No outro lado


En que lado, dirás ti? Pois no que non é o bo, dende logo...
Isto pretendía ser un resumo do que foi a miña non-vida por eses lares. Bellevue, estado de Washington, profesora visitante nos EE.UU. Tamén podería ser un pasatempo, para que desta aventura saira algo... digamos... tanxible. Tamén podería ser unha chulería.

Por poder, podería ser tantas cousas... E que será agora?

Eu
 Categoricémonos
 Retratos
 Busca e atoparás
 Buscar en Blogos Galegos
 Arquivo
 Anteriores
 De visita

Sen coche

Así é como está o aparcadoiro do meu coche dende hai unha semana, dende o sábado que o coche dixo plof. Dende entón, fixemos moitas cousiñas raras o meu coche e máis eu.

Eu todos os días ao cole con Nancy, que me viña recoller ás 6:45 pola fresca. O meu coche abandonado nun taller de mala morte en Seattle, porque os donos pedíanme $3800 por amañalo (máis do que vale, que xa o tiña vendido por $3300). Como viron que non colaba, baixárono a $2900. Seguía a ser moito. O mércores funme para Seattle co marido de Nancy para intentar sacalo de alí sen que me cobraran nada por telo aparcado e por mirar o que tiña, e conseguímolo.

Tamén intentamos que o seu seguro da grúa mo levase para Bellevue, pero non foi posible, así que a cotizar $140 por traelo. Agora está nun taller por aquí, e a reparación custará entre 1000 e 2000 dólares. A ver, fagamos cálculos, o Ford custou 3900, máis 300 que lle gastei en talleres, máis outros 200 en grúas, máis estes poñámoslle 1500 de amaño, saíu en 5900 (4400€), e véndoo por $1500 (1100€). Perdín 3300€. Como me dixo alguén, non viña aquí facerme rica. E sigo sen coche. E cando se me acabe o tabaco e o leite, que fago? Vou mirar de alugar un.

Continuará, me temo...
Tes algo que dicir? (11) - Categoría: Xeral - Escrito o 23-06-2007 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Allos, preciso de allos
Para espantar as meigas. Ista fin de semana foi apoteósica. Creo que a vou marcar na miña axenda o 16 e o 17 de xuño como días negros.

Onte sábado á noite funme a unha cea de despedida que lle facían a María, unha española que está en Seattle de auxiliar de conversación. O coche, ao chegar, dixo xa. E así foi, xa. Non lle entraba nin a marcha adiante nin a de atrás. Funme cear, a ver se dándolle un pouco de tempo pensábase mellor o de deixarme tirada catorce días antes de cruzar o océano, pero non. Quedeime a durmir en Seattle, por se o día do señor o bendito carro decidía amañarse. Non. Hoxe pola mañá chamar á grúa, pagar á grúa, deixalo nun taller pechado de Seattle, tirar as chaves e un papel explicando o que lle pasara ao coche por un buraquiño e que sexa o que deus queira. Dende 500 a 2000 dólares, dixo o da grúa que podía ser a bromiña.

E tráenme á casa, e a simpática da miña caseira trouxo a unha amiga por se lle interesaba algo do que eu tiña. Viñeron pola mañá, que eu non estaba, con nocturnidade e alevosía, e levaron mesas, electrodomésticos, as mesiñas, a lámpada coa que leo polas noites, os vasos!... Eu pensaba que viña mirar se quería algo, non que viñera arramplar con todo. Espérate a que vexa á caseira. Voulle a cantar as corenta en bastos.

Que día. Que remate isto xa, por favor!
Tes algo que dicir? (5) - Categoría: Xeral - Escrito o 18-06-2007 03:17
# Ligazón permanente a este artigo
Tan gallego como el gallego, de enfados e tristuras




Querido compatriota castelán falante,

Non é tarefa doada explicarche os meus sentimentos. Non é tarefa doada facerche entender que non estou na túa contra, máis preciso da túa axuda para que a terra na que vivo, traballo, gozo e morrerei algún día fale galego conmigo, e o fale tamén cos meus fillos.

Eu non quero que ti cambies, pero non me pidas que os meus fillos o fagan. Eu sei que o que che pido non é fácil, máis ás veces, a xustiza precisa dun esforzo, e esta vez tocouche a ti facelo. Se na nosa casa hai que falar dúas linguas dende o século XV, falarémolos logo, e ben mirado tamén é un beneficio, que non todo o mundo pode presumir de ser bilingüe, dous por un, como nas mellores rebaixas.

Lendo na páxina tan gallego como el gallego non podo deixar de sentir carraxe, a miña bile súbeme pola gorxa e déixame un sabor agridoce na comisura da boca. E leo o foro, e esa rabia deixa paso a unha tristura moi fonda. Tristura porque, aínda que non o saiban, están atentando contra a lingua coa que quero, contra a lingua coa que conto, contra a lingua coa que choro.

E preciso da túa axuda. Paradoxal, máis certo. Eu soa non son quen de defender o meu, preciso de ti, de que defendas algo que non é teu, aínda que o estimes. Preciso que te sobrepoñas aos encordios que che suporá, pero coa satisfacción do deber cumplido.

E agardo, que percorrendo o camiño, todos aprendamos algo.
Tes algo que dicir? (14) - Categoría: Xeral - Escrito o 16-06-2007 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Coma unha madalena
Ou muffin, que lle din por aquí. Así é como quedei despois de ler o artigo de paideleo do 16 de xuño: tenra e lista para o forno. E lembreime da miña canción favorita, ou polo menos iso era o que dicía eu hai uns anos. Pois iso, it´s got to be perfect.







I don't want half hearted love affairs
I need someone who really cares.
Life is too short to play silly games
I've promised myself I won't do that again.

It's got to be perfect
It's got to be worth it yeah.
Too many people take second best
But I won't take anything less
It's got to be yeah perfect.

Young hearts are foolish
they make such mistakes
They're much too eager to give their love away.
Well I have been foolish too many times
Now I'm determined I'm gonna get it right.

Tes algo que dicir? (1) - Categoría: Xeral - Escrito o 16-06-2007 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
Pechando o ano

Isto estase a acabar. Dentro de dezaseis días, só dezaseis días, xa estou atravesando o Atlántico. Ando a mil esta tempada. E os nenos tamén. Como sempre chego á casa morta, non dou avanzado en todas as tarefas que teño que facer para o peche do ano. Xa que logo, hoxe pedin medío día e non fun ao colexio no p.m.

Funme arreglar os papeis para que me devolvan o que levo cotizado para o retiro, porque non penso ser unha xubilada aquí, onde todos os que se retiran acaban buscando outro traballo ao pouco tempo, non sei se porque lles gustan os cartos, porque lles pagan pouca pensión, ou porque non saben en que dedicar o tempo de lecer. Se cadra, unha mestura de todo. Despois fun ao banco para ver como podo levarme os dólares para a Caixa, que nunca uns cartiños foron tan ben ganados e sudados. Máis tarde chamar á compañía de teléfonos para ver como e cando devolvo o módem, cando podo pechar todo... E agora, a corrixir os exames, que por aquí lles chaman assessments, e meter as notas no portátil que nos dan a todos os mestres do distrito. Isto non pasa en todos os lados, pero é que eu estou nun distrito fresa, que diría un mexicano. A outros dos que coñezo por darlles non lles dan nin os bos días.

En fin, seguiremos tirando do carro, que isto xa cheira a festa pasada, ou a iogur caducado.
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 15-06-2007 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
De flores con pinchos
Hoxe foi un día completo. Ás sete da tarde había na biblioteca do colexio un acto organizado pola Asociación de Pais na que se lle agradecía a todos os voluntarios que traballaron durante o curso. Así que o día foi completiño: cheguei ás 8:40, pasadas, un pouquiño tarde, que se supón que ás 8:35 teño que estar no colexio (non sei que lle pasou ao espertador, para min que se durmiu), e estiven traballando até as 5. Vinme para a casa, acabei de corrixir uns exames, e marchei para aló outra vez.

Acó o do voluntariado lévase moito, en todos os ámbitos. No colexio as nais veñen axudarche na clase, por exemplo todos os luns de dez a once están na clase axudando nos centros cos nenos, outra ben os martes de once a doce para facer fotocopias, grampar libriños, plastificar pósters… o que faga falla. E por iso hoxe fixeron esta especie de premios de Hollywood, e un premio para a nai que máis colaborou con este proxecto, aplauso, e outro premio para a nai que axudou a recaudar máis fondos, aplauso, e así sucesivamente.

A min tamén me agasallaron, unhas flores e un chocolate, para agradecerme vir de tan lonxe e darlle clase aos seus fillos. Até aquí todo ben, moi agradecida. Pero non me gustou cando lle deron o premio ao mellor mestre do ano. Déronllo á substituta que colleu a clase do outro profesor visitante que veu conmigo para as Américas, e que o 18 de outubro decidiu que xa tivera dabondo e marchou para Cataluña. Déronlle as grazas por axudarlle aos nenos da clase a superar o principio do curso tan duro e facilitarlles a transición. Non sei, sóupome mal por el, porque non foi toda a culpa súa.

E a miña cámara de fotos morreu, RIP.

Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 08-06-2007 07:49
# Ligazón permanente a este artigo
Linguas cruzadas
Os cruzamentos nunca tiveron boa fama. Xa a Santa Compaña aparecía por eles. E é onde se corre máis perigo. Tamén é un punto de inflexión. Ao chegar a eles, tes que decidirte, pola dereita ou pola esquerda, e unha vez que colles unha de voltares atrás perdes tempo.

No blogo de toc, toc, hai alguén aí? aparece o enlace a un documental que se emitiu na galega sobre o galego. A min gustoume moito, e penso que é o que fai falla. Debate, que se fale do problema, que todos, galegofalantes e castelanfalantes, se dean conta de que é un problema. O vídeo está aquí. Paga a pena.


Tes algo que dicir? (2) - Categoría: Xeral - Escrito o 04-06-2007 06:13
# Ligazón permanente a este artigo
De barbacoas

Esta semana foi a das barbacoas. Por estas latitudes Lorenzo está quentado con ganas, e todo cheira a verán. A xente desenterra as súas galas da estación, e sae do buraco. O mércores tiven o coche no taller, así que andiven coa miña Nancy un par de días de arriba para abaixo. Achegámonos despois co colexio a lago Washington, aquí en Bellevue. Todo cheo de grupos de adolescentes, familias coas súas barbacoas, nenos bañándose...

Onte venres, funme para Seattle á Golden Beach, unha praia que tamén ten a súa zona de barbacoas. Dende que cheguei aquí, nunca vira tanta xente xunta. Grupos de quince ou vinte mozos asando a súa carne, bebendo cervexa, de festa rachada. Nótase que sae o sol e os espíritus se alegran.

Quedamos ás sete da tarde, e eu perdinme varias veces, como non podía ser doutro xeito. Pero cheguei. Aló nos xuntamos uns dez españois, colombianos, mexicanos, un par de americanos e eu. Asamos un pouco de carne, comemos unhas pataquiñas e fixemos calimocho. Vamos, the usual... Estivo divertido.
Tes algo que dicir? (9) - Categoría: Xeral - Escrito o 02-06-2007 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
30 días, en 30 días

Tes algo que dicir? (10) - Categoría: Xeral - Escrito o 02-06-2007 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Hecatombe positiva

Hecatombe significa un suceso desastroso, pero ao poñerlle positiva despois, dáselle a volta. E así foi como quedou o salón de plenos do meu concello despois das votacións. O gran sillón (imaxino que haberá un), que xa tiña a forma das posadeiras do alcalde dende hai uns vinte e cinco anos, vai ter que amoldarse a outras formas máis novas e robustas. E todo isto pasa e eu non estou aí para velo.

Non foi todo bo, pero algo é algo.
Tes algo que dicir? (14) - Categoría: Xeral - Escrito o 28-05-2007 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal




Locations of visitors to this page








Powered by eSnips.com