No outro lado


En que lado, dirás ti? Pois no que non é o bo, dende logo...
Isto pretendía ser un resumo do que foi a miña non-vida por eses lares. Bellevue, estado de Washington, profesora visitante nos EE.UU. Tamén podería ser un pasatempo, para que desta aventura saira algo... digamos... tanxible. Tamén podería ser unha chulería.

Por poder, podería ser tantas cousas... E que será agora?

Eu
 Categoricémonos
 Retratos
 Busca e atoparás
 Buscar en Blogos Galegos
 Arquivo
 Anteriores
 De visita

Tertulias educativas
Hoxe recibín un correo con isto, e fíxome graza. Xa sei que teño o blogo abandonado, pero, como se pode entender despois de velo vídeo, estou en pleno proceso de doma, que non castración, dos meus novos xabaríns. E cansa, abofé que cansa.




Este é o enlace, por se non o podedes oír, que a min non me deixa.

http://es.youtube.com/watch?v=K2GTauJT5Vg
Tes algo que dicir? (4) - Categoría: Xeral - Escrito o 03-10-2007 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
De garaxes e engaraxadores

Eu de grande quero ser engaraxadora. Os engaraxadores ou engaraxadoras non son os que aparcan o coche, non, se non os que fabrican os garaxes.

Son uns seres ou seras moi felices, que se deitan todas as noites co pracer do deber cumprido: asegurarse de que se tarde dez minutos cada mañá en saír co coche, será para escalonar a operación Saída a traballar, digo eu. Tamén son uns enseres, digo seres cunha rara habilidade. Son quen de idear trinta prazas onde, o resto dos mortais, poñeriamos dezaseis. Igualiño que estas persoas que saben como facer unha maleta, que levan de todo no mínimo espazo.

Pero non todo na profesión é bo. Para min que viven moi estresados, porque seguro que cobran unha comisión por cada columna que poñen. Imaxina, idear como poñer unha columna a unha equidistancia doutras seis que permita pasar un coche cun mínimo de doce manobras. Non che é da broma, amigo.

Mais son queridos. Que saiban que me lembro dos seus pais todas as mañás.
Tes algo que dicir? (7) - Categoría: Xeral - Escrito o 09-09-2007 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Burro grande
Non está sendo moi inspirador o recén inaugurado curso. Pero eu insisto, que como din os que saben, se chega a inspiración que me pille traballando. Tres cousiñas.

Como me aburro, pois puxen a letra do blogo un pouco máis grande: de non ser interesante o que poño, cando menos que se lea ben. Burro grande, ande que non ande.

Ao escribir este artigo tan profundo e interesante, non estaba segura se inauguración levaba un n ou dous, así que consulteino co VOLGA, Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega. Vén sendo, para o que quere escribir en galego, coma o Vademecum para os médicos, ou a lista Forbes para os altruístas: imprescindible. Se queres poñer unha palabra que non aparece nel, tes un problema, rapás, ti ou a normativización da lingua.

E mentres tanto, a escoitar un pouco de inglés, que o teño moi abandonado. Preséntoche a Vaughan.


Tes algo que dicir? (3) - Categoría: Xeral - Escrito o 05-09-2007 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
The easyway, deixando de fumar
Un verán non da para nada. Dous meses levo perdidos entre desfacer a maleta (atopalas primeiro, claro), lavar a roupa, esperar a que veña o verán para que seque (que non deu vido) e deixar de fumar.

Un día coma outro, sen máis, concretamente o 8 de agosto ás 11:20 am, decidín pedir prestado o libro do señor Allen (R.I.P.), que tamén é mala sorte, forrarse escribindo un libro para deixar de fumar e morrer de cáncer de pulmón. A vida non é xusta, seica. En fin, que me axudou, aínda que parece que flaqueo un pouquiño así que me darei algunha visita por aquí. Se fumas, fai o test, que para min que está trucado...



Tes algo que dicir? (4) - Categoría: Xeral - Escrito o 04-09-2007 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Pechado por vacacións
Tomei unha decisión. Como se ve que, aínda que non de forma deliberada, o blogo está un pouco moribundo (por razóns alleas a min, of course),vou pechalo por vacacións do persoal até o 1 de setembro.

Así, se se me antoxa escribir algo antes podo pensar que qué traballadora son, pero se non, non hei ter remordementos.

Tamén, ao poñer data límite, sei que o 1 de setembro terei que escribir algo. Xa que logo, isto non é unha despedida, coma a de Sempre en Galiza (que a ver se é verdade que o punto é seguido), senon un até logo.
Tes algo que dicir? (6) - Categoría: Xeral - Escrito o 26-07-2007 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
Nada
Non estaba nos meus plans deixar esmorecer a isto. Máis ben, non tiña plans. Pero deberíamo ter imaxinado. O verán e a miña conexión a internet sempre sufriron un distanciamento.

Estou a recuperar a miña vida normal a unha velocidade pasmosa: non fago nada, e non quero facer nada. As miñas maletas voltaron fai unha semana, con parte da roupa mollada e apestando (ouriños de can anti-bomba?) pero aí están, xa baleiras, coa roupa clasificada por cores e a espera de pasarlle unha auguiña, ou dúas, e de que saia o sol para que sequen os xerseis de lá do inverno.

Outra boa desculpa para non pasarme por aquí, nin por aló, é Harry Potter. Eu coido que todo o mundo ten unha parte oculta, que nunca debera ser revelada. Debe quedar aí agochada, para que non se che suban os fumes. A miña é Harry. Non podo evitalo. Gústame, e como fago con todo o que me gusta, fágoo de forma incondicional, sen cuestionarmo. En nove días sae o último libro da saga, así que estiven ocupada relendo os seis anteriores para gozar do momento de saber o final.

Aínda que non son moi fan das pelis, como dixen que cando decido facer algo son incondicional, onte fun ver a última. As sete estaba no cine. E sentime mal. O acomodador miroume raro. A sala estaba abarrotada. Había unha enchenta de adolescentes, todos pagando a súa entrada co carné de estudante e o carné xoven. Debía de ser a única que pagou a entrada completa. Paciencia. Alguén sabe como falsificar un carné deses?


Tes algo que dicir? (9) - Categoría: Xeral - Escrito o 12-07-2007 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Neste lado
Pois xa estou aquí. Non me podo crer que estea posteándome a min mesma. Ao estar xa aquí, dame a sensación que lle estou posteando a outro blogo, pero son eu mesma!!!

Xa contarei a viaxe cando me dea espertado de todo. Movidiña, que me colleu os atentados en Londres coa correspendente cancelación do voo, e a folga de Spanair, cancelación again. E cheguei doce horas despois, pero cheguei. Non tiveron tanta sorte as maletas, perdidiñas están por London. Dixéronme hoxe que, no peor dos casos, non aparecían. E o meu carné de conducir alí, que son moi listiña eu e traía o de USA na carteira, pero o dacó nas maletas. E a miña roupiña, que non teño nin bragas, con perdón.
Tes algo que dicir? (9) - Categoría: Xeral - Escrito o 02-07-2007 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
O adeus do 29 de xuño

É venres e mañá collo o avión ás seis da tarde. Na foto está a caixa de correos da miña casa. Si, a que ten o brazo estendido. Non me está a dicir adeus, senon que é un sinal secreto para o carteiro. Cando a ve ergueita, sabe que hai algo dentro, neste caso o meu puto cheque para a compañía de teléfono. Ladróns!

Chameinos esta semana e, na teoría, cortábanme todo ás 12 da noite de hoxe. Pero ás 7 da mañá xa non tiña teléfono, aínda que internet, polo de agora, segue a funcionar. Que cabreo collín. Tiña que chamar para darme de baixa no do seguro do coche, e tamén ao distrito escolar para explicarlles como era o meu enderezo.

Tivo graza o do distrito. Mandeilles seiscentos emails cos meu datos, e onte tiña unha mensaxe no contestador que había un problema co meu enderezo. Iso si que non, pensei eu, que os cheques de xuño, xullo e agosto téñenme que chegar. Resulta que non o entendían, é dicir, aquí é 23 Road Street, primeiro o número e despois a rúa. Non entendían que a miña fose Rúa Xeral 23. Paciencia. E despois o de Lugo, que é isto de Lugo?, dicían, e eu, it´s kind of the name of the state, you know. Máis paciencia. E despois cinco números, o código postal, que aquí tamén son cinco, que qué era, que onde se puña, que se eles sempre o puñan ao final, que onde o tiña que pór ela. En fin, eu agradézolle o interese polos meus cheques, e de paso aprendeu a rapaciña que existen máis países civilizados no mundo, que incluso poñen o número despois da rúa!!!!

Como estou facendo as maletas, aínda que debera dicir máis ben desfacelas, porque para min que estoupan, onte veu axudarme Mariano a desfacerme dos últimos mobles. Un sofá, catro cadeiras e un televisor vello. Levanos todo para o Goodwill, que virá sendo algo así coma cáritas, pero non me quixeron recoller a tele. Levámola a un enderezo que nos deron alí, que viña sendo coma un desgüace de teles e ordenadores, e cobrábanme $35 por donarlle a tele. Diso nada, monada. Fomos até o punto limpo de Bellevue, pero tampouco a recollían. Pois maldita a graza de pagar por desfacerme dela. Volvimos para a casa con ela, pensando en que recuncho a podería levar disimuladamente mañá e esquecela alí, pero Mariano díxome de deixala na beirarrúa, fronte da casa cun letreiro 4 free - it´s working! Durou 1 minutos 34 segundos. Parou unha furgoneta e levouna. Ben, un problema menos.

E para relaxarme un pouco do día tan estresante, pola noite ver unha película coa caseira. Tivo graza o que me dixo onte. Antes de vela primeira película, afirma toda segura ela, teño que explicarche como funciona o DVD. É complexo. Eu chego, doulle ao botón de on, ao de open, meto o DVD e ao play. E mírame sorprendida e pregunta, onde aprendiches? tendes DVD en España? E a miña caseira é un muller medianamente formada, que viaxou moito, que vivíu en España seis meses hai uns vinte anos...

En fin. O último artigo neste lado. Non sei o que pasará no outro. Vivirei de rendas, I guess, dicindo como os vellos, pois eu cando estaba en América bla bla bla.

Tes algo que dicir? (4) - Categoría: Xeral - Escrito o 29-06-2007 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
(Pe)núltimos trámites

Pois isto acábase. Non queda nada, pero nadiña de nada. Sigo sen coche. O luns pasado, a miña caseira deixoume o seu Jeep. Aí o ves na foto. Funa levar ao traballo e estiven rulando con el todo o día. Devolver o ordenador ao edificio do distrito, devolver chaves ao colexio, ir ao taller ver o meu cochiño (que tardarán en amañalo de cinco a seis días, así que xa non o volvo conducir...).

Agora estou aquí pechada na casa intentando deixar todo listo, maletas feitas, contas pechadas, ir ao banco, dar de baixa o teléfono e internet para mañá...

Onte pola noite a miña caseira alugou unha película, Freedom Writers, moi boa. Pero preto das dez e media, cando aínda non rematara, foise a luz. Toda a noite sen luz. Debeu voltar sobre as catro da mañá. Erguínme ás sete menos cuarto e xa había, pero ás sete foise outra vez, até as nove menos cuarto. Que país, meu deus. Que lle pasa cos cables? Non saben como funcionan ou que? A ver se non teño máis problemas coa luz, como me pasou no nadal.

Xa foi. Xa case foi. E estou contenta, aínda que non tanto como esperaba.
Tes algo que dicir? (3) - Categoría: Xeral - Escrito o 28-06-2007 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Na escola, xa foi
Xa rematei. Hoxe xa podo considerar que o meu traballo rematou aquí. Fun devolver o portátil e entregar as chaves e a tarxeta coa clave de seguridade para entrar no colexio. E o sábado chegoume unha carta que na última reunión de non sei que engarabatados do distrito aceptaran a miña renuncia.

O venres 22 rematei de recoller a clase. Foi unha tolemia ese día. Os nenos viñeron só de 9 a 11, e fomos todo o colexio para o ximnasio-cafetaría-salón de actos. A dire, mestra de cerimonias, deunos as grazas a todo o staff. Nombra a cada mestra unha a unha. Levántaste e saúdas. Os nenos berrando e aplaudindo (ledos de non volver verte en dous meses, I guess). Despois aplausos para os de mantemento, para os do proxecto de ciencias, para os das olimpiadas de matemáticas, para cada un dos de 5º que rematan no colexio...

O mellor de todo foi o momento da maxia. Con ton solemne, díxolle aos peques de infantil que se levantasen. Mirándolle aos ollos, exclamou:

"Polo poder que teño como directora e gran maga do colexio, declaro que a partir de agora sodes estudantes de... [fai un aceno coa man, como brandindo unha variña máxica]... PRIMER GRADO!"

Todos berrando de ledicia. Despois mándalle levantarse aos de primeiro, os meus entre eles. E convérteos en estudantes de segundo grao. E así fai con todos. Foi moi emocionante. Aínda que, pensei eu, aquí moitos repetidores como que non hai...

Cando rematou o show, para a clase quince minutos e levalos ao autobús. Eu obrigueilles a cada un dos nenos que me desen un abrazo. Algún dos gallitos non quería, pero fíxoo, que remedio. Teño que confesar que dende o mércores, cando fixen a festa de fin de curso e viñeron os pais cos seus thank you´s previsibles e os regaliños, tiven os ollos un pouquiño pingoentos. Vou estrañar aos meus monstríños.

A partir das once xa non me deu tempo a pingar o ollo. Corre de arriba para abaixo, recolle toda a clase, cubre os ordenadores, cubre o Smart Board, limpa a clase, busca ao de mantemento para que veña comprobar que teño todo recolleito e que poña un tick non dezaseis items que teño que facer e me firme para facer o check out. Busca á libreira para que comprobe que devolvín todos os libros da biblioteca para que me poña o bendito tick e me firme. Despois á dos ordenadores, para que comproba as vinte e seis cousas que teño na lista, me poña un tick en cada unha delas, e me firme. E despois á secretaria, que comprobe que puxen as notas na caixa de correos e metín unha copia en cada expediente dos nenos.

Toda a check out list cuberta e son as 2 da tarde. Ceibe por fin. Voulle axudar a Nancy a acabar de recoller o seu salón, que ás 5 é a cea de fin de curso.

Que estrés. Pero xa foi. Non mo podo crer. E saín viva e victoriosa.
Tes algo que dicir? (4) - Categoría: Xeral - Escrito o 25-06-2007 23:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal




Locations of visitors to this page








Powered by eSnips.com