Acuso á clase media —grandes e pequenos burgueses—
porque eles foron e son os que traicionan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ao povo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira,
dos alugados que ian a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso á clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu povo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lle bicar os pés aos poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu ser idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso á clase media de servil,
de axionallarse diante dos que mandan,
traicionando aos seus, á xente súa,
ao povo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
abogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
e que esquecedes ao povo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladróns que procurades títulos nobiliarios,
asasinos que mercades indulxencias e autos
derradeiro modelo que vos leven ao ceo,
no nome do povo, eu vos acuso!
Manuel María (1929-2004)"Acuso a clase media", Remol
Falan en Roma italiano,
os gabachos en francés,
en latín falan os cregos,
os loros falan en inglés.
Catalán en Cataluña,
nas Provincias champurrá,
en Valencia valenciano
e na raia patuá.
Castellano por Castela,
pola Bética andalúz,
portugués en Lusitania,
por Galicia... aquí unha cruz.
Somentes vos, galeguiños,
que tes moleira de buxán
¿tes a menos o chamarlle
viño ó viño, pan ó pan?
Xuro a Dios que si eu fora
entre vos un día rei,
para escarmetar a todos
iba poñer esta lei:
"Todo aquel que aquí prefira
lengua allea á de seus pais,
seralle arrincada a súa
da boca pra xamais"
Despois de case dous anos e medio sen mudar de deseño aprobeitamos o mes de agosto para facer algunhas mudanzas no blog.
Agardo que sexan do voso agrado. :)