Engalego3.0 naceu en abril de 2006 como continuación de outro proxecto, Engalego2.0 (os artigos publicados aquí están accesibles dende a versión 3.0).
Como poderiades comprobar os visitantes habituais ultimamente este blog estaba un pouco "abandonado". A razón é que fai unha tempada que estou traballando nun novo proxecto que dei en chamar Orballo. Orballo está publicado usando Wordpress e aloxado nun servidor propio. Aínda lle falatan algúns retoques pero coido que xa está visible.
BANDO
Prohíbese por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
i ós fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chocar tan só cando hai sequía
pra que non fiquen baleiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e os Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fora da Lei a xustiza, a dignidade,
as estrelas, a Primavera,
as flores i os paxaros.
Dáse este bando en tal e cual
pra que se cumpra.
Acuso á clase media —grandes e pequenos burgueses—
porque eles foron e son os que traicionan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ao povo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira,
dos alugados que ian a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso á clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu povo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lle bicar os pés aos poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu ser idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso á clase media de servil,
de axionallarse diante dos que mandan,
traicionando aos seus, á xente súa,
ao povo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
abogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
e que esquecedes ao povo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladróns que procurades títulos nobiliarios,
asasinos que mercades indulxencias e autos
derradeiro modelo que vos leven ao ceo,
no nome do povo, eu vos acuso!
Manuel María (1929-2004)"Acuso a clase media", Remol