|
|
|
Acórdate da muralla |
|
Hai 11 anos, un 30 de novembro a UNESCO designou a muralla romana da nosa cidade de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Moito ten chovido dende aquela. Mutitude de proxectos, actividades e un certo pulo turístico son o legado destes anos, e agardamos que se logren outros moitos nos vindeiros.
Para celebrar o aniversario de tan feliz acontecemento, o Concello de Lugo acaba de anunciar unha serie de actos que terán lugar do día 28 ata o 30 de novembro os cales, baixo o lema "Acórdate da Muralla", englobarán actividades tan diversas coma a charla do historiador Adolfo de Abel Vilela sobre «Lucus Augusti e a importancia militar da Muralla», e outra do arqueólogo Enrique Alcorta titulada «Muralla, Monumento, Moenia» o día 28; unha xornada de portas abertas nos museos da cidade o día 30 con reparto de libros incluído e a actividade estrela: os ciclistas galegos Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso conducirán dous extremos dunha corda coa que o Concello de Lugo pretende rodear o monumento, coa axuda dos propios cidadáns. Cando os dous extremos da corda se xunten, dispararanse once bombas de palenque e dará comezo a festa popular, con repartición gratuíta de castañas asadas en cada unha das portas da muralla e varios concertos en directo en distintos escenarios do centro histórico.
Así que animádevos e participade, que un monumento do tamaño e idade da nosa muralla ben o merece! |
|
|
|
Magosto Escolar |
|
Esta semana os alumnos e mestres de infantil e primaria celebramos un pequeno magosto no patio do colexio. Cada rapaz trouxo unha chea de castañas e Rubén, o noso castañeiro particular, encargouse de facer unha boa fogata e asar un pouquiño as castañas.
Queremos agradecer a tódalas familias e a todo o claustro por colaborar un ano máis nesta actividade.
Deixamos as ligazóns á galería de fotos da web do colexio para que poidades ver algunhas fotos desta festa. |
|
|
|
Samaín |
|
A pesares de que a data xa pasou, parécenos interesante falar desta festividade celta coa que se conmemoraba a fin do verán e a chegada do inverno. Dende hai uns anos estase a facer un grande esforzo en toda Galicia por recuperala, e de feito non hai cidade nin pobo que este ano non celebrase algún acto especial. Por exemplo, na nosa cidade tivemos unha comitiva de persoas con cabazas pola muralla na noite do Samaín.
Tamén os colexios tratamos de recuperar a festividade, principalmente facendo actividades con cabazas, e como mostra dalgúns traballos feitos, deixámosvos aquí uns enlaces con vídeos tanto do IES Portovello de Ourense coma do CEIP Mestre Goldar de Vigo. |
|
|
|
O Magosto |
|
O Magosto é unha festa tradicional galega na que o lume e as castañas xogan un papel fundamental.
Para atopar a súa orixe temos que viaxar moitísimos séculos atrás ata a época dos celtas.
Na actualidade esta festa cobra máis importancia na provincia de Ourense, e sobre todo na cidade das Burgas, onde hoxe (11 de novembro), coincidindo con San Martiño patrón da cidade, celebran o día grande do Magosto. Na cidade de Ourense, hoxe e mañá multitude de familias e grupos de amigos soben a Monteledo a celebrar esta festa tradicional. Faise unha fogata, ásanse uns chourizos e unhas castañas e pasan o día gozando nun ambiente de ledicia e amizade.
En Lugo non temos esta tradición tan marcada, pero celebramos de xeito moi similar esta festa. Na escola levamos toda a semana facendo obradoiros relacionados co Magosto e, principalmente, sobre a castaña. E a vindeira semana celebraremos a festa cunha degustación de castañas no patio.
|
|
|
|
Música galega |
|
 Hoxe temos unha recomendación para todo o mundo. Un cantante que, a pesares da súa xuventude, demostra ter un grande talento tanto para cantar como para compoñer as súas propias cancións. Estamos a falar de Roi Casal, que xa ten uns cantos discos editados en lingua galega. Merece a pena escoitalo, e para iso, deixámosvos aquí un enlace a unha das súas cancións mais fermosas. |
|
|
|
Visita ao parque eólico Sotavento |
|
Que Galicia é unha potencia no que se refire á xeración de enerxía dunha maneira non contaminante é sabido por todos e todas, pero o que ao mellor non sabe moita xente é que na nosa comunidade contamos cun centro experimental no que se estudian e ensinan os beneficios das enerxías renovables como a eólica, o hidróxeno ou a solar.
Os alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria do noso centro foron nestes días a velo, e quedaron impresionados e encantados co que alí viron, aprenderon e fixeron.
Ademáis tamén observamos que estamos en pleno outono, e que saen cogomelos por calquera lado! |
|
|
|
San Froilán |
|
Pois aínda que xa hai un mes dende que aconteceu, non podemos comezar o noso blog senón falando da chamada "festa máis importante do outono galego", o noso querido San Froilán.
Un ano máis, a nosa cidade vestiuse de gala para festexar ao noso patrón e, como non, degusta-lo polbo, tan típico nas nosas festas.
E para todas aquelas persoas que asistiron e queren un recordo delas, e tamén para os e as que non as coñecedes aínda, deixamos aquí o enlace á galería fotográfica da páxina oficial das festas.
|
|
|
|