Como sempre hai momento para unha primeira vez, así como para unha última, hoxe fun á misa. A miña parroquia (aclaro, a igrexa católica que está moi preto da miña casa, por ende a miña parroquia) é
Saint Louise.
Día de Santa Luísa, así que a parroquia fai unha misa multilingüe, como corresponde a unha comunidade multilingüe. Nancy, crente acérrima, invítame a acompañala. Que mellor momento que o presente para vivir a vida americana, coas súas celebracións e sendo parte da
comunidade. Decídeme o feito de que despois do oficio, hai comida gratis. Por certo, nin que tivera que xustificarme por ir á igrexa...
Ás 6:30 da noite alí estamos as dúas. A igrexa por dentro é bonita, nova, prefabricada, como un salón dunha casa rica, artificial, pero bonita. Alí atendo á misa que dura unha hora. Moito coro, moita música, moito espectáculo, e pouco cura. O cura fala pouco.
Hai cachos que os din en español, hindú (moito traballador de Microsoft por aquí), cantonés e non sei que máis. Nancy dime que parece que non hai moitos mexicanos aquí hoxe, que mellor porque sempre fan moito balbordo. Isto xa o oín varias veces neste país, pero con voz baixiña: están os mexicanos e despois os hispanos. Non gustan uns dos outros. Son dous grupos separados.
Despois do oficio imos todos para o salón de actos do edificio anexo, que hai cea gratis. Isto axúdanos a sentiros máis parte da
comunidade. Nancy, como boa anfitriona, preséntame a un montón de xente: "Hi, Rose! I want to introduce you my dear friend who is teaching in my school. She is from Spain" "Reallly? How wonderful! Are you having a good time?" "Of course". Non respondo máis, que xa o dicía Valle Inclán, Lo bueno... Despois de escoitala mesma resposta vinte veces xa nos sentamos a cear.
E coñezo ao pai Tomás. Dame unha calurosa benvida á
comunidade. Tamén me recorda que é unha
comunidade con moitas necesidades e que podo pasarme por alí para traballar de voluntaria cando queira.
La comunidad.