En galego todo é posible






Contadores de visitas



Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego






INTENCIÓNS
...ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
pra trincar a escota dunha ilusión.

Manuel Antonio, De catro a catro

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O meu perfil
patriciavfdez@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Desleigados
Un artigo de opinión de Camilo Nogueira (Vieiros)

Non é fácil razoar sobre a lingua galega cando un contempla a espantosa alegría do Presidente de Galiza proclamando que a maioría dos pais non quere o Decreto que regula a presenza do galego e do castelán no sistema educativo. Cando se ve como, exultante, afirma que ante a escolla entre un ensino só en galego ou só en castelán a maioría preferiría esta última língua. Constitui un escándalo que un Presidente galego se embriague con esa interpretación dos resultados dunha sondaxe chea de elementos escuros, fraudulentos e ilícitos, como se a súa función fose a de asegurar o presente e o futuro dunha língua como o castelán que xa ten un Estado proprio e non necesita para nada do apoio do Governo galego, en lugar de normalizar o uso do galego, valéndose dos instrumentos ainda cativos que fornecen o Estatuto de Autonomía e a Constituición de 1978, depois de cinco centos anos de absoluta marxinación.

Desleigados e involucionistas, o Presidente e todos os que o acompañan nesta aventura ruín, constitúense en maquinas de guerra ao servizo dos que entenden a lingua oficial do Estado como arma contra a lingua galega, nun exercicio secular de despotismo e de incultura que culminou na Ditadura franquista.

Non van conseguir os seus propósitos. Van triunfar os que saben que cada língua abre horizontes para aprender as demais e que non hai maior empobrecimento cultural que a negación da lingua propria.

Neste camiño constitui unha senrazón dar por verdadeiros os dados e os argumentos sobre estado do galego utilizados polos que teñen o propósito de impedir a súa normalización como língua nacional. Neste caso, sen insistir nos aspectos fraudulentos da mesma, é preciso ter en conta que a participación da consulta non chegou máis que a 58,7% dos pais. Que a resposta foi muito menor nos centros do ensino público que nos privados e concertados, sendo urxente e inecusábel que se fagan públicos os resultados pormenorizados. E preciso ter en conta que apesar da intención expresa dos que hoxe governan de favorecer o ensino en castelán negando ao galego como lingua propria, as respostas que contemplan o uso da nosa língua, sumando o uso conxunto de galego e castelán e o uso do galego en exclusiva ou maioritariamente, chegan a 61,9% (1) en infantil; 44,9% (2) en primaria; 51,1% (3) en secundaria; e 77,1% (4) en formación profisional. Non se debe esquecer, ademais, que hoube pais que lle deron preferencia á demonstración do carácter fraudulento da consulta, optando como protesta pola abstención ou voto nulo.

Indo para alén. Frente aos negan o galego, pretendendo arrincoalo nun gueto subordinado, os que defendemos o seu inequívoco carácter histórico e presente como língua propria e nacional temos que facer unha lectura axeitada da situación do seu uso. Comezando por saber que non é pior senón mellor que a existente cando nos anos sesenta e setenta se producíu a emerxencia do movimento nacional galego depois da desgracia tráxica da guerra e da posguerra. En circunstancias especialmente negativas, cando Galiza non ten un Estado de seu, nen o Estado español recoñece a lingua galega como oficial en todo o seu ámbito, nen as instituicións autonómicas axen a respeito da língua coa responsabilidade dunha instituición de carácter estatal, contra o querido polos que tiveron a idea represiva da consulta o mesmo resultado da sondaxe evidencia a extraordinaria vitalidade e o incremento da consciencia política e cultural da lingua propria. Unha vitalidade que se mantén depois de que nas últimas décadas a sociedade galega sofrera unha mudanza radical, pasando o mundo rural de contar coa esmagadora maioría da xente a integrar apenas a decima parte.

Depois de ser a lingua do reino galego e de permanecer durante séculos como a lingua do povo sobre a base material da rica cultura agraria e mariñeira, a mudanza da sociedade, devindo en outra urbana e tendo dominado nas cidades a língua oficial do Estado, pudo ser mortal para a língua galega; hai exemplos disto noutros paises europeus. Mais non foi así. Segue sendo a máis falada polo povo e ainda que retrocedeu no número absoluto de falantes monolingües avanzou substancialmente en ámbitos administrativos, económicos, sociais, educativos ou culturais dos que fora expulsada. Medrou mesmo a consciencia do carácter intercontinental e universal do galego, para alén do Estado español. Malia todas as agresións, agora abandeiradas tristemente por quen disfruta da alta responsabilidade do Governo de Galiza, a realidade presente permite anunciar outro futuro. Con governantes de lei.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2009 09:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
No lo hablo, pero lo defiendo
Queremos galego
A sociedade móvese na defensa da lingua propia de Galiza


CARLOS CALLÓN (WWW.CARLOSCALLON.COM)

A pesar do que digan desde as campañas difamatorias que agora están de novo en marcha, A Mesa non ten moitos recursos humanos nin económicos, aínda sendo a maior asociación cultural de Galiza en número de socias e socios. Por exemplo, A Mesa non ten diñeiro para circular por toda Galiza cun autobús coas súas campañas nin para pór en andamento grandes campañas mediáticas.

Mais, en troca, esta agrupación cidadá ten un grande activo: a forza de moitas persoas que dedican boa parte do seu tempo libre a esta causa, moitas cun ímpeto adicional desde que o PP comezou desde a Xunta a súa feroz cruzada contra o galego, travestida de "bilingüismo cordial". É con este traballo voluntario e de boca a boca, con escasos medios, como se conseguiron a inmensa maioría das case 26.000 sinaturas reais que deron xa o seu respaldo ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que tamén se pode subscribir a través de internet no espazo web da Mesa pola Normalización Lingüística.

Na rúa

Na medida das miñas posibilidades, se a axenda me dá licenza, tento participar nas mesas de recollida de sinaturas e de distribución de material que o colectivo pon na rúa.

A primeira impresión que teño do tratamento directo coa xente nesta actividade é que nos últimos meses aumentou a agresividade dun sector da poboación contra o galego. É minoritario, mais moi preocupante para a convivencia. Penso por exemplo no caso de persoas que collen o folleto que lles entregas, o rachan diante de ti e che devolven os pedazos. Tamén houbo algunha situación onde a resposta por entregarlle un folleto era un insulto, mesmo nunha ocasión en Ourense un señor se puxo a berrar diante do noso posto, enfurecido: "¡El gallego debería desaparecer! ¡El gallego debería desaparecer!".

O máis xeral, porén, é a idea de que houbo unha "imposición del gallego", que funciona como lenda urbana da cal ninguén pode dar mostras, mais que se repite unha e outra vez. Fronte iso, hai un esforzo pedagóxico moi grande dalgúns compañeiros e dalgunhas compañeiras para debater coas persoas sensíbeis pola cultura, que se interesan polo tema, mais que só tiveron informacións nese sentido manipulador. Claro que tamén hai quen usa iso da "imposición" como un novo mantra co cal argumentar o seu odio irracional contra a lingua de Galiza, e aí xa non hai posibilidades para o debate.

Malia o antedito, para min tamén está a haber sorpresas moi agradábeis nestes actos de rúa. Vexo un fenómeno que cada vez me parece que está a coller máis forza e que dá esperanzas para o futuro, aínda coas súas contradicións e limitacións. Refírome á xente que fala en español no seu día a día, mais que ten unha actitude favorábel e, nalgúns casos importantes tamén cuantitativamente, está a se mover na defensa do galego. Non son mulleres e homes que poidan valorar a preservación da cultura galega como algo politicamente correcto mais alleo, senón que mesmo participan en concentracións e mobilizacións. Na histórica manifestación do pasado 17 de maio puidemos constatalo.

Gallego sí

Nun destes postos na rúa, achegueime a unha señora que pasaba: "Estamos a recoller apoios para un manifesto en defensa do galego". A muller olloume con severidade escrutadora: "¿En defensa del gallego?" "Si, fronte aos ataques que está a recibir polo novo goberno da Xunta, para que se poida estudar en galego e usalo na administración". O seu xesto facíame presaxiar unha resposta airada, mais deixoume chocado: "¿Seguro que es en defensa del gallego? Porque hay muchos que te dicen que es en defensa del bilingüismo y después lo que están recogiendo son firmas contra el gallego. Y eso no. Yo no lo hablo, pero lo defiendo". Nesa mesma liña vai a repetida resposta doutra xente que tamén se achegou a asinar o manifesto: "Yo no hablo gallego, pero quiero que mis hijos sepan hablarlo y escribirlo."

Claro que esta situación ten contradicións que están á vista de todos, mais tamén amosa unha importante esperanza para o futuro, cun aspecto que non entraba nas contas de Alberto Núñez Feijóo. Hai unha ostensíbel caída de falantes e unha situación de discriminación do galego, mais iso non é óbice para que haxa capas importantes da sociedade, especialmente nas cidades, que están dispostas a moverse en defensa da lingua propia do país. De existiren os espazos de uso sociais necesarios, a igualdade de condicións reais co castelán, estas mulleres e estes homes poderían dar o paso da recuperación da lingua propia como idioma espontáneo e habitual.

Así, este ataque pode ser un golpe letal se non se dá a resposta acaída, mais tamén dá a oportunidade para pasarmos da "ritualización da lingua á libidinización da lingua", como me valoraba non hai moito o psicanalista Manuel Fernández Blanco. Isto é, pasar de entender o galego como un complemento burocrático e amortecido a situalo como desexo e vida. Por usar outra metáfora, aínda que imperfecta, pasarmos da obriga do baño ao pracer da ducha.

Resposta social

Pensaba o PP que a súa política de ataques contra o galego ía ser un "paseíllo", mais estase a encontrar cunha importantísima resposta social, por parte de persoas de principios e crenzas diversas e grupos tamén de natureza plural, mesmo algúns que por vez primeira na historia están a se mover na defensa do galego. A ninguén se lle oculta que veñen tempos duros, mais tamén é verdade que hai moitos indicios para nos mantermos firmes e esperanzados.

Agora mesmo, hai varias iniciativas abrollando para aglutinar forzas e traballar desde diferentes ámbitos para valermos o idioma que nos une como galegas e como galegos. Unha delas vaise concretar a vindeira terza feira, 7 de xullo, ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. A Mesa convocou para ese día, hora e lugar para constituír unha plataforma social aberta e plural, cuxa proposta de denominación é Queremos galego, seguindo coa mesma mensaxe que ateigou as rúas compostelás o pasado Día das Letras.

Tamén se propón que o eixo desta plataforma sexa a recollida de apoios para unha iniciativa lexislativa popular na cal A Mesa leva traballando varias semanas. (Anímate e participa!)

Destruír A Mesa

Non é casualidade que dous días antes desa reunión saíse nalgúns medios de comunicación unha nova campaña difamatoria contra A Mesa. O PP, igual que ataca o galego, tamén quere laminar esta asociación cidadá, como ferramenta que é da súa defensa, que alza a voz contra a discriminación lingüística e polo dereito a vivir en galego.

Os argumentos para a demonización da Mesa nesta fase son que recibiu diñeiro público para pór en andamento proxectos como o Voluntariado de Activación Lingüística (no cal participaron máis de 1.000 persoas) ou darlle un novo pulo ao Correlingua (no cal participan máis de 40.000 rapazas e rapaces cada ano). Din tamén, coas súas contas demagóxicas, que A Mesa recibiu sete veces máis diñeiro co bipartito que co PP, mais esquecen falar de como este colectivo estaba/está nas listas negras dos gobernos populares, por razóns ideolóxicas, a pesar de ser a maior asociación cultural de Galiza en número de socias e socios.Cómpre lembrar que mesmo o TSXG chegou a emitir unha sentenza obrigando a Xunta, daquela presidida por Manuel Fraga Iribarne, a entregar axudas públicas á Mesa. Malia as súas dimensións e o seu nivel de actividade, esta asociación foi en máis dunha ocasión a única discriminada, de entre todas as solicitantes, en convocatorias públicas de axudas.

Mais aínda que queiran destruír A Mesa pola Normalización Lingüística, negándolle sectariamente o diñeiro público ou seguindo a máxima de "difama, que algo queda", esta entidade ten ben claro que manterá as súas reivindicacións tan altas e tan claras coma sempre. Que ladren os inimigos do galego, que nós seguiremos cabalgando por esta causa xusta.
_________________
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2009 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG.
MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG.
Contra a censura e a marxinación da música galega.

" Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega “.

Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS , e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos…

Consideramos que este programa viña sendo…

* Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía.
* Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música.
* Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no nosso país como un ben público de interese xeral.
* Un programa que axudaba a tecer os fios da rede socio-cultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente.
* Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que –como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá.
* Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega .
* Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música.
* Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
* Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.

...e por iso...

* Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.
* Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.
* Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.
* Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!
* Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.


Firma ou obtén máis info en:


www.komunikando.net
Comentarios (0) - Categoría: 1º Bacharelato - Publicado o 07-07-2009 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ben Falado, beizón
Non podo colocar este vídeo directamente, pero CRÉDEME, é moi emocionante e todos deberíamos velo e cavilar:

Trátase do programa Ben Falado e concretamente do capítulo de onte:

Preme aquí

Sempre serás "Meu filliño!"

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2009 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Comunicado da AELG,
Amosan preocupación pola supresión do Servizo de Cultura, creado en 2005 na CRTVG





Queremos manifestar a nosa fonda preocupación pola decisión tomada pola nova directiva da CRTVG segundo a cal fica suprimido o Servizo de Cultura, creado en 2005. A inmediata suspensión do único programa da televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas.

Esta primeira toma de decisión con respecto ao programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas.

Lamentamos profundamente a celeridade e contundencia do actual goberno galego en executar as medidas máis involucionistas posíbeis a respecto do noso idioma, arroupadas pola hostilidade, o estatismo e a inacción promovidos por outras áreas, como é a de Educación, promotora da inmediata derrogación do decreto 124/07, a de Presidencia, coa modificación do artigo 35 da Lei da función pública que elimina a obriga de realizar en galego como mínimo unha proba nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica.

Lembramos a este respecto as obrigas contraídas pola CRTVG en aplicación do artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: "A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega".

Comunicado de: AELG
Ligazón da noticia
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Denuncia de Dereitos civís

Dereitos Civís denuncia a maquinaria posta en marcha polo Partido Popular contra o galego no ensino




O Movemento polos Dereitos Civís critica fondamente a censura imposta polo PP á enquisa do galego por se non fose suficiente o feito de levar adiante o propio cuestionario. O colectivo, ademais de amosarse contrario a tal consulta, manifesta o seu total rexeitamento ás formas nas que está sendo trasladado o inquérito. Deste xeito, a dirección dos centros ten prohibido manifestar ningunha opinión ao respecto. Ademais, o MpDC apoia as denuncias feitas pola CIG nos xulgados e a Agencia Española de Protección de Datos.


A Consellaría de Educación enviou recentemente unha circular aos centros educativos galegos instando a prohibir calquera tipo de acto ou manifestación en prol ou na contra do inquérito emitida polas directoras ou directores dos mesmos. Para o Movemento, isto supón un novo episodio de censura, xa que as persoas que mellor coñecen as escolas nas que traballan son privadas de poder dar a súa opinión sobre a lingua nos centros. Detrás de todo este parapeto, o MpDC entende que están uns claros intereses contrarios ao idioma do país e favorecedores do castelán como lingua no ensino.

Ao respecto, Dereitos Civís concorda co documento asinado conxuntamente polas principais organizacións de ensino non universitario galego, que denuncian que se trata dunha consulta «deseñada á marxe da comunidade educativa», «carente de rigor na metodoloxía de distribución dos inquéritos e no procesado de datos».

Apoio ás accións da CIG

O MpDC suscribe o procedemento iniciado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) polo feito de que os directores non se poidan pronunciar sobre a enquisa do galego no ensino e apoia as denuncias feitas pola central sindical nos xulgados e na Agencia Española de Protección de Datos.

Como dicimos, a CIG vén de presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e denuncia diante da Axencia Española de Protección de Datos contra o procedemento de consulta a pais e nais sobre o uso das linguas no ensino que está a levar a cabo a Consellaría de Educación. Desde a CIG-Ensino denúnciase a vulneración dos dereitos fundamentais, especialmente a liberdade de expresión e opinión e liberdade sindical, xa que se prohibe informar sobre a enquisa, así como a vulneración da Lei de Protección de Datos, a respecto do uso fraudulento dos ficheiros de xestión académica.
Ligazón da noticia
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ricardo Carvalho Calero
Propoñen á Real Academia Galega a designación de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado na celebración das letras galegas do ano 2010.



As concellarías de Cultura da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense, implicadas na defensa e promoción da cultura galega e, en consecuencia, no recoñecemento e difusión das figuras senlleiras que contribuíron historicamente ao seu desenvolvemento, recollendo asemade a demanda que xa diversos colectivos formularon, propoñemos á Real Academia Galega a designación de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado na celebración das letras galegas do ano 2010.
Case vinte anos van xa da súa morte e parece de xustiza homenaxear a quen, cunha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega, se converteu nunha das figuras fundamenais no campo da literatura e da lingua.

Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910. Alí conviviu con figuras relevantes como o escritor e mestre Manuel Comellas ou o socialista Xaime Quintanilla, que en grande medida foron responsábeis de espertar no mozo Carvalho o interese pola lingua e a cultura galega. Posteriormente trasladouse a Santiago para estudar na Universidade, etapa na que se integra activamente no movemento galeguista, especialmente no Seminario de Estudos Galegos, participando en 1931 na creación do Partido Galeguista. Ademais, o seu forte compromiso social levarao a militar tamén no movemento estudantil, facendo parte da Federación Universitaria Escolar (FUE). Nestes anos da IIª República conectará cos mestres da Xeración Nós: Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas,...

O seu compromiso con Galiza fica patente coa súa implicación na elaboración do Estatuto de Autonomía, sendo un dos asinantes do anteproxecto presentado polo Seminario de Estudos Galegos. Por causa das súas convicións políticas tivo que fuxir após o golpe de estado do 36, incorporándose como miliciano ao exército leal á legalidade republicana.

Apresado na fronte de Andalucía, foi condenado en consello de guerra, polas súas ideas republicanas e galeguistas, a doce anos de cadea en Jaén. No ano 1941 sae do cárcere e regresa á terra, aínda que non pode volver exercer como docente até o ano 1950, cando comeza a traballar no Colexio Fingoi de Lugo. Durante a súa estadía na cidade das murallas comprométese na resistencia cultural contra o franquismo sendo cofundador da Editorial Galaxia. Publicou nesta editora a primeira obra narrativa en galego da posguerra, A Gente da Barreira (1951).

No ano 1958 ingresou como membro da Real Academia Galega (RAG). Foi proposto para a súa presidencia no 77, mais rexeitou o cargo. En 1965 abriu unha nova etapa como docente, desta vez na Universidade de Santiago, chegando a ser o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC en 1972. Posteriormente participou na creación da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e fixo parte da Comisión Língüística da Xunta preautonómica. Morreu en Compostela no ano 1990 deixándonos como legado unha obra extensa tanto no campo da investigación como da creación literaria.

Membro de honra da AGAL e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e membro ordinario da RAG e da Academia das Ciências de Lisboa, Ricardo Carvalho Calero foi ensaísta, novelista, autor teatral, poeta e filólogo. A súa figura é chave para entender a investigación lingüística e literaria galega. Ademais, deixou a través do seu traballo como docente unha fonda pegada na formación de varias xeracións do profesorado destas especialidades. A súa Gramática Elemental del Gallego Común (1966) superou todas as precedentes e actualizou con rigor científico o estudo da lingua, e a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963) constitúe por vez primeira un esforzo de investigación da nosa literatura actual, unha interpretación crítica dos escritores que desde Rosalía a Cunqueiro cubriron un proceso fundamental na historia das nosas letras contemporáneas. Dous títulos clásicos, dúas obras concibidas para conectar co traballo de dignificación cultural iniciado antes da guerra e que enchen o baleiro da noite de pedra provocada polo franquismo.

Poeta ante todo, foi un referente e modelo para a xeración de poetas dos 80, década na que publica obras destacadas como Préterito Imperfeito (1980), Futuro Condicional (1982), Cantigas de Amigo e Outros Poemas (1986) ou Reticências (1990). Como narrador obtivo o Premio da Crítica pola súa novela Scórpio (1987), considerada por moitos como a mellor escrita en galego. Tamén escribe varias pezas dramáticas, recollidas no seu Teatro Completo (1982) e mantén extensa produción como crítico.

Carvalho foi defensor das teses reintegracionistas, feito polo que comezou a ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Mantivo sempre a súa postura en favor dunha lingua galega con caracter internacional non afastada do seu tronco orixinario, defendendo unha ortografía histórico-etimolóxica para o galego.

A pegada intelectual e do compromiso de Ricardo Carvalho Calero pode atoparse en todo o país. Como mostra disto e precisamente con motivo do centenario do seu nacemento, desde as cidades, queremos sumarnos á proposta da súa homenaxe como forma de difundir a súa figura, afondar no coñecemento da súa obra e contribuír ao engrandecemento da nosa cultura.


Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2009


A CONCELLEIRA DE CULTURA A CONCELLEIRA DE CULTURA
DA CORUÑA DE FERROL





Asdo.: Mª Xosé Bravo San José Asdo.: Mercedes Carbajales Iglesias




A CONCELLEIRA DE CULTURA O CONCELLEIRO DE CULTURA
DE PONTEVEDRA DE VIGO




Asdo.: M• Dolores Dopico Aneiros Asdo.: Xesus Lopez Carreira



A CONCELLEIRA DE CULTURA A CONCELLEIRA DE CULTURA
DE SANTIAGO DE OURENSE





Asdo.: Socorro Garcia Conde Asdo.: M• Isabel Perez Gonzalez
Ligazón da noticia
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ataque desmedido contra a lingua
Cerviño, denunciou o ataque desmedido que fixo hoxe a Presidenta de Galicia Bilingüe, despois de entrevistarse co conselleiro de Educación, ao Plan de Normalización Lingüística





-Francisco Cerviño, portavoz de Lingua, sinala que estes ataques son “froito do servizo das políticas de bilingüismo crispado impulsadas por Núñez Feijóo, dende a segunda metade da anterior lexislatura”
-Os Socialistas esiximos que o Sr. Núñez Feijóo e o seu conselleiro de Educación, defendan explícita e publicamente este Plan, instrumento esencial da política lingüística consensuada, e a única posible levada a cabo en Galicia dende a primeira lexislatura democrática en 1981

Os socialistas galegos denuncian “a hinibición da Xunta de Galicia, ante os ataques desmededidos de Galicia Bilingüe”, ao Plan de Normalización Lingüística.

O portavoz de Lingua do Grupo Parlamentario Socialista, Francisco Cerviño, denunciou “o ataque desmedido que fixo hoxe a Presidenta de Galicia Bilingüe, despois de entrevistarse co conselleiro de Educación, ao Plan de Normalización Lingüística”. Segundo Cerviño estes ataques son “froito do servizo das políticas de bilingüismo crispado impulsadas por Núñez Feijóo, dende a segunda metade da anterior lexislatura, sobre todo nos meses inmediatos ás eleccións do 1 de marzo”.

Nesa liña Francisco Cerviño advirte que “esa política irresponsable e oportunista do Sr. Núñez Feijoo foi á súa vez directamente inspirada por Galicia Bilingüe, e pola Fundación FAES do ex presidente Aznar”.

O deputado socialista cualifica as declaracions de Gloria Lago “nunha posición extremista”, xa que chega a cualificar o Plan de Normalización Lingüística como “absolutamente indecente e antidemocrático”. E insiste Cerviño “un plan aprobado por unanimidade no Parlamento e enviado polo Goberno do presidente Fraga ao Parlamento”.

Os Socialistas esiximos que o Sr. Núñez Feijóo e o seu conselleiro de Educación, defendan explícita e publicamente este Plan, instrumento esencial da política lingüística consensuada, e a única posible levada a cabo en Galicia dende a primeira lexislatura democrática en 1981.

O portavoz socialista rechaza as declaracións extremistas como as feitas hoxe pola presidenta de Galicia Bilingüe, e pregunta “como se pode acadar o imprescindible consenso nunha cuestión que está sometida a unha escalada moi perigosa tanto para a paz social, como para o futuro da lingua galega?, conclúe “tal como os socialistas vimos advertindo dende hai xa moito tempo”.


-Francisco Cerviño, portavoz de Lingua, sinala que estes ataques son “froito do servizo das políticas de bilingüismo crispado impulsadas por Núñez Feijóo, dende a segunda metade da anterior lexislatura”
-Os Socialistas esiximos que o Sr. Núñez Feijóo e o seu conselleiro de Educación, defendan explícita e publicamente este Plan, instrumento esencial da política lingüística consensuada, e a única posible levada a cabo en Galicia dende a primeira lexislatura democrática en 1981

Os socialistas galegos denuncian “a hinibición da Xunta de Galicia, ante os ataques desmededidos de Galicia Bilingüe”, ao Plan de Normalización Lingüística.

O portavoz de Lingua do Grupo Parlamentario Socialista, Francisco Cerviño, denunciou “o ataque desmedido que fixo hoxe a Presidenta de Galicia Bilingüe, despois de entrevistarse co conselleiro de Educación, ao Plan de Normalización Lingüística”. Segundo Cerviño estes ataques son “froito do servizo das políticas de bilingüismo crispado impulsadas por Núñez Feijóo, dende a segunda metade da anterior lexislatura, sobre todo nos meses inmediatos ás eleccións do 1 de marzo”.

Nesa liña Francisco Cerviño advirte que “esa política irresponsable e oportunista do Sr. Núñez Feijoo foi á súa vez directamente inspirada por Galicia Bilingüe, e pola Fundación FAES do ex presidente Aznar”.

O deputado socialista cualifica as declaracions de Gloria Lago “nunha posición extremista”, xa que chega a cualificar o Plan de Normalización Lingüística como “absolutamente indecente e antidemocrático”. E insiste Cerviño “un plan aprobado por unanimidade no Parlamento e enviado polo Goberno do presidente Fraga ao Parlamento”.

Os Socialistas esiximos que o Sr. Núñez Feijóo e o seu conselleiro de Educación, defendan explícita e publicamente este Plan, instrumento esencial da política lingüística consensuada, e a única posible levada a cabo en Galicia dende a primeira lexislatura democrática en 1981.

O portavoz socialista rechaza as declaracións extremistas como as feitas hoxe pola presidenta de Galicia Bilingüe, e pregunta “como se pode acadar o imprescindible consenso nunha cuestión que está sometida a unha escalada moi perigosa tanto para a paz social, como para o futuro da lingua galega?, conclúe “tal como os socialistas vimos advertindo dende hai xa moito tempo”.


Ligazón da noticia
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unímonos á tractorada virtual da RA! e do SLG


Ligazón da tractorada virtual
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2009 08:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Enquisas
Hai unhas enquisas moi interesantes no Correo Gallego:




Enquisa 1

Enquisa 2

Enquisa 3

Enquisa 4

Vota e opina

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-06-2009 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal