Xa che ensinarei as fotos, cando teña tempo, e ganas.


Máis fotos, aquí.
Tes algo que dicir? (3) - Categoría: Xeral - Escrito o 25-04-2007 05:45
# Ligazón permanente a este artigo
Facilidades
Neste tempo de tolos no que vivimos, é moi fácil perdelo norte, tolear e desexar a morte do veciño. Se por riba, temos á man unha arma, ecuación perfectamente mortífera.

É curioso que me enterase do tiroteo de Virxinia porque mo dixeches ti polo chat. Non é do primeiro tiroteo que teño oído este curso. Unha profesora visitante que está a menos dunha hora de aquí este ano viu cos seu propios ollos coma no seu instituto, antes do Nadal, un estudante colleu de pistola e matou a un compañeiro.

Estiven pola tarde vendo a televisión. O tratamente informativo que se lle deu é similar ao que se lle daría por aí, falan os compañeiros, falan as nais, buscan culpables, preguntan á universidade se non debera pechar as instalacións cando se produce o primeiro tiroteo. Sorpréndeme a entereza, ou frialdade, coa que falan algúns dos que viviron o suceso. Imaxino que será a diferenza entre ser anglo e latino.

Non é bon o que pasou. Trinta e tres persoas que se foron antes de tempo. Gustoume como rematou un documental hoxe, co Hallelujah versionado por Jeff Buckley.


Tes algo que dicir? (11) - Categoría: Xeral - Escrito o 18-04-2007 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
Café quente

Hoxe o café estaba moi quente, e acordeime de miña nai. Lembrei como me arrefriaba o Cola Cao antes de marchar para o colexio, cando ía tarde; como o pasaba dunha cunca a outra até que xa valía para beber; e como cando eu metía un cacho de tortilla moi quente na boca dicíalle coa boca chea, mamá, está moi quente, e abría a boca e ela soprábame.

Quérote moito, mamá.
A foto
Tes algo que dicir? (8) - Categoría: Xeral - Escrito o 10-04-2007 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Cans e Pascuas

Onte foi Pascua, que aquí parece ser un día importante, na que se fai unha cea con xeito. Eu funme para Seattle, que a familia coa que vive María díxolle que invitara a quen quixera.

Antes da cea, os nenos buscando pola casa os ovos que os pais agocharan polos recunchos. Os ovos eran coma os de Kinder, con sorpresa dentro, que tiñan cartiños. Non daban atopado o que tiña $50. Dábame non sei que poñerme a buscalo que se non... A cea gustoume moito, tamén hai que dicir que agradezo calquera cousiña quente. Un xamón asado moi rico, con patacas gratinadas ao forno e xudías á prancha de guarnición. Foron moi agradables. Mandáronme dous tuppers cheos de patacas e lacón, así que hoxe ceéi con xeito, invitei á miña caseira, e aínda me queda para mañá: cozo uns cachelos e listo.

Hoxe pola mañá, sobre ás nove e media chamoume á caseira. Antes de marchar para o traballo, escapóuselle o novo can, si, o de arriba, así que me pediu que estivera pendente por se aparecía. Como non teño clase, que estou de Spring break até o xoves, funme no coche intentar atopalo. Ao final el soliño chegou á casa. O can creo que se chama Baily, ou algo así, aínda que o principio a caseira barallou en poñerlle Toby, como lo oyes, aínda que pronunciado /toubi/. Hai cousas internacionais.

By the way, primer artigo escrito en Linux, e sen problemas.
Tes algo que dicir? (5) - Categoría: Xeral - Escrito o 10-04-2007 06:03
# Ligazón permanente a este artigo
Evolución e relixión, segundo Dawkins
Estes días están todos os blogos moi relixiosos, ou quizais debera dicir, anti-relixiosos. Non deixa de chocarme como o politicamente correcto aquí é selo, e aí é non selo.

Xa que logo, andiven buceando por esta arañeira e atopei a Richard Dawkins, un ciéntifico e teórico evolutivo inglés cunha teima no estudo do fanatismo. Publicou o libro The God Delusion, que podería vir sendo como A Ilusión Falsa de Deus. Tamén hai un documental pola rede que a min pareceume interesante, aínda que me da un pouco de medo. Dura case unha hora, pero paga a pena. Neste enlace podedes velo completo con subtítulos en castelán.

Dende logo di verdades coma puños, ou polo menos a min parécemo. O vídeo fala das relixións en xeral na nosa vida cotiá -cristiá, musulmá- e como esa aparente inocencia que poden desprender non é tal.

A pasaxe co predicador americano é sinxelamente arrepiante. Que medo da ese home de Diós, nunca mellor dito.

A miña opinión, porque tamén hai que mollarse un pouco, é que unha cousa é a Igrexa como institución (léase negocio-empresa) e outra a relixión, como algo máis que ao mellor hai. Non sei, descendemos do mono (ou eso creo, xa que confío no que me din os ciéntíficos), aínda que todo hai que dicilo, uns máis ca outros. Pola outra banda, algunha diferenza terá que haber entre un caracol e máis eu. Algo terei que ter eu e máis ti dentro que el non teña, e non me refiro aos cornos. É igual que morra un caracol a que morra unha persoa?



Anuncio televisivo do libro.
Tes algo que dicir? (13) - Categoría: Xeral - Escrito o 09-04-2007 00:31
# Ligazón permanente a este artigo
Namorada
Esta muller, a Harvey, supérame. Creo que me estou namorando dela. Cando a vexa súbeme a presión arterial, sáeme un sorriso involuntario na fazula e alégrame o día...




... e dame ganas de brincar, e de mandar á merda as dúas mil vinte e sete cousas que non me gustan deste mundo.




Aí a vai, para o meu goce, e para o teu, of course.
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 06-04-2007 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Esteban o Ghaiteiro

Na realidade o monicreque faise chamar Flat Stanley e é moi coñecido por estes lares. Está baseado nun libro para nenos no que ao pobre Esteban cáelle un tableiro enriba e queda totalmente plano. Xa que logo, pode viaxar polo mundo metido nun sobre.

Os nenos de primeiro pintaron cadanseu e ímolo mandar mañá a familiares e amigos seus por todo o país. O meu, o da profe, vestíuse de gala e vai viaxar para Galiza. E a onde chegará? E que haberá que facer cando chegue? Xa se enterará o que o reciba...
Tes algo que dicir? (5) - Categoría: Xeral - Escrito o 05-04-2007 06:07
# Ligazón permanente a este artigo
Vida intelixente

Hoxe estes americanos fixéronme rir.

Á unha mándanos dende a oficina un e-mail co aviso de very important: "Acaba de chegar o material de ciencias. Por favor, revisade os vosos casilleiros porque vén material vivo que hai que atender inmediatamente."

Ao lelo, pensei se serían os famosos lagostinos cos que van traballar en 4º; tráenlles lagostinos vivos que teñen na clase coma se fosen peixes de cores. Os rapaces deben facer un traballo de observación para ver como viven: cómense uns aos outros, pola noite chimpan e morren por detrás dos mobles e, en xeral, levan unha vida moi democrática. Agradezo aos deuses non dar 4º.

Eu dou 1º, así que a mensaxe importante non é para min. Pasa o día, e remata por fin. Voume para a casa, pero primeiro paso pola sala das fotocopiadoras, xa que os servizos están ao lado. Oh, oh... unha caixa no meu casilleiro. E chea de letreiros por todos lados: OPEN AT ONCE. PERISHABLE. Merda, penso, xa me carguei un bicho. Ábroa cun pouco de medo, porque vai saber ti que estraño ser sae de aí.

Tres allos e cinco patacas. Ría eu soa. Estes americanos, que esaxerados. Vida claro que había dentro da caixa. É máis, vida intelixente, diría eu. Porque o que é fóra...
Tes algo que dicir? (13) - Categoría: Xeral - Escrito o 04-04-2007 04:28
# Ligazón permanente a este artigo
Sozinha
Tom Jobim - Garota De Ipanema




Olha que coisa mais linda,
Mais cheia de graça.
É ela a menina que vem e que passa,
Num doce balanço a caminho do mar.
Moça do corpo dourado do sol de Ipanema,
O seu balançado é mais que um poema,
É a coisa mais linda que eu já vi passar.

Ah, por que estou tão sozinho
Ah, por que tudo é tão triste?
Ah, a beleza que existe,
A beleza que não é só minha,
Que também passa sozinha.

Ah, se ela soubesse
Que, quando ela passa,
O mundo sorrindo se enche de graça
E fica mais lindo por causa do amor.
Tes algo que dicir? (1) - Categoría: Xeral - Escrito o 02-04-2007 06:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal




Locations of visitors to this page








Powered by eSnips.com